David Castro minte para intentar  tapar o seu roubo á veciñanza.

  • David Castro emitiu un comunicado dando datos falsos sobre liberacións de anos anteriores e sobre as aprobadas este luns en pleno.
  • Oubiña non cobrou 1.900 €, senón 1.800 €, Vanesa Jorge colle unha liberación superior en máis de 400 € ao que cobraba no Concello e Miguel Castro non vai cobrar 400 €, cobrará 450€.
  • A realidade é que o custe do goberno pasou de 54.000 € no 2015  a 70.000 € neste 2023, e coa Seguridade Social, o total vai pasar de 70.200 € a 91.000 €. Unha suba de case o 25% do custe en liberacións.

   David Castro é incapaz de facer unha declaración pública sen referirse a Enrique Oubiña, e iso que Oubiña xa non é concelleiro. A nós iso non nos preocupa moito, pero preferimos que cando faga ese tipo de intervencións procure non dicir mentiras.

  Este pasado luns David Castro emitiu un comunicado onde, coa intención de disimular o roubo ao que vai someter á veciñanza os próximos catro anos, deu datos falsos sobre o que cobrou Enrique Oubiña na lexislatura 2015/2019 e sobre o que vai cobrar nesta Miguel Castro, chegando a declarar que o custe de liberacións era “practicamente o mesmo” que no 2015.

   Polo tanto, antes de facer outras apreciacións, queremos remarcar os datos reais:

  • No pleno de formación de goberno do ano 2015 aprobáronse dúas liberacións. Unha completa de 1.800€ para Enrique Oubiña (33.500 € brutos), esta co detalle de que supoñía unha merma de aproximadamente 500 € con respecto ao que Oubiña cobraba no sector privado, e outra de 1.200 € para David Castro, que comprometeu a recortar unha parte proporcional no seu traballo, compromiso que non cumpriu, sumando o seu salario público ao privado, xusto o contrario do que fixo Oubiña. Estas dúas retribucións, suman 54.000 €/ano, non 55.000 € como declarou David Castro. A isto habería que sumarlle os gastos de seguridade Social, cos cales a cantidade subiu ata os 70.200 €.
  • No ano 2019 David Castro subiuse o salario a 1.500 € sen xustificación algunha pois non modificou nin a súa presenza no Concello nin a súa función pública, e deu falsas liberacións a dúas concelleiras, por 900 € cada unha delas, subindo así o custe económico aos 61.000 € en salarios, e ata os 79.300 € coa Seguridade Social.
  • Este pasado luns aprobáronse tres liberacións: unha completa, a de Vanesa Jorge, cun valor mais alto que o que cobraba como traballadora do Concello. Unha bonita suba de salario de 400 € ao mes, chegando así aos 1.900€ , un evidente pago de favores. As outras dúas liberacións en falso, pois non supoñen recorte no posto de traballo privado, son a de David Castro  de 1.500 € e a de Miguel Castro, que se aprobou en 450€, outro regalo, non en 400 € como se quixo facer creer. Isto coloca o custe total do goberno de David Castro en 91.000 €, case un 25 % máis do que custou o goberno do 2015.
  • Se na lexislatura 2015/2019 o custe dos políticos foi de 280.800 €, nesta será de 364.000 €.

    Aclarado isto, dende Somos Ribadumia, tal e como o noso concelleiro Sergio Soutelo expresou no pleno, “nós non entramos en debater as cantidades nin as liberacións. O que non podemos aceptar é que se lle pague a un alcalde por non estar no Concello, e que o señor Castro,  que non aparece polo concello antes da unha da tarde e que non atende á veciñanza, se poña un salario do Concello por seguir traballando na empresa privada sen atender ás súas obrigas como alcalde”.

   A nosa postura no pleno, compartida por todas as forzas da oposición foi que David Castro en calidade de alcalde  debe ter unha liberación completa e estar no Concello atendendo á veciñanza, non cobrar do concello e atender á empresa privada.

Por outra banda, David Castro non foi capaz de explicar a xustificación dunha liberación de 450 € para Miguel Castro nin a suba importante con respecto ao seu salario de Vanesa Jorge, que vai ter as mesmas funcións que Pilar Martinez na lexislatura pasada pero cobrando máis do dobre, e á que por certo hai que seguir pagándolle as mutualidades polo seu posto no Concello que correspondan mentres estea liberada, todo con cartos públicos. Como xa dixemos, cobrar sobre-salarios e nin sequera estar no concello no horario de atención ao público é roubarlle á veciñanza, e cobrar salarios sen xustificación, tamén. .

  Por último, recordarlle a David Castro que hai un documento asinado ante notario onde se especifican as condicións do acordo acadado no 2015 para o goberno de Ribadumia. Ese acordo foi redactado por unha compañeira súa  seguindo o proceso de negociación, e a parte de liberacións e correspondencia económica foi a última en definirse. O primeiro en acordarse foi facer alcalde a David Castro, concelleiro electo de IR. “Igual se o señor Castro quere facer memoria, lle vaia ben recordar como chegou á alcaldía de Ribadumia e gracias a quen”.

David Castro dispara o custe do goberno local ata os 70.000€ ao ano.

  • A proposta para a formación de goberno inclúe tres liberacións: David Castro, Vanesa Jorge e  Miguel Castro.
  • 70.000€ ao ano, contra os 54.000€ ao ano que custou o tripartito.
  • David Castro recorta o funcionamento democrático do concello  bloqueando o acceso ás Comisións Informativas.
  • Por primeira vez dende que existen as Comisións Informativas, non van estar presentes todos os partidos con representación no Pleno.
  • David Castro oculta a súa proposta para a Mancomunidade e o reparto de áreas de goberno.

   David Castro, que ten maioría absoluta e podía ter convocado o pleno de formación de goberno fai un mes, estivo agardando case ata o último momento a convocar ese pleno de organización para ocultar as súas intencións de formar a corporación menos democrática e a máis cara  dende que temos democracia, intentado novamente escapar da opinión pública.  De feito, o pleno está convocado para este próximo luns as 21:30 horas, nun intento de evitar a exposición pública.

  De partida, a proposta enviada ao noso concelleiro, Sergio Soutelo “inclúe tres liberacións. En realidade unha liberación total, a de Vanesa Jorge (35.000 € brutos) , que vai ingresar 1.900 €  ao mes en 14 pagas, e dúas falsas liberacións, a de David Castro ( 28.500 € brutos), con 1.500€/mes e a de Miguel Castro (6.500 € brutos), con 450€/mes que van cobrar pero sen deixar de lado o seu traballo, o cal supón na práctica que van cobrar un sobre-salario do público mentres manteñen o 100% do seu traballo no sector privado, algo que nós non podemos compartir”. Dende o noso punto de vista, os concelleiros que se acollan a liberacións, deben facelas efectivas  pois esas liberacións son para realizar traballo político no Concello, non un pago de favores. E dende logo, o alcalde debe estar no concello no horario no que este está aberto.  

   Máis aló disto, esta proposta supón  o goberno máis caro dende que temos democracia, ao pasar dos  54.000€/que costou o goberno do 2015/19 aos 70.000€. Non está nada mal para o equipo que dicía que non viña á política a cobrar. En todo caso, insistir en que nós non nos opoñemos ás liberacións dentro do razoable. Ao que nos opoñemos é ao pago de favores con cartos públicos e a que se lle roube á veciñanza.

  En canto  á formación do goberno,  David Castro pretende facer algo inaudito, que é recortar a presenza dos partidos políticos nas Comisións Informativas previas a pleno, algo que non fixo nin no 2019, nin no 2015. De feito, de  aprobarse esa proposta, sería a primeira vez en democracia e dende que existen as  Comisións Informativas que non estarían presentes todos os partidos con representación na corporación.

   Neste aspecto, nós seguimos defendendo, como no ano 2015, que todas as formacións políticas estean en todos os órganos de decisións que lle corresponda, tanto nas Comisións Informativas como nas Xuntas de Voceiros ou nas mesas de contratación. Neste aspecto ao ter constancia da proposta de David Castro, presentamos unha proposta ao resto da corporación para crear a Comisión Informativa Única, onde teñan presenza todas as concelleiras e todos os concelleiros, pois ademais hai que recordar que nos plenos o voto é persoal, e convén sempre que nos órganos previos aos plenos todas as persoas con cargo de concelleiro e concelleira teñan completo acceso a toda a información,  e poidan dar a súa opinión, defender as súas propostas ou aportar ao que se debata.

   Outra cuestión que chama moito a atención, é que o goberno local non quixo expor o reparto de áreas dentro do goberno, nin as persoas que propón para a Mancomunidade. De partida, parécenos unha falta de respecto que a estas alturas e logo dun mes co goberno sen organizar, non se informe á metade da corporación de quen van a ser as persoas responsables das diferentes áreas de traballo, que neste caso serán nove, e se David Castro pretende propoñer a algún compañeiro ou compañeira para ocupar unha cadeira da Mancomunidade, máis que nada porque hai que votar as diferentes propostas.

   En resumo,  a veciñanza retiroulle a David Castro unha parte importante do seu apoio, que foi a outras forzas políticas, pero este leeu mal a mensaxe e agora pretende recortar a presenza nos órganos colexiados municipais de partidos que obtiveron representación municipal e polo tanto contan co apoio dunha parte da veciña, ademais de que usa a institución municipal para pagar favores políticos, dando liberacións, e tamén falsas liberacións, unha delas a si mesmo.

   Con todo, nós aínda confiamos en que o sentido común e da democracia prevaleza e conformemos unha corporación equilibrada e democrática, onde todas as forzas políticas e todos os concelleiros e concelleiras teñan a posibilidade de expresarse en igualdade de condicións, e co diálogo como máximo mecanismo para buscar acordos.  Aínda estamos a tempo de recuperar un funcionamento que chegou a ser modélico.

Caos total no concello de Ribadumia.

  • Avarías continuadas na rede de auga, problemas para por en marcha a piscina, as rutas de turismo abandonadas, o comedor da escola de verán saturado … e ninguén collendo o telefono do Concello.
  • En plena tempada de verán e o Concello está colapsado polas avarías  e os problemas derivados da falta de mantemento e de xestión.  
  • Colapso, por mala organización do Concello do servizo de cátering, pero o goberno di que non sabe nada nin ten nada que ver.
  • David Castro, desaparecido.

     Ribadumia encontrase nunha situación completamente insostible. Os problemas de mantemento son continuos, sobre todo na rede de suministro de auga, pero pasa o mesmo coas instalacións municipais, as actividades de conciliación e incluso os espazos máis visitados pola veciñanza e o turismo presentan un estado lamentable.

    No último mes tivemos non menos de media ducia de problemas por avarías na rede de suministro da auga, con cortes longos de suministro en varias zonas, e non nos referimos ao problema habido en Pontearnelas, senón a diversos problemas dentro da rede local.

   Ademais disto, parecera que non houbese ninguén traballando no departamento de mantemento do Concello, e dende logo non hai ninguén ao mando. Temos varios puntos en estradas locais vallados polo concello, algúns dende fai máis de un mes, sen que os problemas que haxa se solucionen. Tampouco parece que houbese moita presa por solucionar os supostos problemas da piscina municipal, que fai días que debería estar aberta ao público, e so logramos que se axilizaran as reparacións e se abrira logo dunha campaña nas redes sociais.

   Por outra banda, vimos de ter coñecemento de que o servizo de comedor da escola de verán colapsou xa ao poñerse en funcionamento,  ao ter unicamente unha monitora para dar de xantar a unha trintena de nenos e nenas na aula de Ribadumia, algo inviable. No momento de redactar este comunicado o asunto está sen resolver. No Concello non foron capaces de dar solución algunha, ata o punto de que membros do goberno escapista de David Castro chegaron a asegurar que o comedor non era responsabilidade do Concello senón dun colectivo alleo a este. Por suposto, é un servizo municipal, subcontratado polo goberno local a unha empresa á que polo visto ninguén controla.

   Por outra banda, en plena tempada turística, Ribadumia está dando unha imaxe lamentable. A ruta da pedra e da auga e a senda do Umia, os nosos maiores atractivos, presentan unha imaxe de abandono, co mobiliario apodrecido e esnaquizado, taboas nas pontes de madeira soltas supoñendo un perigo, barreiras de seguridade en pontes que faltan … e o peor disto, é que a situación leva así de grave meses, sen que o goberno local faga nada. Tampouco se solucionaron os problemas da oficina de  turismo a pesar do lavado de cara que se lle realizou recentemente, e segue sendo un forno sen aire acondicionado, nin aseos nin auga corrente.

   E todo isto acontece nun clima de total descontrol, cos concelleiros e concelleiras sinalandose uns a outros pero sen que ninguén se faga responsable de nada, ata o punto de que nin sequera parece haber persoal para atender ao teléfono no Concello, e que descolguen resulta algo case tan difícil como ser atendido por algún membro do goberno local.

  E por último, o máis lamentable. Coa situación de caos de xestión que vive o concello,  coa cantidade problemas que estamos tendo en cuestións de mantemento, e David Castro esta completamente desaparecido.   

 Dende Somos Ribadumia entendemos que poida haber puntualmente un pico de problemáticas, sobre todo  tendo  en conta o mal mantemento que dende fai anos padece o noso Concello, e a torpe xestión que se esta facendo en todas as áreas, pero o que non podemos aceptar é que o goberno e en concreto o alcalde  se vaia de vacacións ou desapareza do mapa polo motivo que sexa, e deixe o concello ao pairo, sen ninguén competente que xestione as situacións.

A Xunta volve rirse das nais e pais do CPI Xulia Becerra Malvar.

  • Anuncia como grandes obras repoñer unha cuberta retirada na anterior obra e arranxar un par de aseos.  
  • Nin rastro das obras que reclama o colexio, nin do cambio de tellado, nin do patio cuberto, nin de ningún dos arranxos propostos pola comunidade escolar, como a substitución dos chans.
  • David Castro , que so aparece para as fotos, caladiño.

  Esta semana David Castro acudiu correndo e sen avisar ao CPI Xulia Becerra Malvar a facerse unha foto con técnicos de educación, para anunciar un suposto “investimento de importancia” en obras de “humanización no interior e no exterior do colexio “.

  Dende Somos Ribadumia puxémonos en contacto coa dirección do centro co obxectivo de saber en que ían consistir esas obras no concreto. Obviamente 32.000€ á Xunta, que tende a estragar os cartos públicos, non ían darlle para moita obra, pero cal foi a nosa sorpresa cando nos explicaron que a “humanización no exterior”  vai consistir en repoñer unha cuberta  que foi retirada pola empresa que realizou as obras anteriores,  unha cuestión que xa dende a nosa formación puxemos de relevancia no pasado mes de xaneiro, e que a “humanización interior” vaise concretar  en reparar un par de aseos, nin sequera todos, e nin sequera esta claro en vai consistir esa reparación. Non se vai, facer nada máis.

   De partida, que unha empresa retire unha cuberta, e teña que ser a Consellería quen se faga cargo de repoñela non deixa de ser unha mostra de como usa a Xunta os fondos públicos, permitindo que as empresas adxudicatarias das obras fagan o que lle dea a gaña, sen reparar nos gastos.

  Dende a nosa formación consideramos unha completa tomadura de pelo a actitude que dende fai anos a Consellería de Educación mantén co Colexio de Ribadumia e por extensión con toda a comunidade educativa, nais, país, alumnado e profesorado. É inaceptable que logo de anos de compromisos sen cumprir e despois dun investimento de case 900.000€ as eivas importantes do Colexio, algunhas delas por certo recollidas no proxecto desa obra, estean sen solucionarse. E máis tomadura de pelo é que faga falla máis de un ano e un curso escolar á choiva para que unha Consellería poña unha sinxela cuberta.

  Dende Somos Ribadumia nin comulgamos con rodas de muiño nin aceptamos caramelos para estar calados. Hai que deixarse de parches. O Colexio precisa dun investimento de importancia, pero ben empregado, non como o anterior, que se resolvan os problemas de degradación dun centro que supera o medio centenar de anos sen apenas reformarse, e se doten os espazos necesarios.  E David Castro, ten que deixar de facerse fotos e poñerse a traballar pola veciñanza de Ribadumia.