David Castro perde o acceso a axudas de ata 3 Millóns de euros  do Plan de Resiliencia por non tramitar a solicitude.

  • 3 Millóns de euros perdidos.
  • David Castro segue perdendo importantes investimentos para Ribadumia .
  • David Castro non presentou ningún proxecto a ningunha das dúas Liñas económicas dun Plan (PIREP Local)  que vai permitir  entre outras a reforma integral case 2 Millóns do colexio de Villalonga en Sanxenxo  e aportar a 388.000 euros á reforma do pavillón de deportes de Meis .
  • Tendo o apoio económico  da Deputación para a redacción dalgún proxecto de interese, David Castro non foi quen de sacar adiante ningunha proposta.

     En días pasados fixéronse públicas as concesións da segunda liña de axudas do plan PIREP Local, unha liña do goberno central, financiada con fondos europeos New Generation dentro do  Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia. Ao igual que pasou coa Liña 1, a través da cal diversos concellos da comarca obtiverón importantes investimentos, entre eles o de Meis con 338.000€, ou o de Sanxenxo con 1,5 millóns de Euros para o Pazo Emilia Pardo Bazán, Ribadumia non aparece nos papeis. Non aparece nin na lista dos proxecto aprobados, nin na lista de proxectos desestimados.

   E non aparece porque nin se presentou.

    En opinión de Oubiña, “resulta inaceptable perder a posibilidade dunha axuda deste tamaño –  falamos de axudas de ata o 100% do custe do proxecto e de ata 3 Millóns de euros –  por non presentarse. Poderiamos aceptar que como no caso de Cambados a puntuación non fora suficiente, pois presentáronse moitos proxectos a esta liña. Xa sería menos aceptable que como no caso de Vilanova se perdera por non presentar a documentación correctamente, pero que nin tan sequera se presenten proxectos, parécenos de xulgado de garda, e dende logo debería ser motivo de dimisións inmediatas”.

  Por se non era bastante grave, temos o gravame de que  a Deputación dotou unha partida económica en xuño do ano pasado para que Concellos entre os que se encontraba Ribadumia puideran afrontar o custe económico de redactar proxectos cos que entrar nestas dúas liñas do plan PIREP Local, un plan  que en conxunto estaba dotado cun total de 600  M de euros para todo o estado español. “Non sabemos que fixo David cos cartos da Deputación, nin que proxectos se redactaron, se é que se chegou a redactar algún. Pero tanto se usou eses fondos da Deputación como se non, a realidade é que Ribadumia perdeu a posibilidade de acceder a axudas de ata 3 Millóns de euros por non presentar nada”.

  Dende Somos Ribadumia consideramos que un alcalde con ese grao de incapacidade debería asumir responsabilidades políticas. Non as agardamos, porque a estas alturas de David Castro pouco se pode agardar, pero cando menos debería dar explicacións públicas e aclarar cantos millóns de euros leva perdidos pola súa mala xestión. A nós, cos papeis na man, saenos que se perderon en catro anos investimentos por máis de cinco millóns de euros.

O xulgado obriga a David Castro a darlle a Enrique Oubiña acceso ao rexistro municipal.

  • Nunha contundente sentenza, o Xulgado anula o edicto e desestima todos os argumentos cos que David Castro pretendía evitar que Oubiña accedera ao rexistro de entradas e saídas documentais.
  • Outro pau xudicial a David Castro, logo de que o xulgado desestimara as súas denuncias contra Enrique Oubiña por infundadas. E outro pau xudicial que David Castro oculta da opinión pública.
  • Unha vez máis, queda demostrado que Enrique Oubiña e Somos Ribadumia decimos verdades e temos a razón ata o punto de que a xustiza nos avala, mentres que David Castro minte e oculta a realidade. E unha vez máis a veciñanza paga as consecuencias dos desleixos, os abusos e as torpezas de David Castro.

     Vimos de ter constancia da sentenza do Tribunal Contencioso Administrativo n°3 de Pontevedra, (que podedes consultar integra aquí) ante a denuncia xudicial interposta polo noso voceiro, Enrique Oubiña, como el mesmo explica, “logo de intentar por todas as vías, incluída a do Defensor del Pueblo, que David Castro deixara de poñer paus nas rodas e me permitira consultar, como calquera concelleiro ou concelleira en calquera concello, o rexistro de entradas e saídas do Concello, onde figura o rexistro (non datos sensibles concretos) de toda a documentación que entra e sae, dende cuestións como as saídas de documentación para a solicitude de axudas, a outras como entradas de solicitudes ou queixas formuladas por veciños ou colectivos”.

  Neste caso concreto, denunciouse a negativa , vía edicto de alcadía, á (enésima) solicitude de acceso regular ao rexistro do concello, logo de que en novembro do ano pasado o Defensor del Pueblo advertira a David Castro de que non podía actuar dese xeito contra os dereitos democráticos fundamentais dun concelleiro, e de feito a mala xestión de David Castro figura no informe  anual deste ente. Ao fío disto cabe recordar que David Castro dixo ao longo desta lexislatura, por activa e por pasiva, en pleno municipal e na prensa, que el non ía baixo ningún concepto permitir que Enrique Oubiña accedera ao rexistro.

  Pois a sentenza é clara, concisa e contundente. Nun documento de 28 páxinas, a maxistrada desmonta cada un dos argumentos aportados por David Castro, e anula de pleno dereito o edicto a través do cal impedía a Oubiña exercer os seus dereitos. Ademais disto, a sentenza obriga a David Castro a dar acceso ao rexistro, acorde ao que marca a lei, a Enrique Oubiña, “no tempo que este sexa concelleiro”.

  A sentenza e recorrible, aínda que agardados que David Castro deixe de gastar os cartos da  veciñanza nestas cuestións. Pero en previsión desta circunstancia Oubiña solicitou que de xeito cautelar se lle permitira o acceso solicitado, cuestión tratada nunha peza separada e aceptada ( podedes leela enteira aquí) , polo que o acceso ao rexistro o Concello ten que habilitalo de xeito inmediato, nas condicións solicitadas por Oubiña,  semanalmente.

 Para Oubiña “a sentenza, máis aló do evidente, que é obrigar a David a deixarme mirar no rexistro queira el ou non queira,  deixa claro que os dereitos e obrigas democráticas son para todos, e por moi alcalde que un sexa a lei está por enriba dos caprichos particulares”.

  Dende Somos Ribadumia queremos deixar patente que fixemos todo o que estivo na nosa man para evitar acudir ao xulgado, perdendo así moitos meses de traballo. municipal, que estamos seguros redundaría en beneficio da veciñanza e de Ribadumia. Foi David Castro quen, coa súa negativa insistente, pretendendo pasar por enriba non só de Enrique Oubiña e dos seus dereitos como concelleiro elixido pola veciñanza senón tamén de entidades como o Defensor del Pueblo, non nos deixou máis remedio que acudir a xustiza.  

   Pero tamén queremos deixar constancia de que  tiñamos advertido en numerosas ocasións de que íamos ser consecuentes e non íamos ceder na defensa dos nosos dereitos como formación política con representación municipal. “Nós non estamos aquí  a pasar o rato, nin temos como obxectivo facer tempo ata que nos den unha cadeira en instancias superiores, e dende logo non somos unha ONG, nin un club de amigos. Somos un partido moi serio con persoas moi involucradas e tomándose a política local moi en serio, por iso non nos vendemos como outros, nin imos ceder ante determinadas cuestións. Estamos aquí para traballar, dende a política e sempre en positivo, polo noso concello e por mellorar a vida da nosa veciñanza, que foi quen nos puxo na mesa do pleno e a quen nos debemos. E dende o primeiro día e ata o último imos cumprir coa nosa función, pese a quen lle pese. E David Castro que se vaia poñendo ao día, que xa non estamos nos anos oitenta, nin nos sesenta; xa levamos case medio século en democracia”.

David Castro invade Barrantes de papeleiras, colocadas sen xeito nin dereito.

  • A colocación dun lote de papeleiras, en plena precampaña, realizouse sen ningún criterio.
  •  Papeleiras  colocadas a carón de contedores de lixo ou mesmo de outras papeleiras, e zonas saturadas con varias papeleiras en poucos metros.
  • Barrantes invadido de papeleiras, pero non hai persoal para limpalas.
  • Sen proxecto urbanístico, David Castro vai dando tumbos tirando os cartos en medidas electoralistas, priorizando ademais o centro de Barrantes mentres deixa abandonas as parroquias.

      Nestas últimas semanas, en plena precampaña  electoral e nun intento moi evidente de disimular os problemas de limpeza no centro de Barrantes, David Castro distribuíu ao seu criterio ao redor do medio cento de papeleiras. Ata aquí, salvo polo elemento de propaganda e porque xa había papeleiras, todo podería considerarse correcto. Dende Somos Ribadumia non temos ningún problema con que se coloquen papeleiras no núcleo nin onde sexa necesario. O problema ven en como e onde se colocaron esas papeleiras, que se resume en “sen xeito nin dereito”.

   A distribución das papeleiras foi moi desigual, feita cunha intención electoralista moi evidente, colocadas nas zonas de máis paso de xente e coches, sen atender a nada máis. Tal é así que en tramos de menos de trinta metros, como na confluencia da Avenida Rosalía de Castro coa rúa Ramón Cabanillas, hai cinco papeleiras, dúas delas colocadas unha en fronte da outra, limitando ademais o paso de peóns. O  centro de Barrantes ten máis papeleiras que árbores, hai pasos de peóns con papeleiras ambos lados, e outros sen ningunha. Hai esquinas  como a de Bouza Martín con Rosalía de Castro onde hai papeleiras separadas por menos dun metro de distancia. Rúas como a Avenida Bouza Martín son un verxel con papeleiras cada poucos metros, mentres outras rúas parecen ser doutro concello, ou de segunda categoría.

   Tal como explica o noso voceiro, Enrique Oubiña, “non ten ningún sentido poñer papeleiras ao carón dos contedores de lixo, non digamos xa unha ao lado da outra, nin poñer papeleiras cada poucos metros. Hai que ter un criterio, é colocar as papeleiras onde sexa necesario, non onde se miren máis. Porque esas papeleiras non son nin baratas nin gratuitas, pagánse  ben pagadas, cada unha por enriba dos 300€, e con fondos públicos, polo tanto hai que ser moi coidadosos coa maneira de facer as cousas. Para o caso, existen estudos de urbanismo que explican como levar a cabo actuacións como esta con sentido práctico e que sexan efectivas, porque unha papeleira onde ninguén tira papeis non sirve para nada, e mal colocada pode ser un punto de acumulación de suciedade”.  

  Porque isto lévanos a outra cuestión. De nada sirve encher o centro de Barrantes de papeleiras, se despois non hai persoal para limpalas. Ribadumia ten un problema de limpeza, basicamente debido a incapacidade de David Castro para a xestión dos recursos e do persoal. As queixas son continuas, pero non se van resolver invadindo todo de papeleiras. E o problema non afecta só a Barrantes. Hai outras zonas onde nin se repara o material urbano, nin se toda material necesario alí onde poida facer falla, como poden ser precisamente papeleiras en determinados puntos onde ou ben desapareceron fai tempo e non se depuxeron, ou ben co paso dos anos se fixeron necesarias. E as parroquias non poden ser tratadas como lugares de segunda  categoría.

   Dende Somos Ribadumia temos claro que os cartos da veciñanza non son para estragar deste xeito. En primeiro lugar hai que manter o que se ten, e Barrantes xa tiña papeleiras abondo,  con independencia de que se puidera revisar a situación dalgunha delas ou colocar algunha nova nalgún punto e renovar as que estean defectuosas, cousa que tamén fai falla. Tampouco entendemos que se aposte polo enésimo modelo de papeleira, ademais por un modelo tan caro, aumentando o feísmo urbanístico, salvo que David Castro teña previsto a retirada das papeleiras existentes anteriormente, a maioría delas aínda en bo estado, unha medida que sería un destrago de recursos.

   Nos apostamos por ter un concello que dea boa imaxe, de limpeza, pero tamén de orde. E polo uso correcto dos recursos. Manter o que hai, e mantelo en condicións, realizar as substitucións de maneira paulatina, a medida que as papeleiras existentes se vaian deteriorando. Tamén apostamos por ter un modelo urbano preconcebido e cun desenvolvemento planificado, cunhas pautas e unha liña estética, pero tamén ordenada,  que dea coherencia e unha imaxe urbana acorde aos tempos e ao sentido común. De feito, sendo Oubiña concelleiro de Urbanismo xa se deron pasos neste senso, igualando as cores das diferentes luminarias e elementos urbanos, como bancos e papeleiras, e elaborando normativas de ornato público e sinaléctica publicitaria que logo David Castro gardou nun caixón.

A gran noticia sobre a legalización do folla redonda é que non hai nin noticias, nin legalización.

  • David Castro non cumpriu ningún dos compromisos adquiridos por el mesmo no 2018 ante a Consellería de Medio Rural, deixando morrer a cuestión, e o PP non ten moito interese na legalización.
  • 5 anos despois de anunciar o inicio do proceso, resulta que  está sen iniciar. David Castro enganou aos colleiteiros e a todo o mundo, tamén nisto.
  • É posible legalizar o folla redonda, pero non con David Castro na alcaldía.

      En 2018, estando Somos Ribadumia no goberno local, e logo de moitos anos de anuncios baleiros de contido, puxemos a primeira pedra firme no camiño da legalización do tinto Barrantes, ou folla redonda.

  Nese momento, tal como explica o noso voceiro, Enríque Oubiña, “David Castro fixo uso das súa posición de alcalde para erixirse no gran defensor da legalización do folla redonda, acusando ao PP de non facer nada en anos anteriores, e presumindo dunha xuntanza coa Conselleira de Medio Rural naquel momento, Ángeles  Vázquez, á que acudiu David Castro collido da man de Gonzalo Durán. E por suposto, fixo moita campaña ata as eleccións do 19 co discurso de que el ía lograr o que non fixo antes Salomé”.

   Nas conversas con Medio Rural, tanto na que se fixo pública como noutras xestión de despacho, David Castro cedeu ante o goberno da Xunta, que se negaba a realizar os traballos técnicos necesarios para iniciar o proceso burocrático de legalizacion.

   David Castro asumiu o compromiso nese momento de crear  unha mesa de traballo entre os concellos e a Mancomunidade para avanzar nos trámites. E nós, vendo a incapacidade David para lograr algo máis sólido do PP, aceptamos que se fixera así, e que os Concellos asumiran todo o proceso inicial. Pero había que facelo.

   Porque ese é o problema, que ata este xoves nunca máis se supo do tema, nin se fixo nada. “Coñecendo os ritmos de traballo de David Castro, que aburren ás moscas, e da propia Mancomunidade, era de agardar que mentres non pasaran as eleccións de maio do 2019, e se conformara nova Mancomunidade, non se movera moita cousa. Pero por desgracia para viticultores, hostaleiros e consumidores, nin antes nin despois. En cinco anos non se moveu unha folla: nin se creou a mesa de traballo mancomunada, nin se iniciou o proceso científico, nin se fixo nada en ningún ámbito de actuación. Quedamos estancados no mesmo punto en que estabamos no 2018, e só hai un responsable deste abandono, que é a persoa que asumiu a responsabilidade de realizar as xestións pertinentes e non fixo nada: David Castro”.

   Este xoves, todo foron anuncios. “Pero é que son os mesmos anuncios, palabra por palabra, que os feitos no 2018, é tamén no 2019, cando David Castro, xa con maioría absoluta prometeu que no 50 aniversario da festa, o tinto sería legal”. Os procesos necesarios para lograr a legalización do folla redonda son exactamente os mesmos que no 2018, e requiren, tal como a prensa explicou moi ben, un proceso de cando menos catro anos para poder completar os estudos necesarios “Que agora enterámonos que está sin iniciarse”.

   David Castro leva catro anos mentindo e enganado aos colleiteiros, hostaleiros e consumidores, asegurando que se estaba facendo algo cando non se estaba facendo nada, e prometendo unha legalización cuxo proceso está sin iniciar, polo que unha vez máis temos que ver como o proceso de legalización do folla redonda, que podería significar un importante revulsivo para a economía de Ribadumia e dos concellos limítrofes, se ve retrasado sine die o polo desinterese do Partido Popular e, de maneira moi particular, pola desidia de David Castro,” que está resultando ser o maior bluff e a maior estafa da política ribadumiense”.

  Dende Somos Ribadumia temos claro que a legalización do folla redonda é viable, pero tamén que non vai ser unha realidade con David Castro na alcaldía. E este pasado xoves tivemos a evidencia máis absoluta. Para que a legalización sexa unha realidade, temos claro que debemos estar no goberno nós, como estivemos no inicio cando se conseguiron dar os primeiros pasos reais, que ata agora foron tamén os únicos.

Pero, mentres tanto, David Castro anda  a facerse fotos nas parras e nada máis, e 50 anos despois da primeira festa do tinto de Barrantes, ese sigue sen legalizarse.