Category: Sen clasificar

David Castro, incapaz de xestionar o mantemento do Concello, vese obrigado a contratar empresas externas.

  • Unha conversa nas redes sociais destapa que o goberno é incapaz de xestionar o mantemento dos parques e xardíns e debe optar por contratar persoal externo.
  • Por primeira vez o Concello contrata persoal autónomo para tarefas menores de mantemento.
  • Pedimos transparencia, saber a quen e como se está contratando, e en que condicións.

  Unha queixa dunha veciña nas  redes sociais pola xestión dos restos das podas nas zonas públicas, compartida polo noso voceiro, que desembocou nun debate onde unha persoa admitiu estar traballando para o Concello de Ribadumia como autónomo, destapou o penúltimo escándalo da xestión do goberno de David Castro.

   Tal como explica Oubiña, que na maña deste luns presentou un escrito solicitando acceso aos contratos de servizos  realizados con empresas ou traballadores autónomos, tanto os que estean en vigor como os que se poidan ter realizado nos dous últimos anos, “máis aló da queixa por ter deixado un restos de poda atrancando unha beirarúa, un acceso a un parque infantil e á rampa de acceso ao fogar dos maiores, que  non deixa de ser outro exemplo da desidia deste goberno que non se preocupa por como se fan as cousas, está o feito de que o Concello de Ribadumia nunca tivera necesidade de contratar persoal externo para estes servizos – coa salvidade de BATA – que se realizan a través dos equipos temporais ou do propio equipo de xardinería”.

    O Concello de Ribadumia ten hoxe o mesmo número de parques, xardíns e zonas verdes que fai un ano, e que fai dous e que fai cinco. Porén, leva dous anos que o mantemento das mesmas se resinte, en parte debido á supresión do convenio con BATA – remendado despois pero de xeito reducido – , e en parte pola mala xestión dos recursos municipais. Agora comprobamos que esa mala xestión chegou a un punto tal que o goberno local xa non é capaz de facer fronte á organización do traballo e debe contratar autónomos externos ao Concello.  

   Pero ademais da mala xestión dos recursos humanos, está a cuestión da organización dos traballos. Chama moito a atención que unha persoa diga publicamente que está traballando como autónomo para o Concello, que ninguén lle marcou un horario polo que traballa cando a el lle parece, e que ademais o contrataron para unha única función – neste caso podar – sen definirlle nin indicarlle outras pautas – como que facer cos restos de poda -. “Un Concello, e isto xa o dixemos máis veces, non é a horta particular de ninguén. Os traballos deben realizarse  organizadamente, non pode ser que haxa persoas traballando nas instalacións municipais cando lles vai ben, fora dos horarios municipais,  e sen supervisión de ningún tipo. Por non falar de que os traballos en espazos públicos deben estar correctamente sinalizados, e as persoas que os realicen, sexan persoal municipal ou non, deben atender ás obrigas en cuestións de seguridade laboral”.

Falta de transparencia.

   Outra cuestión preocupante  é a maneira na que se realizan esas contratacións de servizos externos. Se xa resulta chamativo que a oposición teñamos que enterarnos polas redes sociais de que se realizan este tipo de contratos, non podemos deixar de preocuparnos pola situación creada no Concello. Desas contratacións externas non sabemos nin cantas se produciron, nin cantas están en vigor, nin para que traballos, nin canto van custarlle as arcas municipais. E sobre todo, temos moitas dúbidas sobre a metodoloxía nas contratacións, que apuntan a que foron realizadas de xeito directo sen pedir orzamentos dos traballos antes, nin seguir ningún tipo de proceso que garantira que calquera empresa do Concello puidera optar a realizar eses traballos.

   Por todo iso pedimos transparencia, e agardamos que desta volta o goberno non bloquee o acceso que solicitamos a toda a documentación deses contratos, porque iso confirmaría que David Castro está usando recursos públicos para contratar empresas amigas.

As axudas económicas da Xunta, en perigo de novo  por outra neglixencia do goberno de David Castro.

  • O goberno local non presentou correctamente o resultado contable do ano 2019 ante o Consello de Contas de Galicia, nin respondeu aos requirimentos desta entidade.
  • Máis de 1 M € de  axudas que proveñen da Xunta de Galicia en perigo de ser bloqueados pola desidia de David Castro.
  • Tamén está requirido polo goberno central por non cumprir os períodos medios de pago.

  Cada vez que dende Somos Ribadumia consultamos a situación do noso concello ante o resto de administracións, levamos unha sorpresa. Tal como explica Enrique Oubiña “Se fai unhas semanas descubríamos que David Castro perdeu case medio millón de euros en dúas liñas da Deputación polas súas chanchulladas e a súa neglixencia, esta semana encontrámonos con que o Consello de Contas de Galicia, o órgano que fiscaliza as contas da administración autonómica e  dos Concellos, declarou a Conta Xeral do ano 2019 do noso concello como “non presentada”, con todas as consecuencias que poida traer para Ribadumia”.

  No seu último informe o Consello de Contas incluíu Ribadumia na lista dos únicos catro Concellos de Galicia cuxas Contas Xerais presentan defectos graves. “É máis, o propio informe deixa claro non so que as contas teñen deficiencias, senón tamén que a pesar de térselle requirido a subsanación das mesmas, David Castro, fiel ao seu estilo, nin subsanou nin respondeu aos requirimentos do Consello de Contas”.

   A sentenza do Consello de Contas é clara, e literalmente di o seguinte:  “A non subsanación destes defectos, pese á petición neste sentido feita polo Consello de Contas aos respectivos contadantes, determina que os mesmos sexan os responsables das posibles consecuencias que poidan producirse para a entidade, xa que a omisión deste trámite implica a consideración de conta non rendida”.

    O feito de considerar a conta como non rendida pode ter consecuencias directas para o noso concello, pois este incumprimento supón o bloqueo das liñas económicas  da Xunta de Galicia, que no caso de Ribadumia superan o millón de euros, e que van dende as axudas para emerxencia social ou SAF, pasando por plans de emprego, apoio ao deporte e a cultura, ata calquera plan anual como o MARCO ou outras liñas de axudas puntuais . “ E David Castro debe pensar como pensou da Deputación que as normas se establecen para os demais e non para el, pero de todas as cousas que se lle pode criticar á Xunta, o incumprimento desta norma non é unha delas, e dende a entrada en vigor do decreto a finais de 2011, varios concellos viron como se lle retiñan os fondos por non cumprir as súas obrigas”.

 Incumpridor ante o goberno central.

   Cabe sinalar que ademais do expresado, o goberno local tamén figura na lista de Concellos que non cumpriron co período medio de pago a proveedores. Este incumprimento, motivado por “superar os días medios de pago global a proveedores superior a trinta días segundo a información suministrada ao Ministerio de Facenda  e publicada, correspondente a algún dos meses de decembro de 2020, marzo ou xuño de 2021, e referido só a eses meses”, e que pode rematar por obrigar ao concello a elaborar un plan de axuste, supón un exemplo máis do inexistente control do goberno local sobre as contas municipais e os funcionamentos administrativos, e iso tento en conta de que unha das tres liberacións do noso concello correspóndenlle precisamente a Concelleira de Contas , Pilar Martínez.

   Dende Somos Ribadumia estamos moi preocupados pola actitude de deixadez e desidia do goberno local, que xa nos levou a perder importantes axudas económicas e que ainda que os fondos directos non se perden, si pon en risco o cumprimento do orzamento do noso concello e dispor dos fondos para facer fronte a cousas imprescindibles como a emerxencia social, a axuda no fogar, así como as nóminas de varias traballadoras do concello, e pode supor perder outros investimentos non menos importantes por ser expulsados das convocatorias por non cumprir os requisitos.

Pedímoslle a David Castro que asuma as responsabilidades como alcalde e de maneira inmediata  faga as xestións oportunas para solventar estas situacións ante o Consello de Contas e o Goberno Central, e evite males maiores.

A obra de reforma do CPI Xulia Becerra Malvar, unha chapuza con foto oficial e sen calefacción.  

  • O Delegado Territorial, Luís López, pasou onte por Barrantes  a facerse a foto obviando que a obra realizada non se corresponde coa comprometida.
  • As graves deficiencias quedaron sen resolver, mentres se investiron cartos en actuacións innecesarias.
  • David Castro, sumiso ante a Xunta, incapaz de xestionar nin defender unha mellor solución aos problemas do Colexio.
  • E mentres certos políticos fan fotos e propaganda, o colexio leva días sen calefacción.

  Na visita do Delegado Territorial da Xunta e do Xefe Provincial de Educación ao CPI Xulia Becerra Malvar, á que por certo non se convidou a Somos Ribadumia a pesar de ser a forza política que loitou e logrou que o goberno autonómico investira fondos no colexio, todo foron boas verbas e promoción. Pero a realidade é que os 842.000€ investidos, resolveron poucos problemas.

  Dende Somos Ribadumia levamos facendo seguimento desta obra dende o primeiro momento. E do mesmo xeito que denunciamos que o proxecto  inicial supoñía a destrución dunha intervención artística única, ata o punto de solicitarlle formalmente á Consellería que se rectificara, e agradecemos publicamente esa rectificación, debemos agora lamentar que as obras realizadas non  se correspondan co proxectado, ata o punto de que o propio Delegado da Xunta deu detalles da obra que non se realizaron.

  Indo ao concreto, tal como explica o noso voceiro Enrique Oubiña, que ademais foi concelleiro de Obras e Urbanismo na lexislatura anterior, ten unha relación moi estreita coa comunidade educativa e é moi bo coñecedor das problemáticas do colexio “ esta obra debería calificarse, se non de chapuza, cando menos de parcial. Actuouse nos tellados que estaban en boas condicións e deixouse sen renovar o tellado do edificio máis antigo, que esta nunhas condicións lamentables. Reforzouse o illamento do edificio máis novo, onde non era a priori necesario pois é unha obra recente e cunhas condicións de illamento aceptables, pero aínda por riba só se actuou por tres das catro fachadas, co cal o resultado a nivel de illamento que se puidera buscar queda moi mermado. Actuouse na fachada posterior do edificio máis antigo, fachada que da a corredores e despachos, pero non se actuou sobre a fachada principal dese edifico que é onde están as aulas nin sobre o edificio de infantil – antiga casa de mestres reformada” . Nestes dous casos ademais hai que salientar que existen incoherencias notables. O proxecto prevía para as fachadas do edificio que alberga infantil a colocación dun sistema SATE, e na parte frontal do edificio de primaria o illamento das cámaras. O asunto é que por unha parte o edifico de primaria non ten cámara, polo que dificilmente se pode someter a tratamento de illamento algún, é no edificio de infantil non se colocou ningún sistema SATE, un sistema que vai colocado por fóra da fachada existente. Polo tanto a nosa pregunta é: en que se investiron os cartos se tres das actuacións máis importantes economicamente e necesarias para o colexio non se realizaron”? .

 Dende Somos Ribadumia agradecemos que despois de moitas loitas a Xunta investise cartos no noso colexio, pero non podemos valorar positivamente que un investimento deste tamaño se límite á maquillaxe, e menos que o faga xusto nas partes onde non é necesario, é deixe importantes problemas sen resolver. E máis aló diso queremos por de relevancia que dende a dirección do centro e a ANPA fai meses que se solicitou que se aclarase o estado da obra e se explícase cales foron as modificacións feitas para que  estas partes que mencionamos e que figuraban no proxecto non se levaran a cabo e o destino final dos fondos da partida, pois se ben foi posible determinar que partes do proxecto non se realizaron, non se puido saber que outras actuacións se realizaron que xustificaran o cambio de criterio e o esgotamento da partida orzamentaria.

  Á lamentable falta de liderazgo de David Castro.

Oubiña visitou as obras do colexio ao principio deste curso, comprobando que a maioria das cuestións importantes seguian sen resolverse e que nin sequera se habai realizado as intervencións que figuraban no proxecto de licitación.

    Tampouco podemos considerar de positiva á actitude de David Castro, que dou á obra por boa e resolutiva cando á realidade é que apenas se resolveron problemas. Ademais debemos lamentar que realizara declaracións desafortunadas por erróneas. Non é certo que no CPI Xulia Becerra Malvar non se investisen cartos nos últimos cincuenta anos. De feito, o criticable é que logo de varios millóns de euros investidos ao longo dos últimos cincuenta anos, onde se realizaron obras de todo tipo, dende a construción do segundo edificio educativo, pasando por varias ampliacións deste é posteriormente a adaptacións das casas dos mestres para albergar o terceiro edificio, ata unha renovación parcial da fachada do primeiro edificio, é máis recentemente o cambio no sistema de calefacción, seguimos tendo un colexio en moi mal estado, cheo de humidades é condensación, con aseos da era cuaternaria e con aulas e despachos en moi mellorable estado material”.

 Sen calefacción en pleno xaneiro.

   E mentres os políticos fanse fotos, o colexio leva varios días sen calefacción, coas obrigas de ventilación por mor da covid e coincidindo cos días máis fríos do que levamos de inverno e coa incapacidade do Concello, responsable do mantemento da instalación, que non é quen de facer que a empresa que leva o mantendo da caldeira actúe con algo de celeridade, polo que probablemente o problema non se resolva antes da semana próxima. Outro exemplo da inexistente xestión municipal de David Castro.

  Dende Somos Ribadumia agardamos que a Consellería de Educación actúe  e se decida a destinar fondos para acometer obras de actualización do noso colexio máis efectivas. Do goberno local, agardamos máis dilixencia e efectividade, pero non somos moi optimistas, se temos en conta que ano e medio despois de denuncialo, a sede de protección civil segue sen auga corrente.

Comunicado conxunto das agrupacións locais de Somos Ribadumia, PP e PSdeG.

    Unha vez máis, e van tres, as forzas da oposición da Corporación do Concello de Ribadumia vémonos na obriga de forzar un pleno extraordinario, neste caso para lograr que David Castro dea explicacións sobre a controvertida actuación que pretende realizar en Barrantes, e para intentar pola vía do acordo plenario dar un xiro a deriva política do goberno local.

  Ao longo do pasado ano 2021 o goberno local tomou a iniciativa de desenvolver unha importante actuación urbanística na contorna do CPI Xulia Becerra Malvar, o campo de fútbol de A Bouza e a rúa Condesa. Para levar a cabo esa intervención o goberno fixo redactar un proxecto que presentou posteriormente a dúas liñas da Deputación de Pontevedra, os plans Ágora e ReacPon, ademais realizando modificacións técnicas e orzamentarias para que a actuación sobre o papel parecera distinta. De todo o proceso, así como dos resultados da presentación do proxecto ante a administración provincial, o goberno local gardou absoluto silencio, evitou aportar documentación e explicacións cando se lle requiriu dende a oposición e cando non fixo declaracións que non se correspondían coa realidade do que estaba acontecendo. Esta maneira de actuar, secuestrando documentación, mentindo e falseando a realidade non se corresponde co que a cidadanía agarda dun goberno local que se pretenda transparente na súa xestión e respectuoso cos mecanismos democráticos establecidos.

Os feitos, ademais, son da máxima gravidade, dende o plantexamento da actuación, abandonando o proxecto orixinal comprometido coa veciñanza de Barrantes polo propio David Castro e tratando de impoñerllo ao Umia e á comunidade educativa e ao mesmo tempo de ocultarllo a oposición e á opinión pública, a como se desenvolveu o proceso nestes meses, cunha xestión lamentable,  ata as consecuencias: a perda de 529.000 € en  investimentos por xestionar de xeito nefasto o proceso de solicitude das liñas de axudas, e por non resolver problemas facilmente resolubles.

  Fai uns días a oposición fixo pública a perda das liñas de axuda e os motivos e solicitou explicacións públicas do goberno local, pero o alcalde, unha vez mais, so aportou evasivas.  O resultado é que un ano despois de que o goberno local iniciara o camiño para levar a cabo a actuación referida, nin os colectivos afectados, nin a oposición, nin a veciñanza no seu conxunto sabemos que vai pasar con esa actuación. E é por estes motivos que consideramos que as explicacións deben darse agora, non cando o alcalde encontre un oco ou nun pleno dentro de varios meses – o próximo ordinario non será ata marzo – , polo que ante a desidia de David Castro e o seu tacticismo político baseado en “deixar pasar”, vémonos na obriga de actuar forzando este pleno.

   Por outra banda, a realidade destes feitos e o xeito como aconteceron, que  serán corroborados polo informe e a documentación que solicitamos á secretaría municipal de cara ao pleno, condensa os continuados atrancos aos que o goberno local somete á oposición e por extensión á veciñanza ribadumiense, ocultando información, mentindo nos plenos e nas intervencións públicas, bloqueando o acceso á documentación municipal e en xeral mantendo uns funcionamentos que pouco teñen de democráticos e de transparentes.

   As forzas políticas que conformamos a oposición, pero que non por iso temos menos lexitimidade á hora de participar na vida e nas decisións políticas municipais, consideramos que estes comportamentos, máis aló da crítica política, son ademais innecesarios nun goberno cunha folgada maioría, e non benefician á imaxe pública do noso concello, nin ante a cidadanía en xeral, nin ante o resto de institucións públicas.  A perda da calidade democrática no noso concello é algo preocupante dende fai meses, polo que consideramos urxente que o goberno faga propósito de emenda e corrixa erros pasados, e que toda a corporación, goberno e oposición, redirixamos o funcionamento político cara a normalidade democrática que a veciñanza nos reclama. Por ese motivo, para o pleno, ademais doutros puntos referidos ao xa exposto, propoñemos o seguinte acordo, que trasladamos de maneira literal:

O Pleno da Corporación Municipal de Ribadumia insta ao goberno local do Concello de Ribadumia a:

  • mellorar os mecanismos democráticos, comunicativos e participativos coa oposición, cos colectivos locais e en xeral coa cidadanía.
  • trasladar calquera proxecto que o goberno queira levar a cabo, ou calquera posibilidade de desenvolver proxectos de importancia para o conxunto da cidadanía, á correspondente comisión informativa, á xunta de voceiros ou, de darse o caso, á correspondente mesa de  traballo.
  • favorecer a través dos mecanismos democráticos establecidos a participación de todos os concelleiros e concelleiras da corporación municipal no desenvolvemento dos proxectos de importancia para o conxunto da cidadanía, establecendo espazos e tempos de consulta dos mesmos, someténdoos á valoración do pleno antes de levalos a cabo ou dispoñer partidas orzamentarias e en xeral actuando atendendo ao respecto debido a todas as forzas e persoas electas para representar politicamente ao noso Concello.