DAVID  CASTRO PRESUME NA PRENSA DE PERDER SUBVENCIÓNS E EVIDENCIA A SÚA INCAPACIDADE PARA XESTIONAR O SANEAMENTO

  • Pide subvencións sabendo que non cumpre os requisitos. E perdeas. E aínda presume.
  • As escusas confirman a falta de planificación e capacidade.
  • Canto tempo, persoal e recursos dedica a pedir subvencións que sabe que non vai conseguir?
  • A rede de saneamento segue sen o diagnóstico necesario, e sen as solucións.
  • O contexto que o alcalde pide pero non da: medio millón ao ano en multas de Augas de Galicia e un Pleno onde vai ter que dar as explicacións que oculta.

Desde Somos Ribadumia  estamos moi sorprendidos pola resposta nos medios de prensa que o goberno de David Castro emitiu contra unha publicación en redes do noso Concelleiro Sergio Soutelo onde pon de manifesto – coa documentación por diante – que o goberno perdeu unha subvención por non responder a un requerimento de documentación. Vistas as ansias do goberno local por comentar a situación das axudas e do saneamento en Ribadumia queremos expor algunas cuestión.

O publicado nos medios polo  goberno de David Castro confirma o fondo da denuncia do noso Concelleiro que tamén o é de Somos Ribadumia: por un lado, pediu unha axuda sabendo que non cumpría os requisitos; a axuda ía destinada a realizar auditorías da rede de saneamento, pero neste caso para obter a axuda precisaba ter auditoría xa realizada, cousa que non acontecía. E polo outro resulta que  non realizou a auditoría por que segundo o propio goberno non estaba garantido que con esa auditoría se conseguirá esa subvención. Para Soutelo “ como pode un alcalde dicir que non fai unha auditoría da rede de saneamento por que tela non garante unha axuda? As auditorías das redes de saneamento, de auga ou de outra cousa non se fan para conseguir cartos, fanse para mellorar a xestión dos servizos públicos”.

Por se fora pouco, na súa ansia por desacreditar a Sergio Soutelo, o goberno declara publicamente que esta axuda non foi a primeira que perdeu, é que no caso das anteriores foi incluso peor por que non era obrigatorio ter realizada a auditoría previamente. Ou sexa, perdeu as axudas que lle permitirían pagar a auditoría. O que o goberno non explica e cantas axudas leva perdidas nin os importes, o cal sería interesante dado que o propio goberno é o que fala da importancia do contexto. “ Pois xa que o goberno non achega  o contexto que do que fala, achégollo eu: a Xunta está lanzando liñas de axudas para solucionar os problemas das redes de saneamento. Uns problemas que ao Concello de Ribadumia lle custan ao redor de medio millón de euros ao ano polo canon que  Augas de Galicia aplica ás redes de saneamento que como no caso de Ribadumia sobrecargan as depuradoras debido ao seu mal estado. A Xunta tamén esta lanzando axudas para xustamente pagar as auditorías das redes de saneamento, que son necesarias  para optar as axudas para reparacións das redes. O goberno de Ribadumia pérdeas todas. Por certo, pasou exactamente o mesmo coa rede de auga. Perdeu axudas durante anos por non ter unha auditoria”.

O goberno pretende presentar como prudencia económica o que evidencia unha grave falta de planificación e de xestión. Coñecer o estado do saneamento, localizar as deficiencias e establecer prioridades é unha responsabilidade municipal. Evitar as multas por mala xestión tamén.  As subvencións son unha oportunidade para axudar a  financiar ese traballo, pero non poden converterse na escusa permanente para deixalo pendente.

Recursos, persoal e tempo en pedir axudas que sabe que non vai levar.

Segundo a súa propia explicación, a convocatoria esixía ter realizada previamente a auditoría. O goberno sabía que non a tiña pero solicitou igual esa axuda, pois o que Soutelo denuncia na súa publicación e o goberno confirma é que a axuda en cuestión foi solicitada polo Concello, e perdeuna cando non respondeu ao requerimento da documentación faltante: a auditoria que o Concello sabía que non tiña. “Pois o señor Castro deberá explicar por que empregou persoal, tempo e recursos municipais, ou peor, se usou recursos externos,  para tramitar unha subvención que sabía que non ía conseguir por que non  reunía as condicións esixidas. Ou non comprobou debidamente as bases ou decidiu tramitala a pesar do incumprimento. En ambos casos debería haber dimisións de maneira inmediata”.

En calquera caso, volvendo sobre as declaración do goberno, tampouco nos vale como xustificación lembrar que en convocatorias anteriores pediu axudas e non as conseguiu. Iso explica que non obtivo financiamento, pero non explica que alternativa preparou, que recursos valorou ou que calendario estableceu para realizar a auditoría. Tampouco explica como pretende David Castro evitar o  elevado canon de Augas de Galicia se non fai nada por medo a non obter axudas, ou se todo o ata a conseguir unhas axudas que non esta conseguindo.

Gobernar non pode reducirse a solicitar subvencións e agardar: hai que planificar, tomar decisións e resolver os problemas. E o concello ten recursos propios, que poden utilizarse para máis cousas que  pagar festas, e hai outras liñas de axudas que poden empregarse en resolver problemas como o do saneamento, que insistimos no dato, se esta levando case medio millón de euros ao ano.

Por que o máis grave é precisamente a situación do  saneamento. Mentres o goberno dedica os seus esforzos a defenderse das críticas, segue sen ofrecer unha resposta concreta sobre cando realizará o diagnóstico pendente e como abordará os problemas da rede, nin da cifras de canto lle está costando ao Concello a súa desidia. A veciñanza precisa solucións, investimentos e prazos, non unha explicación absurda que non responde ao que se lle esta requerindo.

A “transparencia” do señor Castro.

Para rematar, a  súa apelación á transparencia resulta totalmente demagóxica . Para o Pleno de setembro presentamos por rexistro preguntas sobre as subvencións perdidas ou reintegradas desde xaneiro de 2024, as convocatorias ás que o Concello non puido concorrer por incumprir requisitos e as axudas en risco de perda. O goberno negouse a respondelas. Tamén no Pleno de setembro Soutelo preguntou por un informe da concesionaria do saneamento que fala de deficiencias que sobrecargan o bombeo de Cabanelas. “Ese informe si existe e é moi concreto ao situar varias problemáticas na rede en Ribadumia. David Castro negouse a contestar públicamente. Agora fala de contexto, o contexto estaba en responder ás preguntas no Pleno. Pensar que imos ficar calados por que el intente ocultar a realidade, significa coñecer pouco ao noso partido”.

As explicacións de David Castro deixan ao descuberto o problema: un goberno sen planificación de ningún tipo que non prepara a tempo os requisitos para acceder ás axudas e que supedita a resolución dos problemas  dun servizo básico á chegada dunha subvención. A incompetencia para xestionar o saneamento non se corrixe cun comunicado de prensa. Corríxese asumindo responsabilidades e poñéndose a traballar.

Pero que non se agobie o señor Castro. Xusto esta semana Sergio Soutelo solicitou diversa documentación relativa ao Canon de  Depuradoras da Xunta, para saber canto debe o Concello, e se o está pagando. E isto ao fio dunha moción que se vai debater no Pleno Extraordinario forzado pola oposición, precisamente por que o señor que pide “contexto” se nega a debater públicamente a súa xestión e a dar os datos desa xestión. “A documentación ainda non se entregou, asi que pídole ao señor Castro que deixe de rirse da veciñanza e de andar a marear na prensa e nos Plenos, e se comporte cun mínimo de seriedade”.

Deixar unha resposta