Category: Sen clasificar
Ramon Mouriño opina sobre as xuntanzas veciñais.
Iniciamos unha nova sección denominada “os nosos veciños opinan”. Con esta sección abrimos un espazo libre, para que aqueles veciños e veciñas que o desexen poidan ver reflexadas as súas opinións sobre os temas que consideren oportunos. Tamén, no pasar das próximas semanas iremos añadindo seccións fixas para os colaboradores mais habituais. Para que as vosas opinión sexan recollidas nesta sección teredes que facernolas chegar, ben dirixindovos a membros de Somos Ribadumia, ou ben mandando un e-mail a somosribadumia@gmail.com
E damos inicio a esta ferramenta cun artigo de opinión de Ramón Mouriño.
Outra opinión sobre as xuntanzas do goberno de Ribadumia cos veciños.
Anímome a escribir logo de ver nas redes como algún membro da oposición municipal publica opinión sobre a asistencia a unha desas xuntanzas e dado que eu tamén asistín e teño unha visión diametralmente oposta a súa e polo que me decidín a facela pública.
Eu quero comezar felicitando ao equipo de goberno de Ribadumia pola iniciativa de ir parroquia a parroquia explicando o seu traballo no Concello e escoitando aos veciños e veciñas, respostando as súas dúbidas e escoitando as súas necesidades, xusto no proceso de elaboración dos orzamentos. Creo que é das poucas iniciativas dese estilo que se están levando a cabo: todos os partidos, moitos concellos falan de participación, de transparencia da xestión, pero a hora de verdade, cantos se someten a avaliación dos seus veciños deste xeito??.
Eu comprobei como os veciños e veciñas estaban contentos de poder escoitar o alcalde e demáis membros do goberno, de poder falar con eles, de plantexarlle os seus problemas e que foran escoitados. Pode que aos membros do anterior goberno lle molestara ten que dar contas, e falar con todos os veciños, pero agora eso cambiou.
Na xuntanza presentouse os membros do equipo de goberno. Explicóuse a situación do Concello, o traballo realizado e algunhas das incidencias que se atoparon. Logo seguía unha parte na que se explicaban algunhas das actuacións que se pretenden facer en cada parroquia e logo, para min a parte máis importante, na que os veciños preguntaban dúbidas, comentaban problemas que existían nalgunha zona da parroquia e facían propostas.
Entón, que é o que lle molesta a oposición municipal????. Que se falara da labor do anterior equipo de goberno??. Para min é lóxico, con máis argumento aínda logo de ver como eran acusados na prensa de non facer nada e bla bla bla….. Hai un refrán dos vellos que moi aplicable a esta situación e dí así: A QUE TEN A LENGUA AGUDA TEN QUE TER A COSTELA DURA!!.
E que os veciños non teñen dereito a saber os problemas e iregularidades en que se atopaban algunhas instalacións municipais??. Que o Tanatorio non contaba con todos os permisos e licenzas; que na obra do Campo de futbol existen ata 3 proxectos diferentes ou os defectos atopados en varias Casas da Cultura e nas redes de saneamento de todo o Concello, e si, tamén se debe explicar, por que non? A situación irregular na que se atopaba o tractor municipal (un tema menor di algún, pero que podería provocar un gran problema para o conductor e para o propio Concello en caso de ter un accidente…).
Igual o problema e que algúns non queren que se sepán estas cousas, e como se facían, pero está decindo algunha mentira???, porque eu puiden ver nalgunha charla a Concelleiros da oposición e incluso membros do anterior goberno, e en ningún caso vin rebatir ningunha das explicacións que se deron por parte de membros do goberno actual, molesta entón a realidade???
Polo demais fálase de falta de proxecto, de nula xestión (manda carallo despois de que se explicou sobre o anterior goberno…) e de que o único que os move e o ánimo de revancha. En fin…. igual a frustración pola perda do poder, por ver que o goberno está traballando e consolidándose ou o fastidio por ver que os veciños reciben con naturalidade o cambio político, e o que leva a algúns a non ser capaces de ver o lado positivo das xuntanzas. Igual para a oposición que o goberno queira terminar a dotación de servizo de auga e de alcantarelado a moitas casas que a día de hoxe seguen sen telo, ou mellorar o acceso ao colexio non son importantes, acostumados como están a falar de pousadas ou proxectos faraónicos, pero seguro que para os veciños si que son vitais.
Finalmente hai unha cousa na que si coincido, en que a pesares de que a participación foi moi importante, en parroquias como Ribadumia pasaban das 100 persoas na xuntanza, e unha pena que non viñeran aínda máis veciños as mismas…… a diferenza e que hai quen cree de verdade na trasparencia e na necesidade de que os veciños participen no Concello e hai quen o di agora, pero cando tiveron ocasión non o levaron a cabo.
Quedome co lado positivo da promesa do goberno de que van a seguir tendo xuntanzas veciñais ao longo de toda a lexislatura. E unha boa nova.
O equipo de goberno de Ribadumia levará a pleno una moción sobre a revisión catastral rústica.
O acordo propón facer una valoración real das repercusións desta medida do goberno central e o estudo das posibles bonificacións que se poidan realizar dende o concello.
Un dos asuntos que o equipo de goberno levará a pleno nos próximos días será unha moción referente á orde do goberno central que consiste, poñendo en práctica unha resolución da Dirección Xeral do Catastro de setembro de 2013, fundamentalmente en que se están a catastrar dende o goberno central todas as fincas do rural, así como a dar de alta bens como instalacións rústicas que son catalogadas como almacéns ou vivendas. Esta revisión levará na practica a que instalacións no rural que ata agora estaban exentas de facelo, teñan que pagar imposto de bens inmobles, (IBI).
O que o equipo de goberno de Ribadumia pretende con esta moción é, dado que esta é unha orde do goberno central (PP) que non se pode evitar dende o concello, clarificar o alcance desta medida para os veciños e veciñas de Ribadumia, e estudar a partires dun coñecemento realista da nova situación que coeficientes aplicar dende o concello e tamén elaborar propostas de bonificación acordes coas diferentes casuísticas.
O equipo de goberno levará a cabo esta fin de semana varias xuntanzas veciñais.
Co obxectivo de rematar a rolda de xuntanzas veciñais nas parroquias antes de rematar cá redacción dos orzamentos municipais, o equipo de goberno decidiu darlle un pulo as xuntanzas que estaba mantendo cos veciños e veciñas polas diferentes parroquias e que están recibindo moi boa acollida , concentrando as catro que inda estaban pendentes neste fin de semana.

As xuntanzas polas parroquias están tendo unha gran aceptación entre os veciños, e son moi importantes porque permiten poñer ós membros do equipo de goberno en contacto coa realidade que se vive en todo o concello.
Así, a axenda queda da seguinte maneira:
- Venres 26 de Febreiro, as 20:00h, Barrantes, no centro social.
- Sabado 27 de Febreiro, as 20:00, Ribadumia, na casa de cultura.
- Domingo 28 de Febreiro, as 10:30, Besomaño, na casa de cultura.
- Domingo 28 de febreiro, as 12:00, Leiro, no centro social.
Dende aquí convidamos a veciñanza a acudir a estas xuntanzas, que afondan na transparencia do funcionamento municipal, expoñendo ós concelleiros e concelleiras ó xuízo dos veciños, que teñen así unha moi boa oportunidade de transmitirlle todo aquilo que consideren.
Somos Ribadumia aproba os seus Documentos organizativos.
Entre outras cousas, estes documentos regulan o funcionamento interno da plataforma, con especial énfase no seu espírito aberto e a importancia do consenso nos acordos, e inclúen unha carta financeira cuxa maior novidade consiste en non aceptar financiamento de empresas nin solicitar créditos a entidades financeiras.
En dúas asembleas, que tiveron lugar en barrantes nos dias 21 de Xaneiro e 11 de febreiro, Somos Ribadumia culminou o seu proceso de estruturación interna, coa aprobación de dous documentos, que xa se poden consultar na paxina de Somos Ribadumia: un Documento Fundacional e un Documento Organizativo, que tamén inclúe unha carta financeira.
Este proceso, que en todo momento tivo un carácter participativo e aberto a cidadanía, iniciouse no verán, e buscaba asentar a organización e os procesos internos de Somos Ribadumia, e dotala das ferramentas necesarias para o desenrolo das súas funcións.
No Documento Fundacional explicase todo o proceso que levou a creación de Somos Ribadumia como unha plataforma veciñal aberta, que culminaría coa súa presentación as eleccións municipais e a posterior entrada no goberno de Ribadumia. Ademais diso, establécense uns principios éticos e políticos, que serán a base e a guía do traballo de Somos Ribadumia.
Por outra banda no Documento Organizativo recollese a estruturación interna, que será totalmente aberta, cunha importancia vital da Asemblea e da figura do veciño/a e da súa participación e colaboración en todo o traballo de Somos Ribadumia. Hai que remarcar neste sentido a aposta forte polo consenso como formula para chegar a acordos e de toma de decisións, tanto que no caso de non darse ese consenso nalgunha decisión, a única vía que quedaría sería a da votación, e os acordos deberían entón contar necesariamente neses casos con dous terzos do apoio da asemblea para saír adiante. Tamén se recolle a creación dunha Comisión Executiva, de entre 5 e 11 membros nomeados pola Asemblea, que será a encargada de levar a cabo os acordos ós que chegue a Asemblea, e de coordinar e realizar todo o relativo ó funcionamento interno.
Por último, nos documentos inclúese unha carta financeira, que como punto mais relevante inclúe que Somos Ribadumia non se financiará a través de créditos con entidades bancarias, nin aceptará doazóns por parte de empresas.
