Category: Sen clasificar

Frente ós que se levantan da mesa, DEMOCRACIA, e frente ós que queren ocultar a realidade TRANSPARENCIA.

 

O EQUIPO DE GOBERNO CRITICAMOS O ABANDONO DO GRUPO DO PARTIDO POPULAR NO PLENO DO PASADO MERCORES.

  As 3 forzas que conformamos o goberno sospeitamos que o PP buscou intencionadamente unha excusa para abandonar o pleno e non asistir ó punto no que se ían a dar conta varias irregularidades e deficiencias herdados do mandato de Salomé Peña.

IMG_9612Por medio do presente comunicado, as tres forzas que compoñemos o goberno do Concello de Ribadumia queremos expresar a nosa opinión sobre os feitos acontecidos no Pleno que onte celebraba a corporación municipal, e que remataron coa expulsión, logo de reiteradas chamadas á orde, dun Concelleiro do PP (Luis Serantes) e o posterior abandono voluntario do pleno tanto da portavoz do grupo, Salomé Peña, como do resto de concelleiros do Partido Popular.

Para SOMOS Ribadumia, Independentes por Ribadumia  e PSdeG–PSOE da a impresión de que o Partido Popular buscou intencionadamente unha excusa para poder abandonar o Pleno antes de chegar ó punto no que se ía dar conta dos informes técnico-legais nos que se pon de manifesto a situación irregular na que se atopan diversas instalacións municipais así como das deficiencias herdadas do anterior goberno presidido precisamente por Salomé Peña.

Só deste xeito pode entenderse a actitude case dende o principio do pleno, tanto da portavoz, como do co-portavoz do PP, Luis Serantes, en cuestións como negarse a informar a corporación sobre os acordos aos que chegara o anterior goberno cos veciños en relación a compra dos terreos para a ubicación da depuradora de Lois, ou intentando desviar o debate de xeito demagoxico no punto de contratación das obras de reparación dos desperfectos atopados nos parques infantiles…..

Foi precisamente nesta última cuestión, onde o goberno informou da falta de fondos que o PP deixou para o arranxo de parques infantís, de que a situación actual era provocada pola falta dun mantemento continuado e que se quixera resolver xa sacando a contratación as obras por 30.000 € onde o PP pareceu molestarse; así anunciou que non apoiaría a proposta (ian votar en  contra de reparar os parques infantís!!!), e onde o seu co-portavoz forzou o debate, alongando intencionadamente a intervención e falando de cuestións que nada tiñan que ver co punto en cuestión que se estaba a tratar.

IMG_9616.jpg

No transcurso do pleno, o señor Serantes forzou a situación reiteradamente , obrigando ó alcade a formularlle varias chamadas á orde.

A pesares das reiteradas chamadas á orde para que se centrase no punto, o concelleiro persistiu con clara intencionalidade,  o que rematou  provocando a súa expulsión do pleno, sendo secundado na súa marcha polos demais Concelleiros do PP, que curiosamente xa estaban preparados para marchar(!!).

IMG_9617.jpg

Momento en que os concelleiro do PP, de xeito voluntario abandonan o pleno municipal.

Polo demais, non se pode acusar de falta de transparencia ó goberno, cando todos os grupos, incluido o PP, tiñan toda a documentación do pleno dende a Xunta de Portavoces (un ente que  co goberno do PP nin existía) e dende as comisión informativas.  Máis sorprendente é que o PP acusase ó goberno de falta de democracia e respecto polo pleno, cando neste e en todos os plenos son precisamente os seus portavoces os que máis interveñen facendo uso de varios turnos de palabra en tódolos puntos e os partidos do goberno nin sequera usan os que lle corresponderían.

En conclusión, parecenos que o Partido Popular segue sen asumir que xa non gobernan o Concello e que xa non representan á maioría dos veciños de Ribadumia, e están ademáis pretendendo que non se informe ós veciños sobre a situación na que deixaron o Concello cando se foron. Que non se preocupen, o equipo de goberno retirou o punto de “dar conta” para lévalo ó seguinte pleno no que o PP acorde quedarse.

IMG_9621.jpg

Triste imaxe final do pleno, onde un partido, rebentando todo pretende frear o exercicio da democracia e o dereito ós veciños de Ribadumia de saber o que pasa no seu concello.

Presentación de “ESMAR, Maltrato Cero”, unha asociación de apoio as vítimas de violencia machista

12291223_850164318437293_7135540787306914485_o   Esta mañá no concello de Ribadumia tivo lugar, aproveitando a celebración do día da loita contra a violencia machista, a presentación pública a asociación contra o maltrato machista ESMAR, MALTRATO CERO. Está entidade é a primeira do seu tipo que se constitue no Salnés.

    Tal como explica Enrique Oubiña, concelleiro de Asuntos Sociais “cando ó pouco de chegar ó concello, Mari Carmen (Maria de Carmen Torres)  se puxo en contacto con nos a través do departamento de asuntos sociais, contounos que logo de pasar por unha situación de maltrato machista e de conseguir sair adiante, quería dalgún xeito axudar a outras persoas que estiveran pasando polo que ela pasou anteriormente. Nos, moi conscientes da lacra que supón o  maltrato machista, e da importancia capital de buscar formulas de axuda para previr todas as actitudes e accións deste tipo, e tamén dispor de ferramentas que permitan axudar ás persoas afectadas por estas situacións,  animamos a Mari Carmen a que transformara esas ganas de axudar nunha ferramenta útil para a sociedade, comprometéndonos dende este equipo de goberno a darlle todo o apoio que nos fora posible.

  Ela recolleu ese guante que lle lanzamos, falou con outras mulleres, algunhas que pasaran por situacións de maltrato, outras que non pasaran por ese drama pero querían axudar, e pouco a pouco, contando co apoio tamen do CIM,  foi tomando forma a idea de crear esta asociación que hoxe por fin presentamos publicamente, e que eu estou seguro de que vai ser  primordial na comarca na mellora da axuda a mulleres que sufran maltrato machista.”

   Presidida por María del Carmen Torres Pérez, a Asociación  ten a súa sede na localidade de Ribadumia e un ámbito de influencia para os nove concellos da Comarca do Salnés.

Os seus fins principais son :

  1. Apoio a mulleres vítimas de violencia de xénero e de calquera tipo de maltrato físico, sexual ou psicolóxico.
  2. Sensibilización da problemática do acoso moral ou/e físico no ámbito persoal, familiar, laboral ou escolar.
  3. Prevención e denuncia do maltrato en todas as súas manifestacións
  4. Apoio as vítimas e prevención do acoso infantil, xuvenil ou vítimas de acoso laboral.

Para levar a cabo estos fins a asociación poderá organizar entre outras as seguintes actividades:

  1. Acompañamento a mulleres maltratadas a través de charlas de asesoramento xurídico e psicolóxico
  2. Desenvolvemento de actividades para o benestar de persoas maltratadas
  3. Todo tipo de acción dirixidas o cumplimento da igualdade de dereitos entre as persoas, tanto homes como mulleres, para a súa integración na sociedade en igualdade de condicións
  4. Desenvolver todo tipo de accións que tendan a promover a non violencia activa en proxectos comunitarios, sociais e solidarios de interese público a partir de cursos, charlas e outros Poderán ser socios :
  • Mulleres vitimas de violencia de xénero
  • Persoas vítimas de calquer tipo de maltrato ou acoso
  • Público en xeral que sexa sensible a esta problemática
  • Na sección xuvenil menores non emancipados de máis de 14 anos co consentimento dos seus pais ou titores legais.

 A primeira liña de traballo será solicitar que exista a nivel comarcal no Hospital do Salnés un centro especializado en atención psicolóxica para vítimas de violencia de xénero, pois é unha das carencias que a asociación pensa debe ser subsanada.