Enrique Oubiña será a persoa que encabece a candidatura de Somos Ribadumia nas próximas eleccións municipais.

  Este pasado martes a Comisión Executiva de Somos Ribadumia en xuntanza extrordinaria, avaliou o proceso e proclamou á persoa que debe ser a cabeza de lista nas próximas eleccións municipais. Nesa xuntanza a Comisión de Garantías designada para controlar todo o proceso, informou de que unicamente se formalizou unha candidatura, a de Enrique Oubiña, e que esta cumpre con todos os requisitos necesarios, e polo tanto, seguindo os nosos estatutos, Enrique Oubiña foi proclamado cabeza de lista e candidato de maneira automática.

Enrique Oubiña é nativo da parroquia de Ribadumia, onde vive,  ten 45 anos, e un longo historial de compromiso e traballo polo noso concello e polas persoas que viven nel, dende o eido cultural, social e deportivo a través do tecido asociativo, e por suposto dende o político onde acumula doce anos de experiencia activa, cun papel fundamental na lexislatura 2015/2019, cando Somos Ribadumia formou parte do goberno, como tenente de alcalde e levando as áreas de política social, Sanidade, terceira Idade, obras e urbanismo, con importantes logros e avances nas súas áreas e na propia xestión municipal, que neses anos viveu unha situación que nada ten que ver coa actual.

  Sobre o proceso de elección, dende a Comisión Executiva tiñamos moi claro e así o expuxemos no seu momento, porque ademais tanto nas diferentes asembleas , na rúa a veciñanza,  e a través  dos contactos que vimos mantendo durante toda a lexislatura con entidades e colectivos, é opinión unánime que de todo o equipo que xestionamos a labor diaria da nosa formación, Oubiña era a persoa que debía encabezar a lista neste próximo proceso electoral, se estaba en disposición de facelo e se decidía candidatarse, unha decisión que por suposto era persoal. Os motivos para nós son obvios:  Oubiña non só é o concelleiro con máis experiencia política de toda a corporación, dito isto no aspecto amplo, tanto en actividade e visibilidade pública como en formación, ademais ten unha capacidade de traballo indiscutible, indiscutida e  recoñecida e valorada positivamente dentro e fora de Somos Ribadumia. Por outra banda, é persoa de consensos e de dialogo, capaz de deixar de lado cuestións persoais e partidistas, e sentarse a falar con calquera cargo de calquera forza política e de calquera administración, e sobre todo destaca a súa capacidade para lograr acordos e recursos en beneficio da nosa veciñanza. Logros como a mellora da rúa A Torre, a reforma do CPI Xulia Becerra Malvar, ou a consecución do  terceiro médico non serían posibles sen o traballo de Enrique Oubiña, pese a quen lle pese. Por que os maiores exemplos  do bo traballo do noso xa nomeado candidato, son o respecto e recoñecemento que recibe dende  outros partidos da oposición e tamén dende outras administracións, coas que mantén a pesar das enormes diferencias, unha relación política cordial e correcta con moitos puntos de colaboración, que contrasta co  enconado e sistemático ataque, que ante a falta de argumentos políticos chega ao ámbito persoal, ao que David Castro e o seu equipo someten a Oubiña dende fai anos, que demostran que os Independientes teñen a Oubiña e a Somos Ribadumia como a forza de referencia e que temen lles pode sacar a súa acomodada maioría absoluta.

  En resumo, dende Somos Ribadumia temos claro que o que precisa o noso concello é un alcalde que traballe, e que traballe pola veciñanza de Ribadumia,  non por cuestións persoais. Enrique Oubiña, ademais de ser o referente político en Ribadumia e fora do noso concello, xa demostrou que ten a vontade de traballar pola veciñanza de Ribadumia. Pero ademais ten a experiencia e a capacidade necesarias para lograr sacar adiante o noso concello dende o diálogo e a boa relación co resto de administracións. E todo isto sen deixar de lado a súa humanidade e accesibilidade de cara a veciñanza. Máis aló dos seus logros en política social, estando sempre ao lado da xente que peor o pasa, Oubiña é unha persoa que nunca rexeita conversar cun veciño, é sempre atende ao teléfono ou a quen o require da maneira que sexa, algo moi a ter en conta nun político, máis nun político de ámbito local.

   Por outra banda, é evidente que Somos Ribadumia somos a formación política con maior estabilidade no noso concello, pois unha vez máis  igual que no 2019, ademais de ser unha formación cun proxecto político asentado e traballando a pleno rendemento, e de manter a nosa unidade lonxe de innecesarias e inútiles loitas de poder internas, somos os primeiros en nomear candidato, e facémolo sen medo á nosa veciñanza, seguindo un proceso aberto e participativo, que non depende de directrices superiores, un proceso  que se contrapón aos doutros partidos,   que no canto de escoller candidatos e establecer un proxectos para mellorar o noso concello, “fanse os interesantes” mentres negocian cadeiras e salarios, metidos nunha voráxine de loitas personalistas, dando unha imaxe lamentable e tamén inútil, porque logo todo depende do que decidan persoas que non aparecen nas listas ou que son de fora de Ribadumia, ou do que terceiras persoas acorden en privado e de costas a militantes e votantes. Nestes aspectos, estamos orgullosos da nosa estabilidade e independencia, que nós permite abordar a xestión e o desenvolvemento do noso proxecto para Ribadumia atendendo as necesidades do conxunto da nosa veciñanza, sen máis liñas vermellas que as recollidas nos nosos principios éticos e políticos.

  Para rematar, o traballo de cara as eleccións para nós acaba de comezar. Unha vez designado candidato, que tamén será o noso voceiro, abrimos os seguintes pasos, conformación da candidatura e elaboración do programa de goberno, dos que iremos informando pormenorizadamente..

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s