IR, Somos Ribadumia e Psoe aproban a creación do grupo mixto.
O PP non aprobou a nova proposta, solicitada por eles mesmos, porque incluía unha redución na asignación de dietas por comisións.
Onte celebrouse no concello de Ribadumia un pleno extraordinario a petición dunha parte do grupo do PP (Rafael Louzan non asinou a petición) co obxectivo de cambiar a composición do goberno local creando o “grupo mixto”, onde se integraron os concelleiros de Somos Ribadumia e do Psoe.
No transcurso do pleno fíxose un repaso ó acontecido en lexislaturas anteriores, cando o PP na mesma situación non creou o grupo mixto. Tamén se fixo un repaso a toda a información legal dispoñible; explicouse que ó inicio da lexislatura se pediron informes a consultoras legais que ampararon a decisión de non crear o grupo mixto; mais adiante, a petición do PP, pedironse mais informes, e estes últimos si aconsellan crear o grupo mixto. Hai que remarcar que estes informes non son nin preceptivos nin vinculantes, polo que non había obrigatoriedade de mudar nada, e o goberno podería seguir co mesmo organigrama sen problema algún.
A pesares de todo isto, para evitar que seguiran xurdindo dúbidas con este tema, o equipo de goberno realizou unha nova proposta, creando o grupo mixto e incluíndo nel o concelleiro de Somos Ribadumia e o do Psoe. Nesa proposta ademais incluíronse as garantías necesarias para que todos os partidos políticos mantiveran a súa representación nos órganos municipais.
Co novo organigrama o pleno municipal queda conformado por tres grupos. PP, IR e o grupo mixto, pero a única diferenza estriba en que o concello se vai aforrar 30€ ó mes.Tal como explica Enrique Oubiña “o PP pretendía por un lado meter unha cuña entre o Psoe e SR, recortándonos a representatividade,e por outro buscarnos un prexuízo económico, pero o sentido común prevaleceu nos tres partidos que conforman o goberno, e solventamos a situación garantindo que todos imos ter os mesmos dereitos no pleno municipal e tamén nas comisións. E economicamente efectivamente SR e Psoe perdemos 150€ ó ano, pero entendemos que iso non debe ser un problema; de feito, podendo facer o mesmo que o PP en Vilanova, onde mantivo os dereitos económicos dos partidos do grupo mixto, preferimos deixalo estar e aforrarnos mais debates absurdos”.
Cambios nas comisións informativas .
Ó crear o grupo mixto, para poder garantir a representación de todos os partidos, foi preciso modificar as comisións informativas. De todas as posibilidades o equipo de goberno apostou por manter o número de comisións, e solo cambiar a representación dos partidos e a asignación económica. Así, dos sete membros iniciais acordouse que se pase a once, onde o PP terá cinco representantes, IR terá catro, e o grupo mixto terá dous. E para evitar que estes cambios, forzados polo equipo de Salome Peña, tiveran repercusión económica nas arcas municipais o equipo de goberno acordou que nos orzamentos do ano próximo se vai incluír unha proposta para baixar a asignación que se lle da a cada concelleiro por asistencia a comisións informativas de 30€ á metade,15€.Deste xeito cada comisión, que co goberno anterior do PP custaba 360€ e actualmente estaba en 150€, pasará agora de custar dos 270€ que correspondería polos once concelleiros,a 135€. (Enrique Oubiña e David castro non cobran dietas por asistencia comisións ou pleno).
Este punto supuxo o enfado da señora Peña e de todo o seu equipo , feito que confirma definitivamente que o PP o que buscaba realmente era unha compensación económica para os seus concelleiros e concelleiras.
Finalmente, a nova proposta saíu adiante coa abstención do PP, que nun exercicio de demagoxia absoluta non aprobou os cambios que eles mesmos habían proposto.
Doazon a causas beneficas.
Hai que salientar que o pleno de onte, que o equipo de goberno considerou innecesario, tivo un custo de 900€. Os concelleiros do equipo de goberno acordaron doar as súas asignacións por este pleno ás campañas benéficas de Caritas e de Protección Civil. Sen embargo, os membros do PP non apoiaron esta iniciativa e cada un deles vai a cobrar os seus correspondentes 90€ por este pleno.
Dende aqui felicitamos ó equipo de goberno por esta iniciativa, pois consideramos que efectivamente non habia necesidade ningunha de celebrar un pleno extraordinario para algo de tan pouca importancia, e lamentamos a actitude do PP, mais enfocada a conseguir réditos económicos para os seus concelleiros que a solventar os problemas dos nosos veciños e veciñas.