Enrique Oubiña participou nun encontro para coñecer experiencias urbanísticas innovadoras.
A semana pasada Enrique Oubiña participou, en representación do Concello de Ribadumia, no III Encontro da Rede Nacional das Nenas e dos Nenos, celebrado en Huesca.
No encontro, diferentes concellos, universidades, asociacións… tiveron a oportunidade de coñecer as claves para a construción de cidades inclusivas, que promovan e avoguen polo benestar dos seus habitantes, especialmente nenas e nenos, pero tamén anciás, persoas con diversidade funcional, etc. Así mesmo, os participantes puideron intercambiar opinións sobre como acadar estes obxectivos e facer que as comunidades establezan como prioritaria a creación de cidades respectuosas co medio ambiente e os veciños que as habitan, accesibles e sostibles, contando coa participación activa dos nenos e nenas, futuro de toda sociedade. Para Enrique Oubiña ” a visión dalgúns políticos e politicas é curtopracista e moi reducida, cos ollos postos nos votos máis que na solución real dos problemas, e o resultado desa maneira de ver e facer salta á vista cos gobernos anteriores, emperrados en facer obras bonitas para saír nos xornais, pero sen pensar se eran necesarias, útiles, ou se os plantexamentos e solucións cumprían cos obxectivos marcados; participar neste tipo de eventos permítenos formarnos, aprender, e desenvolver unha visión máis ampla destas cuestións, para así logo poder buscar mellores solucións e, en resumo, poder facer mellor o noso traballo”.
O proxecto da Cidade das Nenas e dos Nenos, creado e promovido polo psicopedagogo Francesco Tonucci, está en marcha desde 1991, e vense debatendo en diferentes cidades españolas dende o 2016, ano en que se produciu o primeiro encontro en Granada, relevada en 2017 por Pontevedra. Este ano, o concello de Ribadumia, representado polo concelleiro de Urbanismo e Servizos Sociais, Enrique Oubiña, participou por primeira vez no encontro, onde tivo a ocasión de entrar en contacto con esta rede, coñecer en profundidade as súas características e formulacións e analizar casos reais e concretos, como o do municipio que acollía este terceiro encontro.
Enrique Oubiña mostrouse “sorprendido con casos como o de Huesca, onde un “consello de nenas e nenos” participa activamente na proxección das actuacións urbanísticas que lles afectan directamente, como parques ou zonas peonís. Contra o que puidera parecer, o resultado final nada ten de infantil, máis ben o contrario: as áreas resultantes son moito máis inclusivas, con solucións lóxicas, efectivas, e respectuosas co seu entorno. Ademais todo este proceso fíxose integrado no ámbito escolar, con evidentes resultados na formación dos nenos e nenas. “
Ribadumia busca situarse, deste xeito, entre os territorios que, a nivel nacional e internacional, avogan por un crecemento sostible, no que veciños e veciñas se vexan incluídos, un deseño de sociedade que apoie a participación infantil na vida social, participación, en definitiva, dos futuros cidadás e cidadáns.