David Castro admite erros na xestión do SAF.

  • David Castro admite que houbo erros na xestión do SAF, e que durante meses non fixo nada por solucionalos.
  • As mentiras de David Castro: non se informou do problema, estívose cobrando erroneamente meses e non se devolveron as cantidades mal cobradas.
  • Incapaz de resolver os problemas que el mesmo crea, David Castro dedícase a atacar a Somos Ribadumia.

   David Castro acudiu a prensa para intentar desacreditar a Somos Ribadumia, pero non puido negar a realidade, que é que efectivamente houbo erros na xestión dos cobros do SAF e que algúns recibos pasáronse polo dobre do que correspondía, e polo tanto o informado pola nosa formación foi correcto.

    O que non fixo David Castro foi dicir a verdade. A familia á que el se refire como única afectada, nós non podemos saber cal é, pero debe ser distinta da familia que nos permitiu acceso ás facturas para comprobar que efectivamente se lle estiveran pasando os cargos mal. Esta familia en concreto non foi en ningún momento advertida de ningún erro. Ao contrario, tivo unha persoa desa familia que dirixirse ao Concello e poñer a pertinente queixa e advertirlle ao goberno do erro na facturación,  pois no concello ata ese momento ninguén se percatara do que estaba acontecendo,  e tampouco llo resolveron de xeito inmediato, pois fixeron falla varias visitas ao Concello e varias queixas para que corrixiran os recibos, non así o reintegro das cantidades cobradas erroneamente, que está sen realizar.

   Resulta dunha máis que sospeitosa casualidade que o mesmo día que sae na prensa esta cuestión David Castro aprobara o reintegro dos cartos mal cobrados, para o caso de que así fora pois ese reintegro  a día de hoxe, como dixemos, non se fixo efectivo. Parécenos lamentable que a única maneira de que o goberno local actúe e solucione un problema sexa que dende Somos Ribadumia o fagamos público. Por que ademais non é a primeira vez que pasa: o concurso para adxudicar o servizo do SAF fíxose logo de que dende Somos Ribadumia advertiramos de que o servizo estaba conxelado e as altas da ducia de familias que levaban meses agardando pola xestión do Concello, fixéronse efectivas ao día seguinte de que Enrique Oubiña fixera pública a situación nun pleno municipal.

   En resumo, David Castro pretende culpabilizar  a Somos Ribadumia por facer públicos os erros da súa xestión, erros que nalgúns casos supoñen un custe económico para a veciñanza, e noutros como xa pasou poñen en risco a saúde das persoas. Poñemos no seu coñecemento, por se non caeu na conta, de que dende Somos Ribadumia imos seguir traballando e facendo o que nos corresponde facer. Quizais o que deba reflexionar é quen se presenta a alcalde pero despois deixa a xestión do concello totalmente abandonada.

Cobros erróneos do Concello de Ribadumia polo Servizo de Axuda no Fogar (SAF).

  • O concello leva meses mandando cargos de ata o dobre do correspondente nas facturas polo servizo do SAF.
  • Outro erro na xestión do que o goberno local non informou ás familias usuarias deste servizo e que intenta ocultar á opinión pública.
  • Non se sabe o alcance do erro, pero si se sabe que de momento o Concello non devolveu os importes mal cobrados nos casos onde as familias reclamaron.
  • Suma e segue cos problemas co servizo do SAF. Familias sen atender por non ter renovada a concesión, despois familias ás que directamente se lle bloqueaba o acceso  o Servizo de Axuda no Fogar, e agora facturas mal cobradas.
  • E suma e segue cos erros na xestión administrativa que pagan os veciños: dende as multas de aparcadoiro acumuladas, cobros abusivos nas altas de saneamento e auga, erros con multa na facturación da auga, e agora erros no cobro do servizo do SAF.

 En días pasados tivemos coñecemento a través dunha familia do noso concello, do enésimo problema co servizo do SAF, que como todo os anteriores, resulta dunha mala xestión e do pasotismo do goberno local, que nin esta nin se lle espera na casa consistorial. Neste caso erros na facturación, que están provocando que as familias se lle carguen recibos de ata o dobre do que lle corresponde.

   Esta situación mantívose durante meses , e non sabemos se  sigue manténdose porque entre outras cousas non foi comunicada ás familias que teñen este servizo, todas elas coa facturación domiciliada, e tal como explica o noso concelleiro  Sergio Soutelo, “ houbo familias que notaron que lle estaban cobrando mal porque a cifra era alta, nalgún caso o dobre do aprobado pola Xunta, pero en casos onde o erro sexa pequeno, as familias afectadas poderían non darse conta, e temos a sospeita  de que o Concello tampouco ”.

   Por iso que dende aquí queremos advertir ás familias usuarias do SAF que revisen que o Concello lle estea facturando correctamente, e en caso contrario que poñan a pertinente reclamación na administración local.

  O noso voceiro Enrique Oubiña, que en maio deste ano denunciaba que unha ducia de familias tiña o servizo bloqueado por David Castro,  e antes, en setembro do 2022, denunciou a parálise que durante meses tivo este servizo, sen poder dar altas novas,  por non ter licitada unha nova concesión, considera que “esta é outra mostra da incapacidade de David Castro para xestionar o noso Concello, e sobre todo do pouco que se preocupa polas familias de Ribadumia. O SAF é un servizo primordial, pero David con tal de que se facture, aínda que sexa mal,  parece que xa está tranquilo. E iso sen valorar que para determinadas familias, un erro no cargo de 100 €, pode supoñer un pau económico importante, como para que aínda por enriba o alcalde se tome a resolución do problema con calma, deixando a esas familias meses agardando a que lle devolva o cobrado de máis”.

  Ademais, non é a primeira (nin a segunda) metedura de pata na xestión da administración local que vivimos en Ribadumia. Dende que David logrou a súa primeira maioría absoluta, en Ribadumia xa pasamos, entre outros,  por erros na xestión das multas de aparcadoiro, cobros abusivos nas altas de saneamento e auga e por exemplo  erros na xestión dos recibos da auga, que fai agora un ano daban sustos de ata 2.000€ entre recibos e multas  a moitas familias no noso concello, todas situacións feitas públicas por Somos Ribadumia, que o goberno de David Castro primeiro ocultou, logo pretendeu negar, pero que rematou por admitir. Un cúmulo de “situacións puntuais” que demostran que en Ribadumia non hai ninguén gobernando.

A sede electrónica do Concello de Ribadumia leva días inhabilitada.

  • Inaudito, o Concello ten caducados certificados de seguridade dende fai máis dunha semana, imposibilitando que se poida usar a sede electrónica.
  • A sede electrónica é fundamental, e tela inhabilitada implica ter paralizado o Concello e todos os trámites tanto do Concello como de empresas e particulares.
  • A desprotección da sede electrónica pon en perigo os datos de miles de persoas e empresas do noso Concello e de fora del.
  • Suma e segue no caos no que vive o Concello.

   David Castro deixou ao Concello de Ribadumia ao pairo. E cada día que pasa danos unha nova mostra da súa desidia.

  Esta semana encontrámonos con que a sede electrónica do Concello de Ribadumia, unha ferramenta fundamental pois a lei obriga dende fai anos a comunicarse electronicamente coas administracións públicas, e  a través dela realízanse cada día ducias de tramites. Ao tempo, o Concello precisa dela para poder comunicarse co resto de administracións.

  O que aconteceu aparentemente –  pois como sempre ninguén sabe nada – foi que o goberno local xestionou a renovación dos certificados dixitais do Concello, bloqueando así o uso da sede electrónica, algo totalmente inaudito nunha administración pública. E todo isto como xa é habitual sen advertirllo á veciñanza e sen dar opcións ou alternativas que mitiguen o problema.

  Isto obriga á veciñanza, a colectivos  e ás empresas a  trasladarse ao Concello para facer todos os tramites que precisen, un atraso que novamente paga a nosa veciñanza e as empresas locais. Ademais disto, crease un buraco de seguridade, que pode por en risco todos os datos das persoas que usan a sede electrónica habitualmente, outra mostra da irresponsabilidade de David Castro, que logo de oito anos de alcalde sigue pensando que pode dirixir o Concello dende a distancia da bodega privada na que traballa no canto de estar atendendo aos problemas do Concello onde lle corresponde, que é na casa do Concello.

  Dende Somos Ribadumia agardamos que o problema se solucione pronto na súa totalidade, pois de momento só se resolveu en parte e logo de que saíra na prensa, e o servidor non é seguro, polo ata entón, recomendámoslle á eciñanza que se teñen que facer algún tramite no Concello, opten por acudir presencialmente á casa consistorial.

David Castro minte para intentar  tapar o seu roubo á veciñanza.

  • David Castro emitiu un comunicado dando datos falsos sobre liberacións de anos anteriores e sobre as aprobadas este luns en pleno.
  • Oubiña non cobrou 1.900 €, senón 1.800 €, Vanesa Jorge colle unha liberación superior en máis de 400 € ao que cobraba no Concello e Miguel Castro non vai cobrar 400 €, cobrará 450€.
  • A realidade é que o custe do goberno pasou de 54.000 € no 2015  a 70.000 € neste 2023, e coa Seguridade Social, o total vai pasar de 70.200 € a 91.000 €. Unha suba de case o 25% do custe en liberacións.

   David Castro é incapaz de facer unha declaración pública sen referirse a Enrique Oubiña, e iso que Oubiña xa non é concelleiro. A nós iso non nos preocupa moito, pero preferimos que cando faga ese tipo de intervencións procure non dicir mentiras.

  Este pasado luns David Castro emitiu un comunicado onde, coa intención de disimular o roubo ao que vai someter á veciñanza os próximos catro anos, deu datos falsos sobre o que cobrou Enrique Oubiña na lexislatura 2015/2019 e sobre o que vai cobrar nesta Miguel Castro, chegando a declarar que o custe de liberacións era “practicamente o mesmo” que no 2015.

   Polo tanto, antes de facer outras apreciacións, queremos remarcar os datos reais:

  • No pleno de formación de goberno do ano 2015 aprobáronse dúas liberacións. Unha completa de 1.800€ para Enrique Oubiña (33.500 € brutos), esta co detalle de que supoñía unha merma de aproximadamente 500 € con respecto ao que Oubiña cobraba no sector privado, e outra de 1.200 € para David Castro, que comprometeu a recortar unha parte proporcional no seu traballo, compromiso que non cumpriu, sumando o seu salario público ao privado, xusto o contrario do que fixo Oubiña. Estas dúas retribucións, suman 54.000 €/ano, non 55.000 € como declarou David Castro. A isto habería que sumarlle os gastos de seguridade Social, cos cales a cantidade subiu ata os 70.200 €.
  • No ano 2019 David Castro subiuse o salario a 1.500 € sen xustificación algunha pois non modificou nin a súa presenza no Concello nin a súa función pública, e deu falsas liberacións a dúas concelleiras, por 900 € cada unha delas, subindo así o custe económico aos 61.000 € en salarios, e ata os 79.300 € coa Seguridade Social.
  • Este pasado luns aprobáronse tres liberacións: unha completa, a de Vanesa Jorge, cun valor mais alto que o que cobraba como traballadora do Concello. Unha bonita suba de salario de 400 € ao mes, chegando así aos 1.900€ , un evidente pago de favores. As outras dúas liberacións en falso, pois non supoñen recorte no posto de traballo privado, son a de David Castro  de 1.500 € e a de Miguel Castro, que se aprobou en 450€, outro regalo, non en 400 € como se quixo facer creer. Isto coloca o custe total do goberno de David Castro en 91.000 €, case un 25 % máis do que custou o goberno do 2015.
  • Se na lexislatura 2015/2019 o custe dos políticos foi de 280.800 €, nesta será de 364.000 €.

    Aclarado isto, dende Somos Ribadumia, tal e como o noso concelleiro Sergio Soutelo expresou no pleno, “nós non entramos en debater as cantidades nin as liberacións. O que non podemos aceptar é que se lle pague a un alcalde por non estar no Concello, e que o señor Castro,  que non aparece polo concello antes da unha da tarde e que non atende á veciñanza, se poña un salario do Concello por seguir traballando na empresa privada sen atender ás súas obrigas como alcalde”.

   A nosa postura no pleno, compartida por todas as forzas da oposición foi que David Castro en calidade de alcalde  debe ter unha liberación completa e estar no Concello atendendo á veciñanza, non cobrar do concello e atender á empresa privada.

Por outra banda, David Castro non foi capaz de explicar a xustificación dunha liberación de 450 € para Miguel Castro nin a suba importante con respecto ao seu salario de Vanesa Jorge, que vai ter as mesmas funcións que Pilar Martinez na lexislatura pasada pero cobrando máis do dobre, e á que por certo hai que seguir pagándolle as mutualidades polo seu posto no Concello que correspondan mentres estea liberada, todo con cartos públicos. Como xa dixemos, cobrar sobre-salarios e nin sequera estar no concello no horario de atención ao público é roubarlle á veciñanza, e cobrar salarios sen xustificación, tamén. .

  Por último, recordarlle a David Castro que hai un documento asinado ante notario onde se especifican as condicións do acordo acadado no 2015 para o goberno de Ribadumia. Ese acordo foi redactado por unha compañeira súa  seguindo o proceso de negociación, e a parte de liberacións e correspondencia económica foi a última en definirse. O primeiro en acordarse foi facer alcalde a David Castro, concelleiro electo de IR. “Igual se o señor Castro quere facer memoria, lle vaia ben recordar como chegou á alcaldía de Ribadumia e gracias a quen”.