Category: Sen clasificar
Demagoxia do goberno local levando a pleno mocións a favor do piragüismo mentres lle recorta fondos a O Muíño.

- David Castro presenta unha moción para propoñer á Medalla de Galicia a Manuel Fontán e resto de padexeiros das últimas competicións sen coordinalo nin falalo coas partes afectadas, e descoñecendo a realidade dese deporte.
- Tivo que ser Enrique Oubiña quen se puxera en contacto con O Muíño e co Presidente da Federación para explicar a moción e os obxectivos da mesma.
- David Castro negouse a aceptar unha modificación do acordo proposta por Oubiña a instancias de Fredi bea, condenando así o acordo aprobado ao ostracismo, por non ser consecuente coa realidade do piragüismo galego.
- O goberno local non concreta a partida para o Descenso do Umia, e recórtalle a axuda anual a O Muíño.
Na presentación do Descenso do Umia, David Castro lanzouse á piscina sen flotador e sen saber nadar, anunciando que ia propor a Manuel Fontán para a Medalla Galicia. O resultado dese ataque de electoralismo puro foi unha moción levada a pleno coa ansia de lograr un titular de prensa.
A moción – aprobada por unanimidade – propoñía entre outras cuestións “propoñer a Manuel Fontán e demais integrantes da delegación galega de padexeiros e padexeiras que acadaron medallas nas diferentes competicións internacionais celebradas este ano para ser distinguidos coa Medalla de Galicia 2023 e deste xeito recoñecer o gran traballo que se ven realizando nesta modalidade deportiva por parte dos clubs galegos de piragüismo”. Tamén se propoñía trasladar este acordo á Federación para que se fixera eco desta iniciativa e a trasladara a clubs e Concellos no obxectivo de que se sumaran a ela.
“O problema desta proposta é que de partida foi realizada dende a ignorancia de cal é a situación real do piragüismo galego, e sen comentar nin consultar nin ao padexeiro en cuestión, nin a O Muíño, nin tampouco á Federación, algo que non so sería o correcto, se non tamén o educado”.
Tivo que ser Enrique Oubiña quen se puxera en contacto con O Muíño e o presidente da Federación, Fredi Bea, para informar da proposta e pedirlle a súa opinión. O resultado desas consultas foi que dende Somos Ribadumia decidimos facernos eco do proposto por Fredi Bea, que é por de relevancia non so os resultados dos padexeiros galegos desta tempada, que por certo aínda non rematou, senón de toda a historia da Federación, non en van o piragüismo galego leva cinco edicións dos Xogos Olímpicos logrando medallas e diplomas, acumulando xa 30 galardóns, sendo a disciplina deportiva con maiores logros do deporte galego, moi por enriba da segunda, a vela, con 9, aos que hai que sumar todos os logros nacionais e internacionais.

A proposta de acordo que trasladou ao Pleno foi a de “Propoñer a Manuel Fóntán e ao resto de integrantes da Federación Galega de Piragüismo dende a súa fundación, e en nome de todos eles, pasados e presentes, á Federación Galega de Piragüismo para ser distinguida coa medalla Galicia 2023, e deste xeito recoñecer o gran traballo que se ven realizando nesta modalidade deportiva por parte dos clubs galegos de piragüismo, e por suposto do club Ribadumiense O Muiño”. Esta proposta apenas modificaba o texto, pero permitíalle ter o contido necesario para que puidera ser asumida por todos os clubs de piragüismo de Galicia, e tamén polo Concellos, forzas políticas e outras entidades, e así poder darlle un pulo de cara a conseguir a mais que merecida a Medalla de Galicia, suposto obxectivo da moción, pero o goberno local desestimou a proposta porque polo visto Oubiña tiña que ter asumido o papel de goberno antes, comunicarse el coa Federación con máis tempo e pasarlle a proposta ao goberno dous ou tres días antes.
“Escusas de mal pagador. O que pasou foi que pillamos ao goberno nun renuncio ao presentar unha proposta que quixeron vender como importante sen tela traballado o mínimo, sen falar con quen correspondía, sen coñecer o mundo do piragüismo e sen ter nin idea do que é a Medalla de Galicia, nin a quen se lle outorga, nin por cales méritos. Unha proposta condenada ao ostracismo”.
Dende Somos Ribadumia ademais de lamentar a falta de visión do goberno local, e o seu afán electoralista, queremos ademais recordarlle a David Castro que o que precisan o Náutico O Muíño e Manuel Fontán non son mocións, son recursos e cartos. O goberno local leva anos negándose a ampliar as partidas das axudas anuais, co resultado de que co aumento de clubs deportivos este ano o piragüismo veu reducida a súa axuda en case un 30% con respecto ao ano anterior. Unha diferenza económica importante. Non so iso, o propio goberno local admitiu en pleno que a día de hoxe non está confirmada a cantidade coa que se vai axudar a pagar o Descenso do Umia, deixando ao club ao pairo e a proba do ano próximo sen garantías de poder realizarse.
Tamén convén recordar que dende o PSOE propúxose que a moción fora asumida pola Corporación ao completo como moción conxunta. PP e Somos Ribadumia sumámonos a esa proposta pero IR negouse con argumentos absurdos e infantís, porque o que querían era un titular.
“Lograron o titular, pero perderon a oportunidade de demostrar que son un partido de goberno, capaz de deixar as súas terras políticas e persoais de lado cando se trata de asuntos como este, que van máis aló da política”.

O Concello de Ribadumia leva meses co acceso ao servizo de Axuda no Fogar bloqueado.
- Veciños e veciñas de Ribadumia coa Axuda no Fogar concedida, non poden acceder ao servizo debido á desidia do goberno, que ten atascado o funcionamento do servizo.
- Inaceptable situación que afecta a varias familias dende o mes de xuño.
- Os atrasos na convocatoria do novo concurso provocaron que a empresa adxudicataria quedara nun posible limbo legal ao estar dando servizo sen contrato en vigor.
- Preguntado en pleno, o goberno non foi quen de dar unha resposta por esta situación.
- Como sempre, fainas o alcalde, pero áganas os veciños e veciñas de Ribadumia.
No pleno celebrado onte púxose de relevancia unha situación tan inaudita como inaceptable. Tal como explica o noso voceiro, “resulta que o goberno local permitiu que varias familias do noso concello non puideran acceder ao servizo de Axuda no Fogar tendoo xa concedido porque David Castro non tivo a ben facer o posible por ter un acordo coa empresa adxudicataria dese servizo, cuxo contrato venceu o pasado mes de febreiro, un acordo que permitira, cun mínimo de garantías legais, manter o servizo sen incidencias ata que se resolvera o novo concurso, que acumula meses de retraso”.
O problema da desidia do goberno local, unicamente preocupado á vista do vivido no pleno de onte pola vida privada dos concelleiros da oposición e polos titulares de prensa , é que esas familias, logo de moito loitar por lograr acceso a un servizo tan fundamental como é a axuda no fogar, un proceso burocrático complexo e longo que moitas veces chega xa tarde, atopáronse con que o goberno local non lle proporcionaba o servizo que xa tiñan concedido, tal como é a súa obriga. Non só iso, tamén se encontraron co silencio da administración local, que non deu resposta aos requirimentos para solventar a situación.
Oubiña preguntou por esta cuestión no pleno na noite de onte e a resposta foi o silencio, “unha vez máis, o goberno local non está cumprindo coas súas obrigas, ademais nalgo tan importante como isto, pero ninguén sabe nada, e David Castro sabe aínda menos”.
A situación roza ademais o esperpento no legal. Oubiña preguntou pola situación legal das relacións entre concello e empresa adxudicataria. A resposta da Secretaria Municipal foi que as prorrogas estaban esgotadas pero que a empresa debía manter o servizo de xeito extraordinario ata que se resolva o novo concurso. Pero esta situación non esta nada clara. “Esta maña volvín dirixirme á Secretaria co contrato na man, e resulta que segundo ese contrato, que se formalizou sendo eu concelleiro, no 2017, a empresa non debería estar prestando xa servizo ao esgotarse todos os prazos, incluído o prazo extraordinario. Parece que agora o Concello fixo consultas legais ao respecto, porque non está claro se a empresa pode deixar de dar servizo e este debe pasar ao Concello, ou esta obrigada a seguir con el. Pero mentres esas dúbidas se resolven, dende xuño non se dan altas novas no servizo, o goberno local mira para outro lado e as familias pagan o pato”.
Dende Somos Ribadumia temos claras dúas cousas. A primeira que agora quen cargara coas culpas serán a empresa primeiro e Enrique Oubiña e Somos Ribadumia despois. A segunda que pola conta que lle ten ao goberno, unha vez feita pública a situación, esta resolverase , e de feito Oubiña fixo un rogo neste senso no pleno, co obxectivo de que esas persoas teñan o servizo que lles corresponde por dereito de maneira inmediata, e vimos de ter constancia, non polo goberno precisamente, que onte só estaba preocupado por saber que usuarios e usuarias se habían posto en contacto con Somos Ribadumia, de que a situación vaise resolver nos próximos días ou semanas.
Esta non é a primeira vez que o Concello deixa de lado as súas obrigas cos servizos básicos. A mesma situación deuse coa gardería municipal, que o goberno local se veu obrigado a asumir , cando a empresa adxudicataria, con todas as prórrogas do contrato esgotadas , e cansa da falta de resposta por parte do goberno de David Castro, deixou de prestar o servizo no pasado mes de maio.
Dende Somos Ribadumia lamentamos que pola desidia do goberno local, que sabendo que os contratos se ían esgotar non atendeu as súas obrigas nin asumiu as súas responsabilidades , os nosos veciños e veciñas paguen os pratos rotos. Agardamos que a situación se normalice canto antes e pedimos a David Castro que, aínda que sexa na parte final do mandato, xa que non foi antes, deixe de mirar para outro lado e cumpra co mandato da cidadanía, que é gobernar.
David Castro tira miles de litros de auga pública ao non resolver as fugas existentes.
- Unha fuga a plena vista na contorna de Pontearnelas, evidencia a falta de interese de David Castro en controlar o uso da auga pública, a súa nula conciencia medioambiental, o seu desprezo polo correcto uso dos recursos que se pagan con fondos públicos, e a súa actitude negacionista coa situación de seca.
- O mal uso da auga pública por parte do goberno local, moi preocupante.
- Miles de litros de auga pagados por toda a veciñanza, tirados ao río ou perdidos a través dun número descoñecido de fugas.
A chamada dun veciño, intrigado por unha canle de auga correndo por un dos aliviadoiros da ponte de Pontearnelas , que resultou ser unha fuga de auga pública, puxo de manifesto o que xa levamos tempo dicindo dende Somos Ribadumia: que David Castro e os Independientes desprezan por completo os recursos públicos, ademais de que non xestionan nada e teñen o Concello completamente ao pairo.
O noso voceiro Enrique Oubiña e parte do seu equipo desprazouse onte a Pontearnelas para comprobar se a canle de auga referida “ ven dalgunha vea subterranea natural que polo que fora se desviara por ese aliviadoiro ou, como sospeitamos, trátase dunha fuga de auga municipal. E non erramos na sospeita, tal como queda recollido no vídeo que gravamos comprobando que efectiventd a auga que corre por esa canle é clorada, ou sexa da traída municipal.”.
A existencia desta fuga de auga en concreto chama a atención porque, a pesar da falta de mantemento e limpeza na estrutura e contorna da ponte, a fuga está a plena vista na senda fluvial de Pontearnelas, pola que pasan moitas persoas a diario. Preguntando nas casas próximas e a algún habitual da zona topamos coa sorpresa de que foron varias as persoas que advertiron a membros distintos do goberno desa canle de auga que non debería estar alí.
Para Oubiña “o pasotismo a hora de resolver estes problemas non sorprende. A finais do mes pasado xa nos fixemos eco de como unha fuga en plena vía pública no centro de Barrantes tardouse nove meses en resolver. Nove meses durante os cales a auga, ao igual que está en Pontearnelas, estivo fuxindo da rede pública minuto a minuto de día e de noite, coa correspondente perda de miles de litros de auga depurada e dos euros que custa a depuración”.

Non fai falla estar pasando unha seca como a que estamos pasando para pór de relevancia a importancia da correcta xestión da auga pública, un recurso limitado que ademais custa cada ano centos de miles de euros das arcas municipais, que se enchen cos impostos de toda a veciñanza. Pero resulta moi preocupante que nin sequera na situación actual o goberno local teña nin a máis mínima conciencia medioambiental nin o máis mínimo respecto polos recursos públicos nin se preocupe de dar un mínimo exemplo de xestión responsable.
Descoñecemos cantas fugas, a plena vista ou ocultas, ten a rede pública do noso Concello. E o grave é que o goberno local tamén o descoñece, porque non está dedicando absolutamente nada a buscar as posibles fugas ou, cando menos, a resolver as que se coñecen. De feito, tal é a desidia que mentres os concellos veciños toman medidas de aforro de auga, en Ribadumia nin sequera se revisa a regulación dos sistemas de rego dos espazos públicos, non digamos xa reducir o seu uso, co resultado de que hai boquillas que levan semanas regando o asfalto no canto de regar a herba, ou perdendo auga, sen que ninguén faga nada. En resumo, “David Castro é un negacionista que non quere asumir a situación de seca que estamos atravesando, e que mira para outro lado mentres o resto de alcaldes da comarca e a presidenta da Mancomunidade fan chamamentos ao uso responsable e advirten de que pode haber problemas co suministro se a situación se manten”.
Dende Somos Ribadumia queremos pedirlle a David Castro, unha vez mais, responsabilidade e xestión. E que volva a senda que dende Somos Ribadumia deixamos marcada no mandato anterior, neste caso dedicar recursos a buscar e resolver fugas de auga ao longo e ancho do Concello, unha delas precisamente en Pontearnelas, e malos usos como o do campo de herba natural da Senra, que ata a chegada de Oubiña ao goberno local se regaba con auga da rede pública. E sobre todo, queremos pedirlle un mínimo de respecto pola veciñanza. A rede de auga pública, e a depuración da auga que se distribúe as nosas casas e se usa para as zonas e espazos públicos págase todo cos cartos da veciñanza, e o goberno local debe dar exemplo do uso correcto dos recursos públicos.

Lamentamos a mala xestión de David Castro do Trofeo Concello de Ribadumia de fútbol.

- A proba contaba de maneira habitual coa participación dos clubs locais. Dende que David Castro ten a maioría, converteuse nunha ferramenta de división entre clubs e aficións.
- Unha proba pagada con fondos municipais, pensada para promover os clubs locais e axudarlles a recadar fondos, pero na que non se conta co Xuventude Sisán, o club máis novo.
- David Castro incapaz de mediar entre direccións e xestionar este evento deportivo, para que as aficións dos diferentes clubs locais puideran participar e gozar del.
O Trofeo Concello de Ribadumia, que este ano alcanzou a súa trintava edición, era ata o ano pasado unha proba emblemática do noso concello, ao contar de maneira habitual, pois ese era o seu cerne, cos dous clubs locais, o C.D. Ribadumia e Umia C. F., ao que este ano debería sumárselle o Xuventude de Sisán C. F.. Porén, no canto de avanzar nos valores positivos do deporte e da sá competitividade , David Castro transformou coa súa acción partidista este evento deportivo nun elemento de división entre clubs, de tal xeito que, ao final, cando debíamos ter un torneo con como mínimo tres equipos locais, por segundo ano topámonos con que só participa o club que carga coa xestión do evento, que ata agora foise alternando entre Umia e Ribadumia.
As filias e fobias futbolísticas de David Castro e de boa parte do seu equipo de goberno non son nin novas nin descoñecidas para a veciñanza, e aínda que dende Somos Ribadumia non imos valorar as prioridades persoais de ninguén, hai un problema moi grave a nivel de xestión política cando esas prioridades no persoal saltan ao ámbito político. Pasou antes con outros gobernos e volve pasar agora con David Castro, só que agora dun xeito nada disimulado.
Xustamente esa falta de capacidade para separar o ámbito persoal do político, sumado á xa endémica incapacidade de xestión de David Castro, foi o que levou a está situación, pois ao non ser capaz de abstraerse e actuar como corresponde a un alcalde, David Castro permitiu que as diferenzas entre as direccións de dous clubs, que non imos valorar por non ser do noso ámbito de actuación, impediran que por segundo ano consecutivo o Trofeo Concello de Ribadumia fora o que deberá ser.
Tal como explica o noso voceiro “precisamente para evitar estas situacións aprobouse en Pleno Municipal un regulamento para o Trofeo Concello de Ribadumia, no ano 2017. Un regulamento que deixa moi claro que ese evento é de responsabilidade exclusivamente municipal, que se fai cargo de todos os custes, e que unicamente deixa en mans dos equipos locais, de maneira alterna, a súa xestión deportiva, así como os beneficios económicos que poidan repercutir. Tamén quedou moi claro, e David Castro e o seu equipo estiveron moi de acordo nisto, en que aínda que os clubs tiñan liberdade organizativa e de elección de equipos, o Trofeo debería contar prioritariamente cos clubs locais, no formato competitivo que o club organizador decidise, pero respectando este principio que debía servir para poñer en valor os principios de convivencia no deporte local, da sá competitividade, e para establecer lazos de unión entre aficións. Nada diso acontece dende que David Castro se agarrou á súa maioría absolutista”.
E non só iso. Dende Somos Ribadumia entendemos que habendo un novo club futbolístico, xa non diremos antes, pero unha vez superada a súa primeira tempada e xa asentado na competición deportiva, o normal sería que dende o goberno se lle dera a oportunidade de organizar o Trofeo Concello de Ribadumia este ano, para axudarlles no posible a saír adiante nestes primeiros momentos. Pero David Castro non só non tivo este xesto, senón que directamente ignorou a existencia deste club e da súa afición, como testemuñan as súas declaracións na presentación do Trofeo a semana pasada, onde non se fixo nin unha soa mención a este club, mentres se poñen escusas que ninguén creu para xustificar a ausencia do Umia no evento e a inexistente intermediación de David Castro para evitar este bochorno.
Lamentamos esta pésima xestión no ámbito deportivo do goberno local nun evento que ínsistimos é de responsabilidade municipal, e agardamos que de cara ao ano próximo o goberno que haxa en Ribadumia teña algo máis de capacidade de goberno. Dende logo se nós estamos nese goberno o que se mirou nestes dous últimos anos non se vai repetir. E aínda que somos moi comprensivos e respectuosos coas decisións das directivas deportivas dos nosos clubs, agardamos tamén que esas directivas volvan ser conscientes da importancia da imaxe que trasladan, e tamén da importancia de que haxa competicións de ámbito local que unan aficións, onde se participe con deportividade e exemplaridade, e que axuden a construír un concello dende o respecto e os valores positivos do deporte, máis aínda nun Concello onde os clubs deportivos non teñen instalacións propias e deben usar instalacións de propiedademunicipal, construídas e mantidas cos impostos de todos e todas as ribadumienses, incluídos os que non gustan do fútbol.
Dende Somos Ribadumia seguiremos traballando para que o goberno local deixe de usar interesadamente ás entidades deportivas e aumente as partidas económicas onde corresponde, buscando acordos e mellorando as bases de reparto, para que os clubs teñan acceso a máis recursos municipais, un aumento dos recursos que David Castro leva bloqueando dende o ano 2017.
