Somos Ribadumia acusa a Salomé Peña de pretender favorecer economicamente ós seus concelleiros.

Salomé peña e o PP levan dende o inicio da lexislatura buscando o xeito de que os seus concelleiros estean todos presentes, e cobrando, nas comisións informativas.
En días pasados, o PP local de Ribadumia centrouse en acusar a IR de pagar soldos encubertos a SR e o Psoe, argumentando que no pleno de organización se debería ter creado un grupo mixto, que reunira a SR e Psoe. Salomé Peña pretende esgrimir un argumentario económico para xustificar a súa petición de que se cree un grupo mixto, pero esquece dar as cifras e dicir que o que pretende en realidade é que se cambie o organigrama das comisións para favorecer os seus concelleiros economicamente.
Por este motivo, dende o grupo de Somos Ribadumia queremos aportar algúns datos:
- As comisións informativas creadas garanten a participación de todos os grupos que conseguiron representación nas pasadas eleccións. Pola contra, a proposta do PP de crear un grupo mixto, algo que eles mesmos descartaron na pasada lexislatura cando o concelleiro Oubiña abandonou o BNG, coartaría esa representación democrática ó obrigar a dous partidos a repartirse a representación nas comisións, ou sexa, que non todos os partidos políticos estarían en todas as comisións nin en todas as áreas de traballo..
- A proposta do PP con respecto as comisións, tal como expuxo no pleno de organización e reiterou en varias ocasións, solucionaría o problema da representatividade, pero pasaría por reducir as comisións das oito actuais a catro, e metendo nelas a todos os concelleiros de todos os grupos (13 contra os 7 que hai actualmente : 3 do PP, 2 de IR, 1 de SR e 1 de Psoe), unha barbaridade innecesaria que tal como xa explicou Enrique Oubiña no seu momento “non ten sentido porque as comisións non son plenos, e o único que hai que garantir é que estean representados todos os partidos, non todos os concelleiros como pretende a señora Peña, e facer algo así ademais suporía un aumento no custo económico en mais de catro mil euros ó ano”.
- Hai que recordarlle ó PP que Enrique Oubiña non cobra pola asistencia a comisións nin plenos, se non que unicamente cobra a súa asignación como liberado, polo que acusalo de cobrar salarios encubertos ademais de ser unha falsidade non ten sentido.
- A asignación económica que o concello concede ós grupos políticos e que hai que remarcar que non se da ós concelleiros se non os partidos ten dúas partes: unha fixa de 30€/mes, e outra que se asigna por cada concelleiro electo, de 30€/mes. Estas cantidades non as aprobou o actual equipo de goberno, foron aprobadas polo PP cando aprobou os orzamentos deste 2015, e significa que o PP recibe do concello 210€/mes, IR 180€/mes, e SR e Psoe 60€/mes. Enrique Oubiña preguntase “onde está o pago de favores, se o único que se fixo foi manter a formula e as cantidades que o PP aprobou nos orzamentos”.
- A creación do grupo mixto suporía un enorme recorte no funcionamento democrático do concello, pero so 30€ menos de gasto ó mes. Somos Ribadumia consideramos que a defensa da democracia no concello, dentro dos marxes lóxicos da viabilidade económica, debe estar por riba dos intereses económicos.
- convén remarcar que a decisión de non formar grupo mixto, unha situación que se da en varios concellos de Galicia e en moitos no resto do estado, está amparada en informes de secretaría, e que ante a insistencia do PP se fixo unha serie de consultas a diferentes ámbitos, coa intencións de ter as garantías legais que permitan este organigrama de goberno, e que de non ser así, tomaranse as medidas pertinentes.
Dende Somos Ribadumia queremos denunciar as manobras do PP, orientadas a buscar o xeito de que todos os seus concelleiros reciban das arcas municipais a mesma cantidade de euros, que rondarían de cumplirse as expectativas dos populares os 1000€ por concelleiro e ano, cando agora algúns concelleiros reciben menos da metade desa cantidade, unha postura fora de toda ética política, que nos mostra a un Partido Popular mais centrado en encher a carteira dos seus que en facer traballo político.