Category: Sen clasificar

Caos total no concello de Ribadumia.

  • Avarías continuadas na rede de auga, problemas para por en marcha a piscina, as rutas de turismo abandonadas, o comedor da escola de verán saturado … e ninguén collendo o telefono do Concello.
  • En plena tempada de verán e o Concello está colapsado polas avarías  e os problemas derivados da falta de mantemento e de xestión.  
  • Colapso, por mala organización do Concello do servizo de cátering, pero o goberno di que non sabe nada nin ten nada que ver.
  • David Castro, desaparecido.

     Ribadumia encontrase nunha situación completamente insostible. Os problemas de mantemento son continuos, sobre todo na rede de suministro de auga, pero pasa o mesmo coas instalacións municipais, as actividades de conciliación e incluso os espazos máis visitados pola veciñanza e o turismo presentan un estado lamentable.

    No último mes tivemos non menos de media ducia de problemas por avarías na rede de suministro da auga, con cortes longos de suministro en varias zonas, e non nos referimos ao problema habido en Pontearnelas, senón a diversos problemas dentro da rede local.

   Ademais disto, parecera que non houbese ninguén traballando no departamento de mantemento do Concello, e dende logo non hai ninguén ao mando. Temos varios puntos en estradas locais vallados polo concello, algúns dende fai máis de un mes, sen que os problemas que haxa se solucionen. Tampouco parece que houbese moita presa por solucionar os supostos problemas da piscina municipal, que fai días que debería estar aberta ao público, e so logramos que se axilizaran as reparacións e se abrira logo dunha campaña nas redes sociais.

   Por outra banda, vimos de ter coñecemento de que o servizo de comedor da escola de verán colapsou xa ao poñerse en funcionamento,  ao ter unicamente unha monitora para dar de xantar a unha trintena de nenos e nenas na aula de Ribadumia, algo inviable. No momento de redactar este comunicado o asunto está sen resolver. No Concello non foron capaces de dar solución algunha, ata o punto de que membros do goberno escapista de David Castro chegaron a asegurar que o comedor non era responsabilidade do Concello senón dun colectivo alleo a este. Por suposto, é un servizo municipal, subcontratado polo goberno local a unha empresa á que polo visto ninguén controla.

   Por outra banda, en plena tempada turística, Ribadumia está dando unha imaxe lamentable. A ruta da pedra e da auga e a senda do Umia, os nosos maiores atractivos, presentan unha imaxe de abandono, co mobiliario apodrecido e esnaquizado, taboas nas pontes de madeira soltas supoñendo un perigo, barreiras de seguridade en pontes que faltan … e o peor disto, é que a situación leva así de grave meses, sen que o goberno local faga nada. Tampouco se solucionaron os problemas da oficina de  turismo a pesar do lavado de cara que se lle realizou recentemente, e segue sendo un forno sen aire acondicionado, nin aseos nin auga corrente.

   E todo isto acontece nun clima de total descontrol, cos concelleiros e concelleiras sinalandose uns a outros pero sen que ninguén se faga responsable de nada, ata o punto de que nin sequera parece haber persoal para atender ao teléfono no Concello, e que descolguen resulta algo case tan difícil como ser atendido por algún membro do goberno local.

  E por último, o máis lamentable. Coa situación de caos de xestión que vive o concello,  coa cantidade problemas que estamos tendo en cuestións de mantemento, e David Castro esta completamente desaparecido.   

 Dende Somos Ribadumia entendemos que poida haber puntualmente un pico de problemáticas, sobre todo  tendo  en conta o mal mantemento que dende fai anos padece o noso Concello, e a torpe xestión que se esta facendo en todas as áreas, pero o que non podemos aceptar é que o goberno e en concreto o alcalde  se vaia de vacacións ou desapareza do mapa polo motivo que sexa, e deixe o concello ao pairo, sen ninguén competente que xestione as situacións.

A Xunta volve rirse das nais e pais do CPI Xulia Becerra Malvar.

  • Anuncia como grandes obras repoñer unha cuberta retirada na anterior obra e arranxar un par de aseos.  
  • Nin rastro das obras que reclama o colexio, nin do cambio de tellado, nin do patio cuberto, nin de ningún dos arranxos propostos pola comunidade escolar, como a substitución dos chans.
  • David Castro , que so aparece para as fotos, caladiño.

  Esta semana David Castro acudiu correndo e sen avisar ao CPI Xulia Becerra Malvar a facerse unha foto con técnicos de educación, para anunciar un suposto “investimento de importancia” en obras de “humanización no interior e no exterior do colexio “.

  Dende Somos Ribadumia puxémonos en contacto coa dirección do centro co obxectivo de saber en que ían consistir esas obras no concreto. Obviamente 32.000€ á Xunta, que tende a estragar os cartos públicos, non ían darlle para moita obra, pero cal foi a nosa sorpresa cando nos explicaron que a “humanización no exterior”  vai consistir en repoñer unha cuberta  que foi retirada pola empresa que realizou as obras anteriores,  unha cuestión que xa dende a nosa formación puxemos de relevancia no pasado mes de xaneiro, e que a “humanización interior” vaise concretar  en reparar un par de aseos, nin sequera todos, e nin sequera esta claro en vai consistir esa reparación. Non se vai, facer nada máis.

   De partida, que unha empresa retire unha cuberta, e teña que ser a Consellería quen se faga cargo de repoñela non deixa de ser unha mostra de como usa a Xunta os fondos públicos, permitindo que as empresas adxudicatarias das obras fagan o que lle dea a gaña, sen reparar nos gastos.

  Dende a nosa formación consideramos unha completa tomadura de pelo a actitude que dende fai anos a Consellería de Educación mantén co Colexio de Ribadumia e por extensión con toda a comunidade educativa, nais, país, alumnado e profesorado. É inaceptable que logo de anos de compromisos sen cumprir e despois dun investimento de case 900.000€ as eivas importantes do Colexio, algunhas delas por certo recollidas no proxecto desa obra, estean sen solucionarse. E máis tomadura de pelo é que faga falla máis de un ano e un curso escolar á choiva para que unha Consellería poña unha sinxela cuberta.

  Dende Somos Ribadumia nin comulgamos con rodas de muiño nin aceptamos caramelos para estar calados. Hai que deixarse de parches. O Colexio precisa dun investimento de importancia, pero ben empregado, non como o anterior, que se resolvan os problemas de degradación dun centro que supera o medio centenar de anos sen apenas reformarse, e se doten os espazos necesarios.  E David Castro, ten que deixar de facerse fotos e poñerse a traballar pola veciñanza de Ribadumia.

David Castro bloquea unha dedución importante na declaración de Facenda das familias que usan a gardería.

  • En Facenda non constan os pagos das nais e pais da gardería de  Ribadumia.
  • A preto do cento de familias usuarias da gardería non lles aparece no borrador da declaración ese gasto deducido, que pode chegar a 400 € por un fillo, e ata 600 € tendo dous ou mais de menos de 3 anos.
  • O goberno local, enganando a Facenda, e de vacacións.

  A preto dunha semana do final do prazo para presentar a declaración da renda as familias usuarias da gardería estánse encontrando con que os gastos dese servizo non lle aparecen deducidos no borrador da declaración, e con que para que llos acepten teñen que presentar as facturas e agardar a que o Concello faga o que non fixo antes, pois resulta que non declarou os ingresos xerados na Gardería.

  Polo tanto,  todas as familias con nenos na gardería están perdendo unha dedución do 30% dos custes da gardería na súa declaración, ata un tope de 400 € por neno ou nena, 600 € se se teñen máis de un fillo en idade de gardería, unhas cantidades nada pequenas. Como moitas nais e pais non se fixan en todos os datos da declaración de facenda, ou son primeirizos e  descoñecen que poden desgravar estes cartos, dáse a circunstancia de familias que xa presentación a declaración sen corrixir esta situación. E para o caso, esta inconcibible actuación do goberno de David Castro obriga as nais e pais a andar con papeis e solicitar revisións das declaracións, presentar as facturas e certificados e agardar a que o concello corrixa a situación.

   Pola nosa banda, consideramos que se xa é lamentable que un Concello, que debería ser exemplar nos trámites coa Facenda Pública, non presente correctamente en Facenda as súas facturacións, moito peor nos resulta que ante unha metedura de pata deste tamaño, garde silencio no canto de emitir unha circular informando a nais e pais do erro e de como proceder para solventalo da mellor maneira posible.  Pero, seguindo a liña de actuación de David Castro, non so non se advirte nada, senón que as nais que foron ao Concello a preguntar por esta cuestión tampouco se lle deu solución algunha.

   Convén pois advertir a todas as nais e pais que no ano 2022 fixeran uso da gardería municipal, que revisen as súas declaracións de facenda.   

   David Castro inicia mandato recortando servizos públicos.

  • Case no San Xoan, e a piscina pública non ten anunciada data de apertura.
  • David Castro recúa na única mellora acometida en oito anos, que foi a ampliación do calendario para encaixala  o período vacacional.
  • A gardería, con xornada reducida en agosto e a escola de ocio segue dando servizo unicamente polas mañas.

  David Castro segue na súa liña política consistente en desfacer de maneira paulatina todo o bo feito no mandato do 1015-2019, prexudicando no proceso a toda a nosa veciñanza, recortando servizos públicos moi necesarios.

  Porén, David Castro, lonxe de ampliar os tempos de uso da piscina, recortounos e volveu ao momento anterior ao 2016, limitando o seu uso a dous meses, se finalmente abre a principios de xullo, e só polas tardes. E faino despois de prometer xa no 2019 que ía cubrir a piscina para poder ampliar o seu uso, unha promesa da nunca máis escoitamos falar.

    A única mellora no servizo da piscina pública, única pero importante, realizada nese período no cal Somos Ribadumia formou parte do goberno, foi a ampliación do calendario de apertural, encaixandoo no período de vacacións dos nenos e nenas. Na práctica isto significaba un mes máis de apertura de piscina municipal. Tal como recorda Enrique Oubiña, concelleiro do goberno nesa etapa, “esa primeira ampliación formaba parte dun plan a medio prazo que debía completarse entre outras cousas coa apertura da piscina dende o 1 de xuño ao 30 de setembro, así, como a apertura ao público todo o día (agora só abre polas tardes).

  A realidade é que David Castro mantén a Ribadumia conxelada no tempo en todo o relativo á conciliación familiar. Mentres os concellos da comarca amplían de maneira paulatina os servizos de conciliación, Ribadumia recorta e conxela estes servizos. A gardería, de xestión municipal, ou sexa responsabilidade directa de David Castro, no mes de agosto vai ter xornada reducida. Así que polas tardes non dará servizo. É xa están as nais é país avisados que para o 2024 esta redución de horario ampliarase ao mes de xullo. Tampouco ten previsto o Concello ampliación da escola de verán  unha ampliación máis que necesaria, que deixa a moitos país ou nais, nun concello con moita xente traballando no sector servizos e outros que no verán teñen longas  xornadas  laborais e poucas vacacións, condenados a buscarse a vida para poder ter aos nenos atendidos.

O noso concelleiro Sérgio Soutelo “non é acpetable que Ribadumia vaia para atras mentres todos os concellos van para adiante. Nós Seguiremos pulando por lograr que os servizos de conciliación melloren e se adapten á realidade do noso concello”.