Inaceptable comportamento de IR, atacando o dereito á intimidade de Enrique Oubiña.

- Persoas do entorno de IR recolleron en foto ou vídeo momentos e detalles da vida privada de Enrique Oubiña e da súa familia, que logo a concelleira Pilar Martínez usou como argumento no pleno.
- Non podemos aceptar que un partido político faga un seguimento a ningunha persoa no seu ámbito privado.
- Todo o noso apoio a Enrique Oubiña, que abandonou o pleno en sinal de protesta.
No pleno celebrado este pasado martes a concelleira de IR Pilar Martínez e o resto da agrupación de IR, alcalde incluído, traspasaron todas as liñas vermellas existentes na separación entre ámbito político e privado.
Foi durante a réplica por parte da Concelleira de contas no punto principal da xornada, que era o debate do orzamento municipal. Nun momento determinado, a concelleira pretendeu acusar a Enrique Oubiña de atender a outras cuestións no canto de atender as súas responsabilidades políticas, poñendo como exemplo que no momento de celebrarse a Comisión Informativa días antes do pleno Enrique Oubiña estaba paseando por unha senda fluvial, e que ademais “tiña probas”.
Con respecto á cuestión da Comisión Informativa mencionada, nada que dicir pois dende Somos Ribadumia xa habiamos informado que non participaríamos na mesma por que aínda non tiveramos tempo a valorar a documentación. O que é totalmente inaudito e inaceptable, e así o explica Oubiña “é que dende IR se dediquen andar detrás miña, e refírome ao meu ámbito privado, para facerme fotos ou gravar vídeos ou o que a eles lles pareza, e despois levar iso aos plenos para usalo como arma arroxadiza”.
Á vista do comentario, sobre o que a concelleira aínda se reafirmou unha segunda vez no expresado , que ademais acompañou dunha serie de faltas de respecto e referencias á vida privada do noso voceiro ao longo do pleno, Enrique Oubiña optou, como medida de protesta e de defensa do respecto e da dignidade tanto da súa persoa como da propia política, por abandonar o pleno unha vez rematados os tres puntos que se sometían a debate e votación.
Dende Somos Ribadumia queremos amosar todo o noso apoio tanto a Oubiña como ao seu entorno máis próximo, e xa adiantamos que estamos realizando as consultas legais pertinentes para ver como enfocar este caso en cuxa gravidade insistimos, pois a súa consecuencia máis inmediata é “a sensación de que non podo saír da casa sen saber se me estarán seguindo, ou se me farán unha foto falando con calquera veciño. E se os de IR teñen este comportamento comigo, e tan alegremente como para facelo público nun pleno, poden telo con calquera outro concelleiro, ou calquera veciño ou veciña”.