Category: Sen clasificar
O Club Sénior do Concello de Ribadumia supera o medio centenar de inscritos
Dende o inicio de actividades en novembro do 2017, o Club Sénior do Concello de Ribadumia, creado logo da modificación da norma do Fogar dos Maiores, mantén unha liña ascendente tanto en actividades como persoas inscritas.

imaxe dunha saída recente do Club Senior.
A día de hoxe o Club Sénior leva máis de cincuenta inscritos e inscritas, cifra que vai aumentando con cada actividade nova que organiza dende o departamento de Servizos Sociais do Concello. Con respecto ás actividades, dende que este novo formato votou a andar en novembro do ano pasado, leva organizadas preto de unha ducia delas: dende saídas culturais a diversos obradoiros, como os de uso de smartphones ou o de risoterapia, pasando por unha bailoteca ou mesmo un de elaboración de xabóns. Ademais, mantéñense o taller de memoria e as clases de ximnasia para maiores, que eran as dúas únicas actividades, xunto a un xantar de confraternidade, que o Concello organizaba con anterioridade.
Enrique Oubiña explica que “o Fogar do Maiores creouse no 2011, con sede na Casa da Cultura de Ribadumia pero, dende o seu inicio, o formato de “centro social”, moi próximo na súa formulación a un centro de día -que ademais incluía unhas taxas de acceso moi altas-, non conseguiu convencer aos posibles usuarios. De feito, mantívose nuns niveis de participación moi baixos, con menos dunha ducia de persoas e soamente 8 cando, a finais do ano 2016, se modificou a normativa de uso.
O cambio de norma que impulsamos, modificou o concepto orientándoo máis cara un club de pensionistas que cara un centro de día, cunha taxa de acceso moito máis racional (10€ ao ano). Isto, sumado o aumento de actividades orientadas a este colectivo, permitiu que pouco a pouco a situación fora mudando, unha tendencia que previsiblemente se vai manter nos próximos meses, nun concello que ten máis de 1.500 persoas con idades por riba dos 55 anos, das que máis de 400 superan os 65.”
Próximas actividades
Coa chegada do verán, o obradoiro de memoria e a ximnasia de maiores collen un descanso, pero dende o departamento de Servizos Sociais seguen organizando actividades para o colectivo da terceira idade. Entre outras, o 1 de xullo está prevista unha saída para participar no “XXV Festival da Terceira Idade de Melide”. Ademais, en agosto terá lugar a xa tradicional Xuntanza dos Nosos Maiores, un xantar de confraternidade con diversas actividades, que reúne habitualmente a máis de 200 participantes.
Quen desexe informarse de todas as actividades que se organizan para a terceira idade, ou sumarse ó Club Sénior, que permite ter diversas vantaxes (como descontos nas actividades), pode dirixirse aos Servizos Sociais Comunitarios do Concello de Ribadumia.
Comunicado referente á obra de ampliación de Servizos Sociais.
En días pasados a prensa fíxose eco dunhas afirmacións procedentes da oposición relativas ás obras de ampliación do local de Servizos Sociais. Enrique Oubiña explicaba na tarde de onte que “tal e como aconteceu no seu día coa obra do ximnasio de Barrantes, o Partido Popular acudiu á prensa sen contar coa información necesaria, e do mesmo xeito verteu acusacións e informacións que son incorrectas, co único obxectivo de embarrar o bo traballo que estamos facendo”.

En febreiro de 2017 presentáronse as novas intalacións de servizos sociais. Agora, coa nova ampliación, ainda en proceso, vaise rematar a unificación de todos os servizos, incluíndo nas instalacións o banco de alimentos e roupeiro municipais, e a lavandaría .
Por este motivo o equipo de goberno emitiu un comunicado realizando varias aclaracións:
- É totalmente falso que a obra de ampliación do local de Servizos Sociais leve rematada dous meses, pois a día de hoxe está sen rematar. A parte que falta correspóndese co remate da fachada exterior que debido as condicións climatolóxica non foi posible de momento realizar. Toda a parte interior da obra esta totalmente rematada e, según informes técnicos, non presenta ningún tipo de deficiencia.
- O proxecto de ampliación de servizos sociais, como se dixo no seu día, busca dotar á instalación dun almacén de alimentos, unha lavandaría e un roupeiro, servizos que nestes momentos se encontran no baixo da casa de cultura de Ribadumia, nunha situación bastante precaria, herdada do anterior equipo de goberno, que mantiña os alimentos e o roupeiro nun mesmo espazo, húmido ,sen dividir, e cunha condicións sanitarias deficientes. De feito, cando este equipo de goberno se fixo cargo do concello por non haber, non había nin un refrixerador onde manter os alimentos que precisaban frío.
- Para a elaboración do proxecto destas novas instalacións, que contan cun orzamento de 53.000€, contouse coa participación do departamento de Servizos Sociais, e gracias as súas aportacións, as instalacións finais van duplicar o espazo destinado a almacenaxe de alimentos e roupa, garantindo que as necesidades do concello nestes aspectos queden sobradamente cubertas.
Para Enrique Oubiña “é lamentable que o Partido Popular actúe deste xeito, sen informarse previamente das cuestións, e emitindo comunicados de prensa que aportan datos falsos, e solo serven para crear confusión, e para dar unha pobre imaxe da súa agrupación. Pídolle á señora Peña, que, inda que solo sexa por respecto ás persoas que depositaron a súa confianza no Partido Popular, antes de actuar deste xeito, se dirixa ó concello e solicite a información pertinente, que lle permita facer valoracións políticas coherentes e con criterio.”
Resultado positivo do programa para a prevención do acoso escolar.
O Concello de Ribadumia informa de que ven de rematar o proxecto de prevención do acoso escolar organizado polo propio Concello, en colaboración co CPI Julia Becerra Malvar.

a finais do ano pasado concello e colexio asinaron o convenio para a realización dun programa de prevención do acoso escolar
Durante os pasados meses, o Concello e o centro escolar de Ribadumia puxeron en marcha un novidoso programa dirixido aos nenos e nenas de 5º e 6º de Educación Primaria e 1º de Secundaria. Mediante esta actividade, intentouse achegar ás rapazas e rapaces conceptos e ferramentas para mellorar a súa educación emocional, as habilidades sociais e a mediación e resolución de conflitos, dun xeito adecuado a cada una das idades e procurando que as actividades realizadas foran entretidas para eles.
En doce sesións guiadas por unha educadora social, alumnas e alumnos profundaron no propio coñecemento, así como na empatía e a comunicación asertiva, capacidades que os poden axudar a mellorar as súas relacións interpersoais e de grupo, tanto dentro como fora da escola. Así mesmo, adquiriron ferramentas que lles permitirán lidar coas súas propias emocións e coas dos demais, na procura de solucionar os conflitos que no día a día poden xurdir.
Trátase, polo tanto, dun proxecto que pretende loitar con problemas como o acoso ou a violencia escolar, principalmente dende o ámbito da prevención en lugar do castigo a posteriori, e que centra os seu esforzos na procura de capacitar aos rapaces para enfrontarse de xeito positivo ao seu día a día.
Unha vez finalizado esta iniciativa, tanto o centro educativo como as persoas encargadas de desenvolver as actividades coinciden en sinalar os bos resultados e a grande acollida acadada entre os rapaces e rapazas. Por todo isto, Concello e centro pretenden no só repetir a experiencia o vindeiro ano escolar, senón tamén ampliala, de ser posible, a alumnas e alumnos doutros cursos.
Na tarde de onte Enrique Oubiña amosabase “moi satisfeito co resultado do programa; este tipo de accións teñen unha importante influencia na formación dos nenos, nun momento determinante da súa vida, polo que temos que seguir apostando por esta liña de traballo, baseada na prevención de condutas inadecuadas ou violentas”.
Falamos con Enrique Oubiña sobre a coñecida como “obra dos castaños”.

A semana pasada asinouse o convenio coa Deputación de Pontevedra que vai permitir acometer unha importante obra de urbanización na rúa A Torre, en Barrantes, entre a rotonda dos castaños e o pazo de Barrantes. Sobre esta importante obra fixemoslle unhas preguntas a Enrique Oubiña, na súa calidade de Concelleiro de Obras:
Xa tardaba a sinatura do convenio,non? Non, en absoluto. As cousas non sempre van todo o rápido que un quere, e pode parecer que se tardou moito, pero é o que pasa cando te atopas o que atopamos nos con esta obra.
E que atopachedes ? Un desastre en todos os aspectos. As presas traizoaron a Louzán e a Salomé, e aprobaron a cegas un proxecto que nin sequera estaba rematado de elaborar. Pero ademais disto, as cesións que dicían ter acordadas cos veciños eran máis unha proposta de idea que outra cousa, sen nada escrito nin acordado.
Entón o proxecto anterior tiña carencias? Si, pero iso por desgracia xa non sorprende. Foi un caso similar ó acontecido coa última fase da obra do campo de fútbol de A Senra, inda que neste caso non había tres planos distintos, solo un, pero estaba incompleto. O máis salientable neste caso era que, por exemplo, a liña de aparcadoiros que se supoñía ía quedar entre a beirarrúa e a estrada, sorprendentemente aparecía en terra, sen asfaltar nin delimitar as prazas. Cousiñas así…

Fai unhas semanas, o Deputado de movilidade Uxio Benitez visitou Ribadumia para presentar esta importante obra
O novo proxecto entón está máis completo? Está como debe estar un proxecto: completo, con todas as unidades de obra ben especificadas e as medicións correctas e non a ollo, e sen deixar áreas en branco no plano.
Polo demais, é unha obra que medra con respecto o anterior proxecto, pasando dos 245 metros a algo máis de 400, debido o retranqueo do muro do pazo. Ademais disto, as beirarrúas medran ata ter un fondo de 2,50 metros, contra os escasos 1,90 metros debuxados polo PP, inclúense maiores medidas de seguridade viaría, todas as redes de subministro municipal, alumeados, etc, e unha liña de aparcadoiros, agora si, rematada e ben feita.
Por certo ,que hai que agradecerlle a Deputación que aceptara realizar este novo proxecto, moito maior que o inicial, que supuxo aumentar a partida de 190.000€ ata os 225.000 €. Algo que o PP non di.
Resúmenos como foi o proceso. O primeiro, pouco despois de chegar ó goberno, foi reunirnos coa deputación, que nos explicou cal era a situación, e que a solución pasaba por elaborar un novo proxecto. Déronnos por certo a oportunidade de investir os 190.000€ noutra obra, pero consideramos que o proxecto, ben realizado, podía ser un bo investimento para Ribadumia. O seguinte, que foi o que máis tempo levou, foi consensuar un novo proxecto. Estabamos de acordo con que queriamos un proxecto que mellorara a accesibilidade ás dúas sendas fluviais que nacen nese punto, e comunicara dun xeito cómodo para os viandantes esa zona co centro de Barrantes, e crear unha bolsa de aparcadoiros, moi necesaria. Unha vez elaborado un borrador presentámosllo ós veciños, que nos propuxeron o máis lóxico: ampliar o trazado ata enlazar co seguinte tramo de beirarrúas, o cal implicaba retranquear o muro do pazo de barrantes. A verdade é que esta proposta por parte deles era o empuxe que nos faltaba para decidirnos , pois a solución prevista para ese tramo, unha senda sen beirarrúa, non nos convencía, e tamén viamos mellor gastar algo máis e solucionar todo de vez. Pero cando os cartos non son de un hai que darlle ás cousas moitas voltas, por iso non acababamos de decidirnos. Gracias os veciños afectados e a súa lóxica demos ese paso. Aceptada a proposta e falado cos propietarios dese muro, redactouse o proxecto definitivo, asináronse as cesións dos terreos por parte dos veciños e solicitouse apoio económico a traves do Plan Concellos para pagar os retranqueos.
Retranqueos que son maiores que os previstos anterioremente. O PP vendéralle ós veciños que había que retranquear sobre medio metro. Non era así, e ter que explicalo case nos deu vergoña, pero ademais nos entendiamos que o mellor era retranquear un pouco mais e deixar unhas beirarrúas e uns aparcadoiros en condicións. E non volver tocar. Aproveito para agradecer a boa vontade dos veciños e veciñas afectadas, que se mostraron colaboradores durante todo o proceso, e gracias os cales foi posible sacar adiante este proxecto. Un exemplo por certo do que pasa cando as cousas se fan pola vía do dialogo e da transparencia, e non da mentira e da imposición.
O PP di que esa obra a eles non lles ía custar nada. A Salomé pregunteille no último pleno se iso era así quen ía pagar os peches dos muros, e ficou calada. Claro que o concello ía ter que pagar cartos, que o PP non o tivera recollido nin valorado debese á súa habitual desidia. Entón, por suposto que ó Concello esa obra lle ía custar cartos, según os nosos cálculos, con aquel proxecto na man, sobre 45.000€. Nos imos pagar 22.000€ máis, pero vendo o resultado final entendemos que vale a pena o investimento.
O PP aumenta o custe para o Concello ata os 120.000€. Por que o papel aguántao todo. E o falar non ten cancelas. O custe da obra é público, esta correctamente incluído no orzamento e calquera pode corroboralo. O proxecto sae en 225.000€, dos cales o Concello aboa o 30%, 67.000€ en números redondos. E estes cartos páganse efectivamente con fondos propios. Logo os peches das fincas son outros 67.000€. Pero non os paga o Concello, fináncianse a través do Plan Concellos, que e un plan da Deputación. Ou sexa, que paga a Deputación. E eses son os números, sen máis.
Non pareces moi contento coa posición do PP. Non podo estar contento cun partido que durante todo este proceso, o único que fixo, mentres outros traballabamos, foi poñer paus nas rodas. Sacaron notas de prensa mentindo e atacándonos, colgaron carteis e presentaron mocións que buscaban sacar rédito político, e tentar forzar un enfrontamento entre o noso goberno e a Deputación. Pero nin unha soa vez se ofreceron para vir a Deputación a ver en que punto estaba o proxecto; nin unha soa vez Salomé Peña se reuniu con este concelleiro de obras para poñerse ó día de como ía o asunto, ou facer algunha aportación positiva, e sabe ben onde encontrarme. E como deputada nin unha soa vez tomou a palabra nos plenos da deputación para defender os intereses do noso concello, e menos este proxecto. No PP solo se dedican a política de baratillo, e agora que o proxecto esta por fin encamiñado, seguen mentindo e enganado. Non, non estou contento co PP, pero afortunadamente en política os nosos feitos falan por nos.

