O equipo de goberno de Ribadumia segue a traballar na mellora das axudas a entidades e clubs.
No Pleno do 14 de xullo, o equipo de goberno aprobou, coa abstención do PP, o reparto “provisional” de axudas a entidades e clubs para o ano 2015.
Este reparto tiña carácter provisional debido a que as actuais bases de adxudicación eran ineficaces á hora de facer unha valoración obxectiva do labor das entidades. Aínda así, a pesar desta provisionalidade, a aquelas asociacións que xa entregaron a documentación xustificativa xa se lles vai ingresar o 100% da axuda concedida a partir do vindeiro 23 de novembro. Pero ademais, o equipo de goberno comprometeuse a facer unha revisión do traballo das entidades e clubs para, naqueles casos onde se apreciase un aumento de actividades con relación ó ano 2014, mellorar o apoio económico, sempre dentro das marxes das diferentes partidas económicas.

Xa no seu día, denunciamos a demagoxía do PP, que primeiro gobernou con total deixadez, e agora critica as decisións do equipo de goberno, pero é incapaz de realizar ningunha proposta concreta.
Para poder realizar esta valoración, ademais de manter diversas xuntanzas coas diferentes entidades e clubs, solicitóuselles expresamente que presentasen a xustificación das súas actividades e gastos. Con todo, o prazo para que estas entidades presenten esta documentación está suxeito ás bases actuais de adxudicación aprobadas polo Partido Popular, polo que ata o 31 de xaneiro de 2016 non se poderá facer efectiva a revisión definitiva das subvencións a entidades e clubs.
É moi importante insistir en que este equipo de goberno está realizando un intenso labor de interactuación coas diferentes entidades que realizan actividades no noso concello, e que están frutificando nunha mellor relación e colaboración con todas elas.