Sinopse do acontecido co tanatorio municipal
Deixamosvos un resumo de todo o asunto do tanatorio, do que se deu conta na rolda de prensa do pasado sábado:
28 de novembro: o equipo de goberno, logo de recibir o informe técnico onde se constatan unha serie de importantes irregularidades administrativas e total ilegalidade (dende 18/09/2011), asi como a inexistencia do proxecto coincidinte coas obras realizadas, moi diferentes ó proxecto orixinal, que dispararon o orzamento inicial dos 390.000€ ata os 540.000€, vese obrigado a suspender temporalmente a actividade no tanatorio.
Hai que insistir en que sería unha grave irresponsabilidade, por parte do equipo de goberno, unha vez tido coñecemento da situación de ilegalidade, manter o tanatorio en funcionamento. Tal como expón Enrique Oubiña , “o que teñen que preguntarse os veciños de Ribadumia non é ¿porque se pechou o tanatorio? se non que deben preguntarse ¿como era posible que estivera aberto?”
Do 28 de novembro ó 11 de decembro: unha vez constatada a situación do tanatorio e sendo moi conscientes da importancia que esta instalación ten para os nosos veciños, e mesmo para veciños de outros concellos que fan uso deste servizo, o equipo de goberno axilizou os trámites para poder resolver a situación canto antes.
o primeiro paso foi encargar o sr. Abilleira un proxecto de legalización que recollese a obra realmente construida, pois resultou que non constaba en ningún lado, nin no concello nin na Deputación, ningun proxecto modificado que contemplase a obra construida.
Como apunte hai que decir que o señor Abilleira foi o arquitecto-director das obras por encargo da Deputación provincial logo de que o director inicial, e realizador do proxecto, o sr.Pernas renunciase despois de non aceptar os cambios impostos por Salome Peña.
Na maña do 11 de decembro, so trece dias naturais despois do peche do tanatorio, o sr. Abilleira fai entrega no concello deste expediente de legalización, cuxo custe, de case 3.000€, deberán afrontalo as arcas municipais, ou sexa os veciños e veciñas de Ribadumia.
Nese mesmo 11 de decembro, os técnicos municipais informaron sobre o expediente e, considerando os informes favorables da Consellería de Sanidade, foi convocada a Xunta de Goberno municipal, que tomou ó acordo, grazas a unha reforma lexislativa do 2013 que permite legalizar a instalación sen informe de medio ambiente, de legalizar as obras construidas e a súa actividade, e xusto ó remate desa Xunta de Goberno decretouse o reinicio das actividades no tanatorio municipal.
O que resulta moi lamentable é a actuación do PP e de Salome Peña neste asunto. Para Enrique Oubiña, “se xa non ten escusa posible que se mantivese a situación ilegal do tanatorio dende o 2011, sabendo como sabía Salome Peña que o tema se podería ter resolto cun par de informes no seu momento, ou cun proceso de dez días lectivos, como o resolveu o actual equipo de goberno, moita menos excusa ten que a súa actuación nestas semanas fose a de dedicarse a mentir ós veciños e veciñas de Ribadumia, e convocar concentracións en plena campaña electoral, buscando a foto na prensa e atacar ó equipo de goberno, no canto de vir polo concello e axudar a solucionar unha situación da que é a máxima responsable. “