As obras no pavillón de Barrantes, un perigo para nenos e nenas

  • As obras que se están levando a cabo supoñen un perigo durante as horas de acceso e saída do colexio e escola infantil.
  • Pedimos dilixencia e que goberno inste unha mellora na seguridade.

As obras iniciadas fai uns días no pavillón de Barrantes e no acceso ao app de A Bouza están creando molestias innecesarias ademais dunhas situacións de risco que nos parecen que poderían se xestionadas doutra maneira.

  O pavillón de Barrantes está nas inmediacións da escola infantil e do Colexio. A  súa situación dende que se construiu, ocupando a estrada que daba acceso ao colexio dende o lado de Ribadumia, implicou unha limitación de espazo, complicado posteriormente coa construción dun parque infantil. O resultado deste tapón artificial foi a creación dun espazo pechado, habituado como aparcadoiro, que polas mañas se converte nun revoltixo de coches, nenos e adultos, ao ser punto coincidente do acceso ao colexio e á escola infantil.

Esta  situación caótica que se ven arrastrando anos  e que David Castro prometera solucionar cunha serie de obras  levadas a cabo máis  recentemente, coa mellora do espazo para aparcar e a  construción dunha rotonda, non se solventou, máis ben ao contrario, debido a que esas actuacións  formaban parte dun proxecto maior, que implicaba o desprazamento do pavillón e o aumento do espazo dispoñible (tamén unha dársena de autobuses), un proxecto abandonado polo señor Castro logo de perder máis de un millón de euros en axudas entre os anos 2019 e o 2022. 

  A situación actual pois, xa non resulta moi boa, e os atascos nesa zona son diarios, supoñendo unha situación de risco ao concidir  nenos e nais a pe cos que van en coche. Pero agora veuse agravada pola falta de sentido de quen xestiona o noso Concello. O goberno do señor Castro, que leva retraso en todo, tamén o leva nunhas obras das que debe ter finalizada unha parte a finais de decembro. E os retrasos agora traen presas, de tal maneira que a empresa adxudicataria non está tendo moitos miramentos coas cuestión da seguridade cara fora da obra e tira para adiante actuando como se o espazo no que traballan non estivera compartido cun colexio de primaria e secundaria e unha escola infantil.

 O resultado disto son actuacións como ocupar espazos de aparcadoiro, ou apaños como colocar pasarelas, sen as correspondentes medidas de seguridade,  invadindo a beirrarúa de acceso ao colexio e obringando a nenos e adultos a pasar polo medio dos coches.

  Dende Somos Ribadumia debemos lamentar esta falta de dilixencia, tanto pola parte da empresa como pola parte do goberno  local, que deu carta branca á empresa para actuar como considerase sen ter en conta a situación particular desa zona.

Se estás obras se tiveran desenvolto no verán, non teníamos estés problemas. Pero David Castro que pretende aprobar os orzamentos deste ano o próximo luns, tan tal nivel de descontrol que rico que aprobar as obras, don investimentos importantes en Plenos de Urxencia convocatos a todo correr para non perder outra vez as axudas concedidas.

  Dende a nosa formación esiximos que se aumenten as medidas de seguridade, e que se habilite un paso seguro para nenos, nais e mestres ao colexio, e que se faga de maneira inmediata.

David Castro intenta outra vez entrampar unha Modificación de Crédito. Esiximos responsabilidades.

  • David Castro admite por fin , obrigado polo xulgado, que a última Modificación de Crédito non se chegou a aprobar pola súa incompetencia e a da Concelleira de Contas.
  • Máis incompetencia: intenta colar 627.853,57 € pendentes de 2024, e 370.672,43 € deste 2025 por non ter orzamento aprobado e por crear un buraco económico gastando o que non podían.
  • Outro proceso chapuceiro, mal feito e ocultando a documentación.
  • Esiximos disculpas públicas polas mentiras e falsedades  verquidas pola Concelleira de Contas durante todo este ano e a súa dimisión ante a situación económica provocada polo goberno local.
  • David  Castro coa súa xestión, pon o Concello ao borde da intervención e e dunha suba importante de impostos.

Un ano máis tarde, e despois de que se vise obrigado a dar explicacións ante o xulgado, David Castro admitiu que a tristemente famosa Modificación de Créditos 1/2024, que se levou a Pleno o pasado mes de decembro por un valor de 840.000€ ,  decaeu aos quince días de aprobarse, logo de que dende Somos Ribadumia presentáramos un documento de alegacións, a primeira das cales aclaraba precisamente que ao vencer os prazos de aprobación no ano seguinte (2025) , dita Modificación era nula de Pleno dereito.

   Dito doutros xeito, este xoves quedou constatado que David Castro en decembro levou e votou a favor dunha Modificación de Crédito que era nula de pleno dereito, e fíxoo a sabendas e a pesar das nosas advertencias, como quedou constancia no seu momento.

  E case un ano despois, logo de que en cada Pleno a Concelleira de Contas mentise afirmando  que aquela Modificación de Créditos non estaba anulada, e que estaba pendente dun trámite plenario que nunca chegou, topámonos con que non contentos con facelo mal unha vez , insisten en facelo mal de novo.

  Os mecanismos para acudir ao remanente de créditos son moi concretos, moi concisos e están moi  regulados. Pero polo visto, a Concelleira de Contas, e para a nosa sorpresa a Interventora do Concello, ignoran de novo a lei, e suben a aposta, intentando agora coller case 1 millón de euros do remanente , en concreto 998.526 €, para pagar na súa maioría, 627.853,57 €,  cousas do 2024 que se gastaron fora do orzamento, e 370.672,43 € para gastos excesivos deste 2025, que temos a sospeita de que na súa maioría en realidade  son para cubrir os máis de 200.00€ que faltan ata completar os 840.000€ da anterior modificación, para os que obviamente non había fondos e que polo tanto foron pagados dun xeito sospeitoso en canto á legalidade  contable.  E pretenden facelo por un lado  ocultando a que van dedicar os cartos, pois unha vez máis o goberno non aportou a xustificación dos gastos concretos  e as facturas afectadas, e polo outro usando mecanismos legais incorrectos e evitando o procedemento obrigatorio que sería o Recoñecemento Extraxudicial de Crédito, e todo por evitar as críticas de Somos Ribadumia á súa xestión, pois non imaxinamos outro motivo polo cal o goberno insista, tendo mecanismos legais e facilmente aplicables e que por certo  xa tiña en xaneiro, en facer as cousas mal.

Por non enredarnos coa parte técnica, unicamente diremos que para pagar as facturas do ano 2024 o Concello non pode usar unicamente o mecanismo do suplemento de crédito aprobado neste Pleno,  pois ten a mesma  obriga que a Modificación xa anulada: só se pode usar para pagos do ano en curso. Para eses pagos do 2024 debese realizar un Recoñecemento Extraxudicial de Crédito. Non facelo así implica que a parte desa Modificación de Créditos que afecta ao 2024 poida declararse nula de pleno dereito.  Dende a nosa formación presentamos antes do Pleno un escrito pedindo que se incluíse o Recoñecemento Extraxudicial de Créditos no proceso para así garantir a legalidade, pero a resposta foi a promesa de que se vai realizar máis adiante, cousa que non ten validez ao non quedar un mecanismo atado ao outro no expediente, pois as promesas que non figuran nos papeis non teñen validez legal. Por non falar de que en concreto as promesas da Concelleira de Contas e do goberno non valen nada.

 Sen orzamentos e collendo cartos do peto.

   Con independencia do procedemento, dende  a nosa formación consideramos inaceptable que o goberno do señor Castro faga  modificacións de crédito motivadas pola falta de Orzamento. O grao de incompetencia, de deixadez e de improvisación son dun nivel que non se da en ningún Concello da Comarca, e non será que non haxa Concellos con problemas económicos. Pero é que, ademáis, que se   fagan as cousas mal cando xa unha vez tivo que tumbar unha modificación de crédito por incompetente resulta de todo inasumible.

  Este xoves Sergio Soutelo tivo que marchar do Pleno por unha cuestión  familiar que lle impediu expoñer a nosa posición, pero queremos deixar constancia de que non é aceptable esta maneira de xestionar os cartos da veciñanza.  Non é aceptable que un goberno con maioría en novembro non teña Orzamento do ano en curso, nin que a Conta Xeral do ano anterior estea sen aprobar. Non é aceptable, que o goberno teña que coller o 50% do remanente existente para pagar facturas do día a día. O remanente debe usarse para investimos de futuro, non para pagar facturas  de ferretería, non sobre custes por falta de previsión.

  Pero o que xa é a gota que rebosa o vaso, é o trato despectivo cara a corporación municipal e a veciñanza da Concelleira de Contas. Vanesa Jorge leva asegurando en case cada Pleno dende novembro do ano pasado que o Orzamento do 2025 se aprobará “no próximo Pleno” , ou “nun Pleno que imos celebrar o antes posible” ou  “en próximos días” , mentiras continuadas ditas en Pleno, algo moi grave, as que debemos sumar as relativas á Modificación de Créditos 1/2024 sobre a que chegou a asegurar,  xusto despois de leer ela mesma un informe asinado por alcaldía  onde se admitía que dita modificación   estaba anulada, que seguía pendente de levarse a Pleno. Non contenta con iso, confirmou en Pleno que dende o goberno se deu orde de  pagar facturas sen ter aprobada a partida económica, algo que resulta, ademais de ilegal, unha irresponsabilidade manifesta, pois un tribunal podería esixir anulación desds pagos e a devolución deses cartos entre outras condenas.

 Polo tanto, debemos levantar a voz ante esta maneira de xestionar e esixir responsabilidades políticas. Vanesa Jorge debe, en primeiro lugar desculparse publicamente por mentir e enganar e xustificar con escusas a súa incompetencia continuada, e despois diso  dimitir de maneira inmediata, e David Castro debe poñer ao mando da xestión económica a unha persoa con capacidade para endereitar a situación.

Dende Somos Ribadumia, somos pouco optimistas con que David Castro asuma responsabilidades, así que  xa adiantamos que á vista da situación  imos analizar a posibilidade de propoñer ao Pleno realizar unha auditoría económica independente  das contas do Concello, por que estamos moi preocupados por cal pode ser a realidade e as consecuencias que poida ter  para a xestión, como sería Unha intervención do estado que paralizaría os investimentos,e sobre todo as consecuencias para a veciñanza, nomeadamente  unha suba  moi importante dos impostos municipais.

Inaudito: David Castro pretende conmemorar o 25N coa Festa do Deporte.

  • A axenda de actos, un cartel con moito recheo e sen case actividades para a veciñanza  en Ribadumia.
  • David Castro invisibiliza  as actividades que vai realizar ESMAR en Ribadumia.
  • O colofón á lista de actividades para conmemorar o Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres vai ser a Festa do Deporte!!

   A estas alturas parecía difícil, pero dende Somos Ribadumia temos que admitir o noso asombro ante a axenda de actividades que o goberno local, co alcalde á cabeza, presentou para a conmemoración do 25N.

 E imos empezar pola parte final desa axenda, dada a súa gravidade.

   Referímonos  ao alucinante feito de que o colofón a un mes de actividades en conmemoración do 25N , unha data  e un mes  no que se fala de vítimas, de mulleres maltratadas e asasinadas, vai ser unha festa. E nin máis nin menos que a Festa do Deporte, que se traslada de outubro a finais de novembro non sabemos se por incompetencia do goberno para organizala en outubro como era habitual ou por puro interese de deturpar o espíritu do 25N .  

  Non temos verbas para explicar o lamentable, o absurdo e o inaceptable que é que o goberno do señor Castro  organice dentro das actividades do 25N un evento que debe ser efectivamente unha festa de reivindicación dos valores do deporte e de recoñecemento ás entidades e deportistas locais, non outra cousa, menos aínda  un acto do 25N. É difícil entender como vai David Castro transformar este acto festivo nun acto reivindicativo e sobrio que correspondería cunha data tan importante como o 25N. Pero en todo caso non é xusto para o deporte local nin que se mezcle a  súa xornada de recoñecemento cunha data onde se  fala dalgo tan grave como a violencia machista nin que se cambie o espíritu dese evento e o foco de atención do mesmo.

En verbas do noso Concelleiro, Sergio Soutelo, “O 25N é unha data para recordar a situación das vítimas, das asasinadas pero tamén das que sofren maltrato a diario. Este ano o lema da ONU , “ÚNETE para poñer fin á violencia dixital contra as Mulleres e as nenas”  pon o foco na violencia dixital, a través das redes sociais, un problema moi grave, especialmente entre a xuventude e infancia, sobre o que  debemos poñer o foco e as políticas, por que provocan auténticos dramas. Pois David Castro vai falar de fútbol e deporte”. 

Unha axenda de actividades con poucas actividades.

 Se afondamos na axenda de actividades presentada a semana pasada topamos outras cuestións. Porque David Castro tivo a ocorrencia de que o importante era presentar un cartel cheo de actividades, pero cando imos ao detalle dese cartel, ademais do despropósito de incluír a Festa do Deporte na lista de eventos, topamos a realidade da actitude do goberno local ante a lacra da violencia machista.

Dun total de 12 actividades remarcadas no cartel:

–         Dúas son presentacions. Por un lado a do propio cartel de actividades, que non deixou de ser unha foto no salón de Plenos de membros do equipo de goberno, nun espectaculo lamentable polas formas e o formato , sen representantes nin dos Servizos Sociais do Concello, nin do CIM, nin de ESMAR nin de ningúnha entidade ou colectivo.

A outra  presentación será  dun protocolo contra a violencia de xénero de aplicación para os traballadores e traballadoras do Concello.

–         Outras dúas  “actividades” remarcadas son un obradoiro dirixido ao persoal municipal, e  unha proposta que se vai levar a Pleno, ou  sexa un acto meramente político, e xa veremos se leva a algo positivo ou se queda na pantalla.

–          Outra actividade é a lectura dun manifesto. Así, sen mais contido.

–          Únicamente dúas das actividades están dirixidas aos alumnos do colexio. E ningunha delas é organizada polo Concello, pois ambas son organizadas polo CIM comarcal.

–         Das dúas únicas actividades dirixidas á nosa veciñanza, unha está organizada polo CIM, a outra polo Concello.

–         Outras dúas actividades anunciadas nin sequera van ter lugar en Ribadumia.

–         E o colofón final vai ser a Festa do Deporte.

  Visto este cartel , compre facer algunhas valoracións. O CIM é un órgano mancomunado  que normalmente anuncia a súa propia axenda de actividades, que se realizan en varios Concellos. Obviamente son interesantes e positivas, pero non son actividades organizadas dende o  Concello de Ribadumia, menos aínda as que van realizarse fora de Ribadumia. Dende Somos Ribadumia consideramos que o goberno en vez de dedicarse a organizar un mes de reivindicación e axenda propia, se dedicou a rechear un cartel con actividades organizadas por outras entidades,  para aparentar que fai algo.

Silenciar a ESMAR.

   Por outra banda, na lista de actividades e de actos previstos   inexplicablemente  ocúltase a existencia e a axenda da única entidade de axuda ás vítimas de violencia machista que temos na comarca do Salnés e que a día de hoxe segue rexistrada en Ribadumia e presidida e dirixidas por mulleres do noso Concello, que é ESMAR. Ademais este colectivo ten previstas varias actividades no noso Concello para conmemorar o 25N, que David Castro tamén oculta.

  É totalmente lamentable que David Castro  intente silenciar a existencia deste colectivo, e que o deixe fora dos actos do 25N.Do mesmo xeito que é incomprensible que se lle impida o uso a ese colectivo  o día que tiñan solicitado para a súa Gala anual, ademais cando compren 10 anos, en favor da “Festa do Deporte” que o Concello podería organizar calquera outra semana, obrigando a este colectivo a axendar outra data. Ademais non é a primeira vez que pasa, pois xa o ano pasado ESMAR trasladou a súa Gala a outro Concello, por que o señor Castro non lle autorizou o uso do auditorio.

  En resumo, David Castro disimula con recheos a falta de traballo e compromiso  do seu goberno usando de pantalla asa actividades que organiza o CIM,  tapa o traballo das entidades de apoio as vítimas de violencia machista  e deturpa  o significado e o espírito do 25N con festas deportivas. Unha actitude inaceptable nun alcalde, incluso nun alcalde do PP. Esiximos que se modifique a data da Festa do Deporte para sácala dos actos do 25N, e que se asuman responsabilidades políticas ante esta inaceptable situación.

David Castro ten contratado un “asesor externo” no departamento de Intervención.  Confirmase o caos absoluto na xestión do Concello.

  • Unha persoa leva semanas no Concello, actuando como se fora o Interventor Municipal, sen que David Castro explique o motivo.
  • Se Ribadumia vai tan ben como di David Castro, porque fai falla un asesor no departamento de Intervención? hai problemas económicos?
  • A realidade confirma que o Concello está afundido nun completo caos.
  • Pedimos que se aclare a situación: que fai esa persoa no Concello, canto lle costa á veciñanza e a que datos persoais ten acceso.  

   Dende Somos Ribadumia tivemos constancia de que dende fai unhas semanas na  casa consistorial  traballa unha persoa, neste caso un home,  supostamente realizando tarefas de asesoría no departamento de Secretaría-Intervención, unha situación sorprendente e complexa, por que  as funcións de secretaría e intervención están legal e administrativamente moi reguladas, e non pode nin exercelas calquera, para  ocaso de que se producise unha baixa, un extremo que non aconteceu, como tampouco pode  entrar calquera pola porta da casa consistorial e comportarse como se fora o secretario ou o interventor do Concello.

  A situación en todo caso require unha confirmación pública que imos  solicitar por escrito. Pero para o caso de que isto sexa certo, e non temos moita dúbida por que é pública e notoria a presenza desta persoa no Concello,  o departamento de Intervención non é un departamento de atención á veciñanza, senón de xestión interna, pero que si afecta directamente á veciñanza. En relación a isto  non consta que houbese recortes nin en persoal nin en recursos nos últimos anos que xustifiquen unha asesoría externa deste calibre – se esta é a realidade – , máis ben ao contrario, e dende logo un aumento de persoal non consta no anexo de persoal do último orzamento aprobado, o do 2024, nin no borrador sobre persoal xa acordado cos sindicatos para o inexistente orzamento 2025, como non consta a incorporación de ningún “asesor” nin o aumento de plantilla nese departamento.

 En calquera caso o feito de contratar un asesor para este departamento  chama a atención por varios motivos.  o primeiro  que David Castro leva meses, e anos,  asegurando que o Concello de Ribadumia non ten ningún problema de xestión nin de carácter económico, e ademais compre remarcar que a Concelleira de Contas é precisamente unha traballadora da administración local que ata xuño do 2023 exercía precisamente no Concello de Ribadumia, co cal supónselle – e cónstanos –  formación e capacidade para desenvolver as súas funcións e axudar ao departamento, de feito ten unha liberación concedida para facer fronte ás responsabilidades do cargo. De todo isto  desprendese  que a priori non ten sentido contratar unha asesoría externa, polo que de sendo así, fica confirmado, e xa poucas dúbidas quedan, que o Concello de Ribadumia afronta unha situación económica complexa, froito da desidia do señor Castro e do seu equipo, e de aventuras como gastar os cartos dunha modificación de crédito de 840.000 € sen estar esta aprobada, por non falar da ausencia de orzamento deste 2025  ou das contas do 2024, aínda sen facer públicas, non digamos xa aprobar. O  último motivo, deixando no medio cuestións éticas, políticas ou de xestión, é que esta persoa que pulula polo Concello segundo nos consta está  xubilada dende fai uns meses. De feito , salvo erro ou unha triste coincidencia de nomes e apelidos,  esta persoa era ata non fai moito o secretario municipal do Concello de Moraña, un Concello que precisamente leva paralizado meses,  segundo as declaracións do goberno dese Concello, pola xubilación desta persoa.

   Por outa banda, e quizais o mais preocupante, é que nos consta, ademais do dito,  que esa persoa ten acceso a diversa  documentación sen que poidamos determinar en que grao nin a que datos de empresas ou particulares accede, que se pasea por distintos departamentos do Concello e que actúa de facto como un traballador máis do Concello de Ribadumia, con atributos de interventor, cando non pode ser o caso, e ademais resultaría  de todo irregular.

Á vista de todo o anterior, e co obxectivo de clarificar a situación desa persoa no Concello de Ribadumia, o noso Concelleiro, Sergio Soutelo, presentará ao longo  do día de hoxe un  escrito solicitando o seguinte:

·       Que de maneira inmediata se aclare PUBLICAMENTE que fai esa persoa traballando nas instalacións municipais, cal é o seu posto de traballo, e cales son as súas responsabilidades e funcións concretas. Se houbese unha situación que xustificase certa discreción, que de xeito inmediato se convoque aos voceiros de todos os partidos políticos con representación na Corporación Municipal  e se explique esa situación.

·       Que dentro dos prazos legais establecidos, se me achegue copia do contrato que esa persoa, ou de ser o caso a empresa para a que traballe, manteñen co Concello de Ribadumia, incluíndo de maneira pormenorizada a duración do contrato e tamén o seu custe económico. Se a contratación fose de maneira directa  a esa persoa, tamén o desglose dos custes de seguridade social e outros aos que teña que facer fronte o Concello de Ribadumia.

·       Do mesmo xeito, que se me achegue copia, con data e sinatura, do documento acreditativo da súa asunción de responsabilidades na protección dos datos persoais aos que teña acceso.

·       Un informe pormenorizado onde se explique a que datos e informacións  ten acceso esta persoa, e en concreto que se nos aclare se ten acceso a datos de empresas ou particulares e nese caso a que nivel.