BASES DO ACORDO DO EQUIPO DE GOBERNO PARA O CONCELLO DE RIBADUMIA (2015-2019)

Logo de que Somos Ribadumia, xunto a IR e a Psoe firmaramos ante notario o acordo para lograr o goberno do cambio en Ribadumia, presentámosvos as condicións dese acordo.

Dende Somos Ribadumia queremos mostrar o noso agradecemento a IR e o Psoe, e os membros destes partidos que participaron nas conversas mantidas para conseguir este feito historico para o noso concello, pola súa boa vontade e polo seu interes en conseguir que isto saise adiante. Tamén queremos agradecer a labor de  Enrique Oubiña, Fernando Ruiz, Eva Peña e Ramón Mouriño, que dende a nosa agrupación participaron en todo o proceso, e a todas as persoas que en asemblea decidiron que querian que Somos Ribadumia formase parte dun novo futuro para Ribadumia.

  1. AUDITORÍA MUNICIPAL

Como primeira medida de goberno, realizarase unha auditoría completa, independente e pública, que manifeste e esclareza a situación real das finanzas e da propia viabilidade do concello; así mesmo, realizaranse informes internos, exhaustivos e rigorosos, de cada unha das áreas do goberno municipal que reflictan a realidade da situación real de cada unha delas.

2.  DECÁLOGO ÉTICO PARA OS MEMBROS DO EQUIPO DE GOBERNO

NON ÓS PRIVILEXIOS: os concelleiros/as rexeitarán calquera agasallo, privilexio ou trato de favor que se lle poida ofrecer en razón do seu cargo.

TRANSPARENCIA ABSOLUTA: os concelleiros/as farán públicas todas aquelas retribucións ou abonos que reciban polo seu cargo no concello ou pola súa representación. Así mesmo, comprométense a publicar a súa declaración de bens tanto ó comezo da lexislatura coma no momento en que deixen o seu cargo.

CUMPRIMENTO DOS COMPROMISOS ELECTORAIS: os concelleiros/as comprométense a traballar conxuntamente polo cumprimento dos programas electorais cos que concorreron ás eleccións, establecendo como prioridade de goberno os puntos que se inclúen no apartado seguinte.

IGUALDADE DE TODOS NO CONCELLO: os concelleiros/as comprométense a defender e aplicar o principio de igualdade de todos os veciños e veciñas ante o concello.

COMPROMISO DE PARTICIPACIÓN E INFORMACIÓN: os concelleiros/as comprométense a cambiar a forma de gobernar en Ribadumia, fomentando a participación dos veciños e veciñas, consultándoos naqueles proxectos que lles afecten e informándoos sobre o seu labor e sobre a situación real do Concello de Ribadumia.

ATENCIÓN ÓS VECIÑOS: os concelleiros/as comprométense a recibir a todos os veciños e asociacións que así o soliciten no menor prazo de tempo posible, así como a establecer un calendario anual de reunións do equipo de goberno cos veciños nas distintas parroquias para recoller queixas e suxestións dos veciños.

ATENCIÓN ÁS NECESIDADES E PRIORIDADES DOS VECIÑOS/AS: os concelleiros/as comprométense a poñer sempre por diante na súa actuación os intereses xerais dos veciños/as de Ribadumia.

NON Á DUPLICIDADE DE CARGOS: calquera concelleiro/a que sexa elixido para desempeñar outro cargo de representación pública noutra administración (autonómica e/ou estatal) deberá dimitir como concelleiro da Corporación municipal.

ÉTICA POLÍTICA: deberán dimitir aqueles concelleiros/as que resulten imputados logo da fase de Dilixencias Previas por casos de corrupción, financiamento ilegal e delictos relacionados coa Administración pública e/ou dereitos básicos constitucionais.

ÉTICA MUNICIPAL: os concelleiros/as do equipo de goberno comprométense a non realizar unha política partidista en favor de intereses propios desde o seu labor no concello; débese dar en todo momento unha imaxe de unidade e estabilidade da acción de goberno, creando un protocolo de información e coordinación entre as distintas forzas e áreas.

 

3.  PRIORIDADES DA ACCIÓN DE GOBERNO

Impulso ás políticas sociais e de axuda directa a persoas e familias con dificultades, aumentado as partidas destinadas a estes conceptos se así o permite a situación económica do Concello.

Loita contra o desemprego con iniciativas que apoien a contratación (bolsa de colocación exclusiva para os veciños/as de Ribadumia), a instalación de novas empresas e o autoemprego.

Apoio a novas iniciativas económicas: establecemento dunha Caixa de Financiamento Local para apoio a proxectos emprendedores dentro das posibilidades económicas do Concello, dinamización do polígono industrial, creación dun viveiro de empresas e apoio ó sector do comercio e hostelaría local.

Implantación de medidas para a promoción da participación veciñal e da transparencia como eixes fundamentais da acción de goberno: aprobación dun regulamento de participación veciñal, impulsar os consellos veciñais e sectoriais, reforma da web do Concello, …

Apoio ó sector da agricultura e vitivinícola: resolución dos traballos de concentración parcelaria, información e formación para os produtores e impulso a iniciativas para o aproveitamento da biomasa forestal.

Revisión das taxas e impostos de competencia municipal establecendo períodos de carencia e bonificacións para familias con dificultades económicas e para negocios de nova apertura se así o permite a situación económica do Concello.

Potenciación dos servizos para a 3ª idade ampliando o horario e os servizos do fogar dos maiores e xestionando a súa transformación en centro de día.

Elaboración dun plan xeral para o desenvolvemento da zona educativa de Barrantes: mellora de accesos, zona de estacionamento, comedor, patio para recreo, …

Atención ás necesidades da xuventude: centralización de servizos nunha Casa da Xuventude, orientación laboral, programa municipal de bolsas de estudos, formación, …

Remate da dotación de servizos municipais básicos e mellora da xestión e control dos mesmos.

4. XESTIÓN MUNICIPAL

A Xunta de Goberno local, na que estarán representados todos os grupos que asinan este acordo, será o órgano de máxima competencia na xestión municipal e reunirase, como norma xeral, cada 15 días, podendo acudir cada grupo, se o considera necesario, cun asesor que actuará con voz, pero sen voto.

O Alcalde, ademais das competencias que legalmente ten establecidas por lei, exercerá a coordinación de todas as áreas municipais, así como a portavocía da xunta de goberno.

Con carácter previo a cada pleno, convocarase a Xunta de Portavoces, así como a correspondente comisión informativa con, como mínimo, 3 días de antelación para que todos os grupos poidan estudar a documentación con tempo suficiente.

Acórdase un límite de gasto por área de 2.500€: ningún concelleiro poderá aprobar proxectos, gastos ou pagamentos na súa área que superen esta cantidade sen aprobación previa da Xunta de Goberno local.

En caso de discrepancia sobre un proxecto ou gasto dunha área, establécese a norma de que teñen que estar de acordo 2 dos 3  grupos que compoñen o goberno, tanto en sentido positivo coma negativo á hora de realizar ese proxecto ou gasto.

Cando haxa actos públicos ou de protocolo deberá informarse a todos os membros da Corporación municipal da súa celebración para que poidan asistir se así o desexan.

A representación que lle corresponde a IR como 2º grupo da Corporación municipal na Mancomunidade do Salnés cédese ó concelleiro electo do PSdeG-PSOE, mantendo unicamente a que lle correspondería ó Alcalde como membro nato.

5. ÁREAS DE GOBERNO 

CONTAS, ECONOMÍA E FACENDA: competencias legalmente establecidas en relación co orzamento, a xestión do gasto e dos ingresos, etc. =>Independientes por Ribadumia

CULTURA E EDUCACIÓN: competencias legalmente establecidas en relación con estas áreas e, especialmente, xestión do auditorio e demais instalacións culturais e educativas municipais, relación coas asociacións e entidades culturais e educativas, xestión municipal das competencias en Educación, etc. =>Independientes por Ribadumia

DEPORTES E XUVENTUDE: competencias legalmente establecidas en relación con esta área e, especialmente, coordinación de todas as actividades e instalacións deportivas municipais e relación coas entidades e asociacións deportivas municipais, Información Xuvenil e áreas relacionadas. =>Independientes por Ribadumia

OBRAS, SERVIZOS E URBANISMO: coordinación e control da área de obras e do mantemento dos servizos de abastecemento de auga, sumidoiros e alumeado público que se realicen no concello, así como xestión do urbanismo =>Somos Ribadumia

PARQUES, LIMPEZA E MEDIOAMBIENTE: xestión do mantemento de xardíns, zonas verdes e rutas do Concello, xestión dos servizos de recollida de lixo, Punto Limpo e limpeza, mantemento e limpeza de montes comunais e bosques de ribeira, xestión da loita contra os lumesforestais e a contaminación ambiental =>PSdeG-PSOE

PARTICIPACIÓN E ORIENTACIÓN VECIÑAL E EVENTOS: competencias legalmente establecidas en relación con estas áreas e, especialmente, desenvolvemento do regulamento de participación veciñal, fomento e relación coas asociacións veciñais e colaboración e apoio coas entidades organizadoras de festas e eventos =>Independientes por Ribadumia.

PERSOAL E RÉXIME INTERIOR: competencias legalmente establecidas en relación coa xestión e contratación do persoal do Concello =>Independientes por Ribadumia

PROMOCIÓN ECONÓMICA: AGRICULTURA, INDUSTRIA, COMERCIO E EMPREGO: competencias legalmente establecidas en relación con estas áreas e, especialmente, loita contra o paro, formación e orientación laboral, dinamización do polígono industrial e realización de accións de apoio e desenvolvemento do sector agrario e dos comerciantes =>Independientes por Ribadumia

RELACIÓNS INSTITUCIONAIS E COMUNICACIÓN: representación do Concello =>Independientes por Ribadumia

SERVIZOS SOCIAIS, 3ª IDADE E SANIDADE: coordinación dos servizos sociais do concello e Axuda a Domicilio, xestión das axudas de emerxencia social, xestión do Fogar dos Maiores e áreas relacionadas e xestión das competencias municipais relacionadas con Sanidade =>Somos Ribadumia

6. LIBERACIÓNS MUNICIPAIS

Para garantir a acción de goberno e á atención ós veciños, acórdanse os seguintes puntos:

O Alcalde, David Castro Mougán, percibirá unha asignación mensual durante o seu mandato en concepto de compensación polo tempo de dedicación ó Concello e reducción de xornada que terá que solicitar na súa empresa, coa conseguinte redución económica.

Establécese unha dedicación exclusiva a tempo completo dun concelleiro do equipo de goberno, que será asumida por Enrique Oubiña Lago tanto para a xestión das áreas da súa competencia coma para o apoio e colaboración das demais áreas municipais.

No caso de que o permitan os vindeiros orzamentos municipais e en función da auditoría económica que se vai realizar das contas e da xestión municipais, valorarase a posibilidade de incluír outra liberación, parcial ou total, que sería asumida por José Ramón González Lede para a xestión das áreas da súa competencia coma para o apoio e colaboración das demais áreas municipais.

Unha vez confirmado o pacto polas asembleas das tres forzas políticas, asínase ante notario este documento en Cambados, o día 11 de xuño de 2015.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s