Augas de Galicia multa con 5.000 € ao Concello de Ribadumia polos vertidos constantes da EDAR de Lois.

- Unha inspección o pasado mes de maio confirmou o que xa denunciamos dende Somos Ribadumia: a depuradora de Lois verte de maneira constante ao río Cañón.
- O Concello non se molestou nin en alegar ou presentar solucións para mitigar ou evitar a sanción económica.
- A Xunta multa ao Concello pola incompetencia de David Castro, pero quen pagan son o veciños e veciñas de Ribadumia, e con recargo a veciñanza de Lois.
- A nosa proposta para que se busque unha solución negociando unha actuación conxunta con Meis, gardada nun caixón.
“O Concello de Ribadumia ten un problema moi grande coa EDAR de Lois, e David Castro está máis preocupado de ocultar o problema que de darlle solución”. Isto foi o que dixemos o pasado 5 de maio, cando fixemos pública, logo de que David Castro intentase ocultala, a preocupante situación da estación depuradora de augas residuais sita na parroquia de Lois, con vertidos continuos ao río Cañón durante nove meses dos doce que ten o ano.
Por se os informes da empresa que xestiona esa EDAR non foran bastante claros, vimos de ter constancia de que o 7 de maio deste ano Augas de Galicia procedeu a realizar unha inspección nesa depuradora, dando como resultado a corroboración do que dixemos no seu momento, e ademais interpoñendo ao Concello de Ribadumia unha multa de 5.000 € “por vertidos de augas residuais urbanas sen tratamento ao río Cañon”.

E o máis grave non é tanto a cantidade da multa, que tamén, senón a desidia e o pasotismo do goberno do señor Castro. Xa non é que Augas de Galicia lle pillara a estación depuradora con filtracións e cun bombeo avariado dende fai meses ou anos, senón que o señor Castro nin sequera se preocupou de poñer solución ao problema ou cando menos minimizar as fugas continuas que padece a depuradora, deixando pasar o prazo dado por Augas de Galicia para alegar ante a multa ou para aportar probas de ter feito algo nese espazo de tempo. O resultado disto é que a veciñanza de Ribadumia ten que enfrontar cos seus impostos esta multa, e outras que poderan vir, pois se non se resolve o problema Augas de Galicia terá que seguir multando, e non descartemos que nalgún momento algún outro estamento tome tamén medidas.

Deixar de mirar para outro lado e actuar con sentido.
Dende Somos Ribadumia presentamos o pasado mes de maio unha moción propoñendo que o Concello fixera fronte aos problemas da EDAR colaborando co Concello de Meis, habida conta dun convenio de colaboración asinado para compartir conexións – cuxa existencia David Castro chegou a negar en Pleno – co obxectivo de ampliar a EDAR ou construír unha de maior tamaño e con vistas de futuro nun lugar axeitado. A proposta era seria, por suposto moi sensata, rigorosa no contido e por suposto realizable. E ata o día de hoxe segue sendo a única solución posta enriba da mesa por un partido político para rematar coa saturación que padece a EDAR de Lois e cos vertidos ao río Cañón.

Por desgraza, David Castro, un dos responsables políticos do fiasco de 900.000 € nunha obra no bombeo de Cabanelas que provocou un aumento dos vertidos cando os tiña que eliminar, e que vai permitir a enésima desfeita no río Umia coa construción dunha represa que vai ocupar máis de 1.200 metros cadrados de canle fluvial tamén en Cabanelas, gardou a nosa proposta nun caixón, ao lado doutras – de momento – sete mocións que se nega a levar a Pleno, e decidiu pasar de todo, tamén con isto.
Dende Somos Ribadumia debemos lamentar esta maneira de actuar e instamos ao señor Castro a que deixe de tirar os cartos da veciñanza en multas, que ademais de ser unha irresponsabilidade e unha falta de respecto cara a veciñanza tampouco ten as contas locais como para darse esas alegrías, e se poña a traballar por solucionar problemas, neste caso para rematar cos vertidos da EDAR de Lois, que supoñen un atentado ambiental de primeira orde, e ampliar a depuradora para dar cabida as necesidades da veciñanza, da presente e da futura.






