A prevención do acoso escolar, unha prioridade.
Este pasado xoves asinouse un convenio de colaboración entre o Concello e o CPI Xulia Becerra Malvar, co obxectivo de desenvolver unha serie de actividades de prevención do acoso escolar.
A orixe desta iniciativa está nunha serie de xuntanzas que o departamento de Servizos Sociais, con Enrique Oubiña á cabeza, ven mantendo coa directiva do CPI dende o inicio do mandato, co obxectivo de establecer pautas de colaboración en diferentes eidos. A prevención do acoso escolar, un problema que ten en todo o estado, e especialmente en Galicia se atendemos ós datos oficiais, unha importante presencia, foi dende o primeiro momento un obxectivo a cumplir.
Nese sentido, as diferentes xuntanzas levadas a cabo ó longo destes últimos meses, deron como resultado informes do departamento de Servizos Sociais do Concello e da Dirección do centro educativo que transmiten que resultaría de sumo interese, e moi positivo para unha mellor formación dos nenos e nenas en valores de igualdade, realizar actividades orientadas a previr e combater actitudes que poidan evolucionar e acabar desenvorcando en casos de acoso escolar. Chegouse tamén á conclusión de que o ámbito máis adecuado para este tipo de actividades e o propio centro educativo, e que darán un resultado máis positivo se se desenvolven no centro e dentro do horario lectivo.
Polo que , logo de falalo con calma e de que a directiva do Colexio entrase en contacto con empresas especializadas e plantexara unha proposta moi interesante, chegouse a un acordo, que especifica o seguinte:
Primeiro.- O CPI será o encargado xestionar coa empresa que considere un programa de actividades a realizar ó longo do segundo e terceiro trimestre do curso 2017-2018, nos cursos de primaria e secundaria, dentro do horario lectivo do centro. Dito programa quedará recollido nunha memoria explicativa, que incluirá as actividades a realizar, actividades que deberán estar orientadas exclusivamente á prevención do acoso escolar e á educación en valores de igualdade. A memoria tamén incluirá o número de horas dedicadas, o alcance entre o alumnado, e o orzamento.
Segundo.- Que as actividades realizadas no segundo trimestre do curso terán a consideración de “experiencia piloto”. Ó remate dese segundo trimestre a dirección Colexio deberá presentar un informe valorando a efectividade ou non das actividades realizadas e a conveniencia de manter o programa no terceiro trimestre ou de buscar outro tipo de actividades, ou outra empresa se a contratada non cumprira cos requisitos requiridos.
Terceiro.- O Concello farase cargo do 50% do custe das actividades, ata un máximo de 600€+IVE por trimestre. O outro 50% do custe das actividades, e calquera cantidade que excedera os 1.200€+IVE de custe total, correran a cargo do CPI Xulia Becerra Malvar.
Cuarto.- A empresa que xestione o programa de actividades presentará, ó remate de cada trimestre escolar, no Concello de Ribadumia a factura correspondente cos valores establecidos do terceiro punto deste acordo, e no CPI a factura correspondente según os mesmo valores.
A sinatura do convenio tivo lugar onte pola maña no Concello, nun acto público que contou coa presencia do alcalde, do Concelleiro de Servizos Sociais e do director do CPI, e ó remate da mesmo, Enrique Oubiña mostrou “o noso agradecemento a Tote, director do CPI, que está mostrando unha gran sensibilidade coas problematicas actuais as que se enfrontan os nenos e nenas do noso Concello, máis alo do ambito estrictamente educativo, e que mostra unha total disposición a colaborar en todo tipo de actividades cos pequechos, como foi a mostra “cartas de amor” , que complementada con accións de visibilización, afondaron na pevención do maltrato de xénero, ou como agora con esta nova serie de actividades que no que queda de curso traballarán na prevención do acoso escolar.”
Enrique Oubiña quixo tamén incidir en que “estamos facendo un importante traballo en moitas áreas que non son moi visibles, ou cando menos non tanto como pode selo unha obra desas grandes que tanto lles gustaba inaugurar ó PP, pero que son primordiais, como en cuestións como estas que presentamos hoxe, fundamentais para o futuro dos que agora son máis pequechos, ou outras que teñen que ver co apoio a outros sectores desfavorecidos. E é moi importante que poñamos de relevancia ese traballo, que conleva a aportación de recursos municipais, pero tamén o esforzo de moitas persoas, moitas veces anonimas ou inxustamente valoradas.”