O punto limpo segue pechado: unha tomadura de pelo á veciñanza

Antes e agora: tres anos sen punto limpo de Leiro e máis de 300.000 euros

• David Castro prometeu abrir en días o 14 de outubro. Máis dun mes despois, segue pechado.

• O delegado da Xunta prestouse á foto e a validar esta nefasta xestión diante dunha instalación pechada.

• Esiximos a reapertura inmediata e que o alcalde dea a cara e explicacións do que está acontecendo.

   O pasado 14 de outubro, David Castro anunciou que o punto limpo de Leiro abriría “ «imos abrilo xa, se non é para a semana, para a seguinte». Pasou máis dun mes e a veciñanza segue sen o servizo e o Punto Limpo segue coa porta pechada. Despois de tres anos sen punto limpo, prometer a reapertura en cuestión de días e deixar pasar o prazo sen dar explicacións é unha tomadura de pelo.

   O delegado territorial da Xunta, Pablo Fernández, tamén debe dar explicacións. Veu a Leiro facerse a foto co alcalde diante dun punto limpo pechado. Coa súa presenza, prestou o respaldo da Xunta a unha xestión que consideramos neglixente. Se tiña motivos para dar por inminente a reapertura, que explique cales eran. E se non comprobou que a instalación estaba en condicións de abrir, que explique por que se prestou a avalar o anuncio.

   O goberno local impulsou unha reforma orzamentada en 287.199,13 euros e deixou sen resolver a conexión ao saneamento. Houbo que acometer outra actuación, de máis de 48.000 euros, que incluíu os accesos e as conexións de auga e saneamento. A incapacidade para planificar a reapertura deixou o servizo bloqueado. A desidia do goberno vese nos anos de peche e no silencio desde que incumpriu o seu propio prazo.

   Mentres a veciñanza buscaba onde levar os residuos que antes podía depositar no punto limpo, o propio Concello habilitou depósitos improvisados e xerou novos problemas Xa en novembro de 2024 denunciamos a acumulación de residuos ao aire libre a escasos metros da instalación pechada, e dende entón a problemática dos puntos incontrolados, algúns creados polo propio goberno local, foi unha constante . A foto quedou para o alcalde e o delegado da Xunta. A espera e os prexuízos quedaron para a veciñanza.

Visita municipal ao punto limpo de Leiro e anuncio de reapertura

   Desde Somos Ribadumia esiximos que David Castro dea a cara: que faltaba cando prometeu abrir, que segue impedindo a reapertura e que fixo o goberno desde o 14 de outubro para resolvelo? Se queda pendente algún trámite, que diga cal, cando o solicitou e en que estado está.

   O alcalde debe dar unha data firme, publicar o horario e abrir a porta. E cando a abra, seguirá tendo que responder polos tres anos nos que a súa xestión deixou a Ribadumia sen punto limpo.

Deixar unha resposta