En Facenda non constan os pagos das nais e pais da gardería de Ribadumia.
A preto do cento de familias usuarias da gardería non lles aparece no borrador da declaración ese gasto deducido, que pode chegar a 400 € por un fillo, e ata 600 € tendo dous ou mais de menos de 3 anos.
O goberno local, enganando a Facenda, e de vacacións.
A preto dunha semana do final do prazo para presentar a declaración da renda as familias usuarias da gardería estánse encontrando con que os gastos dese servizo non lle aparecen deducidos no borrador da declaración, e con que para que llos acepten teñen que presentar as facturas e agardar a que o Concello faga o que non fixo antes, pois resulta que non declarou os ingresos xerados na Gardería.
Polo tanto, todas as familias con nenos na gardería están perdendo unha dedución do 30% dos custes da gardería na súa declaración, ata un tope de 400 € por neno ou nena, 600 € se se teñen máis de un fillo en idade de gardería, unhas cantidades nada pequenas. Como moitas nais e pais non se fixan en todos os datos da declaración de facenda, ou son primeirizos e descoñecen que poden desgravar estes cartos, dáse a circunstancia de familias que xa presentación a declaración sen corrixir esta situación. E para o caso, esta inconcibible actuación do goberno de David Castro obriga as nais e pais a andar con papeis e solicitar revisións das declaracións, presentar as facturas e certificados e agardar a que o concello corrixa a situación.
Pola nosa banda, consideramos que se xa é lamentable que un Concello, que debería ser exemplar nos trámites coa Facenda Pública, non presente correctamente en Facenda as súas facturacións, moito peor nos resulta que ante unha metedura de pata deste tamaño, garde silencio no canto de emitir unha circular informando a nais e pais do erro e de como proceder para solventalo da mellor maneira posible. Pero, seguindo a liña de actuación de David Castro, non so non se advirte nada, senón que as nais que foron ao Concello a preguntar por esta cuestión tampouco se lle deu solución algunha.
Convén pois advertir a todas as nais e pais que no ano 2022 fixeran uso da gardería municipal, que revisen as súas declaracións de facenda.
Case no San Xoan, e a piscina pública non ten anunciada data de apertura.
David Castro recúa na única mellora acometida en oito anos, que foi a ampliación do calendario para encaixala o período vacacional.
A gardería, con xornada reducida en agosto e a escola de ocio segue dando servizo unicamente polas mañas.
David Castro segue na súa liña política consistente en desfacer de maneira paulatina todo o bo feito no mandato do 1015-2019, prexudicando no proceso a toda a nosa veciñanza, recortando servizos públicos moi necesarios.
Porén, David Castro, lonxe de ampliar os tempos de uso da piscina, recortounos e volveu ao momento anterior ao 2016, limitando o seu uso a dous meses, se finalmente abre a principios de xullo, e só polas tardes. E faino despois de prometer xa no 2019 que ía cubrir a piscina para poder ampliar o seu uso, unha promesa da nunca máis escoitamos falar.
A única mellora no servizo da piscina pública, única pero importante, realizada nese período no cal Somos Ribadumia formou parte do goberno, foi a ampliación do calendario de apertural, encaixandoo no período de vacacións dos nenos e nenas. Na práctica isto significaba un mes máis de apertura de piscina municipal. Tal como recorda Enrique Oubiña, concelleiro do goberno nesa etapa, “esa primeira ampliación formaba parte dun plan a medio prazo que debía completarse entre outras cousas coa apertura da piscina dende o 1 de xuño ao 30 de setembro, así, como a apertura ao público todo o día (agora só abre polas tardes).
A realidade é que David Castro mantén a Ribadumia conxelada no tempo en todo o relativo á conciliación familiar. Mentres os concellos da comarca amplían de maneira paulatina os servizos de conciliación, Ribadumia recorta e conxela estes servizos. A gardería, de xestión municipal, ou sexa responsabilidade directa de David Castro, no mes de agosto vai ter xornada reducida. Así que polas tardes non dará servizo. É xa están as nais é país avisados que para o 2024 esta redución de horario ampliarase ao mes de xullo. Tampouco ten previsto o Concello ampliación da escola de verán unha ampliación máis que necesaria, que deixa a moitos país ou nais, nun concello con moita xente traballando no sector servizos e outros que no verán teñen longas xornadas laborais e poucas vacacións, condenados a buscarse a vida para poder ter aos nenos atendidos.
O noso concelleiro Sérgio Soutelo “non é acpetable que Ribadumia vaia para atras mentres todos os concellos van para adiante. Nós Seguiremos pulando por lograr que os servizos de conciliación melloren e se adapten á realidade do noso concello”.
Barrantes precisa dun plan de xestión urbana global, que solucione todas as problemáticas.
Imos pular pola reforma integral (de verdade, non outro parche) ou a construción dun novo colexio.
Dotaremos prazas de aparcadoiro, eliminaremos os semáforos, melloraremos a seguridade visita e dotaremos os espazos que entidades , veciñanza e Concello precisan.
Realizaremos axustes no PXOM, outras medidas para favorecer a construción ordenada, e crearemos vivenda pública, adquirindo edificios sen rematar ou a través do traballo con outras administracións.
Unificaremos o núcleo de Barrantes con Ribadumia e as comunicacións internas para facilitar os desprazentos dentro do concello.
O núcleo de Barrantes, e parte de Ribadumia, concentra máis da metade da poboación do noso Concello, e o crecemento acelerado vivido nos tempos previos á crise do 2008 trouxo parello un saco de problemas, aos que debemos dar solución, e de maneira urxente.
As nosas propostas para o núcleo de Barrantes non son novas. De feito, neste aspecto o noso programa de goberno apenas tivo modificacións nos últimos catro anos, debido á que o goberno inmobilista de David Castro non realizou ningún avance. Tal como explica o noso voceiro e candidato, Enrique Oubiña, “David presentouse ás eleccións no 2019 cun proxecto que segundo el xa era unha realidade e catro anos despois, non só non fixo nada, senón que mudou a súa proposta inicial dúas veces e no medio perdeu 1’3 millóns de euros, unha barbaridade de fondos que ben xestionados permitirían hoxe ter outro núcleo”.
Non podemos perder máis fondos nin seguir dando tombos con propostas de ida e volta que logo non se concretan en nada. Ademais os problemas de Barrantes exceden a situación do colexio. Por ese motivo nos temos claro que debemos desenvolver políticas urbanísticas en dous terreos: a situación do Colexio, e os problemas do resto do núcleo.
Con respecto ao colexio, o punto de partida está nas intencións da Xunta. A día de hoxe non consta ningunha proposta da Consellería de Educación de facer un novo colexio, senón que pretenden seguir parcheando o actual. Dende Somos Ribadumia apostamos polo realismo e o pragmatismo. Se o PP da Xunta – o de Ribadumia nin está nin se lle espera –muda de idea e propón un colexio novo, dotaremos os terreos necesarios, onde sexa máis convinte, pero se como estamos vendo a Xunta ten intención de manter o colexio na ubicación actual, loitaremos dende o goberno local porque se realice unha reforma integral, e non máis parcheados. Unha loita que non se prevé curta no tempo, pero que daremos. Se xa antes conseguimos dende a oposición un investimento de 800.000€ , dende o goberno lograremos o obxectivo de ter un colexio en condicións. “E mentres damos esa loita, seguiremos traballando no resto de problemas. Hai que gañar espazos para o propio colexio e para a veciñanza, levar de volta as actividades de conciliación á contorna do colexio, e que a cativada estea nun espazo seguro dende que chegan ata que se van, sen ter que transitar como agora polo medio dos autobuses e coches. E dende logo hai que solucionar o problema de ter instalacións compartidas co Umia, e mellorar outras instalacións como o pavillón.
E isto lévanos ao segundo terreo de traballo: o problema de espazo e seguridade viaria no núcleo de Barrantes. A nosa proposta é coñecida, sacar o campo do Umia do centro e recuperar para a veciñanza todo ese espazo, onde se poderán dotar zonas verdes, aparcadoiros e instalacións varias, dende un pavillón en condicións a un edificio que albergue a escola de música e locais sociais para diferentes colectivos.
“Máis aló desta proposta, que é unha proposta no medio prazo pois require tempo para verse completada, hai que revisar o ordenamento de todo o núcleo. Apostar por rúas de sentido único, crear prazas de aparcadoiro, eliminar os semáforos en favor de outras medidas máis efectivas de calmado do tráfico, e en xeral favorecer que dentro do noso maior núcleo as persoas se movan a pé, e con toda a seguridade que sexa posible. E estas son as nosas solucións no curto e mesmo no inmediato prazo. Dixémolo fai catro anos e reafirmamonos agora: se gobernamos cando remate o verán non haberá semáforos en Barrantes, pero teremos máis seguridade nas rúas”. Unha mellora substancial do urbanismo que traeráb detras melloras para a cidadanía e para o comercio e a hostalaría, que se verán favorecidas pola existencia dun núcleo amable, onde as persoas se despracen andando, pero tendo os coches preto.
Ademais de todo o dito, hai que unificar o núcleo de Barrantes co de Ribadumia, onde temos dotacións como o centro de saúde ou o auditorio, e facelo a través das vías de comunicacións, con vías peonís e carrís bici. Pero tamen son necesarias, e así nolo están pedindo dende as zonas máis alonxadas do Concello, dar solucións de comunicación que permitan á veciñanza achegarse ao centro de saúde ou a facer xestións a Barrantes. Neste aspecto hai varias posibilidades, dende un bus interno, a un negociado cos taxis do concello, unha posibilidade que axudaría tamén noutros aspectos como xerar comunicacións co Hospital do Salnés.
O problema da vivenda.
Temos máis problemáticas que enfrontar. Unha de importancia é a falta de vivenda, unha falta de vivenda que afecta a todo o concello, pero que require solucións diferentes no ámbito rural que no núcleo. No respectivo ao núcleo de Barrantes, onde os servizos básicos e outros como os de conciliación existen dende fai anos, temos que enfrontar a cuestión da falta de vivenda. Barrantes é un lugar moi ben situado, é ben comunicado, motivo polo cal resulta atractivo para as novas familias. Pero a realidade é que non hai vivenda, nin para compra nin para alugueiro. Debemos pois por en marcha medidas que axuden a creación de vivenda. Para nós isto pasa por modificar o PXOM, por establecer unha política fiscal orientada á creación de vivenda, e por dotar vivenda pública, algo que nós propoñemos facer adquirindo r rematando varios edificios en construción en Barrantes. Tamén loitar coa Xunta para que dotar vivenda protexida, pero vendo a liña de actuación do goberno popular, entendemos que esa loita vai ser longa, polo que sen deixala se lado, optaremos polo práctico e poremos nós en marcha o noso propio parque de vivenda pública. A maiores disto, hai que reforzar os servizos de conciliación e dar apoio ao comercio e a hostalería, para que o dinamismo da vila favoreza o crecemento en habitantes.
En resumo, que falar de urbanismo no núcleo non é falar de catro medidas illadas, nin moito menos de medidas que son competencia doutras administracións que virán ou non virán. Compre un plan integral, que coñecendo os problemas expoña as solucións particulares e a todo o conxunto, e nós temos ese plan, moi ben traballado e listo para empezar a mudar Barrantes en canto teñamos a capacidade para facelo.
Máis dun mes levamos no centro de saúde cunha soa facultativa.
Gracias ao traballo de Somos Ribadumia, evitamos quedar, de momento, sen ningúnha facultativa.
Unha das facultativas xa non ten previsto incorporarse, pois xubílase, pero o SERGAS non informa de cando vai cubrir esa baixa.
Condenados a estar de novo co persoal en mínimos todo o verán, e posiblemente sen pediatra.
David Castro cala.
Xa máis dun mes leva o centro de saúde con unha soa facultativa, debido a que as outras dúas causaron baixa. E a situación non pinta que se vaia a solucionar pronto, pois unha das facultativas xa se xubila. As consecuencias as mesmas de sempre, citas a quince ou vinte días, o centro de saúde sen médicas cando a que está ten que saír a unha urxencia, e todos os incómodos de estar, a efectos prácticos, sen case servizo. E todo isto co SERGAS caladiño. Nin informan dos problemas, nin aportan solucións.
Dende Somos Ribadumia queremos remarcar que se aínda hai unha facultativa, é gracias ao traballo feito que nos permitiu lograr a terceira praza. De non ser por ese logro, quizais agora estariamos falando dun centro de saúde pechado.
Ademais, como dixemos no seu momento, seguimos co temor de que a actual pediatra acceda a unha das prazas ofertadas polo SERGAS noutro centro de saúde e quedemos de novo sen ese servizo, primordial no noso concello
O noso voceiro, Enrique Oubiña “pregúntome onde está David Castro. O cartel coa súa cara está colocado nas farolas diante do centro de saúde, pero esa é toda a noticia que temos del, que tanto ía loitar pola sanidade”. Os feitos son que mentres a nosa veciñanza está sen médicas e sen atención sanitaria, David Castro en vez de estar reclamando solucións ao SERGAS, dedica o seu tempo a facerse fotos entregando trofeos, participar en eventos privados como o AF7 e a facer campaña.
Dende a nosa formación temos claro que se queremos ter unha atención sanitaria digna e de calidade, teremos nós que loitar por ela, como ata o de agora. E remitímonos aos feitos: dende lograr que se cubriran as baixas a lograr o terceiro médico. Agora seguimos presionando para que se cubra o servizo, pero temos un tapón, que se chama David Castro, candidato do PP.