Dende Somos Ribadumia con respecto aos supostos investimentos no colexio insistimos: concreción e compromisos reais.
- O anuncio de case un millón de euros feito polo alcalde, non foi confirmado a día de hoxe polo Partido Popular.
• Pedimos concreción e compromiso: partidas específicas recollidas no orzamento do 2020.
En Ribadumia pasamos de non ter ningún investimento previsto para o 2020, a que o alcalde – non o Partido Popular – falen de investir preto de 1M de euros. E todo en menos de unha semana.
Vaia por diante que calquera investimento que mellore a lamentable situación do noso colexio será pola nosa parte benvido.
Pero algo chirria en todo isto. Unha cantidade tan grande, de terse previsto, aparecería na proposta de orzamento do PP para o 2020. Sen embargo, repasando os feitos topámonos con que o Colexio de Ribadumia non apareceu por ningún lado con respecto aos orzamentos da Xunta ata que dende Somos Ribadumia sacamos a cuestión fai oito días, logo de agardar pacientemente unha semana a que David Castro dera a cara e defendera as necesidades do concello, cousa que non aconteceu, e segue sen acontecer. E foi a partir dese punto cando a Conselleira Carmen Pomar anunciou que con cargo a unha partida xenérica de oito millóns se ían facer algún investimento no concello, sen concretar nin que investimento nin que cantidade de cartos. Isto foi algo que dende Somos Ribadumia agradecemos, do mesmo xeito que pedimos que se concretara que se ía facer no colexio e que cantidade se ía investir.
Dous días despois disto último topámonos con que o noso alcalde anuncia unha cantidade importante, 974.527€, divididos en tres partidas que sen embargo non aparecen de momento recollidas en ningún sitio. Que o PP anuncie importantes investimentos para o colexio non é novidade, xa aconteceu no 2015, tamén en período electoral, anque o Conselleiro daquel momento foi máis cauto nas cantidades, e solo anunciou 400.000€, dos que despois lamentablemente non chegou ao colexio nin un solo euro. Por ese motivo non podemos amosar de momento moita confianza en que o anuncio sexa algo máis que un titular.
Por outra banda está a realidade do funcionamento burocrático. Un investimento deste calado non se realiza de un día para o outro. Primeiro hai que definir a actuación, o que se quere facer. Logo hai que limitar a elaboración dun proxecto, proceso que por si mesmo levará meses, logo elaborar o proxecto e despois licitar a obra, e finalmente levala á cabo. Estamos falando dun proceso que pode durar anos. Por ese motivo é tan importante que o orzamento recolla a partida dun xeito específico, e evitar que outras urxencias se coman o orzamento para o colexio, que é o que pode pasar se se pretende acometer a reforma do colexio de Ribadumia a partir dunha partida xenérica que despois se pode destinar a aquilo no que o PP teña interese..
A sospeitosa complicidade de David Castro co Partido Popular.
Outra cuestión que chama a atención é que quen fixo o anuncio deste importante investimento non foi nin a Conselleira, nin o Partido Popular, nin sequera o voceiro local do mesmo, se non o alcalde David Castro. Esta circunstancia non é normal dentro da lóxica política, onde o partido que fai o investimento, especialmente investimentos deste tamaño, fai o anuncio – e levase o mérito – .
Nos temos moitas dúbidas ao respecto deste anuncio, que non é oficial, pois solo contamos coa palabra dun alcalde que primeiro dixo que a Conselleira non o quería recibir, logo cando chegaron ás eleccións dixo que si se reunira pero para falar do proxecto do alcalde para o campo de fútbol, non dos problemas do colexio, e anunciando un suposto beneplácito, e disque unha cantidade indefinida de euros, da Consellería, para agora a golpe de fin de semana anunciar un investimento importante no colexio, que non é o que el pedira, e do que solo el ten constancia, pois polo visto foille comunicado “por teléfono”.
Para Enrique Oubiña “ moi chapuceiro me parece a min iso de que o PP lle anuncie por teléfono ao alcalde un investimento deste calibre. Non falamos de asfaltar unha pista no medio do monte, precisamente. Pero máis chapuceiro me parece por parte do alcalde mandarlle tal anuncio á prensa sen velo posto en ningún lado de xeito oficial“ . Para Enrique Oubiña “a habitual cautela do alcalde veuse eclipsada pola rabia de ver que de dende Somos Ribadumia facemos o traballo que debería facer o goberno, e facémolo ben, e lanzouse a comunicar algo que máis parece unha promesa de sábado noite que outra cousa, solo para poder aparecer nun titular de prensa e aparentar que fixo algo cando non fixo nada.”
Tampouco podemos obviar o feito de que o PP nesta situación deixe facer, o cal nos leva a pensar se atendemos aos últimos movementos políticos, e a cuestións como a situación da Mancomunidade, que entre PP e IR hai algo máis que simple formalidade política. Para Oubiña “IR ten un problema, por que ese andar a facerlle as beiras ao PP impídelle ao noso alcalde manter unha posición clara de defensa das cuestións que afectan á veciñanza de Ribadumia. “
Dende Somos Ribadumia pedimos seriedade. Anuncios pode facelos calquera, pero estamos falando dun colexio nun estado lamentable, que fai anos que precisa investimentos de calado. Agardamos responsabilidade por parte do Partido Popular con esta cuestión, e que non sexa un mero movemento electoralista.
En calquera caso nos seguimos coa nosa folla de ruta. Agardaremos a ver como se concreta todo este tema de cara ao documento final dos orzamentos. Pero entre tanto non estaremos parados. Ademais de lograr o apoio de En Marea nesta cuestión que nos garantiza que dun xeito ou outro vaise falar do colexio de Ribadumia no debate orzamentario, temos solicitada unha xuntanza coa Conselleira de Educación na que agardamos que se nos aclare un pouco máis toda esta cuestión e poder confirmar o compromiso do goberno da Xunta con Ribadumia.