David Castro perde máis de 500.000€ en dúas subvencións  por neglixencia na súa xestión.

  • Perdidos 429.000€ do plan ReacPon por presentar un proxecto que non cumpría as bases da convocatoria.
  • Os 100.000€ xa concedidos do plan Ágora, perdidos polo mesmo, e ademais por non resolver en prazo os requirimentos da Deputación de Pontevedra.
  • David Castro elaborou o proxecto e presentouno duplicado, sabendo que no cumpría os requisitos.
  • Esiximos responsabilidades políticas.

  No boletín que este nadal enviamos a todas as casas de Ribadumia expoñiamos que David Castro perdeu no 2021  ao redor de 600.000€ en subvencións (85.000€ de liñas menores de axuda + 115.000€ de política social aos que renunciou + 400.000 do ReacPon). Pois ben, quedámonos curtos en máis de 100.000€, tal e como comprobamos logo de que o noso voceiro consultara, xunto ao resto de voceiros da oposición, a documentación relativa ao discutible proxecto que David Castro tiña previsto para a contorna do CPI Xulia Becerra Malvar e o campo de fútbol de A Bouza, proxecto “segredo” que dende a nosa formación sacamos á luz o verán pasado.

     O proxecto en concreto, recordamos, prevía a eliminación do aparcadoiro sito entre o CPI Xulia Becerra Malvar e o campo de fútbol de A Bouza, para realizar un falso patio cuberto e unha zona parcialmente axardinada, e un cambio nas beirarrúas e zonas de aparcadoiro nun tramo da rúa Condesa. En xullo , en pleno municipal  David Castro informou de que o proxecto rondaría os 600.000€ e que se estaba redactando o proxecto para tratar de entrar no plan ReacPon da Deputación. Xa no seu momento falamos das mentiras ditas nese pleno, pois o proxecto xa se presentara a un plan anterior en marzo, o Ágora, a través do cal o Concello conseguira inicialmente 100.000€.

    Unha vez analizada a documentación existente no Concello, ou cando menos aquela á que se lle deu acceso ao noso concelleiro, podemos aclarar algunhas das dúbidas.

  A primeira é que tal como nós sospeitabamos David Castro presentou o mesmo proxecto a dúas liñas de axuda diferentes, o plan Ágora, para o cal solicitou 100.000€ , e o plan ReacPon, a través do cal pedía 429.000€. E no canto de presentalo dividido en dúas actuacións distintas, que neste caso sería o legal e o correcto, fixo da maneira máis custosa e torpe, que foi presentando o mesmo proxecto, para as mesmas actuacións, modificando a súa redacción. De feito, tal foi a capa de maquillaxe técnica que o proxecto presentado para o plan Ágora está valorado en 601.000€, e o mesmo proxecto, presentouse para o plan reacPon valorado en 771.000€.

   Tal como explica Oubiña, concelleiro de obras na lexislatura anteriorconcretando os feitos. David Castro presentou un proxecto valorado en 601.000€ ao plan Ágora. Logrou entrar nesa liña obtendo 100.000€. Os outros 501.000€ debía aportalos o Concello. Para evitar aportar eses cartos, David no canto de traballar e xestionar algunha liña económica coa Xunta ou mesmo coa administración central, optou pola picaresca, e  presentou o mesmo proxecto ao plan ReacPon, maquillado e engordando o orzamentos ata 771.000€ e solicitando 429.000€. O obxectivo evidente  era que o concello so tivera que facer fronte con fondos propios a unha parte pequena. Aínda no imposible caso de que isto saíra ben o concello tería que dispor entre 200.000€ e 250.000€, como mínimo, pero o  resultado foi o esperable cando pretendes facer trampas tan burdas como presentar ante a mesma administración  dous proxectos iguais  con importes distintos, e pretender ademais que un cubra boa parte do outro.”.

   Ribadumia foi dos poucos concellos que quedaron fora do plan ReacPon. Isto non é de estrañar, porque aínda que ese plan era moi accesible para os concellos, ata o punto de que a Deputación chegou a aumentar o seu importe para dar cobertura a maior cantidade de proxectos posibles, había que cumprir unha serie de requisitos, entre os cales estaban ter o plan minimamente avanzado, non so sobre o papel. Isto prexudicou claramente ao concello de Ribadumia nas valoracións. tampouco debeu axudar moito que David Castro tivera a cara dura de declarar na solicitude que xa tiña 100.000€ concedidos no plan Ágora, un proxecto supostamente diferente, información que cabía pensar que os técnicos contrastarían”.

  A documentación  confirmou outra das nosas sospeitas, a máis grave: que ese proxecto non se ía poder financiar a través deses dous plans en ningún caso. De feito, o financiamento a través do plan Ágora foi suspendido e o concello perdeu os fondos. O motivo é algo que David Castro sabe como saben todos os alcaldes: calquera obra financiada pola Deputación de Pontevedra – ao igual que o resto de administracións –  ten unha condición ineludible, que é que os terreos e vías afectadas por eses proxectos deben ser de titularidade municipal.  E o tramo da rúa Condesa incluído no proxecto non é de titularidade municipal, senón que forma parte da EP-9506, de titularidade provincial. Así consta no requirimento que a Deputación lle enviou ao Concello e que o alcalde contestou fora de prazo e unicamente despois de que dende a oposición pediramos acceso á toda a documentación.

  Para Oubiña “o mais lamentable é a desidia do alcalde. Sabía de sobra que non cumpría o requisito da titularidade da vía, pero ese é un atranco moi sinxelo de solventar. So hai que solicitarlle a Deputación a titularidade, facer o trámite burocrático e levala a pleno. Dende o momento que se  decantou por ese proxecto, sobroulle tempo para facelo. Pero optou por quedarse de brazos cruzados agardando que a Deputación lle dera os cartos pola súa cara de neno bo”.

E agora quen asume responsabilidades?

Parécenos inaceptable que un goberno engane a cidadanía pretendendo que quere lograr fondos para proxectos importantes optando a liñas de axudas para as que sabe que non cumpre cos requisitos. De partida é unha tomadura de pelo de cara a administración afectada, neste caso a Deputación, pero tamén é rirse da veciñanza, porque un proxecto desa envergadura, non aparece da nada premendo un botón, fan falla moitas horas de persoal técnico e recursos  que teñen o seu custe, que pagamos todos os veciños e veciñas, máis aínda se se fai dende o Concello e obrigando aos traballadores municipais a deixar de lado outras cuestións, ou a facer horas extraordinarias.

   Pero para nós hai algo se cabe aínda máis inaceptable. E é que estas subvencións perdéronse, primeiro por non plantexar ben o que se quería facer e solicitar as cousas cumprindo os requisitos, algo que era factible actuando con responsabilidade e dilixencia, e segundo porque, con todo, era perfectamente viable e sinxelo  solventar o da titularidade das vías afectadas polo proxecto e cando menos salvar a concesión do Plan Ágora..

  Podemos entender e asumir que unha subvención non se conceda por outros motivos, pero non por non facer correctamente o traballo dende o goberno local. E entendemos que ademais a maneira de actuar foi claramente torpe e dun nivel de incompetencia política moi alto, por non falar do infantil e irrespetuoso que resulta pretender ocultar o que estaba acontecendo á oposición e á veciñanza.

Agardamos que David Castro saia a dar as pertinentes explicacións públicas e que se asuman responsabilidades políticas ante este despropósito. Porque ademais a día de hoxe ninguén, nin a veciñanza, nin a directiva do Umia, nin a comunidade escolar, saben que pasa con ese proxecto, se se vai executar ou non, ou como se vai pagar e cando se vai executar en caso de que se realice.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s