Category: Sen clasificar

David Castro acovárdase e da marcha atrás por 3ª vez na modificación do PXOM.

  • Coa mala escusa da moi acaida enfermidade dunha concelleira retirou o punto da orde do día.
  • Tiña maioría suficiente co seu voto de calidade, pero tamén tivo medo suficiente, e non quixo quedarse só na votación.

   4 de maio, 7 de setembro e 2 de novembro. En tres ocasións nos últimos seis meses quixo David Castro colarlle á veciñanza unha modificación do PXOM e nas tres colleu medo e retirou o punto. En Maio xa non chegou a incluílo na orde do día logo de que nas Comisións Informativas previas a oposición puxera o grito no ceo porque faltaba a maior parte da documentación para o trámite. Naquel momento pretendía ocultar  parte da documentación necesaria para levar o tema a pleno e xa veu vir, porque sabía e sabe o que pretende facer, un escándalo a dúas semanas escasas das eleccións.

  O segundo intento foi no pleno de setembro. Nese caso retirouno coa escusa de que varios concelleiros solicitaron a retirada do punto por non ter acceso a toda a documentación en tempo e forma. Non foi certo. Sergio Soutelo foi un dos concelleiros que solicitou a retirada do punto, porque sabíamos que pasaba algo raro e que David estaba mareando coa documentación por algún motivo, pero na mañá do pleno tivemos confirmación de que o punto non se ía retirar. Foi a petición de documentación específica poucas horas antes do pleno por parte doutro partido o que meteu medo a David Castro, que ao inicio do pleno, dicindo que non compartía o que expoñan os escritos de solicitude de retirada, retirouno igualmente.

  E no pleno deste xoves volvemos asistir ao terceiro ataque de pánico de David Castro.

Desta volta había unha solicitude de retirada dese punto, pero non foi ese o motivo. David Castro négase a admitir que o que quere facer non está ben, chegando a absurdos como o vivido ao inicio do pleno, cando retirou o punto da Orde do Día alegando que faltaba unha das súas concelleiras e non lle daba a conta para aprobar a cuestión.

  Porque iso non é certo. Tal como explica o noso voceiro Enrique Oubiña “ David Castro contaba o xoves con seis concelleiros, os mesmos que a suma da oposición. Iso en primeira votación podería dar un empate. Pero non é certo como expuxo  a secretaria municipal, á que vou ter que regalarlle un exemplar da lei de bases do réxime local, que o voto de calidade do alcalde se puidera invalidar. Iso só pasaría se o alcalde pretendera facer valer ese voto de calidade en primeira votación. Pero non se se fan as cousas ben, isto é:  se se da unha primeira votación con empate, sométese a unha segunda votación, e só nese caso , habendo un segundo empate o alcalde pode decidir co seu voto de calidade. En Ribadumia, con David Castro na alcaldía, eu recordo como mínimo dúas ocasións nas que aconteceu isto, e resolveuse  como corresponde, e en ningunha delas se puxo en dúbida a validez do aprobado”. De feito, aínda que existen situacións onde o voto de calidade non se pode computar, a secretaria non dixo que este fora un deses casos ou que o voto de calidade non fora válido, dixo que “quizais nun xulgado se puidera anular” .

   A realidade do que pasou, foi que David quería unha escusa, pero non quería enfermar a dous concelleiros, por si acaso perdía a votacións dos outros puntos do pleno que por certo non retirou estand nas mesmas circunstancias, e non quería tampouco que o seu voto fora o que decidira nesa cuestión, porque o poría como case o único responsable político, e  en caso de haber consecuencias legais, non podería repartir as culpas coa súa comparsa de concelleiros e concelleiras. Iso ou quizais había membros do seu equipo que non pensaban votar a favor. Nós iso non podemos sabelo, o que si sabemos é que se o voto de calidade do alcalde chega a decidir nesa cuestión, os dedos todos sinalaríano, aínda máis, a el como responsable único.

  Dende o noso punto de vista o xoves miráronse todas as costuras do goberno do señor Castro. Tal como explica o noso concelleiro, Sergio Soutelo “ Tivemos unha Comisión Informativa este luns, antes outra en setembro e antes desa outra en maio. Antes desta ultima, varios partidos tivemos acceso a toda a documentación, a aportada e outra solicitada por nós coa que todo quedou xa ao descuberto. Nesta última Comisión, como nas anteriores, púidose poñer enriba da mesa todo, e cando digo todo refírome a toda a documentación e á realidade do que quere facer, e buscar unha solución que non implicara  facerlle un favor a un amigo que actúa fora da lei, por exemplo retirar de toda a modificación que se pretende facer  a parte da ampliación de terreos posta en entredito e sacar o resto adiante, seguramente sen maior problema”. O normal nos gobernos serios é que as modificacións de PXOM, que son sempre complexas, se intenten consensuar coa oposición, e a realidade é que en Ribadumia esta sería a quinta, e coas formas deste alcalde, a única que tería o voto negativo de toda a oposición.

  Que David Castro estea encirrado en aprobar esa modificación desa maneira, para nós confirma que o único que busca é facerlle un favor a quen está actuando fora da lei. Algo co que nós non podemos concordar.

Lamentamos a situación creada co Xuventude Sisán pola ineptitude de David Castro á hora de xestionar os espazos públicos.

  • O Xuventude Sisán optou pola vía xudicial ao non ter respostas do goberno local.
  • As instalacións deportivas son municipais, e é o alcalde quen debe evitar os conflitos e quen debe xestionar o seu uso.
  • Lamentables declaración de David Castro poñéndose de lado dunha entidade  deportiva e desprezando a outra.
  • Suma e sigue nos problemas de David Castro coas entidades municipais.

   A fin de semana pasada a Asc. Pole Sport poñía de manifesto queixas contra David Castro por trato desigual. Menos dunha semana despois o Xuventude Sisán de Fútbol saca a luz un desencontro con David Castro que os obrigou a acudir a un xulgado para defender o que eles consideran que son os seus dereitos. E acudiron segundo eles logo de que o alcalde evitara darlle solución a diversas problemáticas, todas elas relacionadas co uso das instalacións da Senra.

   Sen entrar no fondo da cuestión xudicializada, dende o noso partido debemos lamentar a falta de capacidade para o dialogo e de xestión de David Castro, e tamén a súa incapacidade para mediar entre dous clubs deportivos. De feito, tal como explica o noso voceiro Enrique Oubiña, que xa viviu na súa etapa de concelleiro problemáticas por desencontros entre entidades deportivas do noso concello, “os dous  problemas de fondo, esta vez e outras veces, son por un lado que David é incapaz de tomar decisións e de xestionar, e polo outro que comete o terrible erro de  priorizar a un club deportivo do Concello por enriba dos demais, e cando xorden problemas David Castro non se atreve a manter unha posición de neutralidade, e moito menos a e mediar para solventar os problemas. E un alcalde non pode ter preferencias, debe ser neutral no trato coas entidades deportivas, e por suposto, debe solucionar problemas, non acrecentalos”.

  Convén recordarlle ao alcalde que as instalacións deportivas do Concello, todas elas, a día de hoxe son municipais. Polo tanto, é o Concello, e en definitiva o alcalde, quen debe xestionar o seu uso, e ese uso debe dar cabida a todas as entidades deportivas existentes, un uso que ademais como é natural debe ir cambiando co paso do tempo, e coa aparición e desaparición de entidades deportivas. Sergio Soutelo teno claro “non fai nin unha semana que tivemos unha Festa do Deporte. E no palco, o señor Castro falou marabillas da importancia do deporte e do bo que era ter clubs deportivos no Concello e da importancia das máis de cincocentas fichas deportivas que contan os clubs locais. Pois señor Castro, se queremos clubs de fútbol, temos que deixarlles que usen as  instalacións. Porque instalacións hai”.

 Pedímoslle a david Castro que faga o seu traballo, e remate con este despropósito de que unha entidade leve ao concello ao xulgado. E  se non se ve capacitado ou ten medo de falar con determinadas entidades, mellor que se vaia para a casa e deixe gobernar a xente con capacidade para facelo.

A lamentable posición de David Castro.

  Dende Somos Ribadumia non podemos compartir as penosas declaracións de David Castro aos medios de prensa, por dous motivos. O primeiro por que son declaracións partidistas, onde David Castro prioriza os supostos dereitos de  unha entidade por enriba de outras. Ademais con pouco criterio. O Xuventude Sisán é hoxe por hoxe o segundo club local en socios, so superado polo Umia , e con mais socios que o C.D. Ribadumia. E se falamos de relevancia local o Xuventude Sisán é o club que máis público mete nas gradas nos partidos en campo local. Isto ao Xuventude Sisán non lle da máis dereitos que a outras entidades, por suposto, pero tampouco menos, nin moito menos os relega a club de segunda clase. Falamos en todos os casos de clubs federados que teñen afección e socios e socias ribadumienses que queren ir a velos xogar a un campo, a un campo que estea no noso concello. En verbas de Sergio Soutelo, “un  alcalde non pode distinguir entre clubs con pedigree e clubs palleiros, e moito menos amosar publicamente preferencias. Iso é lamentable”. E dende logo, non existe “preferencia de uso por dereitos históricos sobre o campo”, nin no caso do campo de A Senra nin con respecto a ningunha instalación municipal. Esas declaracións de David Castro son unha falsidade que unicamente sirve para crear máis conflicto. Todas as instalacións municipais son da veciñanza, non pertencen a ningunha entidade.

  En segundo lugar, David Castro anda moi perdido. En Ribadumia xa  existe un regulamento de uso de instalacións deportivas. E todas as entidades e mesmo os particulares teñen dereito a usar calquera instalación que soliciten. Tamén existe un convenio de cesión que da uso prioritario  C.D. Ribadumia nas instalacións da Senra, pero “prioritario” e “único” son termos distintos. E  o convenio tampouco está gravado en pedra nin é intocable, pode modificarse ou suspenderse cando sexa necesario. Foi feito nun momento concreto, pero as circunstancias mudaron e o Concello  debe adaptarse as novas realidades, unha delas a existencia de tres clubs de fútbol federados, os tres cos mesmo dereito a usar instalacións públicas financiadas e mantidas con fondos públicos.

   Ademais, se a vía xudicial aberta polo Xuventude Sisán vai adiante e un xulgado establece as  pautas, tanto dará os supostos “regulamentos” que pretenda elaborar David Castro, porque o xulgado será o que decida.

   Pola nosa banda, existe un problema coas instalacións deportivas, pero non especificamente coas da Senra, que coa correcta xestión poden dar cabida a dous clubs deportivos, particularmente se un deses clubs unicamente xoga nunha categoría e non conta con equipos de base. Non esquecemos que o propio Ribadumia tivo non fai moitos anos un segundo equipo absoluto. O único que se precisa é un alcalde que traballe e xestione, que dea a cara e que medie para chegar a un acordo que permita que todas as partes implicadas poidan facer uso de xeito compartido dunha instalación, sen necesidade nin de trifulcas nin de actuacións xudiciais.

   Dende o noso punto de vista queremos pedirlle a todas ás partes implicadas, en particular as entidades deportivas, pois David Castro está claro que non aporta nada e aínda pode complicar as cousas, cabeciña e sentido. Unha solución negociada e con acordo e unhas boas relacións entre entidades  son  moi preferibles a unha solución xudicial. A competitividade e a rivalidade deben quedar nos terreos de xogo.

O PP deixa a  Ribadumia outra vez sen investimentos.

  • Nin rastro dos supostos investimentos que David Castro ía lograr pasándose ao PP.
  • O CPI Xulia Becerra Malvar, a medio arranxar, obras de infraestruturas en estradas da Xunta sen rematar, os problemas urbanísticos de Ribadumia sen solucionar, sen pediatra metade da semana, e con problemas de subministro de auga no verán, e sen Punto de Encontro Familiar, outro ano máis.
  • A legalización do folla redonda, sen recursos.

   David Castro declarou cando deu o paso ao PP que o facía para favorecer investimentos para Ribadumia. Pois atendendo aos orzamentos da Xunta para o ano 2024, ou David Castro mentía descaradamente ou o PP riuse del na súa cara, ou ambas cousas.

   Ribadumia non existe no relativo a investimentos reais da Xunta de Galicia, e outro ano máis os únicos cartos que virán para o noso concello serán os que procedan das partidas anuais fixas, e algunha das disposicións que presidencia fai a dedo, se é que chega algo diso, que permitirán a David Castro facer algunha chapuza coa que pagar favores electorais. Pero máis aló diso Ribadumia fica fora dos orzamentos.

  O CPI Xulia Becerra Malvar segue con graves carencias, algo admitido polo propio David Castro, pero a mesma  Xunta que dispón de máis de cinco millóns de euros para obras en varios centros educativos da comarca, non dedica un so euro ao noso colexio. Tampouco vai gastar a Xunta cartos en reforzar a atención pediátrica no centro de saúde, polo que seguiremos coa atención reducida, para o caso de que non perdamos tamén iso. Non hai investimentos en infraestruturas, non hai nin partidas para rematar obras iniciadas pola propia Xunta en vías que lle son proias como a do lugar de A Costa en Leiro. E da obra de reforma do bombeo de Cabanelas, cartos aparecen, como o ano pasado, pero non sabemos en que se gastan porque o que non aparece por ningún lado é a obra. Veremos se ao longo deste ano se move algo, ou se temos que agardar ás próximas eleccións municipais.

   Ribadumia ten outras problemáticas que precisan investimentos: problemas urbanísticos, a falta de terreo industrial, infraestruturas públicas que precisan actuacións como o campo de A Bouza, ou zonas con problemas no subministro de auga que fan que no verán queden sen presión ou directamente sen auga,  por poñer algún exemplo. Neste  aspecto compre dicir que para resolver os problemas obviamente hai que telos identificados e cun plan de actuación, e despois loitar polos fondos, e nada disto fixo o goberno de David Castro, que moito dixo que negociara a favor de Ribadumia pero cada día queda máis claro que o único beneficiado do seu paso ao PP foi el mesmo. Con isto queremos dicir que a Xunta non mira nada por Ribadumia, pero   o alcalde que é quen debería estar día si e día tamén en Santiago loitando por conseguir investimentos para o noso concello, dedica o seu tempo á súa actividade privada e aos eventos ludico-festivos.

   Por outra banda, hai cuestións que sen ser un investimento directo no noso concello, si nos afectan. E tamén nesas cuestións o PP volve deixarnos abandonados. A ampliación da capacidade de almacenaxe de auga en Treviscoso é urxente, pero o PP mira para outro lado. Tamén é urxente solucionar os problemas de dotación de auga ao Grove e á Illa da Toxa, que permitirían anular o atranco de Cabanelas de maneira definitiva, e evitar os problemas de todos os veráns e avanzar na recuperación medioambiental do río Umia.

   Cuestións de carácter máis social como un moi necesario Punto de Encontro Familiar na nosa comarca, comprometido polo goberno do PP fai xa anos, pero do cal non vemos nin a intención, a falta de prazas no centro ocupacional de Saiar, para persoas con discapacidade, ou o nulo investimento en prazas públicas de atención xeriátrica, son exemplos que demostran que o PP non quere investir cartos no Salnés ao mesmo ritmo que inviste en comarcas onde ten máis presenza política.

A legalización do folla redonda, sen recursos.

  E non podemos obviar tampouco inexistencia dun plan e recursos para a legalización do folla redonda. Nós non contabamos con nada diso, porque ningún político do Partido Popular comprometeu fondos, nin sequera o  conselleiro de Medio Rural, José González cando estivo antes das eleccións de rolda fotográfica polo noso Concello, pero aproveitamos para recordarlle a David Castro que sen fondos para realizar os traballos técnicos, a uva non se pode legalizar.

 En conclusión, tanto ten que David Castro estea no PP como que non estea, porque non ten capacidade de xestión e o seu peso político é totalmente irrelevante, tanto como os investimentos da Xunta no noso concello.

O PP pretende levarnos case 500.000 €/ano polo mantemento da depuradora, e o noso alcalde de xira fotográfica.

  • Augas de Galicia pretende o cobro de 200.000 € polo uso da depuradora cada seis meses, enriba do que xa paga a veciñanza ao Concello e do canon de saneamento da propia Xunta.
  • Á mesma  hora que a FEGAMP se reunía para tratar este asunto con outros concellos afectados, David Castro  andaba  de xira fotográfica e pinchos no Parador de Cambados.
  • David Castro pasouse ao PP segundo el para traer beneficios a Ribadumia, pero de momento o PP dou 0 investimentos e reclama pagos inxustos de máis 200.000€ , e o señor Castro caladiño. A ver se o pago por ir ao PP era outro?

   Esta fin de semana saltaba a nova de que o goberno autonómico do Partido Popular pretende cobrarlle ao Concello de Ribadumia unha cantidade superior aos 200.000 €, supostamente en concepto de custes de xestión da estación depuradora de augas residuais (EDAR), sita por certo en terreos ribadumienses pagados cos cartos da nosa veciñanza.

  A nova non é tan nova , pois a lei que recolle ese pago, claramente inxusto e excesivo e que supón un terceiro imposto sobre o saneamento, que se debe sumar á taxa municipal e ao canon que a propia Xunta de Galicia cobra a todos os fogares,  entrou en vigor en xullo de 2022. Pero o que non se sabía eran as contías que a Xunta ía pretender cobrar. E non se sabía porque David Castro tivo moito coidado de ocultalas da opinión pública, cando o que debería ter feito era poñer o grito no ceo político dende o primeiro momento.

   Agora, grazas aos medios de prensa tivemos coñecemento de que o goberno do PP do que forma parte David Castro pretende cobrar por seis meses, ultimo trimestre do 2022 e primeiro do 2023 máis de 200.000€, unha cantidade que nos parece claramente esaxerada, sobre todo se temos en conta que falamos dun semestre e que detrás dese virá outro, co resultado de que facilmente se poderían superar os 400.000 €/ ano, cando  propia  Xunta xa cobra a través do canon de saneamento unha cantidade  cada ano á nosa á veciñanza que en total deben sumar outros 200.000 €/ano, aos que hai que sumar o que cada fogar paga de taxa municipal de saneamento que pode sumar outro tanto máis os custes de mantemento da rede de saneamento municipal, avarías, etc.

  Na práctica, este canon supón, como mínimo, duplicar o custe do que paga cada fogar polo concepto de saneamento, sexa de maneira directa ou indirecta,  e con estes custes o señor Castro, que tanto presumía de non subir as taxas municipais vai levar un baño de realidade pronto,  pois estamos falando de que este canón pode repercutir, el só, nun 10% do orzamento anual, unha cantidade claramente inasumible para as arcas municipais.

  Onde está David Castro?

  Pero a pregunta que nos facemos dende Somos Ribadumia é tristemente a habitual: e onde está David Castro? Onde está o alcalde que antes das eleccións dicía que se tiña que levantar a voz contra o goberno da Xunta non tería problema en facelo? Porque levamos meses escoitando a outros alcaldes da comarca defendendo os intereses da veciñanza ante o que claramente é un abuso da Xunta de Galicia, pero o señor Castro garda silencio, oculta os datos, ocúltalle á veciñanza o que esta ocorrendo e a suba de taxas á que imos ter que facer fronte grazas ao PP,  e nin sequera fixo declaracións cando a prensa se interesou polo caso de Ribadumia.

  Este pasado martes, a FEGAMP mantivo unha xuntanza de alcaldes e alcaldesas para abordar estes tema, de suma importancia tendo en conta o pau que supón as arcas municipais, e a repercusión que vai ter nos petos da veciñanza, pois os concellos quedan abocados a subir mais pronto que tarde as taxas de saneamento para facerlle fronte. Pois resulta que ante unha reunión desa importancia, David Castro preferiu ir a un acto da mancomunidade onde unicamente se ían aportar datos de turismo e ao que perfectamente podería mandar a outra concelleira ou concelleiro. Unha actitude irresponsable a de David Castro que nos parece inaceptable. Un alcalde ten que estar nos sitios onde se fale dos problemas de Ribadumia.

Dende Somos Ribadumia recordamos ben os supostos motivos esgrimidos por David Castro para pasarse ao PP que resumindo consistían en que o PP traería cartos para Ribadumia. Pois de momento o PP non trouxo nada, e pretende sacarnos medio millón de euros ao ano, co silencio comprice de David Castro. Dende Somos Ribadumia dixémolo e cada día faise máis evidente o acertados que estamos: o beneficio por pasarse ao PP vaino ver David Castro, non a veciñanza de Ribadumia.

  David Castro ocultase da veciñanza, oculta a situación e ocultase do propio Partido Popular. Pero non pode ocultar os feitos. Dende Somos Ribadumia reclamamos transparencia, e que David Castro faga públicos os datos, canto pretende cobrar a Xunta, que xestións está facendo o goberno local, como vai un Concello pagar un gasto que non estaba previsto no orzamento do 2022, como vai  facer fronte a ao gasto deste 2023 sen nin sequera ter orzamento,  e como vai enfrontar este gasto que está establecido por lei  e non é algo puntual, nos próximos anos. E por suposto, esiximos  unha posición oficial da agrupación local do Partido Popular e particularmente unha posición oficial do goberno local e do alcalde de todos e todas as ribadumienses.

“Señor Castro, dea vostede a cara diante dos veciños e veciñas de Ribadumia”