O Concello de Ribadumia solicita a adhesión ó programa provincial de compostaxe comunitaria para o ano 2016.
A iniciativa tivo moi boa acollida por parte dos veciños, cun total de 101 participantes e 3 establecementos comerciais e de hostalería.
O Concello de Ribadumia, a través da concellería de Medio Ambiente, vén de solicitar a adhesión ó programa de Compostaxe Comunitario da Deputación de Pontevedra.

En setembro pasado, Enrique Oubiña participou en representación do concello nunha viaxe a navarra co obxectivo de coñecer diferentes experiencias de compastaxe.
Esta iniciativa xorde co obxectivo de iniciar ós veciños do núcleo urbano na práctica de compostar os restos orgánicos producidos nos domicilios, buscando lograr unha redución do lixo que se remite a SOGAMA para a súa custosa e contaminante incineración. Para isto, dotarase ó núcleo urbano cun composteiro comunitario para o uso da veciñanza adherida ó Plan.
Para esta experiencia, o Departamento Técnico do Concello de Ribadumia sinalou a ubicación do Centro de Compostaxe Comunitario no núcleo urbano de Barrantes, por tratarse do núcleo urbano con máis poboación de todo o municipio. A parcela elixida, situada na zona verde da praza do concello, conta con edificios de vivendas e baixos comerciais ó seu redor.
Experiencia piloto
Este programa plantexase como unha experiencia piloto para o municipio, e o concelleiro de Medio Ambiente, José Ramón González Lede, agarda que “se consigan os dous obxectivos principais: a redución do impacto medioambiental que supón o transporte e posterior incineración dos residuos orgánicos, e a redución do elevado custe económico que isto supón para as arcas municipais, onde o Concello ven aportando o 50% do custe total da eliminación deste tipo de residuos. Ademais, o Concello pechará o círculo da compostaxe empregando o excedente do abono ecolóxico obtido neste proceso no mantemento das zonas verdes, parques e xardíns de Ribadumia.”
Pola súa banda, os veciños da zona, recibiron a iniciativa cunha moi boa acollida despois de que o concelleiro de Medio Ambiente se reunira cos interesados para explicarlles cómo vai ser o funcionamento do futuro composteiro comunitario. Un total de 101 veciños da zona comprometéronse a participar nesta experiencia piloto, cifra que supera amplamente o mínimo requirido por parte da Deputación para a implantación dos composteiros. Tamén se comprometeron tres establecementos comerciais e de hostalería.
Para o concelleiro José Ramón González “a intención é, sempre que os resultados obtidos sexan satisfactorios, potenciar este sistema e tratar de dispoñer máis Centros de Compostaxe Comunitario noutras zonas do termo municipal que cumpran cas características requiridas”.
Dende Somos Ribadumia agardamos que Deputación de Pontevedra dea o visto bo e apoie este proxecto, e felicitamos o equipo de goberno e o concelleiro de medio ambiente por esta iniciativa.