O orzamento de Ribadumia (I): partidas falsas, incorrectas e un roubo á veciñanza de 30.000€.

(Nota aclaratoria: este artigo contén capturas do documento orzamentario aprobado en pleno, así como datos dos orzamentos do 2019 e 2020 e outros publicados na web do ministerio de facenda. Todos os datos son reais e públicos).
- O documento ten erros de bulto, como a ausencia da partida para a loita contra a violencia de xénero, ou a existencia de diversas partidas para o mantemento do centro médico, tres anos despois de que a Xunta se fixera cargo.
No pleno do pasado martes o punto central na orde do día era a aprobación do orzamento. De partida, por fin puidemos entender os motivos polos cales o goberno de David Castro nos poñía tantos impedimentos para acceder á documentación: a desastrosa redacción do orzamento, pragada de erros de todo tipo como puxo de relevancia Oubiña “xa no primeiro momento, pedindo que se retirara o orzamento para proceder a corrección dos erros, pero David Castro non quixo aceptar a nosa solicitude, co cal ao final aprobou, cos seus únicos votos uns orzamentos que, por mal elaborados, acabaran por estudarse nas escolas de economía”.
O texto inclúe, e así se aprobou, erros de transcrición, como por exemplo unha partida de 16.000€ para pagar a factura eléctrica do local de protección civil, que habitualmente anda nos 1.500€,

partidas que non son reais como varias de mantemento para o centro de saúde, cando fai tres anos que o Sergas se fixo cargo del.



Do documento tamén desapareceu a partida para axuda as vítimas de violencia de xénero, 15.000€ subvencionados pola Xunta que deberían aparecer.
Con todo, o mais grave é o roubo intencionado que o goberno local fai de 30.000€ á veciñanza. No apartado de ingresos, onde deberían aparecer os 954.505,57€ que ao longo deste ano vai aportar o goberno central, e que xa están aprobados e publicados, aparecen unicamente 924.000€. Ao recortar esta cifra na correspondente partida, o que vai pasar é que o goberno central so nos vai ingresar o consignado no orzamento municipal, e o resto pasara a engordar o remanente, quedando así fora do uso deste ano. “E podemos chamarlle como queiramos, pero isto é un roubo á veciñanza en toda regra”.
Ademais, esta foi a partida que puxo de exemplo Oubiña para demostrar as mentiras que o goberno local usa para non incluír as nosas propostas, que para este ano suporían 28 cambios no orzamento, a maioría axustes de partidas existentes, unha modificación orzamentaria que, sen mover o total do orzamento salvo a inclusión do que o goberno local nos rouba, repercutiría en axudas reais aos sectores máis afectados pola pandemia, pero tamén en investimentos en cultura, deporte e xuventude, a gran abandonada deste goberno. “O pasado xoves pola mañá o goberno central ía ingresarnos – segundo previsión orzamentaria – 915.000€, e logo pola tarde xa resultou que o goberno central en realidade ía ingresarnos 924.000€, 9.000 € que se moveron apertando un botón”. Este cambio, xunto á eliminación de varias partidas que eran imprescindibles as nove da maña e innecesarias as tres da tarde, foi motivado por unha reclamación dos sindicatos, que o goberno se viu obrigado a aceptar. O asunto serviu para demostrar que “David canto menos poida pagar mellor, e so sube salarios – salvo o del – se o obriga a lei”, e que os orzamentos non están escritos en pedra.
(Podedes seguir lendo sobre os orzamentos no segundo artigo publicado na nosa web)

One comment