Somos Ribadumia aprobaremos a nosa lista e o noso programa nunha  asemblea este sábado 1 de abril

  • A xuntanza, de carácter aberto á veciñanza, terá lugar o sábado 1 de abril, a partir das 20:30  horas no centro social de Barrantes.
  • Decidiremos as liñas primordiais e medidas máis importantes  e a lista de persoas coas que nos presentaremos as eleccións.
  • Seguimos o noso proceso de participación veciñal, dende a estabilidade.

  

   Mentres outros andan negociando o seu beneficio  persoal a conta do seu cargo e do seu partido, en Somos Ribadumia  seguimos traballando, dende a estabilidade e a tranquilidade políticas, polo noso Concello e pola veciñanza de  Ribadumia.

   E facémolo como o levamos facendo dende o primeiro día, de xeito aberto á cidadanía, dándolle voz ás nosas veciñas e aos nosos veciños, e tomando as decisión de maneira mancomunada, sen dirixismos nin imposicións.

  Este proceso iniciouse en novembro cando, mentres outros negociaban en privado a venda do seu partido ao Partido Popular de Galicia, nós escolliamos de maneira aberta e transparente ao noso candidato, Enrique Oubiña.   Agora, tócanos repasar o noso programa de goberno, actualizandoo as necesidades actuais, e tamén decidir que persoas deberán acompañar a Oubiña na lista electoral. Con eses obxectivos e baixo o lema “por un futuro MELLOR”, convocamos unha xuntanza aberta á veciñanza para este próximo sábado. Nela aprobaremos o noso programa marco, con medidas de curto, medio e longo prazo para mellorar a calidade de vida da nosa veciñanza e devolver a Ribadumia á senda pola que xa transitan á maior parte dos concellos da comarca, e da que David Castro nos apartou nestes catro anos de abandono e desidia, ao longo dos cales unicamente se preocupou por asegurarse un futuro vivindo da política.

  Dende esta Comisión Executiva convidamos a toda a veciñanza a vir e participar das nosas decisións, axudando así a mellorar e engordar un proxecto de futuro para o noso concello e, sobre todo, para as persoas que viven nel.

Arquivada en firme a denuncia de David Castro a Somos Ribadumia e Enrique Oubiña.

  • Fracaso de David Castro no xulgado. Nin a denuncia nin o recurso posterior ante a audiencia Provincial foron aceptados pola xudicatura, polo que non chegou a abrirse xuizo, nin proceso algún. Non había nada.
  • David Castro intentou ocultar o seu fracaso, logo de alardear de que ía recorrer a denuncia xa desestimada.  En xaneiro todo eran comunicados e roldas de prensa. Agora, cala.
  • A veciñanza paga cos seus impostos os caprichos dun alcalde sen solucións que só sabe atacar á oposición e crear problemas onde non os hai.

     Os intentos de David Castro por menoscabar a imaxe de Somos Ribadumia e de Enrique Oubiña acudindo ao xulgado con acusacións sen base legal remataron como era previsible, co arquivo firme da denuncia e por partida dobre, na sala do penal de Cambados e na Audiencia de Pontevedra.

   Polo tanto, o primeiro que hai que dicir é que queda en evidencia que esas denuncias, presentadas sen probas que demostraran a existencia dun delito, ou como mínimo indicios que xustificaran o inicio dun proceso xudicial, eran fume, e que David Castro usou os recursos públicos para atacar a Oubiña e a este partido sen fundamentos de ningún tipo, unicamente coa intención de menoscabar a credibilidade da nosa formación e do noso voceiro e de crear medo para evitar que a veciñanza fixera públicas as súas queixas.

  Indo ao cerne da denuncia, que  recordemos veu motivada porque dende Somos Ribadumia expuxemos unha problemática que o verán pasado estaba afectando á auga de consumo, David Castro non foi quen de demostrar, nin ante a opinión pública nin ante o xulgado, que nos mentíramos nalgún momento.

    Preguntámonos porque David Castro, que estivo moi áxil a ir á prensa a dicir que ía recorrer un auto xudicial que en esencia xa dicía que non había lugar a denuncia porque o alcalde non presentou probas que a sustentaran, non estivo tan áxil a facer público o arquivo da causa, e explicarlle á veciña porque o xulgado lle petou coa porta nas narices, e canto lle custou á broma á veciñanza ribadumiense, que foi quen pagou o avogado.

   Agardamos de David Castro que asuma as consecuencias dos seus feitos, teña dignidade e pida desculpas polo menoscabo que intentou provocar na imaxe de Enrique Oubiña e de Somos Ribadumia, e que asuma persoalmente os custes políticos e económicos deste despropósito, porque a veciñanza de Ribadumia non ten porque financiar cos seus impostos os caprichos dun alcalde e dende logo tampouco merece un alcalde que use o Concello e os fondos públicos como se foran del.

As contratacións a dedo de David Castro, punta dun iceberg en servizos sociais.  

  • O Colexio oficial de Traballo Social leva ante a Valedora do Pobo a negativa de David Castro a explicar como contratou a unha traballadora social.
  • Unha contratación realizada a dedo, tal como denunciamos dende Somos Ribadumia en marzo de 2021.
  • O departamento de servizos sociais está nunha situación inaceptable, con actitudes cara os profesionais que poderian considerarse bullying e unha xestión moi politizada.

  En marzo de 2021 dende Somos Ribadumia fixemos públicas dúas cousas, que David Castro había contratado a unha traballadora social a dedo e dun xeito irregular, e que o Colexio Oficial de traballo Social había requirido documentación sobre esa contratación.

 Así pois ao anuncio de que o COTSG acude á Valedora do Pobo non nos colle de sorpresa, ao contrario, era máis que previsible que algo disto pasaría, e temos claro que a cousa non vai rematar nunha queixa ante a Valedora nin nun problema cunha contratación, porque a situación que está vivindo o departamento de servizos sociais é dramática. Máis aló de que o propio goberno local, en pleno municipal, declarou no seu momento que se contratou de maneira directa, sen proceso aberto e público de ningún tipo, á persoa que cubriu a baixa da traballadora social, e de que o posto do educador familiar, que tamén causou baixa de longa duración, non chegou a cubrirse co prexuízo e coa merma na calidade do servizo que iso supuxo para a veciñanza, a realidade é que eses profesionais están, agora que volveron das súas respectivas baixas laborais, nunha situación insostible.

   Tanto o educador familiar como a traballadora social encóntranse nunha situación que nos só podemos valorar como de claro e evidente bullying . En ambos casos á volta das súas correspondentes baixas, que xa se deberon á presións dende o ámbito político que lles afectaban no seu posto de traballo, encontráronse con que lle cambiaron o posto de traballo, e que as someten a todo tipo de impedimentos para realizar o seu traballo, recortándolle funcións para evitar que atendan á veciñanza, negándolle acceso ao local de servizos sociais, controlando de maneira abusiva todo canto fan, requerindolle datos que están protexidos, interferindo en todos os procesos, pretendendo que dende alcaldía se autoricen determinadas actuacións que son competencia exclusiva dos profesionais … Unha longa lista. Ademais de que para poder levar a cabo este ataque continuado que nos temos claro que só busca que estas persoas dimitan dos seus postos, David Castro tivo que duplicar o persoal que atende no departamento de servizos sociais, disparando así o custe económico, pero empeorando o servizo.

   Temos a seguridade de que esta situación vai rematar nos xulgados, máis pronto que tarde, e de feito xa houbo inspeccións de traballo, pero mentres, o comportamento do goberno local está causando un gran malestar, nos traballadores que nos consta que están aguantando carros e carretas porque son uns profesionais e están máis pendentes da veciñanza que dos desvaríos de David Castro e de Sofía Nuñez, pero tamén na veciñanza, que non está sendo atendida como corresponde, con importantes atrasos en todo tipo de trámites, algúns de importancia, como tramitación de incapacidades permanentes, ou de horas de SAF.

   Xa pedimos no seu momento a dimisión de Sofía Nuñez, por incompetente e por polítizar o departamento de servizos sociais. Agora reafirmámonos, porque non se pode permitir que persoas con esa maneira de pensar e actuar estean ao mando dun departamento tan sensible e onde se traballa con situacións moi delicadas.

Inaudito: a dirección  CPI Xulia Becerra Malvar pide ao Concello que lle recolla material para a reciclaxe e este mándalle a un chatarreiro.

  • O concelleiro de medio ambiente, Miguel Castro, enviou a un recolledor de chatarra a retirar no colexio diverso material para a reciclaxe, ignorando toda normativa ao respecto.
  • Miguel Castro meteu nun apuro á dirección do colexio, que está obrigada a entregar os materiais de reciclaxe a entidades autorizadas para o seu tratamento.
  • O concello dispón de recursos propios para tratar o material de reciclaxe, incluídos os aparellos electrónicos, que teñen un regulamento específico.

     Esta fin de semana tivemos noticia dun feito tan absurdo que tivemos que chamar á dirección do CPI Xulia Becerra Malvar para confirmalo. Pero así foi.

   Fai uns días a dirección do CPI Xulia Becerra Malvar chamou ao Concello para solicitarlle que pasara a recoller diverso material para enviar ao punto limpo e o seu posterior rexiclaxe. Entre ese material había varios aparellos electrónicos, que debido á presenza de metais pesados e outros elementos perigosos para a saúde, teñen un tratamento particular. Particular e regulado.

  Tal como nos explicaron dende a dirección do propio colexio, no Concello trasladaron ao concelleiro de medio ambiente a cuestión e el mesmo enviou a alguén a recoller ese material. E aquí empeza a caída ao absurdo deste goberno local. Tal como explica o noso voceiro, Enrique Oubiña, “o concello ten un camión de recollida de voluminosos e persoal, e ademais temos un punto limpo preparado para recibir o material para a súa reciclaxe, incluído, grazas as xestións que na lexislatura pasada levamos a cabo eu mesmo e Pepe Lede, un espazo específico para a almacenaxe de equipos electrónicos, que debe ter unhas condicións moi concretas de illamento. Pois tendo os recursos, Miguel Castro, concelleiro de medio ambiente nin máis nin menos, mándalle ao colexio a un autónomo recolledor de chatarra”.

   Dende Somos Ribadumia non temos nada que dicir das persoas que se dedican a ir retirando os metais que sobran polas casas gañándose o pan como poden, pero é que un Concello non pode mandar a calquera a facer este tipo de traballos. Cando dicimos isto queremos dicir que o Concello, e tamén neste caso o Colexio, como calquera entidade e empresa, teñen obriga de rexistrar a trazabibilidade dos materiais de reciclaxe. “Con esta actuación cuñadista a máis non poder, Miguel Castro meteu nun apuro á dirección do CPI Xulia Becerra Malvar, que ademais de educar na correcta reciclaxe dos materiais aos nenos e nenas que van a ese colexio, debe rexistrar que entidade recolle o material e debe ser unha entidade autorizada, e que cumpra uns requisitos, non un recolledor das características que enviou”.

   Dende Somos Ribadumia  non somos capaces a entender como pode ser que dispoñendo dos recursos pasen estas cousas. “O concelleiro de medio ambiente, que xa debería ter dimitido fai meses polas súas actitudes, lonxe diso aínda se veu arriba, sobre todo dende que se librou das súas dúas compañeiras liberadas, e dedícase a accións como esta, que non teñen cabida dentro do funcionamento dunha administración pública”.