Esiximos a David Castro explicacións sobre a represa de Cabanelas

David Castro: que cambiou desde 2016? A obra da represa de Cabanelas non conta con licenza municipal.

• O Goberno municipal segue sen aclarar que control urbanístico exerceu sobre unha obra que, segundo a documentación consultada, non conta con licenza municipal.

• Somos Ribadumia reclama tamén que se aclare a polémica votación da moción conxunta presentada co PSOE.

   Dende Somos Ribadumia esiximos ao alcalde, David Castro, que explique que cambiou desde 2016, cando o Concello que el mesmo presidía se opoñía á construción da represa no río Umia, ata a actualidade, na que o Goberno municipal defende a súa permanencia.

   Esta foi unha das principais cuestións formuladas polo noso portavoz, Sergio Soutelo, durante o Pleno extraordinario do pasado 29 de outubro.

   En febreiro de 2016, o propio Concello emitiu un informe desfavorable á construción da represa, tal e como recollía Canal Rías Baixas. Naquel informe advertíase da alteración do curso do río, das posibles consecuencias nas zonas inundables, dos prexuízos para o medio ambiente e a práctica do piragüismo, así como da incompatibilidade da actuación co planeamento urbanístico vixente ante a ausencia dun plan especial.

   Dez anos despois, a represa está construída. Que cambiou desde aquel momento? Que fixo o Concello para defender a posición que mantiña en 2016?

   Durante a súa intervención, Sergio Soutelo lembrou que Somos Ribadumia leva anos advertindo desta situación, solicitando información, presentando escritos por rexistro e reclamando actuacións para intentar evitar que a obra chegase a executarse.

   O alcalde coñecía as nosas advertencias cando comezaron os traballos, incluso a través de comunicacións presentadas no propio Rexistro municipal.

   Pero unha das cuestións fundamentais que puxemos sobre a mesa foi a situación urbanística da represa.

   A obra conta cunha autorización de Augas de Galicia, pero na documentación municipal á que tivemos acceso non consta licenza do Concello nin unha explicación de por que non sería necesaria.

   Por iso, o noso portavoz preguntou polas inspeccións municipais realizadas e polas medidas adoptadas durante a execución da obra.

   Porque non entendemos que aos veciños se lles esixan permisos e todo tipo de documentación mentres que, nunha actuación destas dimensións sobre o río Umia, seguimos sen saber que control urbanístico exerceu o Concello.

   Non abonda con trasladar as responsabilidades aos técnicos ou a outras administracións. O Goberno municipal tamén ten que explicar a súa actuación.

   Durante o debate, o Goberno escudouse na necesidade de garantir o abastecemento de auga á illa da Toxa e nas competencias doutras administracións para opoñerse á retirada da represa.

   A moción presentada conxuntamente polo PSOE e Somos Ribadumia xa contemplaba buscar unha alternativa de abastecemento que permitise retirar a represa sen comprometer a subministración de auga.

   Non estabamos pedindo que o alcalde fose cunha máquina a derrubar a represa. Estabamos pedindo que se buscasen solucións, que cada administración asumise as súas responsabilidades e que se recuperase a continuidade fluvial do Umia.

   Ademais, a propia Xunta de Galicia recoñeceu deficiencias no funcionamento da estrutura e no paso previsto para os peixes, o que reforza a necesidade de actuar.

Unha votación que tamén merece explicacións

   No momento de votar a moción produciuse unha situación que consideramos necesario aclarar.

   Nunha primeira votación, varios concelleiros do Partido Popular levantaron a man cando se solicitaron os votos favorables. Posteriormente, a votación repetiuse sen que, ao noso entender, se explicase formalmente o motivo nin se aclarase a situación creada.

   Desde Somos Ribadumia defendemos que a primeira votación debe ser tida en conta e reclamamos que a Secretaría municipal aclare o procedemento seguido e o resultado que corresponde recoller na acta.

   O resultado dunha votación non pode quedar sometido á confusión nin resolverse sen unha explicación formal.

Seguiremos defendendo a recuperación do Umia

   Dende Somos Ribadumia queremos deixar clara unha cousa: a nosa preocupación polo río Umia non comezou cando a represa xa estaba construída.

   Levamos anos advertindo, preguntando e reclamando actuacións para evitar chegar a esta situación.

   Agora esiximos ao Goberno municipal que explique que cambiou desde 2016, que actuacións realizou durante a execución da obra e que medidas está disposto a impulsar para recuperar o río.

   Como defendeu o noso portavoz, o importante non é que gañe Somos Ribadumia, o Partido Popular ou calquera outra formación política.

   Isto vai dos veciños, dos pescadores, dos piragüistas e de todas as persoas que queremos recuperar o río Umia.

   Porque defender Ribadumia tamén significa defender o noso río.

Deixar unha resposta