Resultado positivo do programa para a prevención do acoso escolar.
O Concello de Ribadumia informa de que ven de rematar o proxecto de prevención do acoso escolar organizado polo propio Concello, en colaboración co CPI Julia Becerra Malvar.

a finais do ano pasado concello e colexio asinaron o convenio para a realización dun programa de prevención do acoso escolar
Durante os pasados meses, o Concello e o centro escolar de Ribadumia puxeron en marcha un novidoso programa dirixido aos nenos e nenas de 5º e 6º de Educación Primaria e 1º de Secundaria. Mediante esta actividade, intentouse achegar ás rapazas e rapaces conceptos e ferramentas para mellorar a súa educación emocional, as habilidades sociais e a mediación e resolución de conflitos, dun xeito adecuado a cada una das idades e procurando que as actividades realizadas foran entretidas para eles.
En doce sesións guiadas por unha educadora social, alumnas e alumnos profundaron no propio coñecemento, así como na empatía e a comunicación asertiva, capacidades que os poden axudar a mellorar as súas relacións interpersoais e de grupo, tanto dentro como fora da escola. Así mesmo, adquiriron ferramentas que lles permitirán lidar coas súas propias emocións e coas dos demais, na procura de solucionar os conflitos que no día a día poden xurdir.
Trátase, polo tanto, dun proxecto que pretende loitar con problemas como o acoso ou a violencia escolar, principalmente dende o ámbito da prevención en lugar do castigo a posteriori, e que centra os seu esforzos na procura de capacitar aos rapaces para enfrontarse de xeito positivo ao seu día a día.
Unha vez finalizado esta iniciativa, tanto o centro educativo como as persoas encargadas de desenvolver as actividades coinciden en sinalar os bos resultados e a grande acollida acadada entre os rapaces e rapazas. Por todo isto, Concello e centro pretenden no só repetir a experiencia o vindeiro ano escolar, senón tamén ampliala, de ser posible, a alumnas e alumnos doutros cursos.
Na tarde de onte Enrique Oubiña amosabase “moi satisfeito co resultado do programa; este tipo de accións teñen unha importante influencia na formación dos nenos, nun momento determinante da súa vida, polo que temos que seguir apostando por esta liña de traballo, baseada na prevención de condutas inadecuadas ou violentas”.