Xuntanza Somos Ribadumia
Somos Ribadumia non naceu como un proxecto electoralista. Nin moito menos. Temos vocación de continuidade, e agora, logo destas semanas de infarto, coas eleccións, as negociacións para conformar un novo goberno estable e cun proxecto que nos permitise desenvolver as nosas propostas, e pasados xa os plenos de investidura e de organización do goberno municipal, onde temos un papel relevante como parte do tripartito (SR, IR e Psoe) que leva as rendas de Ribadumia, chegou o momento de dar pasos para seguir asentando Somos Ribadumia no panorama político local, e de impulsar o traballo municipal como parte do equipo de goberno.
Estamos no momento de afondar no desenrolo do noso proxecto para Ribadumia, e tamén na nosa organización interna, e seguir sumando a persoas que queiran participar dun proxecto como o noso, horizontal, aberto e profundamente democrático.
Por ese motivo estades convocados, veciños e veciñas a xuntanza que terá lugar o próximo mércores, a partires das 20:30 horas no centro cultural de Sisán.
Dende aquí animámosvos a vir e participar. Estamos traballando para construír unha nova Ribadumia, e queremos que formedes parte deste proxecto.