Category: Sen clasificar
Chapuza na colocación dos puntos de recarga de vehículos en Ribadumia.
- A obra, unha chapuza mal feita.
- Un cadro eléctrico, sen permiso e ocupando un vial nunha zona fora do contrato de cesión.
- David Castro renuncia ao crecemento ordenado do nucleo de Ribadumia-Barrantes e ao crecemento de viviendas.
- Ano e medio despois de ceder o espazo, os puntos de recarga non seu puxeron en marcha.
O grao de chapucerismo ao que é capaz de chegar o goberno de David Castro, supérase a cada intervención. Meses despois de supostamente rematar a obra de instalación dos dous puntos de recarga que en virtude a un acordo coa Mancomunidade se puxeron na rúa Espadeiro de Ribadumia, demóstrase con outro exemplo esta afirmación que vimos de facer.

De partida, o Concello, en acordo Plenario en marzo de 2024, cedeu dúas prazas de aparcadoiro nesa rúa para a instalación deses dous puntos de recarga, que meses despois de colocarse, seguen sen dar servizo. O acordo recolle moi pormenorizadamente o espazo que se cedeu para esta actuación, limitado ao oco que ocupaban esas dúas prazas e nada máis, nin sequera se cedeu espazo na beirarúa.
Pois ben, feita a intervención, encontrámonos en primeiro lugar con que a propia obra é unha chapuza mal feita, cos puntos invadindo en exceso as prazas de aparcadoiro sobre unha cimentación de formigon de dubidosa feitura e resistencia, e nulo coidado estético.
Por outra banda, da nada apareceu un cadro eléctrico dun tamaño importante, dentro dunha armazón de obra, que non figura en ningún lado, separado varios metros dos puntos de recarga e fora por completo do espazo cedido á mancomunidade, sin autorización que conste por que ademais non a pode ter por que por se fora pouco, resulta que tal cadro está ocupando de cheo a vía pública.

Dende Somos Ribadumia queremos recordar que o PXOM recolle o vial onde está colocado ese cadro eléctrico, un vial agora pechado en falso, pero que nun futuro debe completar a seguinte mazá urbanizada desa zona, razón pola cal quedou o encabezado da vía aberto, como pode comprobar calquera que pase por alí. De feito, existe hoxe a estrutura dun edifico de vivendas que quedou sen rematar no seu momento do que corren rumores de que pronto se vai retomar a obra, dando así continuidade ao desenvolvemento desa zona, ou cando menos rematando esa parte.
É completamente inadmisible que David Castro permita a construción de elementos deste tipo, en lugares prohibidos, pois non esquezamos que o propio PXOM prohibe expresamente a construción de calquera tipo de estrutura nos viais públicos a excepción de paradas de bus.

E é totalmente inadmisible que a Mancomunide, presidida precisamente polo señor Castro, non tivera presentado un proxecto mellor redactado e máis completo, definindo ben o espazo necesario para incluír todos os elementos necesarios. Dende Somos Ribadumia íamos apoiar do mesmo xeito ceder dúas prazas de aparcadoiro que tres, se ían ser necesarias, ou outro espazo máis amplo noutro emprazamento chegado o caso. O que non podemos é aceptar este grao de improvisación.
Aínda que o mais lamentable é a falta de visión de futuro de David Castro, que con estas actuacións – das que é perfectamente consciente pois a parte de estar ben á vista foi facerse fotos ao seu carón – deixa claro que non prevé nin que se constrúa máis vivenda nin o crecemento ordenado do núcleo Ribadumia-Barrantes, nin outra cousa que non sexa aguantarse el na cadeira. Lamentamos esta actitude. Lamentamos que David Castro converta Ribadumia nun Concello sen lei no que calquera que convite a xantar ao alcalde poida construír calquera cousa en calquera lado, legal ou non, mentres o resto da veciñanza, especialmente aqueles veciños e veciñas que o señor Castro ten sinaladas como “dos outros”, ten que pedir permisos ata para respirar e soportar un control exhaustivo de todo canto fai.
Satisfacción co resultado da I Xornada Municipalista.

- Unha vintena de representantes de Agrupacións Municipalistas de toda Galicia participou na xornada.
- Política Local pragmática, de nivel, e pegada á veciñanza en Ribadumia.
Dende Somos Ribadumia queremos amosar a nosa satisfacción ante o máis que positivo resultado da I Xornada Municipalista que tivo lugar está semana en Ribadumia, impulsada e organizada pola nosa agrupación coa colaboración con Agora Galicia e Somos Cambados.
A xornada, prevista entre as 10:00 da mañá e as 18:00 horas e que rematou alongándose un par de horas, contou con representantes de Concellos de entre 400 e 13.000 habitantes, e había dende agrupacións como a de Salceda que ten a alcaldía a outras que son primeira forza da oposición, como Campo Lameiro ou Chantada. Unha variedade de realidades que resultou moi enriquecedora.
A xornada, guiada por Noelia Fabello, Concelleira de Somos Cambados, tiña un carácter técnico e abarcaba dúas areas principais. Por unha banda cuestións de dereitos fundamentais que afectan aos Concelleiros e Concelleiras e as fórmulas adecuadas para exercelos e defendelos correctamente ante os abusos de certos gobernos locais absolutistas, impartida pola abogada Tania Varela, que leva temas legais de varias agrupacións. A segunda parte, impartida polos membros de Somos Ribadumia Patricia Oubiña, Enrique Oubiña e Sergio Soutelo, buscaba clarificar conceptos no relativo ás Contas Municipais dende Orzamentos a Contas xerais pasando polas distintas formas de modificación de crédito existentes, ao tratamento da documentación relativa a estas cuestións, a veces complexa de interpretar, e xa con todos os participantes expor diferentes enfoques a hora de construír estratexias, partindo do Modelo Ribadumia, para desenvolverse no día a día ao longo do mandato dunha maneira achegada á veciñanza, e ao tempo elaborar e levar á práctica proxectos políticos pegados á veciñanza e á realidade local.
Dende Somos Ribadumia a nosa satisfacción coa acollida e desenvolvemento da xornada é completa, confirma que a nosa aposta por este tipo de actividade foi acertada, e tamén unha realidade que expresou moi ben o noso Concelleiro “ a política real está no movemento municipalista. Unha política seria, práctica, apegada aos problemas da veciñanza e que busca e propón solucións dende o pragmatismo e as situacións reais, en contraposición co tacticismo e as estratexias dos “grandes” partidos, con fórmulas ocas de titular e foto que o único que buscan son os votos para acceder aos centros de poder, pero que non buscan realmente solucións aos problemas da nosa veciñanza, e aí temos a financiación local como exemplo. Durante décadas os grandes partidos preferiron manter un sistema no que os concellos dependesen das deputacións, da Xunta e do Estado, en lugar de garantir unha verdadeira autonomía local, económica e política. Así poden seguir controlando os recursos e, con eles, os tempos e os silencios de moitos alcaldes e alcaldesas”. Visto o resultado positivo, anunciamos a nosa intención de volver repetir experiencia dentro dun ano, e traballar por asentar estas xornadas municipalistas no tempo.
Para rematar, amosar o noso agradecemento en primeiro lugar ás persoas participantes, que ademais coa súa implicación fixeron posible que a xornada fora no ambiente constructivo que tivemos. A Agora Galicia e a Somos Cambados pola súa colaboración, e as relatoras e relatores da xornada, polo seu esforzo e dedicación.
Lamentamos que David Castro saque a Ribadumia da campaña “Móllate polos Ríos”.
- Dende 2015 O Concello colaboraba con esa campaña de concienciación ambiental.
- No 2024 o Concello xa non participou, e David Castro negouse se explicar o motivo.
- Bombeos que non impiden os vertidos, depuradoras que verten case todo o ano e atrancos que matan o río, ese é o compromiso de David Castro co medio ambiente e co coidado dos nosos ríos.
Esta fin de semana terá lugar a acción conxunta “Móllate polos ríos” promovida pola Asociación Ecoloxista ADEGA, dentro do seu Proxecto Ríos, un proxecto de defensa e posta en valor ambiental dos ríos galegos posto en marcha por esta entidade no 2005 e que hoxe en día está promovido pola Conselleria de Medio Ambiente. O Concello de Ribadumia uniuse no 2015 como colaborador desta xornada anual que máis aló da acción de recoller lixo nas marxes do río busca poñer o foco na importancia de coidar as nosas canles fluviais.
Porén, no ano 2024 o goberno de David Castro, sen mediar explicación algunha, liquidou a colaboración con este evento, deixando tamén de darlle publicidade, e evitando participar na xornada tal como se viña facendo dende 2015. Preguntado polo asunto en Pleno o pasado mes de maio, o alcalde non foi quen de explicar o cambio de criterio.
Dende Somos Ribadumia lamentamos esta nova postura do señor Castro e do seu goberno. Pero non podemos decir que nos sorprenda. Nos últimos anos estamos asistindo a unha degradación do coidado ambiental dos nosos ríos. Non esquezamos as barbaridades que se fan cada ano no río Armenteira con desbroces esaxerados, a gran estafa do bombeo de Cabanelas que non só non evitou os vertidos senón que os aumentou, as fugas continuadas da EDAR de Lois, responsabilidade exclusiva do goberno local queira para outro lado, ou a permisividade coa construcción dun atranco en Cabanelas que vai ser un atentado ambiental e paisaxístico na zona de maior interese turístico do noso Concello e a escasos metros dunha zona de esparcemento moi utilizada no verán pola nosa veciñanza.
Lamentamos a perda da oportunidade de que o Concello adquirise a antiga Alfageme e insistimos na nosa proposta.

- O Concello puido obter os terreos da antiga Alfageme por 150.000 €, incluso menos, pero David Castro deixou pasar a oportunidade.
- Agora volve a saír a subasta – máis cara – pero o señor Castro está a outras cousas.
- Cónstanos que David Castro non quere facerse con eses terreos unicamente por ser unha proposta de Somos Ribadumia.
- David Castro, como argumentario para xustificar a súa negativa a aceptar a nosa proposta: desprezos e faltas de respecto.
No seu momento presentamos unha moción no Concello, que David Castro ocultou nun caixón xunto a outras sete mocións do noso partido e algunha máis doutros partidos da oposición, onde propoñiamos que o Concello se fixera coa parcela da ántiga Alfageme e a recuperase para a veciñanza e como reclamo turístico dentro dun plan a medio prazo.
David Castro decidiu que non vai aceptar ningunha proposta que saia de Somos Ribadumia, polo que a pesar de aceptar en privado que a proposta é máis que interesante, decidiu non facer nada. Non so o decidiu, esta mañá apareceron unhas declaracións nun medio de prensa onde non so desbota a idea de facerse con esa parcela, senón que como argumentario, o único que se lle ocorre é acudir á descalificación e o desprezo cara o noso partido.
Deste xeito deixou pasar a oportunidade que este verán deu o IGAPE ao abrir un prazo para recibir ofertas sen entrar nun proceso de subasta, onde ademais se propoñía unha cantidade de partida de 150.000 € para unha parcela de case 8.700 metros, unha cantidade razoable e aceptable para o noso Concello, coa circunstancia ademais de que o orzamento para este ano estaba sen aprobar e de feito sigue sen levarse a Pleno. E debemos insistir en que un alcalde do PP minimamente competente debería se capaz de lograr un acordo facilmente, por esa cantidade ou incluso menos.
Agora o IGAPE volveu abrir un proceso de subasta, cun prezo de saída máis elevado, 193.000 €, con data prevista para o 30 de setembro. E dende Somos Ribadumia seguimos insistindo en que esa parcela resulta do máis interesante para o noso Concello e que David Castro, que sabe e admite cando non estamos diante que temos razón, debe deixar esa “política do non a todo canto propoña Somos Ribadumia”, e de mirar para outro lado e de preocuparse por intereses particulares de colegas e empresas, e mirar polo que é beneficioso para Ribadumia, saia a proposta de quen saia, e levar adiante as xestións para facerse con esa parcela.
Vai ser difícil que polas limitación legais e urbanísticas da parcela algunha empresa ou particular se faga con ela, que é xustamente o mellor argumento para que o Concello opte por facerse con ela: ninguén quere esa parcela. Polo que se David Castro segue encirrado no seu odio persoal contra o noso partido e non actúa con sensatez, e chegados ao 2027 a parcela seguise sen dono, dende Somos Ribadumia xa adiantamos que se temos a posibilidade de gobernar, unha das nosas prioridades será sacar ese mamotreto da ribeira do Umia, acabar cos problemas de salubridade que está xerando, recuperar o espazo natural que ocupa e darlle unha solución que sexa beneficiosa para a veciñanza e que sirva tamén de reclamo turístico.

