Alertamos dunha situación económica límite: máis de dous millóns de débeda e empresas de Ribadumia sen cobrar

Resumo dos datos económicos de Ribadumia

Uns 130.000 euros en facturas pendentes con empresas de Ribadumia.

O período medio de pago alcanza os 126,15 días.

Máis de dous millóns de euros en facturas pendentes fóra de prazo e 700.000 euros de débeda viva sen explicacións suficientes.

Esiximos responsabilidades políticas, unha auditoría externa e o pago inmediato aos provedores locais.

   Dende Somos Ribadumia alertamos da grave situación dos pagos do Concello e do prexuízo que está causando aos pequenos subministradores, empresas e autónomos, na súa maioría do propio municipio. Son negocios que cumpriron co seu traballo, adiantaron gastos e seguen agardando a que o Concello lles pague. David Castro está trasladando os problemas de liquidez municipais a quen ten menos marxe para soportalos.

   No Pleno do 4 de novembro deuse conta dun período medio de pago de 126,15 días. Ao responder ás preguntas presentadas por escrito polo noso voceiro, Sergio Soutelo, Vanesa Jorge cifrou en aproximadamente 130.000 euros as facturas pendentes de pago con empresas de Ribadumia, segundo a estimación de Tesourería exposta no Pleno. O que está en xogo é o diñeiro de negocios locais e das familias que viven deles.

Facturas sen cobrar e negocios que teñen que seguir pagando

   Cada factura sen cobrar resta liquidez a unha empresa que ten que pagar materiais, salarios, cotizacións, impostos e os seus propios provedores. Para un pequeno negocio, acumular estes atrasos pode significar recorrer ao crédito, asumir xuros, aprazar investimentos ou quedar sen marxe para afrontar un imprevisto. O dano pode estenderse á súa actividade e ao emprego que sostén.

   O Concello non pode financiar o seu funcionamento a costa de deixar sen cobrar a quen lle presta servizos. É especialmente grave que esta situación afecte ao tecido de pequenas empresas de Ribadumia. Esiximos que pagar polo traballo realizado sexa unha prioridade efectiva do goberno municipal.

Gráfica do período medio de pago

   Os datos citados no Pleno amosan un empeoramento continuado: 81,05 días de período medio de pago no primeiro trimestre de 2026, 96,36 no segundo e 126,15 no terceiro. Ante esta evolución, a concelleira volveu falar dunha «falta de liquidez puntual». Para Sergio Soutelo, a explicación xa non se sostén: «Unha falta de liquidez puntual, se se produce todos os días, non é puntual, é permanente».

Un ano despois do anuncio do asesor

   A promesa de traballar nunha solución tampouco é nova. Xa o 29 de outubro de 2025 reclamamos explicacións sobre a contratación dun asesor externo para a área económica. O alcalde xustificou aquel apoio coa formación do persoal e a mellora do funcionamento do departamento, asegurando en Pleno que «en poucas semanas contamos ter resoltos todos os problemas». Máis dun ano despois, os atrasos seguen sen resolverse e o período medio de pago continúa empeorando.

   No Pleno, Vanesa Jorge volveu mencionar a contratación de formación externa e anunciou traballos para mellorar os fluxos de caixa e coordinar cobros e pagos. Pero non concretou cando cobrarán as empresas nin que redución dos atrasos se compromete a conseguir. Repetir que se está traballando non paga unha soa factura.

   Á vista destes resultados, Sergio Soutelo resume así a súa valoración: «Cartos tirados os destinados a ese asesor». Esiximos que David Castro explique canto se gastou, que traballo se realizou e que mellora efectiva se conseguiu. As empresas levan demasiado tempo escoitando escusas mentres seguen sen cobrar.

   Algo non cadra no discurso da concelleira. Fala de persoal mellor formado, pero en esencia é o mesmo persoal que no ano 2016. Como pode ser que coas mesmas persoas se pasase de pagar en oito días a precisar máis de catro meses? Para nós non é un problema de persoal, senón de xestión política. A comparación histórica debe lerse tendo en conta que a metodoloxía do indicador cambiou en 2018.

Gráfica da débeda viva

700.000 euros de débeda viva sen explicacións

   Esiximos explicacións sobre os aproximadamente 700.000 euros de débeda viva comunicados no Pleno. Non nos constan operacións de crédito aprobadas polo Pleno que expliquen esta cantidade. David Castro debe identificar a orixe das operacións, a documentación e os acordos ou resolucións que as autorizaron, os seus vencementos e os custos que supoñen para o Concello. A débeda viva non debe confundirse coas facturas pendentes de pago.

Evitar que a situación se agrave e poñer datas aos pagos

   Advertimos tamén das consecuencias que tería unha nova retención de fondos do Estado. En 2024 xa denunciamos cantidades retidas por incumprimentos das obrigas de información económica. Se se repetisen os incumprimentos que legalmente poden dar lugar a retencións, o Concello podería quedar temporalmente sen esas entregas: menos diñeiro dispoñible, máis presión sobre os pagos e maior risco de prolongar a espera dos provedores e dificultar o funcionamento dos servizos municipais.

   A responsabilidade de evitar ese escenario e resolver os atrasos corresponde ao goberno. A propia explicación de Vanesa confirmou que o alcalde ordena os pagos e participa na sinatura das transferencias. David Castro debe responder pola xestión económica do Concello e polos seus resultados.

   Consideramos esta situación inaceptable e esiximos responsabilidades políticas e a dimisión da concelleira responsable das contas municipais, para que outra persoa asuma esa responsabilidade e dea a volta á situación.

   Esiximos o pago inmediato das facturas pendentes, comezando polos provedores e empresas locais. Esiximos unha auditoría externa que explique a situación e permita elaborar un plan para recuperar a normalidade económica. E esiximos que se explique a onde están indo os cartos.

Deixar unha resposta