Category: Sen clasificar
David Castro envíalle a Oubiña datos do rexistro a través dunha web de descargas e sen garantir a seguridade deses datos.

- A primeira hora da tarde do mércores Oubiña recibía un documento cun enlace a unha páxina web de descarga de documentos de gran tamaño, rompendo a cadea de seguridade e poñendo en perigo os datos que conteña ese documento.
- Enrique Oubiña négase a aceptar esta maneira de proceder.
- Logo de tres anos falando de que darlle acceso a Oubiña aos datos do concello podía supor un risco para a protección deses datos, David Castro mandaos vía e-mail e a través dunha web allea ao programa informático do Concello.
O colmo do esperpento nas formas e nas actuacións de David Castro, viveunas na tarde deste mércores o noso voceiro Enrique Oubiña, ante unha actuación que non se pode definir.
Fai unha semana tiñamos noticia de que o xulgado obrigaba a David Castro a dar acceso ao rexistro de entradas e saídas do Concello de Ribadumia. Para Oubiña “de partida é moi importante recalcar que o que pedimos é acceder ao rexistro, como consulta, non recibir ou recabar ou ter copia dos datos que conten. Chegado o caso de que precisemos un expediente concreto xa o pediremos a súa consulta polas vías establecidas”.
Polo visto David Castro fixo a súa propia interpretación da solicitude de Oubiña, da lei, da sentenza xudicial e tamén de todo o que el leva dito, e decidiu actuar dunha maneira un tanto particular.
“ Podendo darme acceso ao arquivo dixital do concello dentro do programa do Concello, onde están os asentos de entradas e saídas nun entorno seguro e onde non hai un só dato ao que eu non teña dereito de acceso, a David non se lle ocorreu mellor cousa que descargar eses datos, co cal xa os sacou do servidor municipal, que é o espazo seguro onde se almacenan eses datos, e mandarmo a través dunha web especializada en arquivos de gran tamaño, ou sexa, a través dun terceiro sen relación contractual co Concello, que poderá garantir a privacidade dos datos ou non, pois esa web almacena os datos uns días nos seus propios servidores, durante o prazo no cal o remitente pode descargados, e durante o cal segun as claúsulas desa web, eses datos a empresa propietaria da mesma pode usalos como considere, e dende logo, pode vendelos a terceiros“.
Se había algunha maneira de por en perigo os datos de persoas e empresas, David Castro entregouse a ela de cheo. Enrique Oubiña ante esta situación, da que non foi advertido previamente, actuou coa máxima responsabilidade. “O documento co enlace ao arquivo chegou a través da sede electrónica, pero non puiden comprobar de que se trataba ata descargar o documento. Unha vez descargado, e vendo o seu contido, un texto cunha explicación breve e o enlace á web onde o arquivo cos datos do rexistro está almacenado, o primeiro que fixen foi eliminar ese documento do meu teléfono, e evitar que teña máis percorrido. Nesa mesma tarde ademais recibín a chamada dunha traballadora do Concello que quería asegurarse de que accedera ao enlace sen problemas, e xa lle expliquei a situación e que non vou abrir nin acceder a ese enlace nin a ningún outro ata que teña garantías legais ao respecto do uso dos datos. Porque eu, a diferencia doutros que moito falan, son moi responsable cos datos que manexo, e non é o mesmo facer consultas no ordenador do concello ou accedendo ao servidor local, que mandar bolsas de datos a través dun terceiro que a saber que fai con eles entre que van é veñen”.
Oubiña ademais de poñer a situación en coñecemento dos nosos servizos xurídicos, ten previsto falar coa secretaria municipal desta situación, ver como se resolve e as consecuencias que poida ter esta actuación. “Quen manexara esa bolsa de datos, que descoñezo o que contén, pero se é o que pedín terá números de entrada e saída e os nomes ou a identificación da parte interesada, pero non sei ata que grao, e se houbera unha fuga, podería ter problemas legais graves. E en todo caso, nos preferimos ser cautos. Queremos ter acceso ao rexistro, para nós é fundamental, pero sen por en risco o dereito da nosa veciñanza e das empresas a ter protexidos os seus datos. Hai maneiras de facer isto moi sinxelas, e moito máis seguras, o único que fai falla é que David Castro deixe de comportarse como un irresponsable”.
Comunicado sobre incidente da ponte nova de Pontearnelas.

Na tarde de onte tivemos coñecemento de que a coñecida como “ponte nova” de Pontearnelas, ficou cortada ao tráfico logo de que unha parte da ponte afundira por algún tipo de problema estrutural, a priori bastante grave.
Antes de nada advertimos que os accesos á ponte están totalmente cortados dende as rotondas en ambos lados da ponte, pero tamén está cortado o tramo de vial que transcorre por debaixo da ponte. De feito, a vía “da parcelaria” que conecta Cabanelas con Pontearnelas está cortada dende a rotonda de Cabanelas. Tivemos varios avisos de persoas que non sabían isto é tiveron que dar un rodeo, sobre todo persoas que non son nativas ou habituais da parroquia e non coñecen as diferentes alternativas e acaban indo de volta para Ribadumia ou rodeando pola Grenla.
Por algún extraño motivo David Castro non deu instruccións de publicar ningunha información ante unha situación que afecta a moitas persoas nas redes sociais do Concello, pero en todo caso tede en conta a situación se tedes que desprazarvos á Vilagarcía, a Vilanova ou lugares lindantes por esa zona. Porque ademais o tráfico está desviado pola ponte medieval, que é máis estreita é en determinados momentos puntuais pode ralentizarse o tráfico.
Esta situación ademais pode alongarse no tempo.
Dito todo isto. Dende Somos Ribadumia xa amosamos onte á través do noso voceiro Enrique Oubiña á nosa preocupación ante un feito como este. Tal como el mesmo expuxo “ Puido pasar unha desgraza, é resulta moi preocupante que algo así chegue a pasar”. Dende a nosa posición, sen pretender sinalar a ninguén, si queremos por de relevancia que “ era evidente e estaba á vista que o estado de mantemento desa ponte era mellorable. Isto non quere dicir necesariamente que a falta de mantemento teña que ver co acontecido, xa o dirá quen lle corresponda, pero dende logo é razoable pensar que se a ponte tivera o mantemento algo máis ao día seguramente se poderían ter detectadas deficiencias”.
Pola nosa banda agardamos que dende os ámbitos políticos haxa respecto pola cidadanía ante un feito que puido costar vidas e que sementa moitas dúbidas sobre as infraestruturas que temos ao noso redor. Falamos ademais dunhas infraestrutura de 3 millóns de euros que só conta con 16 anos. Polo tanto, agardamos que quen teña responsabilidades as asuma, que non entremos na dinámica vista outras veces de estar semanas, meses ou anos pasándose a responsabilidade unhas administracións a outras, que se dean as explicacións pertinentes á cidadanía e, por suposto, que se aporte unha solución en condicións á situación da ponte.
Tamén agardamos que ante un feito que, máis alo do susto e do que puido pasar, deixa bloqueada unha importante vía de comunicación do noso concello e da nosa comarca, posiblemente durante meses, David Castro cumpra a súa palabra, posta por escrito nunha misiva enviada estos días ás casas, e chegado o caso sexa quen de “levantar a voz ante quen faga falta”, nese caso ante a Consellería de Infraestruturas da Xunta de Galicia, propietaria de vía.
David Castro perde o acceso a axudas de ata 3 Millóns de euros do Plan de Resiliencia por non tramitar a solicitude.

- 3 Millóns de euros perdidos.
- David Castro segue perdendo importantes investimentos para Ribadumia .
- David Castro non presentou ningún proxecto a ningunha das dúas Liñas económicas dun Plan (PIREP Local) que vai permitir entre outras a reforma integral case 2 Millóns do colexio de Villalonga en Sanxenxo e aportar a 388.000 euros á reforma do pavillón de deportes de Meis .
- Tendo o apoio económico da Deputación para a redacción dalgún proxecto de interese, David Castro non foi quen de sacar adiante ningunha proposta.
En días pasados fixéronse públicas as concesións da segunda liña de axudas do plan PIREP Local, unha liña do goberno central, financiada con fondos europeos New Generation dentro do Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia. Ao igual que pasou coa Liña 1, a través da cal diversos concellos da comarca obtiverón importantes investimentos, entre eles o de Meis con 338.000€, ou o de Sanxenxo con 1,5 millóns de Euros para o Pazo Emilia Pardo Bazán, Ribadumia non aparece nos papeis. Non aparece nin na lista dos proxecto aprobados, nin na lista de proxectos desestimados.
E non aparece porque nin se presentou.
En opinión de Oubiña, “resulta inaceptable perder a posibilidade dunha axuda deste tamaño – falamos de axudas de ata o 100% do custe do proxecto e de ata 3 Millóns de euros – por non presentarse. Poderiamos aceptar que como no caso de Cambados a puntuación non fora suficiente, pois presentáronse moitos proxectos a esta liña. Xa sería menos aceptable que como no caso de Vilanova se perdera por non presentar a documentación correctamente, pero que nin tan sequera se presenten proxectos, parécenos de xulgado de garda, e dende logo debería ser motivo de dimisións inmediatas”.

Por se non era bastante grave, temos o gravame de que a Deputación dotou unha partida económica en xuño do ano pasado para que Concellos entre os que se encontraba Ribadumia puideran afrontar o custe económico de redactar proxectos cos que entrar nestas dúas liñas do plan PIREP Local, un plan que en conxunto estaba dotado cun total de 600 M de euros para todo o estado español. “Non sabemos que fixo David cos cartos da Deputación, nin que proxectos se redactaron, se é que se chegou a redactar algún. Pero tanto se usou eses fondos da Deputación como se non, a realidade é que Ribadumia perdeu a posibilidade de acceder a axudas de ata 3 Millóns de euros por non presentar nada”.

Dende Somos Ribadumia consideramos que un alcalde con ese grao de incapacidade debería asumir responsabilidades políticas. Non as agardamos, porque a estas alturas de David Castro pouco se pode agardar, pero cando menos debería dar explicacións públicas e aclarar cantos millóns de euros leva perdidos pola súa mala xestión. A nós, cos papeis na man, saenos que se perderon en catro anos investimentos por máis de cinco millóns de euros.
O xulgado obriga a David Castro a darlle a Enrique Oubiña acceso ao rexistro municipal.

- Nunha contundente sentenza, o Xulgado anula o edicto e desestima todos os argumentos cos que David Castro pretendía evitar que Oubiña accedera ao rexistro de entradas e saídas documentais.
- Outro pau xudicial a David Castro, logo de que o xulgado desestimara as súas denuncias contra Enrique Oubiña por infundadas. E outro pau xudicial que David Castro oculta da opinión pública.
- Unha vez máis, queda demostrado que Enrique Oubiña e Somos Ribadumia decimos verdades e temos a razón ata o punto de que a xustiza nos avala, mentres que David Castro minte e oculta a realidade. E unha vez máis a veciñanza paga as consecuencias dos desleixos, os abusos e as torpezas de David Castro.
Vimos de ter constancia da sentenza do Tribunal Contencioso Administrativo n°3 de Pontevedra, (que podedes consultar integra aquí) ante a denuncia xudicial interposta polo noso voceiro, Enrique Oubiña, como el mesmo explica, “logo de intentar por todas as vías, incluída a do Defensor del Pueblo, que David Castro deixara de poñer paus nas rodas e me permitira consultar, como calquera concelleiro ou concelleira en calquera concello, o rexistro de entradas e saídas do Concello, onde figura o rexistro (non datos sensibles concretos) de toda a documentación que entra e sae, dende cuestións como as saídas de documentación para a solicitude de axudas, a outras como entradas de solicitudes ou queixas formuladas por veciños ou colectivos”.
Neste caso concreto, denunciouse a negativa , vía edicto de alcadía, á (enésima) solicitude de acceso regular ao rexistro do concello, logo de que en novembro do ano pasado o Defensor del Pueblo advertira a David Castro de que non podía actuar dese xeito contra os dereitos democráticos fundamentais dun concelleiro, e de feito a mala xestión de David Castro figura no informe anual deste ente. Ao fío disto cabe recordar que David Castro dixo ao longo desta lexislatura, por activa e por pasiva, en pleno municipal e na prensa, que el non ía baixo ningún concepto permitir que Enrique Oubiña accedera ao rexistro.
Pois a sentenza é clara, concisa e contundente. Nun documento de 28 páxinas, a maxistrada desmonta cada un dos argumentos aportados por David Castro, e anula de pleno dereito o edicto a través do cal impedía a Oubiña exercer os seus dereitos. Ademais disto, a sentenza obriga a David Castro a dar acceso ao rexistro, acorde ao que marca a lei, a Enrique Oubiña, “no tempo que este sexa concelleiro”.
A sentenza e recorrible, aínda que agardados que David Castro deixe de gastar os cartos da veciñanza nestas cuestións. Pero en previsión desta circunstancia Oubiña solicitou que de xeito cautelar se lle permitira o acceso solicitado, cuestión tratada nunha peza separada e aceptada ( podedes leela enteira aquí) , polo que o acceso ao rexistro o Concello ten que habilitalo de xeito inmediato, nas condicións solicitadas por Oubiña, semanalmente.
Para Oubiña “a sentenza, máis aló do evidente, que é obrigar a David a deixarme mirar no rexistro queira el ou non queira, deixa claro que os dereitos e obrigas democráticas son para todos, e por moi alcalde que un sexa a lei está por enriba dos caprichos particulares”.
Dende Somos Ribadumia queremos deixar patente que fixemos todo o que estivo na nosa man para evitar acudir ao xulgado, perdendo así moitos meses de traballo. municipal, que estamos seguros redundaría en beneficio da veciñanza e de Ribadumia. Foi David Castro quen, coa súa negativa insistente, pretendendo pasar por enriba non só de Enrique Oubiña e dos seus dereitos como concelleiro elixido pola veciñanza senón tamén de entidades como o Defensor del Pueblo, non nos deixou máis remedio que acudir a xustiza.
Pero tamén queremos deixar constancia de que tiñamos advertido en numerosas ocasións de que íamos ser consecuentes e non íamos ceder na defensa dos nosos dereitos como formación política con representación municipal. “Nós non estamos aquí a pasar o rato, nin temos como obxectivo facer tempo ata que nos den unha cadeira en instancias superiores, e dende logo non somos unha ONG, nin un club de amigos. Somos un partido moi serio con persoas moi involucradas e tomándose a política local moi en serio, por iso non nos vendemos como outros, nin imos ceder ante determinadas cuestións. Estamos aquí para traballar, dende a política e sempre en positivo, polo noso concello e por mellorar a vida da nosa veciñanza, que foi quen nos puxo na mesa do pleno e a quen nos debemos. E dende o primeiro día e ata o último imos cumprir coa nosa función, pese a quen lle pese. E David Castro que se vaia poñendo ao día, que xa non estamos nos anos oitenta, nin nos sesenta; xa levamos case medio século en democracia”.

