Apostamos por un rural vivo.

  • Actualización dos edificios e dos espazos públicos, parques  con zonas cubertas, con sombras, aseos e fontes de auga pública.
  • Remate das rede de saneamento e de auga pública, e solución nas zonas problemáticas , como Besomaño e Lois. Impulso á rede de fibra óptica.
  • Resolución inmediata de todas as obras sen rematar, e un plan ordenado de desenvolvemento no rural.
  • Modificacións puntuais do PXOM para favorecer a edificabilidade nas zonas rurais.
  • Plans de axuda á construción e reforma de vivendas no rural.
  • Dotación de servizos de conciliación nas aulas do CRA, e promoción de actividades culturais e sociais nos locais sociais.

  Unha vez rematada a rolda de xuntanzas coa veciñanza realizadas nesta última quincena ao longo e ancho do Concello, dende Somos Ribadumia sacamos varias conclusións que nos permiten completar as nosas propostas de cara a lograr que o rural Ribadumiense deixe de perder habitantes, e sexa unha alternativa válida e apetecible para vivir.

   Os problemas eras coñecidos: unha rede de servizos básicos (saneamento, auga, mais tamén internet) sen completar ou no caso da fibra óptica moi deficiente, os problemas habituais de falta de nenos que permitan manter todas as aulas do CRA, o estado de abandono dos espazos públicos e en xeral unha deixadez por parte do goberno local actual que se fai notar moito. En verbas de Oubiña “o que detectamos, máis aló do abandonado que ten todo David Castro, é que a xestión das obras públicas é desastrosa. Non se rematou ningunha das obras menores postas en marcha nesta lexislatura, co resultado de que temos medio concello levantado, con tramos de pista sen asfaltar e os postes do alumeado é teléfono sen desprazar. Tampouco foi quen David Castro de cumprir os seus propios compromisos en cuestións como saneamento ou auga, pois a xestión caótica do departamento, e a política partidista que fai á hora de decidir que obras acometer, deixou a moita veciñanza tirada”.

  Se queremos que a xente se vaia a vivir ao rural, “o primeiro que temos que facer é deixar de contar os votos que hai nesta casa e naquela e superar a política de facerlle arranxos e peches de perpiaño a quen non favorece”. As nosas propostas para recuperar vida no rural son sinxelas e claras:

  • De partida rematar todo o que está empezado. Ao tempo definir canto falta realmente por completar das redes de saneamento e auga, e “poñer enriba da mesa un plan que o deixe solucionado se pode ser en dous anos, que non sexa en tres. O mesmo para outro tipo de obras, ancheamentos de pistas, asfaltados, etc. Hai que ter un plan ordenado de xestión do rural, non andar con parches aquí e alá, empezar vinte obras e non remarar ningunha. Con nós haberá orde e unha axenda concreta de traballos, e todas as obras terán inicio e final”. No que respecta á dotación de auga, non só hai que completar a rede, tamén hai que solucionar os problemas das zonas máis altas ou alonxadas, como Besomaño ou Lois, ou as Mimosas en Barrantes e mesmo algún punto en Villaverde, que sobre todo no verán sofren caídas se presión na auga e mesmo quedan sen servizo semanas enteiras, como nos contaban uns veciños de Besomaño.  Nós poremos solución a eses problemas, instalando depósitos secundarios máis altos, ou equipos de presión, segundo sexa necesario. Tamén impulsaremos captacións secundarias, para non depender dun único subministro, e estableceremos liñas de axuda económica para que os comuneiros de traídas veciñais poidan mellorar a salubridade das súas captacións. En resumo, reducir a dependencia da captación mancomunada, e limitar os problemas que hai no verán.
  • Impulsar a rede de fibra optica, para que no menor tempo posible se poida dar cobertura a todo o Concello.
  • Hai que impulsar a construción e a restauración de vivendas no noso rural para asentar familias. Farémolo con modificacións puntuais no PXOM e con liñas e medidas de axuda concretas.
  • Tamén levaremos os servizos de conciliación ás aulas do CRA, para que os nenos das parroquias teñan os mesmos servizos que os do centro, arranxaremos todos os parques infantís e dotaremos espazos de sombra, espazos cubertos para os días de choiva, fontes de auga pública e aseos en todos os parques do Concello. Queremos que as nosas parroquias teñan espazos de lecer aos que dea ganas ir, e actividades que os animen.
  • Investiremos recursos en darlle vida ao rural con actividades culturais e sociais, reforzando o apoio ás comisións de festas e dando uso aos centros sociais.

En resumo, a nosa intención é equilibrar a vida no rural coa vida no centro, dando os mesmos servizos e impulsando actividades e outras medidas que animen as novas familias a asentarse en calquera das nosas parroquias.

David Castro pon en perigo un convenio de 704.000 € non facer correctamente o trámite administrativo.

  • O convenio aprobouse en pleno, pero o Concello non puxo os fondos correspondentes a disposición da Deputación para por en marcha a licitación.  
  •  A modificación de crédito necesaria aprobada en marzo, nula de pleno dereito por erros na tramitación, e sen aprobarse definitivamente por non publicala no Boletín da Provincia. Como se non existira.
  • O Concello tiña que ter cumprido a súa parte do convenio o 31 de marzo. Na práctica, o convenio esta incumprido e a Deputación pode suspendelo.

  No pleno do pasado xoves houbo varios momentos nos cales david Castro non sabía onde agocharse, sobre todo agora que se quedou sen concelleira de contas e non ten quen o protexa.

   Entre as cuestión que o noso voceiro Enrique Oubiña puxo enriba da mesa dese pleno está a situación irregular do convenio asinado coa Deputación para realizar unha obra na rúa Condesa, valorada en máis de 704.000 € , dos cales o Concello debe aportar 211.000 €.

    O que pasa é o seguinte: o convenio asinado no pleno do 2  de marzo establece que o Concello debe poñer a disposición da Deputación os fondos que lle corresponden antes de rematar o primeiro trimestre, ou sexa antes do 31 de marzo. Tal como explica Oubiña “a propia secretaría municipal confirmou que no momento de celebrar o pleno, dous meses despois, eses fondos non se puxeron a disposición da Deputación, mantendo así bloqueado o desenvolvemento do proxecto e  a licitación da obra”. O que non dixo a secretaria, e David Castro non foi capaz de aclarar, é por que motivo, habéndose aprobado no mesmo pleno do 2 de marzo unha modificación de crédito para facer fronte a ese convenio, os fondos non saíron do Concello.

  E aquí entramos na segunda parte deste esperpéntico exemplo da xestión de David Castro. Resulta que a modificación de crédito é nula de pleno dereito ao ser aprobada de maneira irregular e sen cumprir o procedemento regrado.

   “As modificacións de crédito deben ir acompañadas dun informe de alcaldía, outro de secretaría e outro de intervención. Eses informes deben poñerse no expediente da modificación de crédito e estar a disposición dos concelleiros e concelleiras para a súa consulta antes das comisións informativas e do pleno. Resulta que os informes de secretaría e intervención non están no expediente. A min pasoume secretaría unha copia dúas horas antes dese pleno, e logo de solicitalas eu expresamente, pero iso non suple a obriga de telos a disposición nosa en tempo e forma. Ao non facelo así, ese acordo resulta nulo de pleno dereito, porque ademais eses informes, o pasado xoves, cando se celebrou este último pleno, e dous meses despois de aprobarse a modificación de crédito da que falamos, seguían sen figurar  no expediente”.

   Polo tanto, tal como Oubiña lle deixou moi claro a David Castro no pleno “ se hoxe a Deputación reclamara ao Concello os cartos para iniciar a licitación, o Concello non tería dispoñibilidade de fondos para poder facer fronte ao pago, pois nin temos un orzamentos no que figure o investimento, nin a modificación de crédito feita ten o trámite completado, e ademais non  é valida”.

  En resumo, David Castro, logo de perder 1,3 Millóns de euros en financiamentos da Deputación  do Plan Ágora e do ReacPon, volve perder outros 704.000 € por inepto. E Ribadumia segue perdendo posibilidades de acceder a fondos doutras administracións. Xa va máis de 8 Millons de euros perdidos. Nunca tantos cartos hou para os concellos e nunca un alcalde tantos cartos perdeu.

Outras obras en perigo.

  A modificación de crédito aprobada en falso en marzo  non so dispoñía fondos para o convenio coa Deputación, tamén para outras dúas actuacións, unha correspondente coa aportación do Concello a un plan do GDR, con máis de 47.000€ para unha pista pump track, e outros 4.000€ para aportar a un convenio co IDEA para unha instalación fotovoltaica.

   Ambos investimentos quedaron no aire, ao non poder o Concello usar os fondos inicialmente dispostos. E os prazos están correndo. Se o goberno local non corrixe pronto a situación, esas obras perderanse. Está é a xestión de David Castro.

Sofía Núñez, concelleira e apoderada dunha das empresas locais que máis factura ao Concello de Ribadumia.

  • Oubiña demostrou con documentación formal que Sofia Núñez incumpre a lei de incompatibilidades para os cargos públicos e a LOREG.
  • Sofía Núñez falseou a súa  declaración de bens ao inicio da lexislatura, ocultando que dende 2018 é apoderada dunha empresa de servizos de maquinaria que traballa para o concello.
  • Un caso que podería considerarse de prevaricación e ter consecuencias legais.

   O pleno deste pasado xoves, o último ordinario da lexislatura, rematou con David Castro pedindo a hora. Varias foron as cuestións que o noso voceiro puxo de relevancia e que resultan da máxima gravidade.

   Neste comunicado poñemos o foco na última, que resulta quizais a máis grave, pois implica directamente á unha das concelleiras do equipo de David Castro, Sofía Núñez.

   Durante o punto de rogos e preguntas David Castro confirmou que a empresa AGRONUMA realiza traballos de mecánica de diversa maquinaría agrícola para o Concello. Ademais, tal como explica Oubiña, “esa empresa está entre as primeiras empresas locais en facturación, unha facturación que agora haberá que mirar con lupa”.  

   Que unha empresa local facture servizos ao Concello non ten nada de negativo, salvo que como neste caso a empresa sexa dunha concelleira. Oubiña demostrou documentalmente dúas cousas, que Sofia Núñez é a apoderada da empresa referida, onde un dos seus irmáns figura como administrador, e que falseou a declaración de bens e intereses que é obrigatorio cubrir antes de acceder ao cargo de concelleira.

“A lei de incompatibilidades e a LOREG son claras. Un concelleiro ou unha concelleira non poder ter cargos de responsabilidade nin moito menos ser administradoras ou apoderadas de empresas que manteñan relación directa co Concello. Sofia tiña tres posibilidades en xuño de 2019: non recoller a acta de concelleira, desvincularse da empresa antes de coller a acta  de concelleira ou que a empresa renunciase a prestar servizos ao Concello. Pois fixo todo ao revés, ocultou a súa situación na declaración de bens, continuou durante catro anos como apoderada desa empresa e esa empresa seguiu traballando para o Concello e facturando”.

   Ante esta evidencia, Oubiña advertiulles da ilegalidade manifesta a David Castro e a Sofía Núñez e pediulle a dimisión inmediata a concelleira ante a gravidade do asunto.

   Pola nosa banda, non podemos permitir é que haxa dubidas sobre o uso dos cartos públicos nin moito menos que se favoreza a unha empresa e por extensión neste caso a unha concelleira e a súa familia,  dende o goberno local. Neste aspecto estamos analizando as medidas que debemos tomar, pero parécenos inaceptable de David Castro manteña no cargo e na súa lista electoral para as próximas eleccións a persoas que se están enriquecendo a conta do Concello.

Unha familia e un grupo pouco exemplar.

  Dáse a circunstancia de que o administrador da empresa referida, irmán da concelleira, foi o que atacou xunto a outro individuo  a Enrique Oubiña diante da súa casa en xuño de 2021, un comportamento que David Castro presenciou primeiro, e xustificou despois. Non esquezamos que ese episodio levou á oposición a unirse e forzar un pleno onde David Castro volveu xustificar o uso da violencia, e en concreto o uso da violencia contra os cargos públicos, e onde foi reprobado por toda a oposición, el e o seu equipo de goberno. No pleno do xoves volveuse reafirmar nesa cuestión, acusando a Oubiña de crear crispación, cinco minutos antes de que unha persoa do seu entorno político e persoal máis próximo montara unha tangana contra outra persoa do equipo de Somos Ribadumia, con amezas e insultos, en pleno salón de plenos e ante a súa impasividade.

  “Xa poucas caretas poden quedar. Neste último pleno ficou claro que as persoas que acompañan a  David Castro, usan o Concello para gañar cartos, e usan a violencia para xustificarse. Esta xente non pode gobernar Ribadumia”.

Sobre a peineta de Sofia Núñez

   “ Estivemos agardando a ver se Sofía tiña a ben desculparse, ou se asumía as súas responsabilidades, pero resultou que non, nin asume o erro, nin dimite, nin David Castro toma medidas”. Enrique Oubiña non quixo que dende Somos Ribadumia expresaramos unha posición ata ver como se desenvolvía a mañá do venres e parte da tarde, logo de que a peineta de Sofía Núñez, realizada e emitida na canle de youtube do Concello xusto antes de celebrarse o pleno no que o noso voceiro poría de manifesto que é apoderada de pleno dereito da segunda empresa local en facturación ao Concello, mais os feitos acaecidos non nos deixan máis opción que decir algo.

   Esa peineta dirixida á camara que grava os plenos, ou sexa á veciñanza de Ribadumia, realizada nos momentos previos do inicio dun pleno no Salón de Plenos Municipal dentro da Casa do Concello é outro exemplo do nivel político desa concelleira. Pola nosa banda o problema non está en si se emitiu ou non, o problema é o feito.

   Que a concelleira que figura como apoderada dunha empresa que factura miles de euros ao ano ao concello, ou sexa a toda a veciñanza, teña esas actitudes chulescas e de desprezo cara todo o mundo no concello, onde non é unha máis, é totalmente inaceptable. Que desta hora non se teña desculpado publicamente e presentada a súa dimisión, resulta indignante.

   Outro tanto David Castro, que no canto de actuar como alcalde ante a situación e os actos desa concelleira, protéxea e busca culpables fora. “A traballadora que puxo a cámara a gravar non ten responsabilidade de nada como non a ten o concelleiro que o xoves fixo pública a situación de ilegalidade manifesta na que se encontra esa concelleira. A responsabilidade tena quen fixo a peineta e quen pasa facturas cada mes ao  concello, non sabemos se correctas ou algo emulsionadas, e quen sabendo que isto estaba pasando, por que David Castro era coñecedor da situación, mira para outro lado”.

  Para Somos Riadumia, quen protexe a unha persoa que actua fora da lei, é cómplice. Quen protexe a unha persoa que se ríe da veciñanza da súa cara, estase rindo tamén.

David Castro debe dar exemplo e cesar de xeito inmediato a Sofía Núñez. Ou dimitir el mesmo se é incapaz de xestionar o seu equipo.

Propoñemos un plan integral da xestión do lixo, e un punto limpo que funcione como debe funcionar.

  • O problema do punto limpo non é o seu tamaño, é a mala xestión de David Castro.
  • 330.000€ para cambiar os contedores de sitio, pois na práctica non aumenta o espazo de almacenaxe, só o de manobra para os camións.
  • Os nosos compromisos: ampliar o horario do punto limpo en cando menos dúas tardes pola semana, unha correcta xestión do mesmo (como a que acadamos na lexislatura pasada) e un plan de xestión de residuos para mellorar a recollida selectiva e impulsar a compostaxe co obxectivo de conxelar e despois poder ofrecer rebaixas na tarifa do lixo.

     David Castro ven de anunciar en plena precampaña un investimento de máis de 300.000 € Para ampliar o punto limpo, dos cales 200.000 € vainos poñer o Concello fundindo a metade do plan Concellos deste 2023, e outros 130.000 a Xunta. Tal como explica Oubiña “non sei se estes serán os investimentos que o PP lle ofreceu a David a cambio da alcaldía, pero dende logo moi pobre me parece o pago se dous terzos da obra ten que saír da carteira do Concello, que nin do Concello son, pois a aportación faina a Deputación. En calquera caso eses cartos estaban moito mellor investidos nun camión novo de recollida de lixo, por exemplo, algo que si é necesario e mesmo urxente”.

  Este é  o segundo anuncio que fai, o primeiro foi de 70.000 € nunha partida que incluíu a todo correr no orzamento do 2022 logo de que apareceran unhas pancartas no propio punto limpo criticando o seu estado e pedindo a dimisión de David Castro. “Pasar de 70.000€ a 330.000€ debería estar xustificado dalgunha maneira, mais parece que aquí a clave é “canto máis gasto mellor”, como nos vellos tempos previos á crise do 2008, cando se facían aeroportos sen avións ou máis localmente  barbaridades como o nudo de Curro”.

   Dende o noso punto de vista, este investimento non era imprescindible nin sequera prioritario, e dende logo un investimento dese tamaño parécenos algo esaxerado para realizar unha dársena e unha rampa. O punto limpo recibiu unha actualización na lexislatura pasada, e conta con superficie suficiente para atender a veciñanza ribadumiense. Ademais, o proxecto presentado non aporta na práctica moito máis espazo de almacenaxe de materiais, so unha colocación distinta dos seis contedores que xa hai actualmente, e nin sequera prevé realizar un peche perimetral en condicións, que evite as continuas entradas a roubar que padece a instalación. En resumo, Un investimento suficiente para facer unha vivenda completa metido nun pouco formigón, e outras urxencias como a compra dun novo camión, sen atender.

   Dende Somos Ribadumia temos moi claro que o problema do punto limpo é a xestión que se fai del. “De nada vai servir recolocar os contedores e facer rampas,  se despois os contedores seguen como ata agora, sen recoller ata que a broza sae por enriba do tellado da caseta. O que hai que facer é mudar a xestión do servizo, manter o punto limpo en condicións, e abrilo máis días”.

As nosas propostas.

   Dende Somos Ribadumia temos claro que a xestión dos residuos, que ten máis patas que o punto limpo, require dun plan de xestión integral do lixo. Os nosos compromisos para o caso de acceder ao goberno van nese sentido: de partida actualizar todo o servizo de recollida, comprar un novo camión, renovar os contedores, e poñer ao día o punto limpo, para o caso de que esa obra que lanzou David Castro non saia adiante, pois a día de hoxe, coa experiencia previa que temos,  non podemos confiar en que nada do que David Castro anuncie se realice. Sexa co punto limpo actual ou con el reformado, o que si faremos será sacar a licitación o servizo de recollida e valeirado do mesmo, tal como estivo ata 2019, para non depender de recollidas puntuais. Tamén ampliaremos o horario de atención ao público un mínimo de dúas tardes máis ao longo da semana, mantendo por suposto a mañá dos sábados.

   Por outra banda, compre  mellorar e impulsar a recollida selectiva, e tamén a compostaxe, para adecuarnos as novas lexislacións medioambientais e para poder conxelar o custo da recollida e xestión, e mesmo reducilo a parámetros que eviten ter que subir o recibo, ou incluso que permitan co tempo unha redución. “A cousa é así, todo o que se recicla ten un valor, e o que se composta non vai á planta de SOGAMA  e polo tanto non hai que pagar por queimalo. O camiño entón pasa por vender o material de reciclaxe e reducir a través da compostaxe o número de toneladas que mandamos a SOGAMA. Se conseguimos isto, e coa correcta xestión pódese facer, poderemos encaixar os custes da xestión sen ter que enfrontar subas no recibo, e no medio prazo poderíamos lograr que a xestión do lixo fora rendible economicamente e polo tanto reducir o recibo. Pero iso require tempo e boa xestión. Tempo levamos perdido moito, e coa xestión actual isto que propoñemos non vai acontecer. Quen teña dúbidas, que se pase polo punto limpo, ou mire o estado no que están moitos dos contedores que temos polo concello adiante, os problemas coa recollida ou  o estado lamentable do camión.”.