David Castro confirma a perda dos fondos Pirep. Adeus á posibilidade de acceder a 6 Millóns de euros.

  • Podendo solicitar ata 3M por cada unha das 2 liñas de axuda dese plan, solicitou 120.000€ a só unha delas, e nin así logrou os fondos.
  • Admitiu a renuncia á segunda liña por non saber para que pedir os fondos.
  • David Castro ocultou a perda das axudas e mentiu ao intentar xustificar os motivos polos cales non solicitou a segunda liña.
  • David Castro, o alcalde que non sabe en que investir medio millón de euros.

    David Castro sabía dende novembro que perdera o acceso á liña 1 dos fondos, pero non deu conta de nada, el que tanto lle gusta dar conta nos plenos doutros temas bastante menos importantes. Fixémolo público dende Somos Ribadumia, e aínda tardou unha semana en encontrar os papeis que segundo el demostran que si solicitou as axudas do Plan Pirep, un plan que permitía a rehabilitación de instalacións públicas e ao cal podían presentarse proxectos, por un valor de ata 3Millons de euros por cada proxecto. De feito concellos veciños como Sanxenxo presentaron e lograron proxectos por valor de máis de 3’5 Millóns de euros.

   Non constaba nos datos aos que tivemos acceso, pero David Castro declarou que unicamente se presentou a liña 1 dese plan, con un pírrico proxecto de 120.000 € para arranxar a praza de abastos. Para Oubiña “ ten que ser unha broma. Aparece unha liña de axudas para proxectos de envergadura, ata 3 Millóns de euros  con financiamentos de ata o 100% do custe da obra, e David Castro presenta unha proposta de só 120.000€, unha cantidade á que pode perfectamente facer fronte con fondos propios, ou a través do Plan Concellos da Deputación. E non contento con iso, declara que en Ribadumia non hai posibilidade de enfrontar investimentos de máis de medio millón de euros, nin moito menos de 3 Millóns. Este é o alcalde que temos”.

    Non contento con ir á prensa a poñer escusas, David Castro aínda tivo a cara dura de mentir no relativo aos condicionantes do proxecto. Tal como recolle a Orde TMA/178/2022, publicada no BOE o 11 de marzo de 2022, as condicións para acceder á liña 2 do Plan Pirep Local non era unicamente presentar proxectos de máis de 500.000€, algo que tampouco debería ser un problema. A condición era que se cumpriran 2 de 3 requisitos: superar o importe de 500.000€, que a superficie sobre a que se fora actuar superara os 1000 m2, ou que o custe da obra superase os 500€/m2. Para o caso, se David Castro nos tivera consultado, nós teriámoslle explicado gustosamente cantas e cales das instalacións municipais superan os 1.000 metros cadrados de superficie, de partida calquera dos pavillóns deportivos municipais, ou actuacións que se poderían levar a cabo con estes recursos. De feito, tendo en conta a situación de pavillóns como o de Barrantes, ou mesmo a necesidade de reforma da casa consistorial, por poñer dous exemplos, cumprir os requisitos non era un problema. “O problema foi a incapacidade de David Castro, que leva oito anos de alcalde e aínda non sabe cales son as problemáticas de Ribadumia, ata o punto de que aparece unha importante liña de axudas, de ata 3 millóns, e non sabe que facer, e só lle dá a cabeciña para pedir catro pesos para reformar a praza de abastos, logo de deixala abandonada catro anos”.

Máis aló do dito, dende Somos Ribadumia, consideramos que gastar cartos da Deputación na elaboración dun proxecto que por dimensión poden perfectamente elaboralo os técnicos municipais, é outro exemplo de como non se deben xestionar os fondos públicos, e do perdido que anda David Castro.

   A día de hoxe, David Castro foi incapaz de conseguir nin unha, soa de todas as liñas importantes de financiamento aparecidas ao longo da lexislatura, que permitirían realizar investimentos por varios millóns, e a única que logrou perdeuna posteriormente por mala xestión. Recapitulemos: plan Ágora: 600.000€, Plan ReacPon: 771.000€, Liña 1 do plan Pirep:  3M € (solicitou 120.000, e non os consigueu), liña 2 do plan Pirep: 3M €. En total, nós dixeramos que David perdera a posibilidade nesta lexislatura de realizar investimentos por valor de máis de 5 Millóns de euros, pero a realidade é que a cifra supera moi amplamente os 7 millóns de euros perdidos.

Ribadumia non pode permitirse seguir perdendo fondos e oportunidades desta maneira.

Iniciamos unha rolda de reunións veciñais e con diversos colectivos.

  • Entre o 25 de abril e o 5 de maio realizaremos 7 xuntanzas veciñais en distintas partes do Concello.
  • O obxectivo é escoitar á veciñanza, e facer axustes polo miúdo do noso programa de goberno.
  • Tamén terán lugar xuntanzas específicas con diversos colectivos do concello.

     A partir do martes 25 de abril, e ata o venres 5 de maio, Somos Ribadumia imos realizar unha serie de encontros coa veciñanza ao longo e ancho de todo o concello.  O obxectivo principal destas xuntanzas, que veñen a completar o traballo de rúa dos últimos anos, é o de escoitar á veciñanza, e afondar nas diversas problemáticas que poidan darse nas parroquias e lugares de todo o Concello, falar das solucións e falar tamén das propostas ou das cuestión que a propia veciñanza poida considerar de interese ou importantes e, en definitiva, ver como podemos axudar a mellorar a vida da xente de Ribadumia.

  En Somos Ribadumia  xa aprobamos un programa marco de goberno para os próximos catro anos, con 60 medidas que tomar para sacar a Ribadumia da parálise na que vive dende fai catro e para solucionar diversos problemas, como a perda de poboación no rural, ou os problemas urbanísticos do núcleo  de Barrantes, ou a falta de apoio real a as empresas, comerciantes e hostaleiros do noso concello. Pero ese programa, sendo o produto de moitos anos de traballo, e xa construído en base á relación que neste tempo viñemos mantendo de maneira habitual con veciños  e colectivos, e polo tanto resultando moi completo e moi axustado á realidade de Ribadumia, pode mellorarse aínda con aportacións máis específicas.

 Tal como recalca o noso candidato, Enrique Oubiña “á realidade é cambiante, e agora que chegamos ao final de lexislatura estamos encontrándonos con que moitas das problemáticas existentes fai catro anos, e que debían estar resoltas, seguen no mesmo sitio sen solución. Sexan cuestións de dotacións de servizos, sexa o problema continuo de falta de alumnado para completar as aulas do CRA, eses problemas están aí, como os de diversos colectivos, e a mellor maneira de expoñer a súa dimensión e propoñer as solucións que poden solucionar eses problemas, é falalo directamente coa veciñanza afectada e cos diversos colectivos, cos cales tamén imos manter conversas ao longo dos próximos días”.

  Dende Somos Ribadumia convidamos á toda a veciñanza a participar, con independencia das súas ideas. Compartan as nosas posicións ou non, o diálogo sempre será a mellor ferramenta para topar solucións aos problemas e para mellorar a vida da veciñanza. E como partido que aspiramos á estar no próximo goberno de Ribadumia, debemos achegarnos á veciñanza, e facelo de fronte, dando a cara.

Os encontros coa veciñanza realizaranse  a partir das 21:00 horas nos seguintes días e lugares:

  • Martes 25 de abril, centro social de Leiro.
  • Mércores 26 de abril, centro social de Lois.
  • Xoves 27 de abril, centro social de Besomaño.
  • Venres 28 de abril, centro social de Barrantes.
  • Martes 2 de maio, centro social do Couto de Arriba.
  • Mércores 3 de maio, centro social de Ribadumia.
  • Venres 5 de maio, centro social de Sisán.

David Castro  envíalle a Oubiña datos do rexistro a través dunha web de descargas e sen garantir a seguridade deses datos.

  • A primeira hora da tarde do mércores Oubiña recibía un documento cun enlace a unha páxina web de descarga de documentos de gran tamaño, rompendo a cadea de seguridade e poñendo en perigo os datos que conteña ese documento.
  • Enrique Oubiña négase a aceptar esta maneira de proceder.
  • Logo de tres anos falando de que darlle acceso a Oubiña aos datos do concello podía supor un risco para a protección deses datos, David Castro mandaos vía e-mail e a través dunha web allea ao programa informático do Concello.

     O colmo do esperpento nas formas e nas actuacións de David Castro, viveunas na tarde deste mércores o noso voceiro  Enrique Oubiña, ante unha actuación que non se pode definir.

  Fai unha semana tiñamos noticia de que o xulgado obrigaba a David Castro a dar acceso ao rexistro de entradas e saídas do Concello de Ribadumia. Para Oubiña “de partida é moi importante recalcar que o que pedimos é acceder ao rexistro, como consulta, non recibir ou recabar  ou ter copia dos datos que conten. Chegado o caso de que precisemos un expediente concreto xa o pediremos a súa consulta polas vías establecidas”.

  Polo visto David Castro fixo a súa propia interpretación da solicitude de Oubiña, da lei, da sentenza xudicial e tamén de todo o que el leva dito, e decidiu actuar dunha maneira un tanto particular.

Podendo darme acceso ao arquivo dixital do concello dentro do programa do Concello,  onde están os asentos de entradas e saídas nun entorno seguro e onde non hai un só dato ao que eu non teña dereito de acceso, a David non se lle ocorreu mellor cousa que descargar eses datos, co cal xa os sacou do servidor municipal, que é o espazo seguro onde se almacenan eses datos, e mandarmo a través dunha web especializada en arquivos de gran tamaño, ou sexa, a través dun terceiro sen relación contractual co Concello, que poderá garantir a privacidade dos datos ou non, pois esa web almacena os datos uns días nos seus propios servidores, durante o prazo no cal o remitente pode descargados, e durante o cal segun as claúsulas desa web, eses datos a empresa propietaria da mesma pode usalos como considere, e dende logo, pode vendelos a terceiros“.

  Se había algunha maneira de por en perigo os datos  de persoas e empresas, David Castro entregouse a ela de cheo. Enrique Oubiña ante esta situación, da que non foi advertido previamente, actuou coa máxima responsabilidade. “O documento co enlace ao arquivo chegou a través da sede electrónica, pero non puiden comprobar de que se trataba ata descargar o documento. Unha vez descargado, e vendo o seu contido, un texto cunha explicación breve e o enlace á web onde o arquivo cos datos do rexistro está almacenado, o primeiro que fixen foi eliminar ese documento do meu teléfono, e evitar que teña máis percorrido. Nesa mesma tarde ademais recibín a chamada dunha traballadora do Concello que quería asegurarse de que accedera ao enlace sen problemas, e xa lle expliquei a situación e que non vou abrir nin acceder a ese enlace nin a ningún outro ata que teña garantías legais ao respecto do uso dos datos. Porque eu, a diferencia doutros que moito falan, son moi responsable cos datos que manexo, e non é o mesmo facer consultas no ordenador do concello ou accedendo ao servidor local, que mandar bolsas de datos a través dun terceiro que a saber que fai con eles entre que van é veñen”.

   Oubiña ademais de poñer a situación en coñecemento dos nosos servizos xurídicos, ten previsto falar coa secretaria municipal desta situación, ver como se resolve e as consecuencias que poida ter esta actuación. “Quen manexara esa bolsa de datos, que descoñezo o que contén, pero se é o que pedín terá  números de entrada e saída e os nomes ou a identificación da parte interesada, pero non sei ata que grao, e se houbera unha fuga, podería ter problemas legais graves. E en todo caso, nos preferimos ser cautos. Queremos ter acceso ao rexistro, para nós é fundamental, pero sen por en risco o dereito da nosa veciñanza e das empresas a ter protexidos os seus datos. Hai maneiras de facer isto moi sinxelas, e moito máis seguras, o único que fai falla é que David Castro deixe de comportarse como un irresponsable”.

Comunicado sobre incidente da ponte nova de Pontearnelas.

     Na tarde de onte tivemos coñecemento de que a coñecida como “ponte nova” de Pontearnelas, ficou cortada ao tráfico logo de que unha parte da ponte afundira por algún tipo de problema estrutural, a priori bastante grave.

  Antes de nada advertimos que os accesos á ponte están totalmente cortados dende as rotondas en ambos lados da ponte, pero tamén está cortado o tramo de vial que transcorre por debaixo da ponte. De feito, a vía “da parcelaria” que conecta Cabanelas con Pontearnelas está cortada dende a rotonda de Cabanelas. Tivemos varios avisos de persoas que non sabían isto é tiveron que dar un rodeo, sobre todo persoas que non son nativas ou habituais da parroquia e non coñecen as diferentes alternativas e acaban indo de volta para Ribadumia ou rodeando pola Grenla.

Por algún extraño motivo David Castro non deu instruccións de publicar ningunha información ante unha situación que afecta a moitas persoas nas redes sociais do Concello, pero en todo caso tede en conta a situación se tedes que desprazarvos á Vilagarcía, a Vilanova ou lugares lindantes por esa zona. Porque ademais o tráfico está desviado pola ponte medieval, que é máis estreita é en determinados momentos puntuais pode ralentizarse o tráfico.

  Esta situación ademais pode alongarse no tempo.

   Dito todo isto. Dende Somos Ribadumia xa amosamos onte á través do noso voceiro Enrique Oubiña á nosa preocupación ante un feito como este. Tal como el mesmo expuxo “ Puido pasar unha desgraza, é resulta moi preocupante que algo así chegue a pasar”. Dende a nosa posición, sen pretender sinalar a ninguén, si queremos por de relevancia que “ era evidente e estaba á vista que o estado de mantemento desa ponte era mellorable. Isto non quere dicir  necesariamente que a falta de mantemento teña que ver co acontecido, xa o dirá quen lle corresponda, pero dende logo é razoable pensar que se a ponte tivera o mantemento algo máis ao día seguramente se poderían ter detectadas deficiencias”.

  Pola nosa banda agardamos que dende os ámbitos políticos haxa respecto pola cidadanía ante un feito que puido costar vidas e que sementa moitas dúbidas sobre as infraestruturas que temos ao noso redor. Falamos ademais dunhas infraestrutura de 3 millóns de euros que só conta con 16 anos. Polo tanto, agardamos que quen teña responsabilidades as asuma, que non entremos na dinámica vista outras veces de estar semanas, meses ou anos pasándose  a responsabilidade unhas administracións  a outras,  que se dean as explicacións pertinentes á cidadanía e, por suposto, que se aporte unha solución en condicións á situación da ponte.

Tamén agardamos que ante un feito que, máis alo do susto e do que puido pasar, deixa bloqueada unha importante vía de comunicación do noso concello e da nosa comarca, posiblemente durante meses, David Castro cumpra a súa palabra, posta por escrito nunha misiva enviada estos días ás casas, e chegado o caso sexa quen de “levantar a voz ante quen faga falta”, nese caso ante a Consellería de Infraestruturas da Xunta de Galicia, propietaria de vía.