Category: Sen clasificar
Un ano despois, David Castro, intenta tapar un buraco de 855.000 € .

- Recoñeceu en Pleno que no 2024 se fixeron gastos se contar con partida orzamentaria por valor de 855.650,02 €.
- Fixo mal unha Modificación de Crédito. Decaeu. Mentiu durante un ano. Agora volve facer o proceso mal.
- David Castro paga cos cartos da veciñanza un asesor para corrixir os erros da Concelleira que debería dimitir e non dimite.
Un ano tardou David Castro en levar a Pleno un mecanismo, o Recoñecemento Extraxudicial de Crédito (REC) , que lle permita tapar o buraco de case 1 Millón de Euros que provocou no ano 2024, ao pagar en facturas un importe superior aos 855.000€ sen ter a dispoñibilidade dos cartos.
No Pleno celebrado onte aprobáronse dous puntos. Por unha banda, un Recoñecemento Extraxudicial de Crédito, recoñecendo con el a existencia dun buraco económico de 855.650,02€ . Tal como expuxo Sergio Soutelo, “ O REC é un mecanismo pensado para solucionar un erro puntual na xestión. Pero esta cantidade de cartos resulta moi elevada, e vendo a natureza do que se recoñece, facturas variadas, non falamos dun erro puntual nin concreto. Falamos do resultado dun ano enteiro de mala xestión dos recursos e dous de incompetencia para a xestión política”.
O problema que motivou o voto en contra da nosa formación, é que todo o proceso está viciado e mal resolto, creando unha situación de inseguridades xurídica e económica. Cómpre dicir que o REC ten orixe nunha Modificación de Crédito de 840.000€ que o goberno levou a Pleno en decembro de 2024, e que decaeu por qué o goberno levouna tarde e non cumpriu a obriga de aprobarse dentro do ano en curso. “Este foi o primeiro erro da Concelleira de Contas, que deu por feito que non tiña a obriga de cumprir os prazos nin de dispoñer toda a documentación . Cando en agosto deste ano tivo que entregar a documentación que ocultou desa Modificación no xulgado, deuse conta de que lei é para todos”. O segundo erro da Concelleira, do alcalde e do resto do goberno foi confiarse de que podían facer o que lle dera a gana sen consecuencias, por ese motivo deron orde de pagar esas facturas – segundo declaracións da propia Concelleira de contas – sen ter a dispoñibilidade dos cartos, creando un buraco nas contas de 855.000 € que levan un ano intentando tapar.
O que debemos lamentar do goberno , é a actitude ante un problema creado por eles mesmos, que os leva a actuar deturpando os procementos para evitar admitir os seus erros na xestión e o descontrol no gasto que teñen. O REC aprobado onte poderíase ter aprobado en xaneiro ou febreiro, e despois se non había cartos , como foi o caso, aprobar unha modificación de créditos para facerlle fronte. “porque para este proceso nin sequera fai falla ter aprobado o orzamento”. O que pasou pola contra foi que tivemos á Concelleira pleno si, pleno tamén, falando de que había que traer a Pleno a alegación a unha Modificación de Crédito decaida o 31 de decembro, enredando e perdendo o tempo no canto de resolver pola vía máis rápida, e ademais perfectamente legal.
O problema da Modificación de Crédito
Por outra banda, nin sequera o Pleno se planificou da maneira correcta, aprobando o REC antes de resolver a Modificación de Crédito, que estaba recorrida polo noso partido e que se resolveu con posterioridade da aprobación do REC.
Neste caso o que temos é un absurdo derivado da negativa da Concelleira a admitir os seus erros e da súa fuxida cara adiante. A Modificación de Créditos, como se explica no recurso, ao facerse para pagar facturas do ano anterior, require da existencia dun REC, e debe figurar no expediente ou ben a súa existencia ou ben a previsión de aprobalo de maneira paralela. O goberno ocultou está cuestión e desestimou a alegación sen facer unha corrección que era moi sinxela de realizar.
Ao facelo así invalidou todo o procedemento. “e pon en risco o uso de 955.000€ , pois o contencioso podería tumbar toda a operación por facer mal o procedemento”. Dende Somos Ribadumia xa advertimos que nos reservamos o dereito de acudir ao contencioso para que clarifique se esta maneira de xestionar é correcta. Pero máis que o proceso, o que nos preocupa é a situación de descontrol económico na que se encontra o Concello, coas contas do ano 2024 sen aprobar e sen informar á oposición, e co orzamento do ano 2026 sen aprobar.
Ademais estamos moi preocupados polo papel do asesor externo contratado, sobre o cal David Castro oculta o contrato que ten, o que nos costa e o que está facendo, e cal é esa situación á que se referiu en Pleno David Castro que require dunha solución. E volvemos a pedir por incompetente para o cargo, a dimisión da Concelleira de Contas, máis se a súa xestión fixo necesario contratar un asesor para que resolva o lío no que meteu ao Concello.
David Castro: bulos e ataques ao persoal municipal para xustificar o inxustificable.
- As carencias do despacho do educador familiar foron postas de manifesto en varias ocasións, e non se resolveron.
- A realidade é que David Castro quere liquidar á traballadora social e ao educador familiar, e todo o canto fai xira ao redor dese obxectivo.
- Desmentimos os bulos de David Castro con documentos.
David Castro decidiu xogar a baza do bulo e da deturpación da realidade para intentar xustificar a situación que hai no departamento de servizos sociais e de paso tapar as súas intencións reais. E faino ademais da maneira máis miserable posible, mentindo e sinalando ao persoal do departamento e a Somos Ribadumia cando o único responsable é quen ostenta o bastón da alcaldía. Á vista desas declaracións, consideramos necesario facer fronte a eses bulos e a esa distorsión da realidade, remarcando que todo está recollido documentalmente, e tamén poñer negro sobre branco a realidade do que pretende o señor Castro, que non é outra cousa que o uso partidista dos Servizos Sociais.
En primeiro lugar cómpre aclararlle ao señor Castro que “oportunismo político” é un termo que hai que saber empregar. Dende Somos Ribadumia cumprimos coa nosa función fiscalizadora, e facémolo con moito máis respecto cara o goberno do que recibimos de volta. Por ese motivo agardamos a que vencerán amplamente os prazos que a Inspección de Servizos Sociais lle marcou para resolver as deficiencias no departamento. Non só iso; tendo coñecemento doutros requirimentos anteriores da Inspección de Traballo, gardamos silencio dando tempo para que se aportaran as solucións.
Obviamente o problema é que David Castro non fixo nada, e agora, a pesar de que el mesmo admite a situación, non quere asumir responsabilidades.

Indo ao concreto e comezando pola situación do despacho do educador familiar. Non só Inspección de Servizos Sociais reclama que se cambie. Tampouco a Inspección de Traballo, nunha visita realizada o 26 de novembro de 2024, deu por válida a situación do despacho nin as actuacións supostamente de mellora como a colocación dun aire acondicionado e solicitou a actuación do Consorcio Oficial de Pontevedra para a Prestación do Servizos de Protección contra Incendios e Salvamento, un ente xestionado pola Deputación, para que elaborase un informe da situación dese despacho e das medidas que deben tomarse, unha actuación que por certo non consta que se tivera realizado.

En todo caso David Castro minte cando asegura que Inspección de Traballo dou por válido o despacho do educador familiar, por que iso a día de hoxe non aconteceu. E ademais volvemos insistir, Inspección de Servizos Sociais certificou que o despacho non cumpre como espazo de atención á veciñanza.
Sobre a suposta “mellora” do departamento aumentando o persoal compre facer varias aclaracións. A primeira relativa ao posto de administración que David Castro liquidou fai máis de un ano e que segue sen cubrirse. Ademais de perder a subvención para sufragar os gastos desa persoa, David Castro deixou ao departamento eivado. O persoal administrativo cumpre funcións primordiais no desenvolvemento do departamento, que non poden ser asumidas polos traballadores sociais sen provocar unha merma na calidade asistencial. Así que non mellorou o departamento, empeorouno. E non o dicimos nós; a traballadora social e o educador familiar remitiron un escrito á alcaldía en agosto de 2024 cando tiveron coñecemento de que David Castro ía prescindir da persoa que ocupaba ese posto solicitando que se mantivera o posto. Por certo que a actuación do señor Castro con respecto a persoa que ocupaba o posto foi tan chapuceira que rematou con denuncias no xulgado que están hoxe pendentes de resolverse, como o propio goberno informou no Pleno de novembro.
Nese escrito asinado pola traballadora social e o educador familiar aclarase a necesidade de manter o posto de administrativo a día de hoxe sen cubrir, e tamén que a composición do departamento tal como se establece legalmente, non require dun segundo traballador social, pero si dunha persoa de administración. Este apuntamento resulta moi importante.

Por un lado porque hai que ver por que motivos prescindiu o señor Castro da persoa que levaba a cuestión administrativa, que non son outros que a negativa a realizar funcións que non eran da súa competencia, ou dito doutra maneira, o señor Castro pretendía con esa persoa pontear á traballadora social e ao educador familiar.

Segundo este fío de actuación, dende Somos Ribadumia estamos algo cansos dos intentos do señor Castro por tapar o que está facendo. Queremos deixar claro e remarcar algo que xa dixemos: David Castro o que pretende con todas as súas actuacións en servizos sociais é liquidar ao educador familiar e á traballadora social. Ao primeiro castigouno nun zulo, entre outras feas xogadas, e á segunda sacoulle boa parte das competencias en favor dun segundo posto de traballador social que ninguén pediu e que tampouco reforza nada. E non é so por odios persoais e infantís, tan marca da casa. O que busca dende fai anos o señor Castro é ter unha persoa que faga os informes como el considere, usando así o departamento de Servizos Sociais como unha ferramenta política, mercadeando con axudas e con cuestións moi delicadas. Isto é totalmente inaceptable e resulta nunha maneira moi miserable de facer política que non imos tolerar, polo que advertimos moi seriamente de que imos mirar con lupa a quen se lle da ese segundo posto de traballador social e tamén o traballo que realiza.
Por último, David Castro falou dunhas deficiencias internas, unha maneira nada disimulada de sinalar ao persoal do departamento. E asegura sobre esas deficiencias que supostamente el mesmo leva tempo advertindo. Pois xa será nunha realidade paralela, por que nesta realidade David Castro declarou en varios Plenos, e así consta nas actas e se pode corroborar nos videos dos Plenos, que o departamento de servizos sociais funciona de maneira correcta. Así que, ou minteu nos Plenos ou minte agora. O que certamente non pode dicir é que non estivese enterado, á vista da cantidade de escritos diferentes que entraron polo rexistro nos últimos meses e mesmo anos.
Outra cousa é que fixera algo por resolver os problemas, que como xa dixemos, non foi o caso. Por qué mais aló das declaracións do señor Castro sobre as deficiencias de “carácter técnico” que recolle o informe elaborado pola Inspección de Servizos Sociais, relativas a cuestións de xestión dos programas informáticos, algo ao noso modo de ver secundario, non consta ningún tipo de actuación por parte do alcalde. O que si constan, son varios escritos do persoal do Concello e dos sindicatos pedindo aclaracións sobre diversos procedementos e reunións para solucionar diversos problemas, así como varias solicitudes para facer cambios que permitisen resolver esas cuestións técnicas, por certo derivadas do método de atención ao público imposto por David Castro.
Por que a realidade, terca e demostrada, como pode corroborar quen pase polo departamento de servizos sociais, e que todos os problemas que hai na atención e na xestión dos servizos sociais se derivan das decisións de David Castro. Polo que pedímoslle que deixe ese camiño que non leva a ningún sitio bo, e corrixa os problemas que el mesmo creou.
A Xunta de Galicia ditamina que o despacho do educador familiar non cumpre a lei e numerosas irregularidades máis.

- Unha inspección pon de manifesto numerosas carencias no servizo derivadas dunha mala xestión política.
- O despacho non cumpre, falta cubrir a praza de administrativa e parte do persoal do SAF que non ten acreditada a súa formación, algunhas das deficiencias.
- Moi lamentable estado do material de préstamo (cadeiras de rodas, camas articuladas…)
- O prazo para resolver estas irregularidades xa venceu, pero David Castro non fixo nada.
Levámolo dicindo meses dende Somos Ribadumia, tamén os traballadores de servizos sociais e os sindicatos, e as propias persoas usuarias, a través de medio cento de queixas formais presentadas por rexistro. E agora é a Xunta de Galicia a que ditamina que o despacho do educador familiar non cumpre a lei e non permite nin o correcto desenvolvemento laboral do educador familiar nin a atención digna as persoas.
Unha inspección realizada o pasado dez de outubro, puxo de manifesto este e outros incumprimentos, algúns graves, recollidos nun requirimento fulminante que pon contra as cortas a xestión e as mentiras reiteradas de David Castro.
O informe que completa o requirimento non deixa lugar a dubidas sobre a mala xestión do goberno local e confirma que a situación en servizos sociais, actualmente cunha traballadora social de baixa por causas psicolóxicas, é inaceptable e inasumible.
Resumindo o recollido no informe, vemos que sobre o despacho do educador familiar di, entre outras cousas que “este habitáculo no que traballa o educador familiar, non conta coas condicións físicas mínimas para que poda levar a cabo as súas funcións. A ausencia dun espazo axeitado para a intervención coas persoas usuarias compromete a súa posibilidade de realización debido ás limitacións espaciais que dito espazo impón (só intervención individual), a un probable estrés térmico (en verán) e unha mala calidade do aire. Asemade, o referido habitáculo (máis adecuado para unha sala de arquivo), colisiona co dereito á dignidade e privacidade nas comunicacións que a normativa de aplicación IIes recoñece ás persoas usuarias dos Servizos Sociais”, confirmando, palabra por palabra, o que dixemos dende Somos Ribadumia.
Ademais do anterior, confirmase a ilegalidade da situación, pois segundo o informe “este feito incumpre o establecido no art.7.1 do Decreto 99/2012, do 16 de marzo, polo que se regulan os servizos sociais comunitarios e o seu financiamento, o cal establece que os centros de servizos sociais comunitarios bźsicos deben contar cun espazo separado que permita a privacidade nas entrevistas e reunións necesarias para a intervención social individualizada, así como un espazo de reunións proporcionado ás características e dimensións da poboación atendida, constituíndo un dereito das persoas usuarias, conforme o establecido no art. 4.c) do citado Decreto, recibiren unha atención individualizada e adaptada ás súas necesidades, coa calidade e duración determinadas en cada caso”.
Outras irregularidades.
Ademais do inadecuado do despacho do educador familiar, ao que recordamos que foi trasladado como castigo logo dunha baixa por cuestións psicolóxicas, e outras irregularidades detectadas nas instalacións, o informe recolle outros incumprimentos e cuestións que deben corrixirse.
Por unha banda a ausencia da auxiliar administrativa, un posto subvencionado pola Deputación que leva un ano vacante logo de que a persoa que ocupaba fora despedida, polo que ademais de manter sen ocupar un posto imprescindible para a correcta xestión dos servizos sociais, perdéronse os fondos económicos.
Tamén se detectaron graves deficiencias na xestión do SAF, unha situación moi grave que se engade á situación da adxudicación do srvizo, que leva vencida preto de un ano. Hai deficiencias administrativas , pero tamen outras como a falta de acreditación da formación necesaria do persoal que traballa nese servizo, unha situación que o goberno do señor Castro non controlou a pesar de ser a súa obriga velar por que se cumpran as condicións do servizo e as clausulas do contrato de adxudicación.
Ademáis do anterior, a inspección puxo de manifestó que non sequera cuestións básicas como o material de préstamo ( camas articuladas, cadeiras de rodas, etc) que o Concello cede a persoas sen recursos en casos de enfermedades ou outros problemas, están nun estado moi lamentable e sen mantemento.
Resumindo, a inspección de Servizos Sociais deixou de relevancia outra das mentiras de David Castro, que declarou que o departamento de servizos sociais funciona á perfección, que os traballadores están ben e que as persoas son atendidas correctamente. Parafraseando ao propio David Castro “e que non deu nin unha”.

Inacción do goberno local.
O requirimento establecía que o goberno de David Castro dispoñía de 15 días para solucionar as deficiencias do despacho e das propias instalacións, que se dispoñían os reucursos para atender dignamente as persoas usuarias e xustificar que os fondos da Deputación e outras subvencións concedidas para o departamento de servizos sociais foron usadas correctamente. Para as cuestións de carácter administrativo e as relacionadas co SAF daba un prazo de un mes.
Pois ben, ambos prazos venceron sen que David Castro fixera nada. E isto resulta completamente inaceptable.
Dende Somos Ribadumia esiximos a David Castro e a Concelleira de política social, Alba Oubiña que actúen e que de maneira inmediata realicen as actuacións pertinentes para que a nosa veciñanza sexa atendida de maneira digna, que as instalacións cumpran a lexislación vixente co persoal necesario, e que se saque a concurso o servizo do SAF, ou que o asuma o Concello.

Propoñemos o establecemento de bonificacións no IVTM para as persoas coidadoras de dependentes.

- Propoñemos que se bonifique a taxa do coche nas persoas que teñen dependentes ao seu cargo.
- Unha mellora sen apenas efectos nas arcas municipais pero que sería unha axuda para esas veciñas.
Dende Somos Ribadumia, seguindo a nosa axenda propositiva, vimos de presentar unha moción encamiñada a mellorar a través de descontos no Imposto de Vehículos de Tracción Mecánica, unha taxa municipal, a vida diaria das persoas que teñen ao seu cargo a unha persoa con discapacidade.
Dende a nosa formación consideramos que o coidado dunha persoa con discapacidade implica, na maioría dos casos, unha carga física, emocional e económica notable para as familias. As persoas coidadoras – sexa no ámbito familiar, de convivencia ou de apoio permanente – asumen habitualmente gastos adicionais derivados de desprazamentos a centros de saúde, centros de día, terapias, actividades de apoio, xestións administrativas ou servizos sociais.
Compré remarcar que a normativa tributaria municipal permite aos concellos establecer bonificacións potestativas no Imposto sobre Vehículos de Tracción Mecánica (IVTM) ao abeiro do disposto no artigo 95.6 do Real Decreto Lexislativo 2/2004, polo que se aproba o Texto Refundido da Lei Reguladora das Facendas Locais (TRLRFL). Esta mesma normativa permite deseñar ordenanzas fiscais que incorporen criterios sociais, sempre que se respecten os principios de igualdade e capacidade económica.
A día de hoxe en Ribadumia contémplanse bonificacións para as persoas con grao de discapacidade recoñecido, pero ningunha medida específica dirixida ás persoas coidadoras, a pesar de que representan un colectivo cuxo esforzo sostén o benestar doutras persoas e supón un aforro notable para o sistema público de atención. No caso que nos ocupa, a do IVTM, o problema radica en que as bonificacións se aplican unicamente aos vehículos propiedade das persoas con grao de discapacidade recoñecido, e non se aplican aos vehículos das persoas coidadoras, cando en moitos casos as persoas con discapacidade, sobre todo as moi maiores ou as que non chegaron a maioría de idade e polo tanto carecen de permiso de conducir, non teñen coche ou incluso tendo, son trasladadas nos coches das persoas coidadoras, na gran maioría dos casos familiares que residen no mesmo fogar.
Tal como expón na moción o noso Concelleiro, Sergio Soutelo, “ O apoio ás persoas con discapacidade debe ser integral, pero tamén o apoio a quen lles presta coidados. A mobilidade é un elemento esencial para garantir unha vida digna, a asistencia recorrente a recursos sociosanitarios e a conciliación. Con máis razón nun concello das características do noso, onde o coche resulta imprescindible no día a día das persoas coidadoras. Por iso, establecer bonificacións no IVTM ás persoas coidadoras supón unha medida xusta, factible e plenamente acorde coa normativa vixente”.
En base ao exposto, dende Somos Ribadumia “presentamos unha proposta que consideramos que supón unha oportunidade de avanzar cara a unha fiscalidade máis xusta, solidaria e coherente coa realidade social do municipio”. As persoas coidadoras sosteñen a vida doutros; o mínimo é que a administración lles facilite a súa. Unha proposta legalmente encadrada nas competencias municipais previstas nos artigos 25 e 106 da Lei reguladora das Facendas Locais, así como no principio de autonomía local recollido na Constitución Española e na Lei 7/1985, reguladora das bases de réxime local e que polo tanto conta cos parabéns legais necesarios e tampouco suporía unha merma significativa dos ingresos por este imposto, cuxa previsión en 2025 é de recadar 256.000 €, e aínda que segundo datos da Xunta de Galicia en Ribadumia hai ao redor de 700 persoas con algún grao de discapacidade (726 en 2024), desa cifra cumpriría descontar as persoas que teñen coche xa bonificado, as que non teñen persoa coidadora ou que se desenvolven por si mesmas, e as que conviven na unidade familiar, polo que a cifra de vehículos afectados sería moi inferior.
Polo tanto, o único impedimento é unha posición política contraria a apoiar a este colectivo.
A moción proposta, que debería debaterse en Pleno, recolle os seguintes acordos:
1. Iniciar o procedemento de modificación da Ordenanza Fiscal reguladora do Imposto sobre Vehículos de Tracción Mecánica, coa finalidade de introducir unha bonificación do 100% dirixida ás persoas coidadoras de persoas con discapacidade.
2. Terán dereito á bonificación aquelas persoas que cumpran os seguintes requisitos:
a) Figurar como persoa coidadora non profesional recoñecida no Programa Individual de Atención (PIA) da dependencia ou acreditar documentalmente a convivencia e/ou coidado efectivo dunha persoa con discapacidade igual ou superior ao 33%.
b) Estar empadroada no Concello e ser titular do vehículo para o que se solicita a bonificación.
c) O vehículo deberá estar afecto ao uso habitual para o traslado da persoa con discapacidade e non poderá estar afecto a actividades económicas.
3. Establecer que a bonificación se aplicará a:
– Un único vehículo por unidade familiar ou unidade de convivencia e por persoa coidadora.
4. Encomendar aos servizos técnicos e económicos municipais a redacción da modificación da ordenanza fiscal correspondente e posteriormente sometela á decisión da Corporación en Pleno.
5. Publicar , unha vez aprobada en Pleno, a modificación no BOP e someter o expediente ao período de información pública, de conformidade co previsto no TRLRFL e demais normativa aplicable.
6. Estudar, no seo da Comisión Informativa correspondente, a ampliación futura desta bonificación a outras situacións socialmente protexibles.
