David Castro négalle axuda á agrupación de Protección Civil.

- Máis de un ano leva o local de protección Civil sen auga.
- David Castro négalle a esta agrupación de voluntarios os ingresos por asistencia a accidentes de tráfico e a eventos fora do Concello a pesar de haber un regulamento que obriga a facelo.
- O goberno local segue sumando enfrontamentos con colectivos locais
A sorpresa que nos levamos esta semana en Somos Ribadumia ao visitar a sede de protección Civil e entrevistarnos co seu presidente, Andrés Otero, e outros membros desa agrupación, foi maiúscula. Tal como explica Oubiña “fomos a comprobar se os problemas de auga da sede de Protección Civil se resolveran, e non so comprobamos unha vez máis que o alcalde minte cada vez que fala, senón que saímos de alí abraiados pola situación á que o goberno local ten sometido a este corpo de voluntariado”.
De partida convén recordar que o tema da auga ven de meses atrás. David Castro foi interpelado en varias ocasións nos últimos plenos por esa cuestión e en todas defendeu primeiro que non sabía nada do problema e despois que xa estaba arranxado, mentindo dende o primeiro momento. “Para cando o PP local preguntou, o 5 de novembro do ano pasado por esta cuestión no pleno, xa o presidente da agrupación presentara varios avisos no Concello, sen resposta. Agora, un ano e varios plenos máis tarde, a sede de protección civil segue sen ter apenas caudal de auga”.
Dende Somos Ribadumia consideramos moi lamentable que unha instalación municipal, incluso unha tan antiga como o local onde está Protección Civil, “non teña nin os servizos máis básicos, estea sen auga e ninguén revise a instalación eléctrica, que ten un curtocircuíto que dende fai meses está facendo saltar os diferenciais, algo moi perigoso”.Pero que ademais non se solucione un problema que foi avisado en numerosas ocasións e posto en coñecemento do pleno municipal varias veces “parécenos unha completa falta de respecto cara esa entidade e cara o pleno municipal, e outro exercicio de chulería e de abuso de poder”.
Por outra banda, a xuntanza que mantivemos con Protección Civil serviu para descubrir cal é en realidade a situación da agrupación de Protección Civil no noso concello e “a campaña que David Castro mantén contra este colectivo, ao que dende o noso punto de vista desgasta intencionadamente co obxectivo de que desapareza ou de que as persoas que están nel e non lle son do seu agrado se aparten”.
Ademais, a presión dende o goberno local realízase pola vía do apoio económico, ou mais ben pola negación del. A aportación que fai o Concello anualmente a este colectivo é totalmente insuficiente dende anos atrás, de feito Oubiña leva propoñendo subir a axuda anual dende o ano 2012, topando sempre coa negativa primeiro de Salomé Peña e despois de David Castro, que nunca ocultou o seu desprezo por este colectivo. Con todo, para axudar a paliar a lamentable falta de medios da agrupación, en novembro de 2016 aprobouse unha ordenanza fiscal reguladora da taxa pola prestación do servizo protección civil, que regula a taxa por diversas atencións, dende a eliminación de niños de vespa velutina ata a atención en accidentes de tráfico ou eventos públicos.
Nesa ordenanza, que afecta maiormente ás aseguradoras e aos Concellos limítrofes cando requiren algún servizo, establécese que, citamos literalmente “ao final de cada ano natural, os servizos tributarios municipais emitirán un informe no que se recollan os ingresos obtidos a través desta taxa e os gastos que se producisen con cargo á partida orzamentaria correspondente ós servizos obxecto desta ordenanza. A Xunta de Goberno ou órgano municipal correspondente, unha vez recibido o citado informe, aprobará transferir a cantidade resultante á agrupación correspondente, dando conta ó Pleno municipal”.

Non so iso. Tal como se recolle na acta do pleno a propia Pilar Troncoso, concelleira de contas entón e agora, declarou “hai unha agrupación de voluntarios e están a facer unha labor encomiable e están a tirar dos seus recursos propios e dos dos veciños (a través das axudas que lle concede o Concello) sen recibir nada a cambio […] a finalidade (destas taxas) é reverter o recadado na agrupación ou asociación que preste o servizo dos que se indican na ordenanza (servizos de emerxencia)”. Este argumento foi reforzado no mesmo pleno por Mar Moimenta, entón concelleira de Protección Civil, asegurando que “non é lóxico que Ribadumia lle preste axuda e fagan outros servizos noutros concellos sen contraprestación alguna”.
A nosa sorpresa foi maiúscula cando dende protección Civil nos confirmaron que dende que se aprobou a ordenanza dende o Concello non se lle fixo ingreso ningún. “Certamente o que ten culpa xa en primeiro lugar son eu mesmo, que unha vez aprobada a ordenanza confiei en que a Concelleira de Contas se ocuparía de revisar que a norma se aplicara e non quixen interferir nas súas competencias, un erro polo que me desculpei ante a agrupación de voluntarios”.
Dende Somos Ribadumia consideramos que David Castro, unha vez máis , está incorrendo nunha grave irregularidade, ou quizais en dúas, pois descoñecemos se o que está facendo é impedir que os fondos recadados das actuacións de protección civil cheguen a este colectivo, ou se ademais nin sequera se lle está facturando ás aseguradoras e concellos limítrofes. “Teño constancia de que algunha actuación foi facturada no seu momento, así que debemos pensar que David Castro sinxelamente non quere axudar a este colectivo, e déixao completamente de lado, salvo cando o ten que chamar para acudir a algún evento claro, que entón ben que lle saben o teléfono ao presidente”.
A situación de tensión que esta maneira de actuar provocou coa agrupación de Protección Civil chegou a tal extremo que o seu presidente confirmounos que dende fai meses todas as actuacións relacionadas con accidentes de tráfico no noso concello estanse derivando á agrupación de Cambados, que factura ás aseguradoras en base as taxas estipuladas no seu regulamento, e non falamos de pouca cousa, pois comprobámolo e ao longo do que levamos de ano foron 13 as actuacións nas que participou a agrupación cambadesa, que segundo un calculo aproximado feito en base á taxa aprobada no noso concello, lle terían permitido a agrupación de Protección Civil de Ribadumia ingresar ao redor de 2.000 €, unha cantidade moi importante se temos en conta que do Concello non perciben máis de 3.000 € ao ano.
“Que David Castro sexa coñecedor desta circunstancia, que o é, e non faga nada por resolvela e outra gota no seu vaso de actuacións lamentables. Un vaso que fai tempo que reborda”.
Dende Somos Ribadumia queremos expresar o noso apoio á Agrupación de Protección Civil de Ribadumia e o noso recoñecemento polo traballo que realizan a diario que nun Concello como o noso, sen outro servizo nin de emerxencias – salvo os bombeiros – nin de policía local, resulta moito máis vital do que moitas veces se lle recoñece. E pedímoslle “a David Castro que deixe de enfrontarse aos colectivos do noso concello e empece a cumprir coas súas obrigas, no que respecta a Protección Civil e no resto de cuestións relativas á xestión municipal, onde fai tempo que nin está nin se lle espera mais que para as fotos”.