O Concello de Ribadumia regulariza a situación da instalación eléctrica da Casa da Cultura de Besomaño
O Concello de Ribadumia informa de que xa se atopan finalizadas as obras e a regularización da instalación eléctrica da Casa da Cultura de Besomaño.
Durante 15 anos, o anterior goberno, presidido pola actual portavoz do Partido Popular, Salomé Peña, mantivo en situación ilegal a instalación eléctrica da Casa da Cultura de Besomaño, que se atopaba conectada á rede pública, pero de xeito irregular. Ademais, a corporación de Salomé Peña non levara a cabo as xestións necesarias para pasar a inspección do OCA pertinente, coa gravidade que isto implica nun edificio público.
O actual equipo de goberno tivo constancia desta situación irregular a mediados do pasado ano 2017, a través da denuncia dos veciños da parroquia. Inmediatamente, a corporación municipal elaborou o proxecto para regularizar a instalación e a subministración, solicitando un orzamento á empresa eléctrica Gas Natural Fenosa. O presuposto foi establecido pola compañía en 23.928,66 € para realizar os traballos para a posta a punto da instalación, así como para a alta do servizo contratado. Tras o estudo da zona e do plan de Fenosa, o Concello decidiu facerse cargo dos traballos necesarios para a canalización do tendido eléctrico, acadando unha importante redución do orzamento, que pasou a ser de 6.712,12 €, apenas un 28% do establecido inicialmente.
Por fin, despois da irresponsable xestión do anterior goberno de Salomé Peña e das negociacións con Fenosa, as obras están xa rematados e o contrato coa eléctrica atópase xa en funcionamento.
Enrique Oubiña poñia de relevancia na tarde de onte o seu “malestar polo feito de ter que dedicar tempo e recursos económicos que saen do peto de todos e todas a este tipo de actuacións, que non supoñen avance ningún para o concello. Pero é que contra o que o PP de Ribadumia e a señora Peña parecen pensar, as institucións tamén teñen que cumprir coa lei, e nos como gobernantes, se detectamos unha irregularidade como por exemplo que unha casa de cultura teña a conexión da luz trampeada, ou o tanatorio sen licenza, ou a maior parte do alumeado público irregularizado e sen seguridade, temos que actuar e poñer todo acorde a lei. “