Category: Sen clasificar
Cobros erróneos do Concello de Ribadumia polo Servizo de Axuda no Fogar (SAF).

- O concello leva meses mandando cargos de ata o dobre do correspondente nas facturas polo servizo do SAF.
- Outro erro na xestión do que o goberno local non informou ás familias usuarias deste servizo e que intenta ocultar á opinión pública.
- Non se sabe o alcance do erro, pero si se sabe que de momento o Concello non devolveu os importes mal cobrados nos casos onde as familias reclamaron.
- Suma e segue cos problemas co servizo do SAF. Familias sen atender por non ter renovada a concesión, despois familias ás que directamente se lle bloqueaba o acceso o Servizo de Axuda no Fogar, e agora facturas mal cobradas.
- E suma e segue cos erros na xestión administrativa que pagan os veciños: dende as multas de aparcadoiro acumuladas, cobros abusivos nas altas de saneamento e auga, erros con multa na facturación da auga, e agora erros no cobro do servizo do SAF.
En días pasados tivemos coñecemento a través dunha familia do noso concello, do enésimo problema co servizo do SAF, que como todo os anteriores, resulta dunha mala xestión e do pasotismo do goberno local, que nin esta nin se lle espera na casa consistorial. Neste caso erros na facturación, que están provocando que as familias se lle carguen recibos de ata o dobre do que lle corresponde.
Esta situación mantívose durante meses , e non sabemos se sigue manténdose porque entre outras cousas non foi comunicada ás familias que teñen este servizo, todas elas coa facturación domiciliada, e tal como explica o noso concelleiro Sergio Soutelo, “ houbo familias que notaron que lle estaban cobrando mal porque a cifra era alta, nalgún caso o dobre do aprobado pola Xunta, pero en casos onde o erro sexa pequeno, as familias afectadas poderían non darse conta, e temos a sospeita de que o Concello tampouco ”.
Por iso que dende aquí queremos advertir ás familias usuarias do SAF que revisen que o Concello lle estea facturando correctamente, e en caso contrario que poñan a pertinente reclamación na administración local.
O noso voceiro Enrique Oubiña, que en maio deste ano denunciaba que unha ducia de familias tiña o servizo bloqueado por David Castro, e antes, en setembro do 2022, denunciou a parálise que durante meses tivo este servizo, sen poder dar altas novas, por non ter licitada unha nova concesión, considera que “esta é outra mostra da incapacidade de David Castro para xestionar o noso Concello, e sobre todo do pouco que se preocupa polas familias de Ribadumia. O SAF é un servizo primordial, pero David con tal de que se facture, aínda que sexa mal, parece que xa está tranquilo. E iso sen valorar que para determinadas familias, un erro no cargo de 100 €, pode supoñer un pau económico importante, como para que aínda por enriba o alcalde se tome a resolución do problema con calma, deixando a esas familias meses agardando a que lle devolva o cobrado de máis”.
Ademais, non é a primeira (nin a segunda) metedura de pata na xestión da administración local que vivimos en Ribadumia. Dende que David logrou a súa primeira maioría absoluta, en Ribadumia xa pasamos, entre outros, por erros na xestión das multas de aparcadoiro, cobros abusivos nas altas de saneamento e auga e por exemplo erros na xestión dos recibos da auga, que fai agora un ano daban sustos de ata 2.000€ entre recibos e multas a moitas familias no noso concello, todas situacións feitas públicas por Somos Ribadumia, que o goberno de David Castro primeiro ocultou, logo pretendeu negar, pero que rematou por admitir. Un cúmulo de “situacións puntuais” que demostran que en Ribadumia non hai ninguén gobernando.
A sede electrónica do Concello de Ribadumia leva días inhabilitada.

- Inaudito, o Concello ten caducados certificados de seguridade dende fai máis dunha semana, imposibilitando que se poida usar a sede electrónica.
- A sede electrónica é fundamental, e tela inhabilitada implica ter paralizado o Concello e todos os trámites tanto do Concello como de empresas e particulares.
- A desprotección da sede electrónica pon en perigo os datos de miles de persoas e empresas do noso Concello e de fora del.
- Suma e segue no caos no que vive o Concello.
David Castro deixou ao Concello de Ribadumia ao pairo. E cada día que pasa danos unha nova mostra da súa desidia.
Esta semana encontrámonos con que a sede electrónica do Concello de Ribadumia, unha ferramenta fundamental pois a lei obriga dende fai anos a comunicarse electronicamente coas administracións públicas, e a través dela realízanse cada día ducias de tramites. Ao tempo, o Concello precisa dela para poder comunicarse co resto de administracións.
O que aconteceu aparentemente – pois como sempre ninguén sabe nada – foi que o goberno local xestionou a renovación dos certificados dixitais do Concello, bloqueando así o uso da sede electrónica, algo totalmente inaudito nunha administración pública. E todo isto como xa é habitual sen advertirllo á veciñanza e sen dar opcións ou alternativas que mitiguen o problema.
Isto obriga á veciñanza, a colectivos e ás empresas a trasladarse ao Concello para facer todos os tramites que precisen, un atraso que novamente paga a nosa veciñanza e as empresas locais. Ademais disto, crease un buraco de seguridade, que pode por en risco todos os datos das persoas que usan a sede electrónica habitualmente, outra mostra da irresponsabilidade de David Castro, que logo de oito anos de alcalde sigue pensando que pode dirixir o Concello dende a distancia da bodega privada na que traballa no canto de estar atendendo aos problemas do Concello onde lle corresponde, que é na casa do Concello.
Dende Somos Ribadumia agardamos que o problema se solucione pronto na súa totalidade, pois de momento só se resolveu en parte e logo de que saíra na prensa, e o servidor non é seguro, polo ata entón, recomendámoslle á eciñanza que se teñen que facer algún tramite no Concello, opten por acudir presencialmente á casa consistorial.
David Castro minte para intentar tapar o seu roubo á veciñanza.

- David Castro emitiu un comunicado dando datos falsos sobre liberacións de anos anteriores e sobre as aprobadas este luns en pleno.
- Oubiña non cobrou 1.900 €, senón 1.800 €, Vanesa Jorge colle unha liberación superior en máis de 400 € ao que cobraba no Concello e Miguel Castro non vai cobrar 400 €, cobrará 450€.
- A realidade é que o custe do goberno pasou de 54.000 € no 2015 a 70.000 € neste 2023, e coa Seguridade Social, o total vai pasar de 70.200 € a 91.000 €. Unha suba de case o 25% do custe en liberacións.
David Castro é incapaz de facer unha declaración pública sen referirse a Enrique Oubiña, e iso que Oubiña xa non é concelleiro. A nós iso non nos preocupa moito, pero preferimos que cando faga ese tipo de intervencións procure non dicir mentiras.
Este pasado luns David Castro emitiu un comunicado onde, coa intención de disimular o roubo ao que vai someter á veciñanza os próximos catro anos, deu datos falsos sobre o que cobrou Enrique Oubiña na lexislatura 2015/2019 e sobre o que vai cobrar nesta Miguel Castro, chegando a declarar que o custe de liberacións era “practicamente o mesmo” que no 2015.
Polo tanto, antes de facer outras apreciacións, queremos remarcar os datos reais:
- No pleno de formación de goberno do ano 2015 aprobáronse dúas liberacións. Unha completa de 1.800€ para Enrique Oubiña (33.500 € brutos), esta co detalle de que supoñía unha merma de aproximadamente 500 € con respecto ao que Oubiña cobraba no sector privado, e outra de 1.200 € para David Castro, que comprometeu a recortar unha parte proporcional no seu traballo, compromiso que non cumpriu, sumando o seu salario público ao privado, xusto o contrario do que fixo Oubiña. Estas dúas retribucións, suman 54.000 €/ano, non 55.000 € como declarou David Castro. A isto habería que sumarlle os gastos de seguridade Social, cos cales a cantidade subiu ata os 70.200 €.
- No ano 2019 David Castro subiuse o salario a 1.500 € sen xustificación algunha pois non modificou nin a súa presenza no Concello nin a súa función pública, e deu falsas liberacións a dúas concelleiras, por 900 € cada unha delas, subindo así o custe económico aos 61.000 € en salarios, e ata os 79.300 € coa Seguridade Social.
- Este pasado luns aprobáronse tres liberacións: unha completa, a de Vanesa Jorge, cun valor mais alto que o que cobraba como traballadora do Concello. Unha bonita suba de salario de 400 € ao mes, chegando así aos 1.900€ , un evidente pago de favores. As outras dúas liberacións en falso, pois non supoñen recorte no posto de traballo privado, son a de David Castro de 1.500 € e a de Miguel Castro, que se aprobou en 450€, outro regalo, non en 400 € como se quixo facer creer. Isto coloca o custe total do goberno de David Castro en 91.000 €, case un 25 % máis do que custou o goberno do 2015.
- Se na lexislatura 2015/2019 o custe dos políticos foi de 280.800 €, nesta será de 364.000 €.

Aclarado isto, dende Somos Ribadumia, tal e como o noso concelleiro Sergio Soutelo expresou no pleno, “nós non entramos en debater as cantidades nin as liberacións. O que non podemos aceptar é que se lle pague a un alcalde por non estar no Concello, e que o señor Castro, que non aparece polo concello antes da unha da tarde e que non atende á veciñanza, se poña un salario do Concello por seguir traballando na empresa privada sen atender ás súas obrigas como alcalde”.
A nosa postura no pleno, compartida por todas as forzas da oposición foi que David Castro en calidade de alcalde debe ter unha liberación completa e estar no Concello atendendo á veciñanza, non cobrar do concello e atender á empresa privada.
Por outra banda, David Castro non foi capaz de explicar a xustificación dunha liberación de 450 € para Miguel Castro nin a suba importante con respecto ao seu salario de Vanesa Jorge, que vai ter as mesmas funcións que Pilar Martinez na lexislatura pasada pero cobrando máis do dobre, e á que por certo hai que seguir pagándolle as mutualidades polo seu posto no Concello que correspondan mentres estea liberada, todo con cartos públicos. Como xa dixemos, cobrar sobre-salarios e nin sequera estar no concello no horario de atención ao público é roubarlle á veciñanza, e cobrar salarios sen xustificación, tamén. .
Por último, recordarlle a David Castro que hai un documento asinado ante notario onde se especifican as condicións do acordo acadado no 2015 para o goberno de Ribadumia. Ese acordo foi redactado por unha compañeira súa seguindo o proceso de negociación, e a parte de liberacións e correspondencia económica foi a última en definirse. O primeiro en acordarse foi facer alcalde a David Castro, concelleiro electo de IR. “Igual se o señor Castro quere facer memoria, lle vaia ben recordar como chegou á alcaldía de Ribadumia e gracias a quen”.

David Castro dispara o custe do goberno local ata os 70.000€ ao ano.

- A proposta para a formación de goberno inclúe tres liberacións: David Castro, Vanesa Jorge e Miguel Castro.
- 70.000€ ao ano, contra os 54.000€ ao ano que custou o tripartito.
- David Castro recorta o funcionamento democrático do concello bloqueando o acceso ás Comisións Informativas.
- Por primeira vez dende que existen as Comisións Informativas, non van estar presentes todos os partidos con representación no Pleno.
- David Castro oculta a súa proposta para a Mancomunidade e o reparto de áreas de goberno.
David Castro, que ten maioría absoluta e podía ter convocado o pleno de formación de goberno fai un mes, estivo agardando case ata o último momento a convocar ese pleno de organización para ocultar as súas intencións de formar a corporación menos democrática e a máis cara dende que temos democracia, intentado novamente escapar da opinión pública. De feito, o pleno está convocado para este próximo luns as 21:30 horas, nun intento de evitar a exposición pública.
De partida, a proposta enviada ao noso concelleiro, Sergio Soutelo “inclúe tres liberacións. En realidade unha liberación total, a de Vanesa Jorge (35.000 € brutos) , que vai ingresar 1.900 € ao mes en 14 pagas, e dúas falsas liberacións, a de David Castro ( 28.500 € brutos), con 1.500€/mes e a de Miguel Castro (6.500 € brutos), con 450€/mes que van cobrar pero sen deixar de lado o seu traballo, o cal supón na práctica que van cobrar un sobre-salario do público mentres manteñen o 100% do seu traballo no sector privado, algo que nós non podemos compartir”. Dende o noso punto de vista, os concelleiros que se acollan a liberacións, deben facelas efectivas pois esas liberacións son para realizar traballo político no Concello, non un pago de favores. E dende logo, o alcalde debe estar no concello no horario no que este está aberto.
Máis aló disto, esta proposta supón o goberno máis caro dende que temos democracia, ao pasar dos 54.000€/que costou o goberno do 2015/19 aos 70.000€. Non está nada mal para o equipo que dicía que non viña á política a cobrar. En todo caso, insistir en que nós non nos opoñemos ás liberacións dentro do razoable. Ao que nos opoñemos é ao pago de favores con cartos públicos e a que se lle roube á veciñanza.
En canto á formación do goberno, David Castro pretende facer algo inaudito, que é recortar a presenza dos partidos políticos nas Comisións Informativas previas a pleno, algo que non fixo nin no 2019, nin no 2015. De feito, de aprobarse esa proposta, sería a primeira vez en democracia e dende que existen as Comisións Informativas que non estarían presentes todos os partidos con representación na corporación.
Neste aspecto, nós seguimos defendendo, como no ano 2015, que todas as formacións políticas estean en todos os órganos de decisións que lle corresponda, tanto nas Comisións Informativas como nas Xuntas de Voceiros ou nas mesas de contratación. Neste aspecto ao ter constancia da proposta de David Castro, presentamos unha proposta ao resto da corporación para crear a Comisión Informativa Única, onde teñan presenza todas as concelleiras e todos os concelleiros, pois ademais hai que recordar que nos plenos o voto é persoal, e convén sempre que nos órganos previos aos plenos todas as persoas con cargo de concelleiro e concelleira teñan completo acceso a toda a información, e poidan dar a súa opinión, defender as súas propostas ou aportar ao que se debata.
Outra cuestión que chama moito a atención, é que o goberno local non quixo expor o reparto de áreas dentro do goberno, nin as persoas que propón para a Mancomunidade. De partida, parécenos unha falta de respecto que a estas alturas e logo dun mes co goberno sen organizar, non se informe á metade da corporación de quen van a ser as persoas responsables das diferentes áreas de traballo, que neste caso serán nove, e se David Castro pretende propoñer a algún compañeiro ou compañeira para ocupar unha cadeira da Mancomunidade, máis que nada porque hai que votar as diferentes propostas.
En resumo, a veciñanza retiroulle a David Castro unha parte importante do seu apoio, que foi a outras forzas políticas, pero este leeu mal a mensaxe e agora pretende recortar a presenza nos órganos colexiados municipais de partidos que obtiveron representación municipal e polo tanto contan co apoio dunha parte da veciña, ademais de que usa a institución municipal para pagar favores políticos, dando liberacións, e tamén falsas liberacións, unha delas a si mesmo.
Con todo, nós aínda confiamos en que o sentido común e da democracia prevaleza e conformemos unha corporación equilibrada e democrática, onde todas as forzas políticas e todos os concelleiros e concelleiras teñan a posibilidade de expresarse en igualdade de condicións, e co diálogo como máximo mecanismo para buscar acordos. Aínda estamos a tempo de recuperar un funcionamento que chegou a ser modélico.
