Category: Sen clasificar
Propoñemos a sinatura de convenios específicos para apoiar aos eventos deportivos.

- Propoñemos rematar co trato desigual entre AF7 e os eventos dos clubs locais.
- Propoñemos subscribir convenios específicos para cada evento.
- Garantir un financiamento económico do Concello estable.
Dende Somos Ribadumia temos claro que o deporte é, sen dúbida, un dos piares fundamentais da vida comunitaria e un motor de desenvolvemento social, educativo e económico nos concellos galegos. En Ribadumia, contamos cun tecido deportivo local vivo e diverso en entidades e disciplinas deportivas, que veñen organizando nos últimos anos torneos, competicións, actividades formativas e eventos deportivos que enriquecen o noso municipio, atraen visitantes e fomentan hábitos de vida saudables entre todas as idades.
Neste 2025, en Ribadumia tiveron lugar, ademáis doutros eventos, a Copa Ribadumia organizada polo CD Ribadumia, a Mini BTT Concello de Ribadumia organizado polo Club Ciclista Ribadumia, o Rallie Mix organizado pola escudería Tino Racing, o Descenso do Umia organizado polo Club Naútico o Muiño. A todas estas actividades organizadas por entidades locais, súmase o AF7, o único do que o señor Castro fala.
Somos conscientes da complexidade de organizar este tipo eventos, e tamén do papel fundamental que debe facer o Concello a hora de apoialos. E non imos dicir que o goberno do señor Castro non apoie estes eventos deportivos, pero a maneira que ten de dar ese apoio resulta moi desigual, e dende logo as formas políticas están moi lonxe de ser correctas, como comprobamos no último Pleno.
Con independencia das formas do señor alcalde, a realidade actual amosa que o sistema de axudas xerais ou subvencións concorrentes non cobre con eficacia as necesidades específicas de cada entidade, e no caso das bases para as axudas municipais, estas non valoran suficientemente o impacto dos eventos deportivos que se organizan, pois na realidade estes eventos fican fora destas axudas regradas. Ademais, a falta dun marco estable de colaboración entre o Concello e os clubs dificulta a continuidade e calidade das actividades deportivas, e pode provocar desigualdades ou sensación de trato desigual entre entidades.
Ademais das entidades locais, outras entidades de fora do noso Concello veñen tamén nos últimos anos desenvolvendo eventos nas instalacións municipais ou en espazos do noso Concello, sen que exista un mínimo ordenamento ou criterio a hora de validar a axuda que dende o Concello se deba dar a uns eventos ou outros, máis aló dos criterios estritamente subxectivos ou mesmo políticos do goberno local. E dende logo, temos eventos que se están apoiando con cantidades económicas importantes, sen que tan sequera exista unha partida económica específica que lle dea amparo orzamentario, por non falar de concesións de uso de instalacións de xeito prioritario, mesmo desprazando ás entidades locais, e apoio loxístico moi superior ao que se da a outros eventos organizados por entidades ribadumienses, unha situación que crea un inaceptable agravio comparativo con respecto aos eventos organizados por entidades locais, que dende a nosa formación levamos anos denunciando.
En conxunto, a cuestión económica pon de manifesto o caótico da xestión. David Castro pretendía ocultar os datos, pero gracias ao traballo de Sergio Soutelo agora sabemos que no que levamos de ano 2025 o apoio económico aos cinco eventos eventos deportivos máis relevantes organizados por entidades do noso Concello e de fora del superou os 50.000 €, unha cifra moi superior aos 12.000 € que figuran no orzamento de 2024, e tamén moi superior aos 38.000 orzamentados neste 2025. Nestes dous últimos anos as partidas orzamentadas non foron suficientes e foi preciso acudir a Modificacións de Crédito para facer fronte aos desfases de gasto. Dende a nosa formación consideramos que o financiamento dos eventos deportivos debe estar recollido no orzamento, do mesmo xeito que debe figurar cales son eses eventos e que cantidades se aporta a cada un deles, e que non é aceptable que se acuda ao remanente de crédito para cubrir este tipo de cuestións, e menos que aconteza como nos últimos anos de maneira reiterada. Tampouco é de recibo empregar o Remanente como unha extensión do Orzamento. O Concello o que debe facer e recoller economicamente unhas previsións axeitadas á realidade do noso Concello.
Por todo isto, consideramos necesario e urxente que o Concello de Ribadumia, a través do seu Goberno municipal, impulse o ordenamento desta situación. E dende a nosa perspectiva o mellor camiño é o de crear convenios individualizados con cada entidade deportiva que organice eventos de interese local, co obxectivo de fortalecer economicamente os proxectos locais dende a igualdade de trato, recoñecer o labor dos clubs e garantir a continuidade das actividades deportivas no municipio, sen con isto deixar de lado os eventos organizados por entidades de fora de Ribadumia, pero si establecendo claramente as prioridades para as entidades locais.
Dende unha perspectiva de bo goberno, transparencia e eficiencia, os convenios individualizados son unha ferramenta legal e práctica que permite axustar o apoio público á realidade e dimensión de cada evento, evitando a arbitrariedade e promovendo a equidade entre entidades. Tamén serven para concretar e prever con tempo o apoio económico e poder realizar unha correcta xestión dos recursos públicos.
Os convenios permitirían recoller de forma clara os compromisos e aportacións de ambas partes, establecer criterios obxectivos para a distribución dos recursos e recoñecer institucionalmente o esforzo organizativo dos colectivos locais e tamén dos de fora do noso Concello que organizan eventos en Ribadumia. Estes acordos poden incluír achegas económicas directas, apoio na promoción e difusión, cobertura loxística ou técnica, e calquera outra forma de colaboración axeitada ao evento en cuestión.
Por todo o anterior, vimos de presentar unha moción que propón os seguintes acordos:
1. O Pleno do Concello de Ribadumia insta ao Goberno municipal a establecer convenios individualizados coas entidades deportivas que organicen eventos deportivos de interese municipal, coa finalidade de apoiar e fortalecer a súa actividade.
2. Estes convenios deberán:
– Definir con claridade os compromisos de ambas partes.
– Incluír achegas económicas axeitadas á dimensión e impacto do evento, pero partindo do seguinte criterio de reparto: ningún evento organizado por entidades non rexistradas en Ribadumia e/ou que non formen parte do deporte federado recibirá unha cuantía superior á que reciba o evento con maior apoio de entre os organizados por entidades locais.
– Contemplar outras formas de colaboración municipal (infraestruturas, promoción, apoio técnico ou loxístico, datas exactas).
– Ter vixencia anual ou plurianual, segundo a natureza do evento .
3. Crearase unha comisión técnica municipal, formada por persoal técnico e representantes de todos os partidos políticos con representación, que elaborara e proporá un regulamento ou protocolo interno que estableza os criterios obxectivos para a sinatura destes convenios, garantindo a igualdade de oportunidades, a transparencia e a rendición de contas, máis tamén o carácter prioritario para as entidades locais. Dito regulamento deberá aprobarse en Pleno.
4. A Comisión técnica nomeada no punto anterior tamén tera a función avaliar en base ao regulamento aprobrado as propostas de convenio, facer seguimento da súa execución e valorar o impacto dos eventos apoiados, para o cal se dotara dun regulamento interno de funcionamento.
5. De xeito especifico, recolleranse nos orzamentos anuais as partidas económicas necesarias para enfrontar cada un dos eventos aos que se dea apoio económico, para cumprir cos principios de transparencia.
6. Esta moción será trasladada á Alcaldía-Presidencia, á Concellería de Deportes e á Secretaría-Intervención para os efectos oportunos.
Orzamento 25: Todo para obras que ninguén pediu, a Festa do Tinto, eventos e liberacións.

- O Orzamento chega tarde, mal e arrastro.
- Toda a oposición critica as formas e a xestión do goberno local.
- Dispáranse os gastos na Festa do Tinto e os eventos deportivos .
- Conxeladas de novo as axudas a colectivos e entidades deportivas, culturais e sociais.
- David Castro súbese o salario de liberado; o del, o da Concelleira de Contas e o do Concelleiro de Obras. Ilegal e indigno.
O goberno aprobou este pasado luns , a 24 de novembro, cando debería aprobar os orzamentos de 2026, e cando a conta xeral do ano 2024 xa debería tamén estar aprobada, os orzamentos para este ano 2025.
De partida, antes de entrar en materia, queremos remarcar o despropósito que supón que un goberno con maioría absoluta sexa incapaz de aprobar en tempo en forma o Orzamento, que é o documento mais importante dun Concello.
Despois encontrámonos cun orzamento presentado aos quince días de presentar unha modificación de créditos e despois de aprobar as obras que se incluen nel por separado.

Resumindo, como explicou Sergio Soutelo no Pleno, “o mundo ao revés:
- Primeiro o goberno gasta os cartos que ten e os que non ten por non aprobar un orzamento e por non ter coidado co gasto.
- despois convoca varios Plenos, que saen a máis de 1.000€ por Pleno para aprobar obras para as que non ten cartos por que non ten o orzamento aprobado.
- Despois trae unha modificación de crédito que en parte é para pagar a chapuza do 2024, pero noutra parte é para pagar cousas para as que tampouco ten cartos porque non ten aprobado o orzamento… e por que, o máis grave, o orzamento que segundo a Concelleira está no caixón dende marzo, que xa viña tarde, non lle chega e non pode meterlle máis fondos.
- E cando xa gastou o que tiña e o que non tiña, trae o orzamento a todo correr a un Pleno extraordinario.
Por que motivo o Concello non trouxo este Orzamento ao Pleno Ordinario fai quince días? Total estaba feito, ou non?
Por que motivo os cartos da modificación de crédito non se incluíron no Orzamento?
As respostas están na propia documentación, nesta e na anterior.”
O primeiro dato a remarcar é que o Concello non vai gastar este 2025 os 6.762.665,38 € que recolle o Orzamento O goberno neste 2025 vai gastar esa cantidade máis os 370.672,43 € que xa meteu nunha modificación de crédito aprobada fai quince días.
“En total 7.133.337, 81 €.Máis de 7 millóns de euros, que se di pronto. O orzamento máis grande dende que temos democracia para un concello que está peor que no ano 2016, cando o orzamento era de menos de 3 millóns.”.

Ao longo do debate Sergio Soutelo sacou a relocer varias partidas orzamentarias que debido á chapuza do orzamento 2024 neste 2025 víronse incrementadas de maneira importante, como a do SAF, que en 2024 tiña orzamentados 320.000 € , e neste ano subiu ata os 745.000 €. No 2024 tíñanse que ter orzamentados en realidade 600.000 € para este servizo, que foi o que custou e ademais o goberno xa saiba xla ía ser o custe no momento de aprobar o orzamento no mes de xullo.
Mesma situación coa Festa do Tinto que pasou no Orzamento de 120.00€ a 250.000 €. En realidade, no 2024 a Festa costou 170.000€, pero con todo, a suba ata os 250.000€ non se xustifica. Porén, ante a gravidade do expresado onte polo goberno, referirémonos en próximos días a esta Festa mais polo miúdo.
O único que diremos é o mesmo que décimos con outras partidas, como as dedicadas ao deporte. Se se poden subir os gastos en eventos deportivos de 27.000 a 63.000€ , e a da festa do Tinto de 120.000€ a 250.000 €, ten que poderse subir as partidas para entidades, clubs, festas parroquiais e cultura.
Soutelo puxo de manifesto outras “curiosidades” do orzamento, como que conste un aumento dos ingresos pola taxa do lixo do 40%, Unha cifra chamativa nun Concello sen apenas vivenda nova, menos aínda empresas, e que tendo en conta que as taxas están de momento conxeladas, ten moi difícil explicación. Ou que se aumente de 9.000 € a 12.000 € a partida para a EDAR de Lois cando os problemas que ten seguen sen resolverse, ou que se manteña unha partida para o mantemento do punto limpo que leva dous anos pechado.
Xa na parte final, Soutelo puxo de manifesto a suba do custe de liberacións políticas, de 70.420 € a 72.128,72 €. Está suba resulta de partida ilegal, pois cando se aprobaron liberacións concretas, non se incluíron actualizacións de ningún tipo.

Ademais de ilegal, resulta indecente. A Concelleira de Contas cuxa xestión é claramente deficiente e leva ao Concello camiño da intervención do estado, en vez de dimitir, súbese o salario. O mesmo o alcalde e o Concelleiro de obras. E non é pola cantidade económica, é pola falta de ética política que hai detrás deste comportamento.
Dende Somos Ribadumia agardamos que os tres renuncien a ese aumento e devolvan todo o cobrado de máis.
Resumindo, nun Pleno novamente enlameado pola actitude do señor Castro e do seu equipo, que unha vez máis confundiu o Pleno cunha feira, cun comportamento impropio dun partido serio e sensato ata o punto de que o resto de partidos da oposición protestaron ante os continuos ataques ao noso Concelleiro durante a súa única intervención – David Castro volveu negarle o dereito de replica- , o goberno sacou adiante sen apoio nin valoración minimamente positiva de ningunha outra forza política, uns orzamentos que son a demostración documentada da incompetencia do goberno do señor Castro. E que ademais corren o perigo de ser impugnados por incumprimentos legais.
Dende Somos Ribadumia volvemos insistir en pedir a dimisión da Concelleira de Contas. Posiblemente non haxa en toda a comarca unha Concelleira tan preparada e con tanta experiencia na xestión económica dun Concello como Vanesa Jorge, por ese motivo é totalmente inadmisible a xestión que está levando a cabo, ademais gozando dunha liberación que lle permite estar a tempo completo no Concello.
As obras no pavillón de Barrantes, un perigo para nenos e nenas

- As obras que se están levando a cabo supoñen un perigo durante as horas de acceso e saída do colexio e escola infantil.
- Pedimos dilixencia e que goberno inste unha mellora na seguridade.
As obras iniciadas fai uns días no pavillón de Barrantes e no acceso ao app de A Bouza están creando molestias innecesarias ademais dunhas situacións de risco que nos parecen que poderían se xestionadas doutra maneira.
O pavillón de Barrantes está nas inmediacións da escola infantil e do Colexio. A súa situación dende que se construiu, ocupando a estrada que daba acceso ao colexio dende o lado de Ribadumia, implicou unha limitación de espazo, complicado posteriormente coa construción dun parque infantil. O resultado deste tapón artificial foi a creación dun espazo pechado, habituado como aparcadoiro, que polas mañas se converte nun revoltixo de coches, nenos e adultos, ao ser punto coincidente do acceso ao colexio e á escola infantil.
Esta situación caótica que se ven arrastrando anos e que David Castro prometera solucionar cunha serie de obras levadas a cabo máis recentemente, coa mellora do espazo para aparcar e a construción dunha rotonda, non se solventou, máis ben ao contrario, debido a que esas actuacións formaban parte dun proxecto maior, que implicaba o desprazamento do pavillón e o aumento do espazo dispoñible (tamén unha dársena de autobuses), un proxecto abandonado polo señor Castro logo de perder máis de un millón de euros en axudas entre os anos 2019 e o 2022.
A situación actual pois, xa non resulta moi boa, e os atascos nesa zona son diarios, supoñendo unha situación de risco ao concidir nenos e nais a pe cos que van en coche. Pero agora veuse agravada pola falta de sentido de quen xestiona o noso Concello. O goberno do señor Castro, que leva retraso en todo, tamén o leva nunhas obras das que debe ter finalizada unha parte a finais de decembro. E os retrasos agora traen presas, de tal maneira que a empresa adxudicataria non está tendo moitos miramentos coas cuestión da seguridade cara fora da obra e tira para adiante actuando como se o espazo no que traballan non estivera compartido cun colexio de primaria e secundaria e unha escola infantil.
O resultado disto son actuacións como ocupar espazos de aparcadoiro, ou apaños como colocar pasarelas, sen as correspondentes medidas de seguridade, invadindo a beirrarúa de acceso ao colexio e obringando a nenos e adultos a pasar polo medio dos coches.
Dende Somos Ribadumia debemos lamentar esta falta de dilixencia, tanto pola parte da empresa como pola parte do goberno local, que deu carta branca á empresa para actuar como considerase sen ter en conta a situación particular desa zona.
Se estás obras se tiveran desenvolto no verán, non teníamos estés problemas. Pero David Castro que pretende aprobar os orzamentos deste ano o próximo luns, tan tal nivel de descontrol que rico que aprobar as obras, don investimentos importantes en Plenos de Urxencia convocatos a todo correr para non perder outra vez as axudas concedidas.
Dende a nosa formación esiximos que se aumenten as medidas de seguridade, e que se habilite un paso seguro para nenos, nais e mestres ao colexio, e que se faga de maneira inmediata.
David Castro intenta outra vez entrampar unha Modificación de Crédito. Esiximos responsabilidades.

- David Castro admite por fin , obrigado polo xulgado, que a última Modificación de Crédito non se chegou a aprobar pola súa incompetencia e a da Concelleira de Contas.
- Máis incompetencia: intenta colar 627.853,57 € pendentes de 2024, e 370.672,43 € deste 2025 por non ter orzamento aprobado e por crear un buraco económico gastando o que non podían.
- Outro proceso chapuceiro, mal feito e ocultando a documentación.
- Esiximos disculpas públicas polas mentiras e falsedades verquidas pola Concelleira de Contas durante todo este ano e a súa dimisión ante a situación económica provocada polo goberno local.
- David Castro coa súa xestión, pon o Concello ao borde da intervención e e dunha suba importante de impostos.
Un ano máis tarde, e despois de que se vise obrigado a dar explicacións ante o xulgado, David Castro admitiu que a tristemente famosa Modificación de Créditos 1/2024, que se levou a Pleno o pasado mes de decembro por un valor de 840.000€ , decaeu aos quince días de aprobarse, logo de que dende Somos Ribadumia presentáramos un documento de alegacións, a primeira das cales aclaraba precisamente que ao vencer os prazos de aprobación no ano seguinte (2025) , dita Modificación era nula de Pleno dereito.
Dito doutros xeito, este xoves quedou constatado que David Castro en decembro levou e votou a favor dunha Modificación de Crédito que era nula de pleno dereito, e fíxoo a sabendas e a pesar das nosas advertencias, como quedou constancia no seu momento.
E case un ano despois, logo de que en cada Pleno a Concelleira de Contas mentise afirmando que aquela Modificación de Créditos non estaba anulada, e que estaba pendente dun trámite plenario que nunca chegou, topámonos con que non contentos con facelo mal unha vez , insisten en facelo mal de novo.
Os mecanismos para acudir ao remanente de créditos son moi concretos, moi concisos e están moi regulados. Pero polo visto, a Concelleira de Contas, e para a nosa sorpresa a Interventora do Concello, ignoran de novo a lei, e suben a aposta, intentando agora coller case 1 millón de euros do remanente , en concreto 998.526 €, para pagar na súa maioría, 627.853,57 €, cousas do 2024 que se gastaron fora do orzamento, e 370.672,43 € para gastos excesivos deste 2025, que temos a sospeita de que na súa maioría en realidade son para cubrir os máis de 200.00€ que faltan ata completar os 840.000€ da anterior modificación, para os que obviamente non había fondos e que polo tanto foron pagados dun xeito sospeitoso en canto á legalidade contable. E pretenden facelo por un lado ocultando a que van dedicar os cartos, pois unha vez máis o goberno non aportou a xustificación dos gastos concretos e as facturas afectadas, e polo outro usando mecanismos legais incorrectos e evitando o procedemento obrigatorio que sería o Recoñecemento Extraxudicial de Crédito, e todo por evitar as críticas de Somos Ribadumia á súa xestión, pois non imaxinamos outro motivo polo cal o goberno insista, tendo mecanismos legais e facilmente aplicables e que por certo xa tiña en xaneiro, en facer as cousas mal.
Por non enredarnos coa parte técnica, unicamente diremos que para pagar as facturas do ano 2024 o Concello non pode usar unicamente o mecanismo do suplemento de crédito aprobado neste Pleno, pois ten a mesma obriga que a Modificación xa anulada: só se pode usar para pagos do ano en curso. Para eses pagos do 2024 debese realizar un Recoñecemento Extraxudicial de Crédito. Non facelo así implica que a parte desa Modificación de Créditos que afecta ao 2024 poida declararse nula de pleno dereito. Dende a nosa formación presentamos antes do Pleno un escrito pedindo que se incluíse o Recoñecemento Extraxudicial de Créditos no proceso para así garantir a legalidade, pero a resposta foi a promesa de que se vai realizar máis adiante, cousa que non ten validez ao non quedar un mecanismo atado ao outro no expediente, pois as promesas que non figuran nos papeis non teñen validez legal. Por non falar de que en concreto as promesas da Concelleira de Contas e do goberno non valen nada.

Sen orzamentos e collendo cartos do peto.
Con independencia do procedemento, dende a nosa formación consideramos inaceptable que o goberno do señor Castro faga modificacións de crédito motivadas pola falta de Orzamento. O grao de incompetencia, de deixadez e de improvisación son dun nivel que non se da en ningún Concello da Comarca, e non será que non haxa Concellos con problemas económicos. Pero é que, ademáis, que se fagan as cousas mal cando xa unha vez tivo que tumbar unha modificación de crédito por incompetente resulta de todo inasumible.
Este xoves Sergio Soutelo tivo que marchar do Pleno por unha cuestión familiar que lle impediu expoñer a nosa posición, pero queremos deixar constancia de que non é aceptable esta maneira de xestionar os cartos da veciñanza. Non é aceptable que un goberno con maioría en novembro non teña Orzamento do ano en curso, nin que a Conta Xeral do ano anterior estea sen aprobar. Non é aceptable, que o goberno teña que coller o 50% do remanente existente para pagar facturas do día a día. O remanente debe usarse para investimos de futuro, non para pagar facturas de ferretería, non sobre custes por falta de previsión.
Pero o que xa é a gota que rebosa o vaso, é o trato despectivo cara a corporación municipal e a veciñanza da Concelleira de Contas. Vanesa Jorge leva asegurando en case cada Pleno dende novembro do ano pasado que o Orzamento do 2025 se aprobará “no próximo Pleno” , ou “nun Pleno que imos celebrar o antes posible” ou “en próximos días” , mentiras continuadas ditas en Pleno, algo moi grave, as que debemos sumar as relativas á Modificación de Créditos 1/2024 sobre a que chegou a asegurar, xusto despois de leer ela mesma un informe asinado por alcaldía onde se admitía que dita modificación estaba anulada, que seguía pendente de levarse a Pleno. Non contenta con iso, confirmou en Pleno que dende o goberno se deu orde de pagar facturas sen ter aprobada a partida económica, algo que resulta, ademais de ilegal, unha irresponsabilidade manifesta, pois un tribunal podería esixir anulación desds pagos e a devolución deses cartos entre outras condenas.
Polo tanto, debemos levantar a voz ante esta maneira de xestionar e esixir responsabilidades políticas. Vanesa Jorge debe, en primeiro lugar desculparse publicamente por mentir e enganar e xustificar con escusas a súa incompetencia continuada, e despois diso dimitir de maneira inmediata, e David Castro debe poñer ao mando da xestión económica a unha persoa con capacidade para endereitar a situación.
Dende Somos Ribadumia, somos pouco optimistas con que David Castro asuma responsabilidades, así que xa adiantamos que á vista da situación imos analizar a posibilidade de propoñer ao Pleno realizar unha auditoría económica independente das contas do Concello, por que estamos moi preocupados por cal pode ser a realidade e as consecuencias que poida ter para a xestión, como sería Unha intervención do estado que paralizaría os investimentos,e sobre todo as consecuencias para a veciñanza, nomeadamente unha suba moi importante dos impostos municipais.

