TRES ANOS SEN PUNTO LIMPO POLA INCOMPETENCIA DO GOBERNO DE DAVID CASTRO

  • Unha reforma de preto de 290.000 euros quedou bloqueada por falta de saneamento.
  • A veciñanza soporta as consecuencias dunha xestión improvisada.
  • 3 anos sen  punto limpo por culpa dunhas conexións de menos de 50.000 € .
  • Esiximos a apertura efectiva e responsabilidades pola nefasta xestión.

Dende Somos Ribadumia denunciamos que a incompetencia e a falta de planificación do goberno de David Castro deixaron a veciñanza case tres anos sen punto limpo. Unha reforma integral e ampliación da instalación existente, orzamentada en 287.199,13 euros,  acabou privando o municipio dun servizo necesario porque o goberno non resolveu a conexión ao saneamento imprescindible para poñelo en funcionamento.

O punto limpo pechou en 2023 para executar as obras. O goberno debía garantir que a instalación reformada reunise as condicións necesarias para abrir ao rematar a actuación. Porén, deixou pendente unha infraestrutura básica provocando  durante anos unha situación que a veciñanza non tiña por que soportar.

Tal como explica Sergio Soutelo “as consecuencias padecémolas todos: queixas veciñais, acumulación de lixo e enseres en distintos puntos do municipio e unha xestión de residuos baseada na improvisación. Mentres o punto limpo permanecía pechado, o propio Concello habilitou lugares de acumulación que denunciamos como auténticos vertedoiros incontrolados”.

Xa en novembro de 2024 alertamos publicamente dos residuos amoreados na explanada do almacén municipal e nunha explanada de Leiro, a escasos cincuenta metros do punto limpo. Denunciamos que esta última estaba aberta e sen control, próxima a un monte e a unha canle de auga. Nas nosas comunicacións e vídeos levamos tempo mostrando as consecuencias desta maneira de gobernar.

Á reforma de preto de 290.000 euros engadiuse posteriormente outra actuación de máis de 48.000 euros, financiada polo Plan de Infraestruturas Rurais, para  executar as conexións de saneamento e abastecemento.  “David Castro leva dende o final da obra do Punto limpo en marzo de 2024 ocultando a falta destas conexións, que  deberían formar  parte da planificación da reforma, pero debido ao chapuceiro do proxecto -feito a todo correr antes das eleccións do 2023 – non se incluíron provocando que o Pinto Limpo quedara paralizado”.

Ademais debemos lamentar as lentitude de David Castro para resolver os problemas que él mesmo provoca. Por que o Punto limpo leva sen poderse abrir todos estes anos pola falta dunha obra de menos de 50.000€. A xestión  nefasta.

Resulta indignante que David Castro anuncie agora a próxima apertura sen dar explicacións polo tempo que a instalación permaneceu inutilizada. “O certo é que o punto limpo segue pechado. David Castro foise facer fotos e pasear por unha obra menor, rematada fai semanas cando. Oque debería inaugurar é a apertura do punto limpo. Por que non se abre de as conexións están feitas? Que autorización lle falta?

A veciñanza continúa esperando recuperar un servizo que perdeu por unha reforma mal planificada e pola incapacidade do goberno para resolver problemas sinxelos.

Esiximos a súa apertura efectiva e que o alcalde explique por que as conexións necesarias non quedaron resoltas coa actuación inicial, cando coñeceu o impedimento e por que tardou tanto en solucionalo. Case tres anos de prexuízos á veciñanza merecen explicacións e a asunción de responsabilidades políticas.

Deixar unha resposta