Category: Sen clasificar
David Castro invade Barrantes de papeleiras, colocadas sen xeito nin dereito.

- A colocación dun lote de papeleiras, en plena precampaña, realizouse sen ningún criterio.
- Papeleiras colocadas a carón de contedores de lixo ou mesmo de outras papeleiras, e zonas saturadas con varias papeleiras en poucos metros.
- Barrantes invadido de papeleiras, pero non hai persoal para limpalas.
- Sen proxecto urbanístico, David Castro vai dando tumbos tirando os cartos en medidas electoralistas, priorizando ademais o centro de Barrantes mentres deixa abandonas as parroquias.
Nestas últimas semanas, en plena precampaña electoral e nun intento moi evidente de disimular os problemas de limpeza no centro de Barrantes, David Castro distribuíu ao seu criterio ao redor do medio cento de papeleiras. Ata aquí, salvo polo elemento de propaganda e porque xa había papeleiras, todo podería considerarse correcto. Dende Somos Ribadumia non temos ningún problema con que se coloquen papeleiras no núcleo nin onde sexa necesario. O problema ven en como e onde se colocaron esas papeleiras, que se resume en “sen xeito nin dereito”.
A distribución das papeleiras foi moi desigual, feita cunha intención electoralista moi evidente, colocadas nas zonas de máis paso de xente e coches, sen atender a nada máis. Tal é así que en tramos de menos de trinta metros, como na confluencia da Avenida Rosalía de Castro coa rúa Ramón Cabanillas, hai cinco papeleiras, dúas delas colocadas unha en fronte da outra, limitando ademais o paso de peóns. O centro de Barrantes ten máis papeleiras que árbores, hai pasos de peóns con papeleiras ambos lados, e outros sen ningunha. Hai esquinas como a de Bouza Martín con Rosalía de Castro onde hai papeleiras separadas por menos dun metro de distancia. Rúas como a Avenida Bouza Martín son un verxel con papeleiras cada poucos metros, mentres outras rúas parecen ser doutro concello, ou de segunda categoría.
Tal como explica o noso voceiro, Enrique Oubiña, “non ten ningún sentido poñer papeleiras ao carón dos contedores de lixo, non digamos xa unha ao lado da outra, nin poñer papeleiras cada poucos metros. Hai que ter un criterio, é colocar as papeleiras onde sexa necesario, non onde se miren máis. Porque esas papeleiras non son nin baratas nin gratuitas, pagánse ben pagadas, cada unha por enriba dos 300€, e con fondos públicos, polo tanto hai que ser moi coidadosos coa maneira de facer as cousas. Para o caso, existen estudos de urbanismo que explican como levar a cabo actuacións como esta con sentido práctico e que sexan efectivas, porque unha papeleira onde ninguén tira papeis non sirve para nada, e mal colocada pode ser un punto de acumulación de suciedade”.
Porque isto lévanos a outra cuestión. De nada sirve encher o centro de Barrantes de papeleiras, se despois non hai persoal para limpalas. Ribadumia ten un problema de limpeza, basicamente debido a incapacidade de David Castro para a xestión dos recursos e do persoal. As queixas son continuas, pero non se van resolver invadindo todo de papeleiras. E o problema non afecta só a Barrantes. Hai outras zonas onde nin se repara o material urbano, nin se toda material necesario alí onde poida facer falla, como poden ser precisamente papeleiras en determinados puntos onde ou ben desapareceron fai tempo e non se depuxeron, ou ben co paso dos anos se fixeron necesarias. E as parroquias non poden ser tratadas como lugares de segunda categoría.
Dende Somos Ribadumia temos claro que os cartos da veciñanza non son para estragar deste xeito. En primeiro lugar hai que manter o que se ten, e Barrantes xa tiña papeleiras abondo, con independencia de que se puidera revisar a situación dalgunha delas ou colocar algunha nova nalgún punto e renovar as que estean defectuosas, cousa que tamén fai falla. Tampouco entendemos que se aposte polo enésimo modelo de papeleira, ademais por un modelo tan caro, aumentando o feísmo urbanístico, salvo que David Castro teña previsto a retirada das papeleiras existentes anteriormente, a maioría delas aínda en bo estado, unha medida que sería un destrago de recursos.
Nos apostamos por ter un concello que dea boa imaxe, de limpeza, pero tamén de orde. E polo uso correcto dos recursos. Manter o que hai, e mantelo en condicións, realizar as substitucións de maneira paulatina, a medida que as papeleiras existentes se vaian deteriorando. Tamén apostamos por ter un modelo urbano preconcebido e cun desenvolvemento planificado, cunhas pautas e unha liña estética, pero tamén ordenada, que dea coherencia e unha imaxe urbana acorde aos tempos e ao sentido común. De feito, sendo Oubiña concelleiro de Urbanismo xa se deron pasos neste senso, igualando as cores das diferentes luminarias e elementos urbanos, como bancos e papeleiras, e elaborando normativas de ornato público e sinaléctica publicitaria que logo David Castro gardou nun caixón.
A gran noticia sobre a legalización do folla redonda é que non hai nin noticias, nin legalización.

- David Castro non cumpriu ningún dos compromisos adquiridos por el mesmo no 2018 ante a Consellería de Medio Rural, deixando morrer a cuestión, e o PP non ten moito interese na legalización.
- 5 anos despois de anunciar o inicio do proceso, resulta que está sen iniciar. David Castro enganou aos colleiteiros e a todo o mundo, tamén nisto.
- É posible legalizar o folla redonda, pero non con David Castro na alcaldía.
En 2018, estando Somos Ribadumia no goberno local, e logo de moitos anos de anuncios baleiros de contido, puxemos a primeira pedra firme no camiño da legalización do tinto Barrantes, ou folla redonda.
Nese momento, tal como explica o noso voceiro, Enríque Oubiña, “David Castro fixo uso das súa posición de alcalde para erixirse no gran defensor da legalización do folla redonda, acusando ao PP de non facer nada en anos anteriores, e presumindo dunha xuntanza coa Conselleira de Medio Rural naquel momento, Ángeles Vázquez, á que acudiu David Castro collido da man de Gonzalo Durán. E por suposto, fixo moita campaña ata as eleccións do 19 co discurso de que el ía lograr o que non fixo antes Salomé”.
Nas conversas con Medio Rural, tanto na que se fixo pública como noutras xestión de despacho, David Castro cedeu ante o goberno da Xunta, que se negaba a realizar os traballos técnicos necesarios para iniciar o proceso burocrático de legalizacion.
David Castro asumiu o compromiso nese momento de crear unha mesa de traballo entre os concellos e a Mancomunidade para avanzar nos trámites. E nós, vendo a incapacidade David para lograr algo máis sólido do PP, aceptamos que se fixera así, e que os Concellos asumiran todo o proceso inicial. Pero había que facelo.
Porque ese é o problema, que ata este xoves nunca máis se supo do tema, nin se fixo nada. “Coñecendo os ritmos de traballo de David Castro, que aburren ás moscas, e da propia Mancomunidade, era de agardar que mentres non pasaran as eleccións de maio do 2019, e se conformara nova Mancomunidade, non se movera moita cousa. Pero por desgracia para viticultores, hostaleiros e consumidores, nin antes nin despois. En cinco anos non se moveu unha folla: nin se creou a mesa de traballo mancomunada, nin se iniciou o proceso científico, nin se fixo nada en ningún ámbito de actuación. Quedamos estancados no mesmo punto en que estabamos no 2018, e só hai un responsable deste abandono, que é a persoa que asumiu a responsabilidade de realizar as xestións pertinentes e non fixo nada: David Castro”.
Este xoves, todo foron anuncios. “Pero é que son os mesmos anuncios, palabra por palabra, que os feitos no 2018, é tamén no 2019, cando David Castro, xa con maioría absoluta prometeu que no 50 aniversario da festa, o tinto sería legal”. Os procesos necesarios para lograr a legalización do folla redonda son exactamente os mesmos que no 2018, e requiren, tal como a prensa explicou moi ben, un proceso de cando menos catro anos para poder completar os estudos necesarios “Que agora enterámonos que está sin iniciarse”.
David Castro leva catro anos mentindo e enganado aos colleiteiros, hostaleiros e consumidores, asegurando que se estaba facendo algo cando non se estaba facendo nada, e prometendo unha legalización cuxo proceso está sin iniciar, polo que unha vez máis temos que ver como o proceso de legalización do folla redonda, que podería significar un importante revulsivo para a economía de Ribadumia e dos concellos limítrofes, se ve retrasado sine die o polo desinterese do Partido Popular e, de maneira moi particular, pola desidia de David Castro,” que está resultando ser o maior bluff e a maior estafa da política ribadumiense”.
Dende Somos Ribadumia temos claro que a legalización do folla redonda é viable, pero tamén que non vai ser unha realidade con David Castro na alcaldía. E este pasado xoves tivemos a evidencia máis absoluta. Para que a legalización sexa unha realidade, temos claro que debemos estar no goberno nós, como estivemos no inicio cando se conseguiron dar os primeiros pasos reais, que ata agora foron tamén os únicos.
Pero, mentres tanto, David Castro anda a facerse fotos nas parras e nada máis, e 50 anos despois da primeira festa do tinto de Barrantes, ese sigue sen legalizarse.
Somos Ribadumia aprobaremos a nosa lista e o noso programa nunha asemblea este sábado 1 de abril

- A xuntanza, de carácter aberto á veciñanza, terá lugar o sábado 1 de abril, a partir das 20:30 horas no centro social de Barrantes.
- Decidiremos as liñas primordiais e medidas máis importantes e a lista de persoas coas que nos presentaremos as eleccións.
- Seguimos o noso proceso de participación veciñal, dende a estabilidade.
Mentres outros andan negociando o seu beneficio persoal a conta do seu cargo e do seu partido, en Somos Ribadumia seguimos traballando, dende a estabilidade e a tranquilidade políticas, polo noso Concello e pola veciñanza de Ribadumia.
E facémolo como o levamos facendo dende o primeiro día, de xeito aberto á cidadanía, dándolle voz ás nosas veciñas e aos nosos veciños, e tomando as decisión de maneira mancomunada, sen dirixismos nin imposicións.
Este proceso iniciouse en novembro cando, mentres outros negociaban en privado a venda do seu partido ao Partido Popular de Galicia, nós escolliamos de maneira aberta e transparente ao noso candidato, Enrique Oubiña. Agora, tócanos repasar o noso programa de goberno, actualizandoo as necesidades actuais, e tamén decidir que persoas deberán acompañar a Oubiña na lista electoral. Con eses obxectivos e baixo o lema “por un futuro MELLOR”, convocamos unha xuntanza aberta á veciñanza para este próximo sábado. Nela aprobaremos o noso programa marco, con medidas de curto, medio e longo prazo para mellorar a calidade de vida da nosa veciñanza e devolver a Ribadumia á senda pola que xa transitan á maior parte dos concellos da comarca, e da que David Castro nos apartou nestes catro anos de abandono e desidia, ao longo dos cales unicamente se preocupou por asegurarse un futuro vivindo da política.
Dende esta Comisión Executiva convidamos a toda a veciñanza a vir e participar das nosas decisións, axudando así a mellorar e engordar un proxecto de futuro para o noso concello e, sobre todo, para as persoas que viven nel.
Arquivada en firme a denuncia de David Castro a Somos Ribadumia e Enrique Oubiña.
- Fracaso de David Castro no xulgado. Nin a denuncia nin o recurso posterior ante a audiencia Provincial foron aceptados pola xudicatura, polo que non chegou a abrirse xuizo, nin proceso algún. Non había nada.
- David Castro intentou ocultar o seu fracaso, logo de alardear de que ía recorrer a denuncia xa desestimada. En xaneiro todo eran comunicados e roldas de prensa. Agora, cala.
- A veciñanza paga cos seus impostos os caprichos dun alcalde sen solucións que só sabe atacar á oposición e crear problemas onde non os hai.
Os intentos de David Castro por menoscabar a imaxe de Somos Ribadumia e de Enrique Oubiña acudindo ao xulgado con acusacións sen base legal remataron como era previsible, co arquivo firme da denuncia e por partida dobre, na sala do penal de Cambados e na Audiencia de Pontevedra.
Polo tanto, o primeiro que hai que dicir é que queda en evidencia que esas denuncias, presentadas sen probas que demostraran a existencia dun delito, ou como mínimo indicios que xustificaran o inicio dun proceso xudicial, eran fume, e que David Castro usou os recursos públicos para atacar a Oubiña e a este partido sen fundamentos de ningún tipo, unicamente coa intención de menoscabar a credibilidade da nosa formación e do noso voceiro e de crear medo para evitar que a veciñanza fixera públicas as súas queixas.
Indo ao cerne da denuncia, que recordemos veu motivada porque dende Somos Ribadumia expuxemos unha problemática que o verán pasado estaba afectando á auga de consumo, David Castro non foi quen de demostrar, nin ante a opinión pública nin ante o xulgado, que nos mentíramos nalgún momento.
Preguntámonos porque David Castro, que estivo moi áxil a ir á prensa a dicir que ía recorrer un auto xudicial que en esencia xa dicía que non había lugar a denuncia porque o alcalde non presentou probas que a sustentaran, non estivo tan áxil a facer público o arquivo da causa, e explicarlle á veciña porque o xulgado lle petou coa porta nas narices, e canto lle custou á broma á veciñanza ribadumiense, que foi quen pagou o avogado.
Agardamos de David Castro que asuma as consecuencias dos seus feitos, teña dignidade e pida desculpas polo menoscabo que intentou provocar na imaxe de Enrique Oubiña e de Somos Ribadumia, e que asuma persoalmente os custes políticos e económicos deste despropósito, porque a veciñanza de Ribadumia non ten porque financiar cos seus impostos os caprichos dun alcalde e dende logo tampouco merece un alcalde que use o Concello e os fondos públicos como se foran del.
