711.000 euros para a lograr un aforro de ata o 80% na factura dos alumeados públicos.
- O actual equipo de goberno logra unha importante axuda do IDAE , gracias á cal o alumeado público de Ribadumia será un 60% máis eficiente.

O equipo de goberno leva dende principio de lexislatura traballando por mellorar a eficiencia enerxética e reducir a factura da luz. Primeiro revisando e actualizando todos os contratos eléctricos, logo legalizando o 60% do alumeado público. A concesión desta axuda é un novo paso neste camiño.
O Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía (IDAE), dependente do Ministerio de Transición Tecnolóxica, aprobou a concesión dunha axuda por valor do 80% do orzamento presentado polo actual equipo de goberno para o Proxecto de Renovación, Mellora e Adaptación ao Réxime de Eficiencia Enerxética. Este programa, no marco do Programa Operativo FEDER (Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional), resolveu conceder a subvención máxima de 569.381,12 euros dos 711.726,40 euros orzados polo Concello para a renovación das instalacións de iluminación e sinalización exterior. Unha cifra que supón un dos maiores investimentos de toda a provincia de Pontevedra neste tipo de obras. Calcúlase que unha redución do 60% na iluminación pública pode traducirse nun aforro superior ao 80% na factura da luz, así como unha importantísima redución das emisións de CO2 á atmosfera.
Lograr unha reducción da factura eléctrica, que actualmente conta cunha partida do 221.000€, o 5% do orzamento, pero que en anos anteriores ten arrastrado entre o 8% e o 10% do orzamento municipal, era un dos principais obxectivos de Somos Ribadumia cando nos presentamos as eleccións. E lograr esta liña de axuda económica vai permitir que o equipo de goberno consiga, ademais do obxectivo de rebaixar os custes en enerxia, cun aforro importante para as arcas municipais que permitira afrontar outras inversións en beneficio da veciñanza, ter un sistema de alumeado máis respectuoso co medio ambiente e cunha maior eficiencia.
Para Enrique Oubiña este “é un paso importante. Algúns estivemos anos pedíndolle a Salomé Peña que tomara medidas serias para frear a escalada na partida para consumo eléctrico, e conseguimos, a base de presionar, algunhas medidas puntuais, pero que tiveron un efecto máis ben discreto na factura eléctrica, debido a que os gobernos do PP se empeñaron en subir o custe da luz dunha maneira exponencial nos últimos anos. Agora, con este paso imos poder minimizar o golpe que unha nova escalada de prezos podería ter sobre os orzamentos, se o goberno do Psoe non actua de xeito distinto ó PP”.
30 meses para converter a Ribadumia no único concello galego co 100% do alumeado público de baixo consumo.
Desde o momento da aprobación da subvención do IDAE, ábrese un prazo de seis meses para a contratación das subministracións, obras e servizos; seis meses máis ata un total dun ano para a formalización dos contratacións precisas para a execución; e un límite máximo de trinta meses para a finalización das mesmas.
Cando o proxecto estea executado, a iluminación pública de todos os núcleos urbanos e parroquias de Ribadumia contará con tecnoloxía LED, moito máis eficiente que a actual. O proceso pasa por substituír as luminarias xa existentes, lámpadas e equipos por tecnoloxías máis eficientes; que permitan as diminución do fluxo emitido ata un 60%; a substitución de interruptores ou programadores tradicionais; a eliminación de puntos de luz innecesarios e a adecuación dos contratos de subministro.
Un logro conseguido gracias a inestimable axuda e profesionalidade dos persoal municipal.
A formula que o estado usou para a concesión destas axudas, denominada “Concorrencia non competitiva”, ou sexa, que se conceden por orde de entrada, obrigou a realizar un importante esforzo por parte do persoal do concello, que debemos agradecer. Para Enrique Oubiña “conseguir esta axuda foi posible gracias o esforzo de varias persoas, por un lado a empresa que nos leva a xestión eléctrica, e por outro lado as traballadoras do concello, neste caso Vanessa Jorge e Dolores Franco, que se deixaron os dedos e os ollos diante do ordenaor nunha maratón de máis de 36 horas continuadas, que foi o tempo que lles levou conseguir que o proxecto entrara na plataforma dixital, un tempo que dedicaron de xeito voluntario, e un esforzo que eu agradezo enormemente.”
Dende Somos Ribadumia queremos sumarnos a este agradecemento e poñer en valor a boa vontade e capacidade do persoal municipal, que no seu conxunto xa leva demostrado en varias ocasións, que son un equipo moi profesional, e sempre disposto a facer máis do que lle corresponde polo seu cargo. Unha sorte que no teñen todos os concellos.
Pero tamén queremos poñer o foco nun procedemento de reparto de subvencións que pretende usar mecanismos que non están preparados, que se bloquean continuamente e que deixan fora a miudo bos proxectos solo porque os concellos non dispoñen do persoal necesario, ou dos mecanismos informáticos adecuados, cando directamente non hai trato de favor. Dende Somos Ribadumia xa puxemos as nosas queixas, que son as de moitos concellos, en coñecemento de En Marea, para que use os seus mecanismos a nivel autonómico e estatal para conseguir que o reparto de subvencións se faga dun xeito xusto e equitativo.





O acto foi aberto por Ramón Mouriño, membro da Comisión Executiva de Somos Ribadumia, que incideu en que “Somos Ribadumia no 2015 fomos determinantes para sacar ó Partido Popular do goberno e, en contra do que algunhas persoas auguraban, no pasou nada malo, nin se acabou o mundo nin o concello foi a pique. Ao contrario, agora as cousas, con acertos e con erros como é normal cando se goberna, fanse doutra maneira, e con independencia das ideas de cada quen, esta claro que a xestión do concello é outra cousa, e mellorou enormemente”.
“Este acordo favorece o traballo conxunto co obxectivo de poñer fin ás políticas de recortes do PP nos concellos e mudalas por políticas para as maiorías sociais. Hoxe sumamos unha nova pinga e, pinga a pinga lograremos botar ao PP das institucións”, dixo Elena Cores, concelleira de Somos Vilanova e integrante da Coordinadora de EM nun acto no que mareantes de todo o país e da comarca felicitaron a Somos Ribadumia por dar este importante paso, e que no seu día xa deron Marea Veciñal de Culleredo, Marea Pontevedra, Somos En Marea Sanxenxo, Somos Cambados, Marea Ponte Caldelas, Lugonovo, Asamblea Cidadá de Bueu, Somos Cabanas, Xente de Rois, Son de Trives e Son de Manzaneda.
“Somos Ribadumia conseguimos ser aquelo que desexabamos, unha forza local, transversal e centrada nos problemas da nosa veciñanza, co ollo posto na visión política da esquerda e cun funcionamento horizontal e transparente, e conseguimos que a nosa maneira de entender a política se notara nas medidas e decisións tomadas neste tempo no goberno local” afondou Enrique Oubiña, voceiro de Somos Ribadumia. Tamén incidiu en que “ gracias a ese traballo, somos o referente da esquerda neste concello. Pero o ser unha forza local necesitamos apoios noutras institucións onde non estamos representados, e nese senso En Marea é a nosa voz no parlamento, a nosa voz e a única forza que se preocupou polos problemas da nosa veciñanza, como cando tivemos que sufrir os recorte de persoal no centro de saúde ou cando denunciamos que veciños e veciñas nosas tardaban tres anos en conseguir un grao de discapacidade que lle permitira acceder as axudas do estado. E este acordo faranos aínda máis visibles, e reforzará a nosa posición no 2019, xa non só no concello senón tamén na mancomunidade, nas Deputacións e no Parlamento”. Pola súa banda, e tralos parabéns dos representantes das mareas de todo o país, a voceira do espazo do cambio, Ana Seijas, destacou a importancia de que “hoxe, Somos Ribadumia se sume ao mar, a un mar de persoas, a un mar de ilusións para facer das nosas vilas, dos nosos pobos e das nosas cidades lugares máis habitables con políticas feitas con e para a xente, porque Hai Marea! e Hai Mareas!”, dixo antes de oficializar a sinatura do acordo.
