Estamos sorprendidos pola situación creada coas felicitacións de aniversario aos nenos durante este confinamento.
- David Castro desautorizou a Protección Civil de Ribadumia para realizar esta función.
- Algúns nenos e nenas están sendo felicitadas pola agrupación de Protección Civil de Cambados.
- Pedimos do goberno local que acabe co escurantismo ao que ten sometida a oposición con todo o relacionado co covid-19.
Dende Somos Ribadumia non podemos amosar máis que sorpresa ante a situación surrealista que o goberno de David Castro creou durante este confinamento, ao redor dunha iniciativa tan sinxela como a de felicitar aos nenos que cumpran anos, iniciativa que noutros concellos veciños fai xa semanas que se leva a cabo sen maior problemática.
A iniciativa, que consiste en que a agrupación local de protección civil, nalgúns concellos como Cambados coa colaboración dunha empresa de animación infantil, se despraza ata o fogar do neno ou nena que estea de aniversario para felicitalo publicamente dende a rúa, usando a megafonía para poñer unha canción, e dando así unha chispa de alegría e rompendo algo coa rutina dos cativos nestes longos días de confinamento, a priori non presenta ningunha problemática dende o noso punto de vista a hora de poñerse en marcha no noso concello, e cónstanos que a agrupación de Protección Civil de Ribadumia xa o propuxo no seu momento e mesmo a puxo en práctica.
Porén, tal como explicaba Oubiña, “ cal foi a nosa sorpresa cando ao enterarnos de que dende a alcaldía desautorizaron esta iniciativa e obrigaron a Protección Civil a detela, cando xa habería en lista de garda varias ducias de nenos e nenas, unha decisión da que descoñecemos os motivos e xustificacións”. Esta situación provocou o enfado de nais e pais, enfado que foi a máis ante a falta de información aportada polo concello, sobre todo tendo en conta que nos concellos veciños se leva a cabo sen problemas. Con todo, a situación volveuse totalmente confusa cando fai uns días algún cativo do concello foi felicitado na súa casa, pero por persoal de Protección Civil de Cambados.
Foi a partir deste momento cando o noso voceiro se puxo en contacto coa agrupación ribadumiense de protección civil e alí lle confirmaron que “ eles non teñen autorización para realizar estas felicitacións, pero se unha nai ou pai chama á agrupación de Protección Civil de Cambados e poden facelo, eles por suposto están encantados de axudar”.
Dende o noso punto de vista, e tal como expón Oubiña esta situación “é totalmente ridícula, máis propia das actuacións dunha comisión de festas sen experiencia que dun goberno que pretenda xestionar cun mínimo de seriedade o concello”. Pedimos a David Castro que se aclare, e que permita que iniciativas como esta se realicen, por suposto dentro sempre dos parámetros de seguridade. Pedimos tamén que, ao igual que na maioría de concellos, o equipo de goberno de David Castro abandone o escurantismo e bloqueo informativo ao que ten sometida á oposición e a propia poboación, “primeiro porque vai en contra do funcionamento democrático, segundo porque el mesmo asumiu en pleno o compromiso de contar coa oposición nos temas de importancia e terceiro porque por moito que tente actuar á calada este é un concello pequeno, e sempre será mellor que a oposición coñeza as decisións municipais polas canles establecidas e con toda a información, que non a través da veciñanza”. A este respecto, que non se teña informado nin convocado telematicamente a xunta de portavoces nin unha soa vez, nin enviado ningún tipo de información, parécenos do máis grave, aínda que non nos sorprende nun goberno que en menos dun ano acusa xa os signos da soberbia das maiorías absolutas.
Por suposto insistimos dende a nosa formación na nosa vontade positiva de apoiar tanto e como sexa necesario ao goberno local nesta difícil situación, pero non o podemos facer se non se mantén un mínimo de respecto institucional e cando menos se nos informa das medidas tomadas en cada momento.