Denunciamos o quinto intento de modificar o PXOM á medida dunha nave ilegal

Fotografía da nave e mensaxe de Somos Ribadumia: nave ilegal, quinto intento de modificar o PXOM e esixencia de igualdade de trato.

• Cinco intentos para legalizar unha nave que non paga unha soa taxa municipal.

• O goberno deixa caer o trámite de 2024 coas alegacións da oposición e da veciñanza sen responder.

• Defendemos unha ampliación industrial seria, útil e acorde ás necesidades reais actuais e de futuro, e igualdade no cumprimento da lei.

   Dende Somos Ribadumia denunciamos que David Castro volve insistir na modificación puntual nº 5 do PXOM coa mesma finalidade que levamos anos cuestionando: facilitar a legalización dunha nave construída sen licenza en terreos que non permitían ese uso. Este é xa o quinto intento de sacar adiante unha operación que, ao noso xuízo, pon o planeamento municipal ao servizo dun interese particular.

   O goberno deixou caer a tramitación aprobada inicialmente en maio de 2024 coas alegacións presentadas pola oposición e pola veciñanza sen responder. Para nós, volver empezar nestas condicións é unha manobra para evitar dar resposta a esas alegacións e seguir perseguindo o mesmo obxectivo. Reiniciar a tramitación non borra as advertencias realizadas nin as responsabilidades políticas de quen leva anos impulsando esta actuación.

Cinco intentos e anos de preguntas sen responder

   A historia desta modificación está recollida nas nosas comunicacións públicas. Xa en novembro de 2023 explicamos as tres tentativas ligadas aos plenos do 4 de maio, do 7 de setembro e do 2 de novembro dese ano. O goberno acabou recuando nas tres ocasións; na primeira, o asunto nin sequera chegou a incorporarse á orde do día. O cuarto intento desembocou na aprobación inicial do 2 de maio de 2024. Agora asistimos ao quinto.

   As alegacións son un instrumento de participación e control que merece unha resposta motivada. David Castro ten que aclarar as cuestións formuladas pola oposición e pola veciñanza: retomar a tramitación non o exime de dar explicacións sobre as decisións políticas anteriores.

   Esta sucesión de intentos consume tempo de traballo e recursos públicos. Esiximos que o alcalde detalle canto custou todo este proceso e por que, despois de tantos anos e intentos, segue sen ofrecer unha explicación convincente do interese público desta ampliación concreta.

A nave que non figuraba na documentación

   As advertencias de Somos Ribadumia veñen de lonxe. En novembro de 2023 publicamos unha relación dos antecedentes documentais, coas actuacións do SEPRONA e da APLU e o coñecemento municipal das obras. En xaneiro dese ano, a APLU xa ditara unha resolución que declaraba as obras incompatibles co ordenamento urbanístico e ordenaba a súa demolición e a reposición dos terreos.

   A pesar da existencia da nave, a documentación daquela modificación describía o ámbito como carente de edificacións. Ademais, a propia promotora xa invocara ante a APLU a modificación do PXOM en tramitación como vía para legalizar a actuación. Estes antecedentes explican por que levamos anos denunciando que se pretende adaptar o planeamento a unha construción realizada fóra da legalidade.

   No noso comunicado do 4 de maio de 2024 xa recollíamos que David Castro defendía a modificación como unha adaptación do planeamento á realidade existente na zona. O problema é precisamente que esa realidade inclúe unha nave construída sen licenza. A súa existencia non xustifica, por si soa, que se modifique o PXOM para intentar regularizala. O alcalde ten que explicar que necesidade colectiva atende esta actuación e por que esa solución debe promoverse cos recursos de toda a veciñanza.

Desigualdade de trato co silencio cómplice do alcalde

   Denunciamos tamén un agravio para as empresas do polígono: mentres as instaladas nas demais naves pagan os seus impostos, a nave levantada ilegalmente non paga unha soa taxa municipal. Esta situación mantense co silencio cómplice de David Castro, que continúa promovendo a modificación do PXOM para facilitar a súa legalización.

   Esiximos igualdade de trato. Quen cumpre as normas e contribúe ás arcas públicas non pode ver como se dispensa ese trato de favor a quen construíu sen licenza. David Castro ten que explicar por que permite esta situación e que actuacións vai adoptar para facer cumprir as obrigas municipais coa mesma esixencia a todas as empresas.

Unha ampliación industrial ao servizo de Ribadumia

   O noso concelleiro Sergio Soutelo xa propuxera en 2023 separar a parte da ampliación cuestionada e avanzar nas restantes modificacións que puidesen contar con acordo. Esa proposta amosa a disposición de Somos Ribadumia a traballar nunha ordenación útil para o municipio. Levamos anos reclamando que as decisións urbanísticas se fundamenten nas necesidades de Ribadumia e se expliquen con toda a documentación enriba da mesa.

   Defendemos unha ampliación industrial ben planificada, con accesos e servizos adecuados, superficie aproveitable e posibilidades reais de acoller novas empresas e crear emprego. Defendemos tamén que as empresas que cumpren as normas e tramitan as súas licenzas reciban un trato xusto. Facilitar unha solución á carta para quen construíu sen os permisos necesarios transmite unha mensaxe inaceptable a quen si cumpre.

   Esiximos a David Castro respostas ás alegacións da oposición e da veciñanza, explicacións sobre os custos e sobre o abandono da tramitación anterior, e unha proposta de desenvolvemento industrial que acredite o seu interese xeral. Esiximos tamén que se fagan cumprir as obrigas municipais desta nave coa mesma esixencia que ás demais empresas. Despois de cinco intentos, o alcalde ten que asumir a responsabilidade das súas decisións. En Somos Ribadumia seguimos rexeitando que o PXOM se utilice para facer un favor urbanístico a unha empresa particular.

Deixar unha resposta