Unha moción sobre servizos sociais destapa a situación irregular dunha traballadora.

- David Castro ten a auxiliar de servizos sociais apartada das súas funcións.
- Obrigado ao readmitila por despido nulo, ataca e despreza publicamente o seu traballo.
- Sen poder realizar as súas funcións e sen posto de traballo.
- Persecución as persoas que poñen queixas polo estado do departamento do educador familiar.
O Pleno do pasado xoves servíu para confirmar, cos datos e coas actitudes do propio goberno e moi particularmente de David Castro, o que levamos tempo denunciando dende Somos Ribadumia: que é o ataque furibundo e continuo contra os traballadores do departamento de Servizos Sociais.
Moito do exposto nese punto pola oposición eran cuestións que xa levabamos tempo poñendo de relevancia. Tal como expuxo Sergio Soutelo “O que falamos hoxe non é de agora, comezou xa fai anos”. Soutelo sinalou o inicio do conflito no ano 2020, cando David Castro deu orde de non reparar ningunha das deficiencias detectadas nas instalacións, deixando medrar as humidades e negándose se renovar o material de axuda á veciñanza , como camas articuladas e cadeiras de rodas. En realidade, o problema non era tanto de xestión como de actitude co departamento. Os profesionais non aceptaron inxerencias políticas no seu traballo, e iso David Castro, que pretendía decidir él a quen se lle daba axudas de emerxencia social e que o persoal fixera os informes a medida, non o aceptou. Logo veu a renuncia dunha axuda xa concedida de 115.000€ para aumentar persoal de servizos sociais, e os problemas do departamento cando froito desta presión a traballadora social e o educador familiar causaron baixa. Unha baixa de dous anos que David Castro supliu só en parte colocando a dedo a unha persoa , coa conseguinte reclamación por parte do Colexio Oficial de Educadores Sociais . Foi á volta desa baixa cando o educador familiar se encontrou co castigo de ter que saír do seu despacho e pasar a desenvolver a súa función nun nicho indigno. E a partir deste momento, o continuo goteo de queixas veciñais, reclamacións sindicais e inspeccións de traballo e da Xunta.
Foi esta última reclamación, dun órgano gobernado polo PP, a que puxo claramente de manifesto as deficiencias do servizo, das que David Castro non foi capaz de confirmar que estiveran resoltas, por que non o están.
A traballadora pantasma.
Pero o último episodio -de momento- ten que ver coa auxiliar administrativa do departamento. O posto está designado pola Xunta , que para Concellos como Ribadumia establece un equipo formado por un traballador social, un educador familiar e un auxiliar administrativo. Cada posto ten as súas funcións e os tres son imprescindibles, como os propios traballadores do departamento e tamén se Xunta de Galicia lle recordaron ao señor Castro por escrito.
Neste caso, o que aconteceu foi que o señor Castro primeiro despideu á persoa que cubría o posto de auxiliar administrativo, deixando o oco vacante e no camiño perdendo a axuda económica para sufragar os gastos dese oco. Pero a persoa que ocupaba ese posto acudiu a xustiza, que deu un novo bofetón en plena cara en forma de sentenza por “despido nulo”, tendo que reincorporar a esa persoa ao seu posto de traballo. E que fixo o señor Castro? Non permitirlle volver ao seu posto, negándolle así a axuda que os profesionais precisan, máis agora que o señor Castro, nun intento desesperado e caro de puentear á actual traballadora social, sacou unha segunda praza, xerando con iso máis traballo administrativo. No canto de cumprir coas súas obrigas, David Castro optou por poñela na Casa Consistorial, sen posto de traballo nin funcións, basicamente a non facer nada. Un posto que hai que recordar que ademais se paga con fondos municipais.
Esta situación, ademais de moi irregular e que pode traer consecuencias legais, é totalmente inaceptable, como o foron as escusas e a pataleta infantil e inadmisible do señor Castro no Pleno, que vai quedar grabada nos anais da historia ribadumiense.
Dende Somos Ribadumia consideramos que xa está ben. Esiximos que de maneira inmediata se reincorpore á auxiliar administrativa ao seu posto de traballo, e se dote ao educador familiar dunhas condicións dignas, para él e para a veciñanza que fai uso do servizo, que non paga os seus impostos para ser atendida nunhas condicións lamentables e denigrantes. E por suposto que se corrixan as deficiencias das instalacións, que dan unha imaxe lamentable.
Perseguir a quen se queixa.
Por último, non podemos pasar por alto o episodio digno da época dos grises ou das SS alemás vivido durante o Pleno. Nun momento do debate , Sergio Soutelo sacou a relocer medio cento de queixas veciñais presentadas por rexistro e que todas elas pedían o mesmo, un espazo onde ser atendidas dignamente. David Castro, por certo con moi pouco respecto polo noso Concelleiro, esixiu ver eses escritos, e Soutelo sen problema ningún deixoullos. Cal foi a nosa sorpresa ao ver que o que facían cos escritos o alcalde o Concelleiro Miguel Castro era tomar nota das persoas , ou cando menos dalgunhas concretas, que habían presentado queixas, claramente co obxectivo de tomar medidas. Tal foi así que o propio Soutelo tivo que reclamar os escritos que Miguel Castro non tiña interese en devolver.
Dende Somos Ribadumia condenamos estes feitos, perfectamente recollidos no vídeo do Pleno, e esiximos consecuencias políticas inmediatas. E dende logo, non imos admitir ningún tipo de ataque político ao ningún veciño ou veciña por expresarse ou por poñer unha queixa no rexistro. É mais, animamos que as queixas se expoñan de maneira formal para que consten no rexistro e existan, pois David Castro ten problemas de memoria, e se miúdo non recorda o que non está rexistrado.
