A concesión da xestión do SAF, unha vez máis, vencida e sen sacar a nova licitación.

  • O contrato e a prórroga venceron xa a principios de ano, sen que o goberno local  sacará unha nova licitación.
  • 80 familias en perigo de quedar sen servizo.

  Pasan os anos e o señor Castro non aprende dos seus erros. Durante o ano 2022 vivimos unha situación dramática, con varias familias afectadas durante meses pola parálise municipal e do señor Castro, que se “esqueceu” de sacar a licitación o contrato do SAF , deixando esgotar todas as prórrogas e provocando que se paralizara a alta no servizo a familias que o tiñan legalmente aprobado e polo tanto, deixándoas sen o acceso a un servizo moi necesario que nalgún caso costa anos conseguir.

   O problema resolveuse despois de que dende Somos Ribadumia fixeramos pública a situación en setembro dese ano cunha licitación feita a todo correr. Pois ben, dous anos  e medio despois estamos case no mesmo punto. O contrato do SAF,  licitado con duración de un ano e prorrogable outro ano máis xa venceu en xaneiro, de tal xeito que agora mesmo estamos no período de prorroga obrigatoria, cunha duración de  seis meses dos cales tres xa pasaron, e  a nova licitación nin sequera pasou a fase inicial de levar as bases da licitación a Pleno, e iso que neste 2025 xa levamos realizados dous plenos.

   Dende Somos Ribadumia desexamos amosar a nosa preocupación pola posibilidade de que chegado o verán o servizo volva quedar conxelado, e as familias volvan a quedar abandonadas pola desidia do goberno do señor Castro. Ademais, unha vez venza a prorroga extraordinaria actual, a empresa podería deixar de dar o servizo as 80 familias que actualmente teñen horas de SAF en uso. Unha situación que xa aconteceu con outro servizo, a da escola infantil,cuxa empresa concesionaria deixou de dar servizo, obrigando ao Concello a facerse cargo, estando dende entón xestionada da polo Concello.

  Por iso pedimos ao señor Castro que se deixe de tanta foto mirando como traballan outros e se poña a el a facer algo e  que saque a concurso á maior brevidade posible a xestión do SAF, ou que a asuma dende o Concello, para o caso de que teñan esa capacidade de xestión que dende o noso punto de vista e vendo como está funcionando no resto, parecenos evidente que non

Deixamos un recordatorio de cando en setembro de 2022 en Pleno, dende o noso partido poñíamos de relevancia a situación naquel momento, logo de meses co servizo concelado e sen poder dar altas novas a persoas que tiñan horas concedidas, deixando varias familias abandonadas.

Obra da rúa Condesa: unha chapuza cara, e ante os erros, actuacións aínda máis chapuceiras.

  • Primeiro obrigando aos nenos a ir do colexio ao ximnasio polo medio dos coches.
  • A solución ante o lío montado: impedir o uso dos aparcadoiros nas horas que máis falta fan, de 9 a 3.
  • O Umia quedou sen aparcadoiro.
  • As supostas 55 plazas de aparcadoiro novas, unha mentira.
  • Pais e nais cabreadas., o Umia cabreado, o Colexio cabreado…todo o mundo cabreado, ningunha dimisión.

·   Nin sequera está claro o custe da obra.

 Se David Castro pensaba que facéndose unha foto sentado nun banco de pedra presumindo de investimento xa ía calar bocas ante as críticas recibidas ao longo destes anos, estaba moi errado, porque esa obra, lonxe de pechar bocas, abreu moitas, e de desgusto.

 A obra realizada nos últimos meses na rúa Condesa debía solucionar varios problemas: o de seguridade para os nenos e nenas nas horas de entrada e saída do colexio, o de dotar dunha zona de transito segura e abrigada  entre o ximnasio e o colexio e o de dotar máis prazas de aparcadoiro das existentes. Todo isto sen valorar outros problemas pendentes, como a falta dun patio cuberto para o colexio ou dun local social moi necesario.  De todo isto, logo de ver a obra rematada, podemos confirmar que só cumpre, e con reparos, o primeiro problema.

   De partida, queremos salientar o máis grave. Debido a un erro gravísimo de deseño ao facer o aparcadoiro no espazo onde ata agora estaba a sede de Protección Civil, eliminouse o acceso seguro que conectaba o ximnasio co colexio a través dunha beirarúa realizada no ano 2016, cando Somos Ribadumia levaba a concellería de obras. O resultado desta chapuza é que agora para poder desprazarse entre o colexio e o local onde esta o ximnasio, e onde se realiza o Plan Madruga, a Escola de Ocio e que tamén acolle o comedor escolar, os nenos e nenas deben ir polo medio da zona de aparcadoiro, unha zona que nin sequera está pechada nin tiña ata este luns restrinxido o uso, polo que os nenos e nenas deben, incluso coas restriccións que falamos máis adiante, pasar polo medio dos coches ou saír do espazo do colexio para ir pola beirarrúa.  A situación e de tal risco que temos constancia de que dende o colexio non se están levando os nenos ao ximnasio, así como das queixas das nais e pais.

A solución de  David Castro: poñer sinais incorrectos  sen saber o seu significado e intentar  anular os novos aparcadoiros.

A última hora do luns apareceron sinais que supostamente, e remarcamos o supostamente, prohiben  que os coches accedan ou se movan nos dous aparcadoiros novos, no feito na finca comprada polo Concello entre as nove e as tres, e no máis conflitivo , o que se construíu no espazo onde antes estaba a sede de protección civil,   entre as nove e as tres e media. A maiores neste último, que é o que xerou as queixas, instalouse unha cadeiña “ de quita e pon,” coa que se pretende bloquear o acceso a ese aparcadoiro nesas horas, e así , tamén moi supostamente, mellorar a seguridade na zona.

De partida, o goberno , cuxos membros foron vistos nalgún momento conducindo coches polo que se supón que teñen todos e todas o carnét de conducir,  parece descoñecer a diferenza entre “prohibido estacionar” e “prohibido circular”, unha diferenza moi ben recollida no código de circulación. Tal é así que para prohibir circular e evitar dese xeito o movemento de coches, puxeron equivocadamente sinais de prohibido estacionar. E remarcamos tamén que os sinais son de “prohibido estacionar” ,  non de prohibido “parar e estacionar”.

Polo tanto, agora  nos dous aparcadoiros  entre as nove da maña e as tres ou tres e media  da tarde,  está prohibido estacionar, pero non está prohibido parar para, por exemplo, deixar os nenos no colexio ou para recollelos se teñen que saír por calquera motivo, polo tanto non está prohibido o movemento de coches neses aparcadoiros que é o que supostamente pretende o goberno  en aras de garantir seguridade. Para lograr iso, deberían ter colocado sinais de “prohibido circular“.

E está é a cuestión, que  o goberno local, con independencia dos sinais que colocou,  pretende bloquear  o uso dos dous aparcadoiros xusto para a súa función principal e nos momentos nos que máis falla fai ter espazos onde parar  ou incluso estacionar  para deixar ou recoller os nenos do colexio ou para facer calq eluera xestión no centro educativo. Pretender isto colocando sinais erróneos non deixa de ser unha chapuza, que pode incluso parecer unha broma de moi mal gusto,  pero que  é a realidade. Unha realidade á que a maioría non  está facendo moito caso, co cal a medida resulta, a parte de absurda, inútil.

Tan absurda e tan inútil  que se o domingo tiñamos as mesmas  prazas de aparcadoiro que o día antes de comezar as obras que  supostamente ían ampliar ese número de prazas, hoxe directamente temos durante boa parte do día un 90% menos, e na práctica non hai apenas onde aparcar. Resultado: 704.000 € despois os pais seguen obrigados a aparcar enriba das beirarúas nas horas de entrada e saída do colexio e onde antes había un punto negro a esas horas, agora hai dous, o de sempre e outro cen metros máis abaixo e na saída dunha curva moi perigosa, nun aparcadoiro que pola maña non se pode usar e pola tarde apenas ten uso porque queda demasiado alonxado, ou sexa que resulta inútil.

Hai que remarcar que a falta de seguridade dos nenos e nenas no espazo  entre o colexio e o ximnasio segue sendo a mesma, por que ademais de que os sinais colocados non  impiden a circulación de coches, a cadeiña posta non está asegurada e calquera pode poñela ou sacala polo que non impide que os coches entren ou saian en calquera momento, nin que os que xa estean no aparcadoiro se movan. A isto temos que engadir  que a cadeiña non é automática, e o goberno ten que dispor dun operario para que vaia todos os días a poñela as nove e a retirala as tres e media, neste caso xa fora de horario laboral, o cal é de todo inaceptable.

O Umia quedou sen aparcadoiro.

 Ademais disto, e de que toda a obra non incluíu ningunha zona de sombra nin ningunha cuberta, polo que cando chova os nenos e nenas vanse mollar bastante máis do que xa se mollaban, e de o aparcadoiro feito xunto ao ximnasio resulta moi apretado e dificulta tanto a maniobrabilidade  que xa se deu algún golpe,  está a cuestión da eliminación do aparcadoiro do campo de fútbol.

  Dende Somos Ribadumia xa dixemos no seu momento que eliminar ese aparcadoiro sen dar unha alternativa viable era un erro. Pero David Castro, mais centrado prexudicar ao Umia C.F que en solucionar problemas, non quixo atender a mais razóns que as súas, e o resultado é que onde antes había  máis de setenta prazas de aparcadoiro, agora so quedan 25. Porque esta é a realidade. David Castro declarou que a zona pasou de 20 prazas a 75, e iso é unha completa falsidade, porque ao prohibir o acceso á explanada onde ata agora aparcaban os coches, eliminou esa bolsa de aparcadoiro que se usaba polas tardes e nas fins de semana, e polo tanto na conta hai que restar todas esas prazas. A zona que habilitou a case 150 metros de distancia, non aporta máis prazas das que xa había dispoñibles, nin sequera sumando as novas prazas realizadas ao longo dese tramo da rúa Condesa. Polo tanto 704.000 € despois, resulta que nesa zona hai as mesmas prazas de aparcadoiro que había, senón menos e cun uso igual de restrinxido. Como é de supoñer, dende o entorno do Umia trasladan que as queixas por non ter un lugar próximo onde aparcar son diarias, pero máis especialmente nas fins de semana, cando se xuntan deportistas e pais, local e visitantes.

  Dende a nosa formación queremos pedir abertamente, primeiro que de maneira inmediata se resolva, pero ben resolto, non da maneira chapuceira que se pretende, o problema de mobilidade entre o colexio e o ximnasio, dando completa seguridade aos nenos e nenas , e despois, á  vista do que temos, que mentres non se dea un uso concreto ao espazo que ata agora se usaba como aparcadoiro entre o colexio e o campo do Umia, se siga permitindo o aparcamento fora do horario lectivo e nas fins de semana.

Canto lle costou a Ribadumia esa obra?

   E para rematar unha breve nota sobre o custo das obras. A nós as contas non nos saen, e xa o dixemos no 2023 cando se anunciou a obra. En concreto non nos cadra o custe declarado para o Concello, que creemos foi moi superior aos pouco máis de 211.000 € que se dixo, entre outras cousas porque os peches dos retranqueos e  o derrube do local onde estaba Protección Civil non figuraban no proxecto, e a isto hai que sumarlle os 163.000€ da compra da parcela onde se fixo o novo aparcadoiro. Ademais, compre recordar que David Castro perdeu no seu momento 1.300.000 € en axudas de dous Plans da Deputación por que se negaba a aceptar a titularidade do tramo de vía afectado e a pagar o 30% das obras, condicións que ao final tivo que tragar, polo que esta obra pode considerarse calquera cousa menos un triunfo de David Castro, que demostrou a súa incapacidade para negociar nada e rematou pedindo por favor os investimentos e aceptando todas as condicións postas pola Deputación, naquel momento gobernada polo PSOE. Porque esa é a outra gran mentira do señor Castro e do señor Luís Lopez: o PP non puxo un euro nesta obra, o que veu foi todo da man do PSOE.

  Imos pedir nos próximos días toda a documentación relativa  a esas obras para tratar de aclarar esta cuestión,  pero todo apunta a que á veciñanza de Ribadumia cargou coa maior parte do custe das obras, que se moverá, con todo,  no Millón de euros.

Dende Somos Ribadumia sempre defendemos outra solución para o centro de Barrantes, que ao final vendo como gasta o señor Castro resultará tamén ser a máis barata, pero asumimos que quen goberna ten a potestade para levar adiante a súa solución, aínda que como neste caso non se corresponda co prometido á veciñanza. Pero claro, a cousa pasa por un gasto racional e por que se solucionen problemas, non por que se creen outros novos.

David Castro ten paralizada unha modificación de crédito de 840.000€ dende decembro.

  • A modificación, aprobada a toda a presa en decembro, ficou paralizada ao non levarse a Pleno as alegacións presentadas.
  • 840.000 € parados e sen poder usarse pola incompetencia do señor Castro.
  • David Castro oculta as facturas afectadas por esa modificación de crédito.

  Tres meses e medio despois de que o goberno do señor Castro aprobara a última modificación de  crédito, por un valor de 839.628,16 €, esta segue sen facerse efectiva.

  O motivo de que a modificación de crédito estea paralizada é que o señor Castro está incumprindo a súa obriga de levar a Pleno as alegacións presentadas ante ese documento, en concreto as presentadas pola nosa formación.

  Compre aclarar que as Modificacións de Crédito, unha vez aprobadas en Pleno deben pasar por un período de alegacións, que no caso de producirse, deben solventarse de maneira obrigatoria en Pleno antes de que a modificación quede definitivamente aprobada e o goberno poida facer uso dos cartos. De feito, sendo estritos coa interpretación da lei, as alegacións deberían resolverse como no caso das alegacións ao Orzamento Anual dos Concellos no prazo de un mes a partir do final do período para alegar, algo que non sucedeu e que debería dar por decaída a modificación de crédito, pero ante a ausencia de comunicación neste senso por parte do goberno debemos interpretar que David Castro unha vez máis ignorou esta cuestión.

  Dende a nosa formación, votamos en contra no seu momento e despois  presentamos alegacións entre outras cousas en base ao mesmo motivo que é a  falta de transparencia a hora de determinar o destino dos cartos. Tal é así que a pesar de ter solicitadas as facturas e partidas específicas afectadas por esa modificación de crédito antes do Pleno que recordemos se celebrou o pasado 17 de decembro,  a día de hoxe non se nos entregou esa documentación, nin a nós nin a outras formacións da oposición que taména solicitaron, e que debería aclarar en que se pretende meter 840.000 €, unha cifra considerable que implica aumentar o gasto do orzamentado para o 2024 un 17%.

  A modificación contiña máis irregularidades, como que se incumpre o principio de sustentabilidade e de feito, resultaba imposible dende o legal acudir ao remanente para facer fronte a esta modificación de crédito ao non terse aprobada a Conta Xeral do ano anterior e non poderse determinar se o remanente tiña nese momento fondos suficientes para facer fronte a estes 840.000€.

  Hai que ter en conta tamén que parte deses fondos tiñan como destino recuperar a capacidade de varias partidas económicas esgotadas polo exceso de gasto, que ao non poder facer uso da modificación de crédito quedan inhabilitadas, co cal o Concello non ten capacidade para facer fronte aos gastos imputables a esas partidas.

  A realidade, en calquera caso, é que estamos rematando marzo, pasaron tres meses e medio dende a aprobación inicial desa modificación de crédito, e eses 840.000 € están paralizados, salvo que o señor Castro tivera a ocorrencia de usar eses fondos de  maneira totalmente fraudulenta, algo que non podemos saber porque outra cousa que nos esta ocultando o señor Castro a pesar de terllo solicitado en xaneiro é o estado  de execucións das partidas económicas a día 31 de decembro.  Dáse  a circunstancia de que polo medio xa se celebraron dous plenos sen que o goberno local solucionase esta situación polo que para nós esta maneira der actuar é totalmente inaceptable, pois non esquezamos que, incluso sen saber o detalle, sabemos que boa parte deses cartos estaban destinados a pagar facturas con empresas, moitas delas do noso Concello.

 Dende Somos Ribadumia volvemos pedirlle ao señor Castro seriedade e rigurosidade nas obrigas do cargo, que entregue a documentación que nos está negando, que leve as alegacións da modificación de crédito a Pleno e que aporte os informes que invalidan esas alegacións ou no seu caso, decrete o desestimento da modificación de crédito e volva iniciar o proceso ou no seu defecto que presente o orzamento para o nao 2025, que prometeu para inicio do ano e xa vai alo un trimestre sen que saibamos nada del.

David Castro advertido xudicialmente por non pagar a indemnización a unha extraballadora.

  • O prazo para pagar os 30.100 € venceu o 14 de marzo.
  • A negativa a pagar do señor Castro aumenta o custe para as arcas municipais e pode rematar nun embargo de bens públicos.
  • A xuiza xa decretou un segundo prazo de un mes, con pago de intereses e advertencia de outras medidas.
  • David Castro segue antepoñendo as súas ideas vingativas por enriba da xestión municipal.

   Este pasado xaneiro facíamos público o desestimento de David Castro ante unha sentenza que obriga ao Concello de Ribadumia a aboar unha indemnización de 30.100 € a unha traballadora, logo de cinco anos de gastos nunha loita meramente personalista.

 Contábamos que ese sería o final desta historia, pero o señor Castro segue encirrado en negarlle a esta extraballadora os seus dereitos, e de paso en aumentar os custes para o noso Concello dunha historia que nunca debería ter chegado a un xulgado.

   O pasado 14 de marzo cumpriuse o prazo para pagar a indemnización a esta traballadora, pero o señor Castro fixo oídos xordos ao mandato xudicial e non pagou a indemnización. Ao actuar deste xeito o único que conseguiu foi que a afectada presentase unha solicitude de execución de sentenza, que xa tivo resposta por parte da xuiza este pasado venres, requerindo o pago da indemnización, cos correspondentes intereses de mora, no prazo de un mes, coa advertencia de que no caso de non cumprirse a sentenza poderá haber outras consecuencias, polo que se David Castro insiste en non pagar o que debe, o Concello  podería rematar cunha intervención dos bens públicos. En calquera caso, de partida aos 30.100 € agora hai que sumarlle os intereses xerados por non pagar en tempo e forma, así que á veciñanza xa lle está saíndo máis caro, e sen ningún tipo de xustificación. Recordemos que cada euro que David Castro mete en avogados e en procesos deste tipo, pérdese de investir noutro tipo de actuacións en beneficio de toda a veciñanza.

  Dende Somos Ribadumia condenamos as actitudes e actos do señor Castro, carentes de calquera ética e dignidade, e moi contrarios ao sentido da responsabilidade que se agarda dun alcalde,  e pedímoslle que deixe de unha vez as guerras persoais, pague o que corresponde, ademais neste caso  motivado pola súa incompetencia, e que asuma as responsabilidades políticas dos seus feitos..