Pedimos a dimisión inmediata de David Castro por organizar unha festa saltándose o aforo e horarios permitidos.

  • Mentres a hostalería ribadumiense este venres tiña que  pechar a medianoite, o alcalde organizaba unha festa na vivenda onde reside con música e cantos de taberna, exceso de aforo e superando as limitacións horarias.
  • A festa tivo que ser desaloxada pola Garda Civil.
  • Pedimos, que por respecto e dignidade, dimitan dos seus cargos no concello de Ribadumia, tanto David Castro como as concelleiras e concelleiros que participaron nesa festa.
  • Lamentable espectáculo de dous asistentes a esa festa, un deles irmán dunha concelleira, atacando e ameazando a Enrique Oubiña, que vive no edificio de enfronte a vivenda de David Castro.

O vivido na noite deste pasado venres para o sábado na rúa mimosas de Barrantes é dunha gravidade absoluta.

 De partida compre aclarar que as respectivas vivendas de David Castro e Enrique Oubiña están unha case en fronte da outra, e que o propio Enrique Oubiña foi testemuña de todo o acontecido, por estar como a maioría da veciñanza desa rúa esperta por mor do ruído da festa privada que o alcalde organizou nun alpendre aledaño á casa na que vive.

 Tal como explica o propio Oubiña “dende primeira hora da noite xa había rebumbio no alpendre en cuestión, con bastante xente chegando, pero a verdade é que saín a cear e ata preto da unha da madrugada non volvín. Porén, en canto aparquei o coche en fronte ao edificio onde vivo, ao baixar sorprendeume a algarabía que había montada, con varias nenas e nenos correndo pola horta da vivenda de David Castro, e cun grupo numeroso de xente cantando no alpendre a  pleno pulmón. Esa festa desa hora non era moi normal, pois como todo o mundo sabe, salvo o alcalde de Ribadumia e o seu equipo, as reunións de non convivintes están limitadas a un máximo de seis persoas en recintos pechados e dez en recintos abertos, e nin a un bar se lle permite computar como recinto aberto por abrir portas e ventás nin a un alpendre por abrir o portalón.

   En calquera caso, nese local e nese momento había mais de dez persoas, incluído o alcalde e varias persoas do equipo de goberno e da dirección e entorno de IR. Ademais había un grupo de persoas, que eran os que estaban dando o concerto, porque aquilo era un concerto, dun xeito claramente profesional, ou cando menos con moita práctica. Esa tarde  tivo lugar un certame de cantos de taberna en Barrantes.

Como dicía, cheguei a miña casa antes da unha da maña, e sobre a unha e media, logo do peche horario imposto pola Xunta de Galicia, esta xente seguía cantado a todo trapo, para sorpresa de varios veciños que asistíamos atónitos ao espectáculo dende balcóns e ventás. Foi nese momento cando apareceu a Garda Civil. Esta dirixiuse directamente á vivenda, e logo de chamar e intercambiar unhas verbas cunha das persoas do interior, accederon a propiedade. Alí conversaron con toda aquela xente, e logo saíron e fóronse. Ao momento as persoas que estaban alí comezaron a recoller e marchar. E eu fixen o propio e retireime a descansar.

   Non pasara nin medio minuto cando escoitei que dende a rúa dúas persoas me chamaban a gritos, mentando para reforzar a súa mensaxe a miña nai,  e reclamando que baixara  xunto deles. Como unha das voces me soou coñecida saín ao balcón e efectivamente había dous homes, un deles irmán dunha das concelleiras de IR, que durante un anaco se dedicaron a insultarme e ameazarme de variadas maneiras, a gritos e dende o medio da estrada. Ese tipo de ameazas non acostuman a afectarme, pero a realidade é que estaban bastante alterados e estes comportamentos non son admisibles. Logo dun anaco desistiron  da súa intención de “darme unhas ostias “, e fóronse ameazando. E pola miña banda a noite rematou aí. O sábado traballei e esta maña achegueime a garda civil a poñer a pertinente denuncia contra eses ataques, deixando constancia de que esas persoas, e outras que naquel momento os acompañaban, saían todas da vivenda de David Castro”.

     Dende Somos Ribadumia en primeiro lugar queremos amosar todo o noso apoio ao noso voceiro. Non podemos aceptar comportamentos como o deses dous homes, e lamentamos que o alcalde, a diferenza do resto de representantes de forzas políticas do concello que onte mesmo amosaron o seu apoio a Enrique Oubiña, se teña dirixido a el para explicar e desculparse polo comportamento deses dous homes, que saíron da súa casa e que se  dirixiron á vivenda de Oubiña por consideralo culpable da visita da garda civil polo mero feito de ser quen é. E deses dous, en concreto un deles, que ademais forma parte do  entorno de David Castro,  é irma dunha concelleira, e é propietario dunha empresa que ten feito negocios recentemente e en varias ocasións co Concello de Ribadumia, ademais de prestarlle servizos en cuestións de mantemento e reparación de maquinaria agrícola, un cúmulo de circunstancias que deberían ter levado tanto a esa persoa como ao alcalde a reflexionar sobre o acontecido e actuar en consecuencia.

   Para nos o comportamento de IR con Oubiña non é novo . Os ataques que leva recibido xa dende antes das eleccións do 2019 por xente do entorno de IR – concelleiras incluídas –  foron sempre moi duros, dirixidos á súa vida privada na maioría das veces. Pero en menos de dous meses tivemos que ver como o perseguían para facerlle fotos no seu ámbito privado coa intención de usar esas fotos nun pleno municipal, e cabe pensar que noutros ámbitos, e que unha noite un dos membros da súa camarilla se poña a montar un espectáculo e a verquer ameazas de todo tipo contra a súa persoa. Completamente inadmisible. IR que non conte con Somos Ribadumia para participar nesta maneira de facer política, enfrontando a uns veciños con outros, nin moito menos imos aceptar a deriva á que David Castro pretende levarnos. E facemos un chamamento ao  resto da oposición para que tome nota e poidamos analizar en conxunto a situación do noso concello, porque se non tomamos medidas acabaremos por ter un desgusto.

  E por outra banda está a realización dunha festa que non cumpría coas normas establecidas. O feito de que a Garda Civil disolvera a festa, extremo admitido por David Castro, demostra que en primeiro lugar nese alpendre había máis xente da permitida, e a unha hora que non estaba permitida. Se os axentes se limitaron a disolución da festa sen denunciar é cuestión que Somos Ribadumia non imos valorar, pero iso non mitiga en absoluto a realidade demostrada: David Castro montou unha festa na súa casa, con máis xente da que estaba autorizada e sobrepasando as horas permitidas.

E isto é totalmente inadmisible. En verbas de Oubiña “coa que esta caíndo, co que están sufrindo os nosos comerciantes e hostaleiros, que nesta fin de semana coa xente querendo festa e un respiro  demostraron un comportamento exemplar cumprindo e facendo cumprir as normas a raxataboa, vai o noso alcalde e pasase as normas todas polos forros”.

Para Somos Ribadumia nada é casualidade. O alcalde podía romper as normas noutro lugar máis discreto, ou disimular un pouco, pero abriu o portalón do alpendre, que mira á toda a liña de edificios desa rúa do centro de Barrantes. Unha actitude de soberbia e un crerse por enriba do ben e do mal que se fastidiou un pouco  pola visita da garda civil,  pero que non por iso é menos lamentable, nin ten escusa algunha, e ten que  ter consecuencias políticas.

  Porque os políticos, anque teñen dereito a súa intimidade, deben ter sentido da responsabilidade e ser exemplares nas súas actuacións, en particualr nas que se expoñen publicamente e sobre todo nestes tempos nos asuntos relacionados coa pandemia. Porque non pode ser que mentres os nosos hostaleiros teñen que pechar antes de tempo perdendo un ingresos moi necesarios, o alcalde que non lles axudou absolutamente en nada aínda se ría deles montando unha festa na súa casa e alardeando dela. Porque dende o sucedido David Castro no canto de amosar un mínimo remordemento, ou dar explicacións públicas,  limitouse a amosar a súa prepotencia.

Por todo iso, dende Somos Ribadumia consideramos o seguinte:

  • Por respecto cara a nosa veciñanza, algunha da cal perdeu familiares por mor da covid-19, aos hostaleiros e hostaleiras do noso concello, comerciantes, empresarios e familias que dende fai mais dun ano aguantamos e por responsabilidade  nos comportamos tal como nos ditan as autoridades. Por ética e por  dignidade política, David Castro e todas as concelleiras e concelleiros que participaron nesa festa deben dimitir de xeito inmediato de todos os seus cargos públicos.
  • David Castro debe dar a cara e convocar de urxencia un pleno para dar todas as explicacións pertinentes, que nos aclaren que fai un alcalde e o seu equipo de goberno  saltándose as normas anti-covid con semellante descaro, así como os comportamentos e actitudes do resto do seu equipo e entorno, e asumir responsabilidades políticas no órgano de representación democrática.

                                                    

Mellorable xestión do falso “mes” das Letras Galegas “ de Ribadumia.

  • Oculta a súa incapacidade de xestión e organización denominando a maio “mes das letras Galegas”, pero cun único acto organizado polo concello en todo ese mes, e fora da data sinalada do 17 de maio.
  • Gracias á presión de Somos Ribadumia, o goberno amplía a axenda da Festa do Tinto.

   Se o Día Internacional do Libro pasou con máis pena que gloria por Ribadumia, o Día das Letras Galegas foi case peor.

A Concelleira de Cultura, Mar Rey, admitiu no último pleno municipal  unha mala actuación ao redor do Día do Libro, algo por certo raro de ver neste goberno e que dende Somos Ribadumia valoramos positivamente. Nesa intervención a concelleira deu a entender que ese tipo de erros se ían a corrixir e compensar de cara ao Día das Letras Galegas. Por se non quedaba claro, durante quince días as redes sociais do Concello compartiron ata o aburrimento publicacións relativas á Biblioteca. “Moito publicar, pero a biblioteca segue co horario e o acceso esaxeradamente limitados, e un só pode coller libros se é xubilado, estudante ou ten xornada de mañá; a xente que ten traballos de xornada partida en Ribadumia non ten dereito ao uso da biblioteca”. Pero máis aló diso, dende Somos Ribadumia, confiabamos en que a concellería de cultura se puxera as pilas coa promoción cultural.

Porén, tal como explica Oubiña logo de deixar facer ao goberno nestas semanas,  todo resultou ser un bonito conto, pero sen final feliz, nin final, nin nudo, nin inicio, de feito”. 

A “intensa”  axenda de actividades en torno ao Día das Letras Galegas, dedicado este ano a Xela Arias, consistiu na emisión dun vídeo, en facer publicidade a un evento organizado por un grupo musical, e nunha actuación teatral, o 26 de maio, que para máis inri resultou ser unha actuación que segundo a propia concelleira era a inicialmente prevista para o Día do Libro, “polo que nin sequera se organizou unha actividade específica para esta data, que recordámoslle ao goberno local, que é o 17 maio, e que aínda que festivo, non impide a realización de actividades”.

O colmo deste despropósito de axenda cultural chegou cando, no momento de anunciar a peza teatral infantil  celebrada este mércores 26, incluíu a denominación “maio, mes das letras Galegas”. Para Oubiña “unha tomadura de pelo en toda regra. Pensar que con poñer unha frase nun cartel a veciñanza xa vai pensar que se fixeron cousas, é tomar a esa veciñanza por parva”.

Só unha actividade, pensada para outra ocasión,  sen apenas publicitarse e realizada case dúas semanas despois de que tivera lugar o Día das Letras Galegas, é o resumo dese “mes das Letras Galegas”.

E incluso esta actividade xerou polémica entre a veciñanza. De partida por anunciarse con pouco tempo. En segundo lugar porque non se entende que o Concello estivera chamando a determinadas familias, non sabemos con que criterios, para informarlles da actuación e animalas a levar aos seus nenos e nenas, pero despois, habendo prazas libres e dispoñibilidade suficiente, pois a carballeira na que se realizou a peza teatral ten un aforo moi superior ao máis de medio cento de asistentes, negóuselle a posibilidade participar a varias familias que chamaron polo visto fora do prazo, sen darlle nin a opción de entrar nunha lista de garda, e cubrir así o cento cadeiras dispostas.

  Rectificación na axenda da Festa do Tinto.

 Con todo, dende Somos Ribadumia vemos  como a presión exercida sobre o goberno de David Castro por Somos Ribadumia, xunto as críticas que na rúa se escoitan dende fai meses e que se resumen nun “non fan nada” teñen  certo efecto, e pouco a pouco vanse corrixindo posturas.

   A rectificación da axenda da Festa do Tinto que o goberno chama “ampliación “, noutro intento de invisibilizar a súa intención primeira de non facer nada, incluíndo unha actuación infantil é outra musical para público adulto, é un claro exemplo, que nós valoramos positivamente. Evidentemente dende a nosa formación apostabamos porque ademais de actuacións deste tipo, houbese actividades de máis dinamismo é relacionadas co cerne da Festa, e xeraran, dentro dos límites aos que o obriga a situación certo movemento no concello, algo que a hostalaría e ao comercio, aos que por certo cada ano pedímoslle apoio económico para a festa, non lle iría nada mal, pero tendo en conta a liña de actuación deste goberno é a súa incapacidade na nosa ausencia para organizar nada minimamente novidoso ou alternativo, pois nin tan mal”.

   Dende Somos Ribadumia queremos pensar con optimismo que o goberno de David Castro, a base de organizar actuacións obrigado pola nosa presión e a da propia sociedade, acabará por entender que a cultura pode promoverse e xestionarse con seguridade, e que o Concello dispón de espazos e recursos suficientes para manter unha axenda cultural propia, ampla e variada. Non esqueceremos que durante a pandemia aproveitou para aforrar cartos a conta de matar a cultura en todos os ámbitos e traballar o mínimo, pero agardamos que esa maneira de xestionar mude e pronto o noso concello poida volver destacar, como anos atrás, como foco cultural da comarca.

Novas tarifas eléctricas: información de utilidade.

1.- Cando se comeza a aplicar e por que?

Texto cortesía de Por Chantada CUP.

A partir do 1 de xuño de 2021 e, segundo o Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, a nova factura eléctrica «fomentará o aforro enerxético, o autoconsumo e o despregue do vehículo eléctrico».

A restruturación responde a un mandato da UE e a proposta da Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia (CNMC) foi modificar as peaxes para penalizar a quen consome máis nas horas de maior demanda. O Ministerio estabeleceu en abril os prezos definitivos da tarifa da luz a través dunha orde ministerial.

2.- A quen afecta?

Atinxirá a fogares e empresas, tanto os acollidos ao Prezo Voluntario para o Pequeno Consumidor (PVPC) coma os que están no mercado libre, aínda que dun xeito diferente en cada caso. O termo fixo do recibo, o “mínimo” que hai que pagar aínda que non se consuma, e o termo variábel, o que depende do consumo, calcularanse agora de forma diferente.

Hai dous tipos de modelos para calcular a factura da luz: a PVPC, cuxa tarifa oficial fixa o Goberno, e as do mercado libre, onde é a comercializadora quen fixa o prezo unilateralmente. Naturalmente, a PVPC era até agora moitísimo máis recomendábel e barata, mais hai un problema: o límite de potencia contratada é de 10 kW e exclúe tamén os pequenos comercios.

3.- Que temos que facer os consumidores?

A priori nada, xa que a nova peaxe aplicarase de xeito automático. No entanto, o consumidor pode adoptar as súas potencias contratadas e as súas pautas de consumo para aproveitar as ventaxes da nova estrutura de peaxes (vid. 5, 6 e 7).

4.- Cales son os principais cambios?

Haberá tres faixas horarias, que estabelecerán o custe da enerxía. Pagaremos máis de luns a venres cás fins de semana e os feriados ás mesmas horas e poderán terse dúas potencias contratadas.

O período máis barato estabelécese entre as 24:00 horas e as 8 horas da mañá e durante a fin de semana e os feriados.

5.- Como funcionan as faixas horarias?

Desde o 1 de xuño todos os consumidores temos unha peaxe con discriminación horaria nos termos de potencia e enerxía. Por orde de custe, de maior a menor, as tres faixas horarias son:

  • Faixa ponta: de 10 a 14 horas e entre as 18 e as 22 horas. En total haberá 40 horas ponta á semana, que coinciden en grande medida con horas de moita actividade nos fogares para comidas e ceas. Como primeira medida para poupar, convén estarmos atentes para evitar os consumos que se poidan deslocar a un horario máis económico (lavadoras, lavalouza…). Na práctica o prezo de cada kWh co novo sistema en faixa horaria ponta será de 25 céntimos (20 céntimos antes de impostos).
  • Faixa chan: de 8 a 10 horas, de 14 a 18 horas e entre as 22 e as 24 horas. O horario chan terá unhas tarifas semellantes ás actuais para un fogar sen discriminación horaria.
  • Faixa val: entre as 24 e as 8 horas, fins de semana e feriados. En total haberá 88 horas val á semana, 52% do total. Será un bocadiño máis caro cada kWh que agora, polo que haberá que trasladar moito consumo á fin de semana.
Faixas horarias

6.- Para que serve ter dúas potencias contratadas?

Contratar dúas potencias será agora posíbel: unha para a faixa val, que será moito máis barata, e outra para os períodos ponta e chan. Até o 31 de maio de 2022 permítense dúas mudanzas de potencia de balde. Segundo a CNMC deste xeito evítase pagar potencia desnecesaria durante todo o día. Porén, a potencia atinxe apenas ao prezo do termo variábel.

kW contratado baixa 16% polo que a parte fixa da factura baixará. Para quen teña menos de 10 kW de potencia contratada pagar. Por exemplo, un fogar que subira a potencia de 3,3 a 7 kW para cargar o carro eléctrico pasaría de pagar 339€ ao ano co antigo sistema a 135€ ao ano contratando os 7 kW apenas para o horario val.

7.- Como interpretar a factura eléctrica actual?

A factura eléctrica actual componse de cinco partes:

7.1.- O termo variábel, que é o custe da enerxía, é dicir, o que pagamos en función do consumo.

7.2.- O termo fixo, o que se paga por receber o servizo, aínda que non se consuma nada. Denominamos isto popularmente como “o mínimo” e tecnicamente como tarifas de acceso. Dentro destas temos os cargos ao sistema eléctrico, que son prezos fixos que marca o Goberno e inclúen: subvencións a renovábeis, compensación do déficit acumulado en anos pasados, axudas aos sistemas non peninsulares etc. e as peaxes, que serven teoricamente para cobrir os custes de transportar a enerxía e distribuíla polos fogares.

7.3.- Os custes de produción (+/- 7 céntimos kW).O que as empresas produtoras de enerxía cobran vendéndoa ao por maior.

7.4.- Marxes de comercialización. Sons os lucros da comercializadora por encargarse da facturación, do cobro, do arrendamento do contador e o marxe de beneficio. Este último varía en función da comercializadora e da tarifa. Algunhas inclúen as marxes na parte fixa do recibo, como acontece na tarifa regulada PVPC.

7.5.- Impostos: o imposto eléctrico, que é 5,112% e o IVE, que é do tipo xeral, é dicir, 21%.

Estes cinco pontos mantéñense, mais, desde o 1 de xaneiro, varía a fórmula para calcular os custes fixos e variábeis:  sobe o prezo do kWh e baixa o do kW contratado.

8.- Pagaremos máis ou menos?

Tal e como explica a OCU dependerá do consumo e da tarifa que teñamos contratadas. A facturación de peaxes e cargos reducirase para os consumidores que até agora non tiñan discriminación horaria, uns 19 millóns de consumidores, baixando a factura 3.4%. No entanto, aumentará para aqueles que estaban acollidos á discriminación (uns 11 millóns de consumidores) e que tiñan un prezo máis barato.

Por outras palabras, vai prexudicar aos que tiñan a popularmente denominada como tarifa de discriminación nocturna e aos que grandes consumidores. O Kw contratado baixa 16%, mais esta redución do termo fixo compénsase en parte cun incremento no prezo do kWh.

Para os utentes da PVPC: pór a lavadora ás 10 da mañá dun venres será o triplo de caro ca ás 10 de mañá do sábado. O PVPC repercute ao consumidor, desde 2014, o prezo dos custes do sistema, por iso se ve tan impactado por unha mudanza profunda.

Para os utentes de libre mercado o comercializador adaptará o prezo do contrato para incorporar a diferenza dos custes regulados polo que cómpre pór especial tino para que non nos estafen. Cada compañía fará unha proposta e o cliente ten o direito de acolllerse a ela ou irse. Para potencias inferiores a 10 kW recomendámosvos acollervos á modalidade PVPC.

Tarifas de acceso

9.- Que podemos facer para reducir a factura?

O primeiro é ter claro que tipo de modalidade temos (PVPC ou libre) e memorizar os novos horarios para adaptar os nosos hábitos na medida do posíbel.

Tamén axustar a potencia para reducir custes (vid. 6). Se o consumidor non solicita a mudanza aos dous novos períodos (val e ponta) aplicaráselle a potencia actual contratada en ambos de forma automática.

As novas facturas deberán informar dos picos de máxima potencia durante os últimos 12 meses, o que axuda a axustar as potencias contratadas, permitíndose dúas mudanzas de balde até o 31 de maio de 2022. Tamén pode consultarse en Datadis.

Para saber o que gastan os electrodomésticos para pensar a potencia a contratar podes ver esta guía elaborada pola OCU.

Incomprensible comportamento de David Castro.

  • Nega ter coñecemento dunha importante avaría na rede de abastecemento de auga.
  • Lamentamos que o apoio de David Castro as posicións esaxeradas de Cambados Pode levase a un innecesario conflito co goberno de Cambados.

   O pasado fin de semana produciuse unha importante avaría na rede de abastecemento de auga. Un problema que provocou a perda de servizo en varias zonas dos polígonos industriais de Ribadumia e Cambados, e tamén nalgunha zona de vivendas de Vilariño. Por sorte, foi posible solucionar a parte máis grave do problema con certa rapidez e ao longo dos días a situación volveu á normalidade.

Tal como explica Oubiña a avaría foi o suficientemente importante como para que todos tiveramos coñecemento dela, aínda que a actuación técnica evitara un corte de auga prolongado ou que afectará a todo o noso concello. E precisamente por como se xestionou a situación – con plena colaboración entre os concellos de Cambados, Ribadumia e Meis – non ten xeito nin dereito que o alcalde diga que non tiña coñecemento da avaría”. Nós non imos entrar en debates estériles nin valorar se houbo chamadas entre concelleiros de ambos concellos, aínda que  temos moito máis que constancia de que esas chamadas se produciron, como a temos de que técnicos do Concello de Ribadumia, que non son clarividentes nin viven pegados as chaves de paso, recibiron chamadas – como corresponde – da Concelleira de Urbanismo , para atender á situación así como do seguimento que o alcalde fixo da mesma”.

No que dende Somos Ribadumia queremos afondar é na actitude de David Castro,que agora resulta que non traballa os domingos, nin tampouco os luns. Que iso eu créollo ben, pero o que non se cree ninguén é que non fale coas súas concelleiras, e que non se entera de nada do que acontece”.

   David Castro está levando demasiado lonxe a súa táctica de agachar a cabeza cada vez que xorde un problema e de non querer asumir responsabilidades. Dende Somos Ribadumia consideramos que esta actitude, que significou abrir unha discusión co goberno cambadés, está totalmente fora de lugar. “É evidente que David Castro non está cómodo co goberno do concello veciño, porque PSOE e Somos Cambados están facendo unha xestión, en concreto no relativo á loita contra os efectos da crise da covid-19, digna de recoñecemento, mentres que el non está facendo nada, pero un alcalde debe ser responsable nas súas funcións”.

Tamén temos moi claro que David Castro, nesta cuestión, pretende axudar ao seu homólogo Cambadés, José Ramón Abal, pero non nos parece aceptable deixar quedar mal ao noso concello por axudar as posicións esaxeradas concelleiro de Cambados Pode.

Lamentamos profundamente que as actitudes infantís do noso alcalde nos leven a facer o ridículo ante os medios de prensa, negando o evidente, e a alentar posicións de enfrontamento cos concellos veciños.  Pola nosa banda comunicámonos esta maña cos dous partidos que xestionan o goberno cambadéspara amosar a nosa vergoña allea e desculparnos pola situación, pero tamén para agradecerlle ao concelleiro cambadés, Samuel Lago, a súa rápida actuación, pois de non ser polo bypass que inicialmente realizaron dende Cambados, en Ribadumia teríamos quedado sen auga”.